Edward Jean Steichen,nado o 27 de marzo de 1879 en Bivange, Luxemburgo e finado o 25 de marzo de 1973 en West Redding, Connecticut, foi un fotógrafo, pintor e comisario de galerías de arte e museos estadounidense.

Edward Steichen
Edward Steichen, fotografado por Fred Holland Day en 1901
Nome completoEdward Jean Steichen
Nacemento27 de marzo de 1879
 Bivange, Luxemburgo Luxemburgo
Falecemento25 de marzo de 1973
 West Redding, Connecticut
Áreafotografía, pintura
EducaciónAcademia Julian
NacionalidadeEstados Unidos de América e Luxemburgo
CónxuxeDana Glover Steichen
FillosMary Calderone
editar datos en Wikidata ]

Steichen foi o fotógrafo que apareceu con máis frecuencia na innovadora revista de Alfred Stieglitz Camera Work, editada dende 1903 ata 1917. Xunto con Stieglitz abriu as Little Galleries of the Photo-Secession, que finalmente sería coñecida como 291 pola súa dirección.

As súas fotos de vestidos para a revista Art et Décoration en 1911 son consideradas como as primeiras fotografías de moda moderna publicadas. Dende 1923 ata 1938 Steichen foi fotógrafo das revistas de Condé Nast Vogue e Vanity Fair, mentres aínda traballaba para axencias publicitarias como J. Walter Thompson. Durante eses anos, Steichen foi considerado o fotógrafo máis recoñecido e mellor pagado do mundo. En 1944 dirixiu o documental de guerra The Fighting Lady, que en 1945 gañou o Oscar ao mellor documental.

Tras a segunda guerra mundial, Steichen foi o director do departamento de fotografía do Museo de Arte Moderna de Nova York ata 1962. Mentres estivo no MoMA, foi comisario e montou a exposición The Family of Man, visitada por nove millóns de persoas.

Biografía editar

Primeiros anos editar

Steichen naceu como Éduard Jean Steichen en Bivange, Luxemburgo o 27 de marzo de 1879. Os seus pais eran Jean-Pierre e Marie Kemp Steichen.[1] Jean-Pierre Steichen emigrou inicialmente aos Estados Unidos en 1880. Marie Steichen levou a Eduard cando Jean-Pierre se estableceu en Chicago en 1881.[2] A familia, coa adición da súa irmá máis nova Lilian, trasladouse a Milwaukee en 1889, cando Steichen tiña 10 anos.[3]

 
Young American Artists of the Modern School, de esquerda a dereita Jo Davidson, Edward Steichen, Arthur B. Carles, John Marin; no fondo: Marsden Hartley, Laurence Fellow

En 1894, con 15 anos de idade, comezou unha aprendizaxe en litografía de catro anos coa American Fine Art Company de Milwaukee.[4] Tras unhas horas xa era capaz de bosquexar e debuxar, e comezou a aprender pintura de forma autodidacta.[5] De camiño ao seu traballo pasaba por unha tenda de cámaras, a cal visitaba frecuentemente con curiosidade ata que se persuadiu a si mesmo para mercar a súa primeira cámara, unha Kodak "detective" de segunda man en 1895.[6] Steichen e os seus amigos que tamén estaban interesados no debuxo e na fotografía xuntaron os seus aforros, alugaron un pequeno cuarto nun edificio de oficinas de Milwaukee, e comezaron a chamarse a eles mesmos a Milwaukee Art Students League.[7] O grupo tamén contratou a Richard Lorenz e Robert Schade para clases ocasionais.[4]

Steichen nacionalizouse como cidadán estadounidense en 1900 e asinou os papeis como Edward J. Steichen; porén, continuou usando o seu nome de nacemento Eduard ata despois da primeira guerra mundial.[8]

Steichen casou con Clara Smith en 1903, e xuntos tiveron dúas fillas, Katherine e Mary. Tras o seu divorcio en 1922, Steichen casou con Dana Desboro Glover en 1923. Dana morreu de leucemia en 1957. En 1960, con 80 anos, Steichen casou con Joanna Taub coa que estivo ata a súa morte. Joanna Steichen morreu o 24 de xullo de 2010 en Montauk, Nova York, á idade de 77 anos.[9]

Asociación con Stieglitz editar

 
Henri Matisse e Le Serpentine, fotografía de Edward Steichen.

Steichen coñeceu a Alfred Stieglitz en 1900, mentres paraba en Nova York de camiño a París dende o seu fogar en Milwaukee.[10] nese primeiro encontro, Stieglitz loubou os antecedentes de Steichen na pintura e mercou tres das súas impresións fotográficas.[11]

En 1902, cando Stieglitz estaba formulando o que se convertería no Camera Work, pediulle a Steichen que deseñase o logotipo para a revista cunha tipografía personalizada.[12] Steichen sería o fotógrafo que aparecería con máis frecuencia na publicación.

En 1904 Steichen comezou experimentar coa fotografía en cor. Foi unha das primeiras persoas nos Estados Unidos en usar o proceso Autochrome Lumière. En 1905 Stieglitz e Steichen crearon as Little Galleries of the Photo-Secession, que finalmente sería coñecida como 291 polo seu enderezo. Nela presentáronse unhas das primeiras mostras estadounidenses de Henri Matisse, Auguste Rodin, Paul Cézanne, Pablo Picasso e Constantin Brâncuși.

En 1911 Lucien Vogel, o editor de Jardin des Modes e La Gazette du Bon Ton, atreveuse con Steichen para promocionar a moda como unha arte a través do uso da fotografía.[13] Steichen tomou fotos de vestidos deseñados por Paul Poiret,[13] que foron publicadas no número de abril de 1911 da revista Art et Décoration. Segundo Jesse Alexander, estas imaxes están "... na actualidade consideradas as primeiras fotografías tomadas de moda moderna. É dicir, fotografando as pezas dun xeito tal que transmitan un sentido da súa calidade física ademais do seu aspecto formal, en oposición a ilustrar sinxelamente o obxecto".[14]

Servindo no exército dos Estados Unidos na primeira guerra mundial (e na armada na Segunda), Steichen comandou destacadas unidades que contribuíron á fotografía militar. Tras a segunda guerra mundial, durante a cal comandou a división fotográfica das Forzas Expedicionarias, volveu á fotografía convencional, movéndose gradualmente cara a fotografía de moda. A fotografía de Steichen de 1928 da actriz Greta Garbo está recoñecida como un dos retratos definitivos de Garbo.

Traballo posterior editar

A publicación inicial da imaxe de Ansel Adams Moonrise, Hernandez, New Mexico foi en U.S. Camera Annual 1943, despois de ter sido seleccionada por Steichen, que traballou como xuíz de fotografías para a publicación.[15] Isto deulle a Moonrise unha audiencia antes da súa primeira mostra formal no Museum of Modern Art en 1944.[16]

Durante a segunda guerra mundial, Steichen foi o director da Unidade de Fotografía da Aviación Naval.[17] O seu documental de guerra The Fighting Lady gañou o Oscar en 1945 ao mellor documental.

Tras a guerra, Steichen traballou como director de fotografía do Museum of Modern Art de Nova York ata 1962. Entre outros logros, Steichen é apreciado por crear The Family of Man, unha grande exposición no MoMA dunhas 500 fotografías que mostraban vida, amor e morte en 68 países. O cuñado Steichen, o escritor e editor Carl Sandburg, escribiu un prólogo para o catálogo da mostra. Como desexo de Steichen, a exposición foi doada ao Gran Ducado de Luxemburgo. Na actualidade atópase permanentemente na vila luxemburguesa de Clervaux. En 1962 Steichen contratou a John Szarkowski como o seu sucesor no Museum of Modern Art.

O 6 de decembro de 1963, Steichen foi galardoado coa Medalla Presidencial da liberdade polo presidente Lyndon Johnson.

En 1970 presentouse durante o festival Rencontres d'Arles o espectáculo "Edward Steichen, photographe", de Martin Boschet.

Unha mostra das primeiras fotografías en cor de Steichen celebrouse no museo de arte moderna luxemburgués Mudam dende o 14 de xullo ata o 3 de setembro de 2007.

Steichen mercou unha granxa en 1928 á que chamou Umpawaug, xusto ás aforas de West Redding, Connecticut. Steichen viviu alí ata a súa morte no ano 1973. Tras o seu falecemento, o terreo converteuse nun parque, coñecido como Topstone Park.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Niven, Penelope (1997). Steichen: A Biography. New York: Clarkson Potter. pp. 4. ISBN 0-517-59373-4. 
  2. Niven (1997), p. 6
  3. Niven (1997), p. 16
  4. 4,0 4,1 Gedrim, Ronald J. (1996). Edward Steichen: Selected Texts and Bibliography. Oxford: Clio Press. pp. XIII. ISBN 1-85109-208-0. 
  5. Niven (1997), p. 28
  6. Niven (1997), p. 29
  7. Niven (1997), p. 42
  8. Niven (1997), p. 66
  9. New York Times (ed.). "Obituario de Joanna Steichen". Consultado o 18 de novembro de 2014. 
  10. Niven (1997), p. 74
  11. Niven (1997), p. 75
  12. Roberts, Pam (1997). "Alfred Stieglitz, 291 Gallery and Camera Work," contido en Stieglitz, Alfred (1997) Camera Work: The Complete Illustrations 1903–1917. Colonia: Taschen. pp. 17. ISBN 3-8228-8072-8. 
  13. 13,0 13,1 (Niven 1997, p. 352)
  14. Alexander, Jesse (2008). "Edward Steichen: Lives in Photography". HotShoe (151): 66 – 67. 
  15. Alinder, Mary Street (1996). Ansel Adams: a Biography. Nova York: Henry Holt and Co. pp. 192. ISBN 0-8050-5835-4. 
  16. Alinder (1996), p. 193
  17. Faram, Mark D. (2009). Faces of War: The Untold Story of Edward Steichen's WWII Photographers. Nova York: Berkeley Caliber. ISBN 978-0-425-22140-2. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Haskell, Barbara (2000). Edward Steichen. Nova York: Whitney Museum of American Art.
  • DePietro, Anne Cohen; Goley, Mary Anne (2003). Eduard Steichen: Four Paintings in Context. Hollis Taggart Galleries.
  • DePietro, Anne Cohen (1985). The Paintings of Eduard Steichen. Huntington, NY: The Heckscher Museum. (Exhibition Catalog).
  • Mitchell, Emily (2007). The Last Summer of the World. Norton. (A fictional narrative about Steichen.)
  • Niven, Penelope (1997). Steichen: A Biography. Nova York: Clarkson Potter. ISBN 0-517-59373-4.
  • Sandeen, Eric J. (1995). Picturing an Exhibition: The Family of Man and 1950's America. University of New Mexico Press.
  • Smith, Joel (1999). Edward Steichen: The Early Years. Princeton, NJ: Princeton University Press.
  • Steichen, Edward (1955). The Family of Man: The Greatest Photographic Exhibition of All Time. Nova York: Maco Pub. Co for the Museum of Modern Art.