Eduardo Blanco Amor

escritor e xornalista galego
(Redirixido desde "Eduardo Blanco-Amor")

Eduardo Modesto Blanco Amor, nado en Ourense o 14 de setembro de 1897[1] e finado en Vigo o 1 de decembro de 1979, foi un escritor e xornalista galego en lingua galega e lingua castelá. Recibiu as influencias de Charles Baudelaire, Stéphane Mallarmé, Arthur Rimbaud e Gabriele d'Annunzio. Na Arxentina coñeceu a Jorge Luis Borges, Ernesto Sabato e Horacio Quiroga. Fundou Terra, voceiro da Irmandade Nazonalista Galega de Buenos Aires, dirixiu Céltiga e colaborou en Nós. De volta a España contactou coa Xeración do 27 e coñeceu a Federico García Lorca. Retornou á Arxentina. En 1972 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega e en 1993 foille adicado o Día das Letras Galegas.

Eduardo Blanco Amor
Eduardo Blanco Amor.jpg
Nacemento14 de setembro de 1897
 Ourense
Falecemento1 de decembro de 1979
 Vigo
SoterradoCemiterio de San Francisco de Ourense
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista, escritor e poeta
Coñecido porA esmorga, Romances galegos, Xente ao lonxe, Os biosbardos, Farsas para títeres, Teatro pra a xente, Proceso en Jacobusland e Poema en catro tempos
Dedicatoria de Eduardo Blanco Amor a Ángel Sojo, 1928.svg
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Foi fillo de Aurora Amor, florista ourensá, e de Víctor Blanco, barbeiro procedente da zona de Mombuey,[2] quen abandonou o fogar cando Blanco Amor tiña tres anos. A nai tivera un matrimonio anterior con Ramón Bóveda Guerra, de quen enviuvara en 1884 e con quen tivera tres fillos: Xulia, Cástor e Camilo. Naceu no nº 17 da rúa da Paz, e foi bautizado como Eduardo Modesto. En 1915 comezou a traballar como secretario de dirección en El Diario de Orense[3] da man de Xavier Bóveda, curmán dos seus medio irmáns. E en 1917 estivo como porteiro na Inspección de Primeira Ensinanza, mais en setembro dese ano foi suspendido de emprego e soldo. Durante esta época frecuentou os faladoiros de Vicente Risco, de quen tamén foi alumno na Escola Normal, figura que tivo unha importancia decisiva na súa futura defensa e promoción da cultura galega.

En abril de 1919 emigrou a Buenos Aires para evitar ir á guerra do Rif.[4] Alí continuou en contacto con intelectuais galegos da emigración, tomando parte activa na Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, fundada en 1921, que pretendía aglutinar tódolos inmigrantes galegos e da que chegaría a ser director do seu órgano El Despertar Gallego. No 1924 coñece a Ramón Suárez Picallo, que había ser o seu grande amigo.[5] En 1923 fundou con Ramiro Isla Couto a revista Terra, en lingua galega. Máis adiante participou tamén noutra publicación galeguista chamada Céltiga, da que tamén será director. En 1925 entrou a formar parte do diario arxentino La Nación, onde coñeceu escritores arxentinos como Leopoldo Lugones, Jorge Luis Borges, Ernesto Sabato, Eduardo Mallea e o uruguaio Horacio Quiroga. Tamén colaborou con publicacións como Correo de Galicia e a Revista de la Casa de Galicia.

En 1927 publicou a súa primeira obra, a noveliña Os Nonnatos. Ao ano seguinte seguiuna o libro de poemas Romances galegos,[6] encadrado dentro dunha estética modernista cunha forte influencia dos romances casteláns e de Luís Amado Carballo.

 
Placa na casa natal.

Fixo dúas viaxes a Galicia como correspondente do diario La Nación. Na primeira (1929-1931) coñeceu a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao[7] e a varios intelectuais do Partido Galeguista e do grupo Nós, e escribiu Poema en catro tempos, que publicaría posteriormente na Arxentina en 1931. Dende Buenos Aires colaborou máis tarde coa revista Nós con varios poemas e tres capítulos da súa novela inconclusa A escadeira de Jacob. Na segunda viaxe (1933-1935) coñeceu en Madrid a Federico García Lorca (e outros membros da Xeración do 27 da literatura española) con quen tivo unha grande amizade e a quen acompañou á casa familiar de Fuente Vaqueros en varias ocasións. Foi Blanco Amor o responsable de convencer a Lorca para que publicase os Seis poemas galegos (1935).

Defendeu dende a Arxentina a legalidade republicana cando se produciu o estalido da guerra civil española. Durante os 20 anos seguintes espallou a nosa cultura e utilizou unicamente o castelán na súa obra literaria, con obras como Los miedos (1963) ou La catedral y el niño (1948). En 1956 volveu ao galego con Cancioneiro, e en 1959 publicou A esmorga.

Catedrático de Lectura Expresiva e Interpretación de Textos no Conservatorio Arxentino desde 1952.[8] Foi tamén profesor da Facultad de Humanidades de Uruguai e da Escuela Internacional de Temporada en Santiago de Chile. En Buenos Aires fundou e dirixiu o Teatro Popular Galego, que puxo en escena obras de Lugrís Freire, do propio Blanco Amor e doutros autores. Tamén foi director da revista Galicia, publicada pola Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales.

Retornou a Galicia o 16 de xaneiro de 1965, despois de publicar Os biosbardos (1962), e sen recibir o apoio que cría merecer.[9] En 1970 saíu unha nova edición d' A esmorga, e en 1972 apareceu Xente ao lonxe. Canto ao teatro, saíron Farsas para Títeres (1973) e Teatro prá xente (1975).

Finou en Vigo, dunha trombose, o 1 de decembro de 1979, no taxi que o levaba cara ao hospital.[10] Foi soterrado no cemiterio de San Francisco de Ourense.

Finou sen dar lectura ao discurso de ingreso que, segundo consta na documentación da Real Academia Galega, levaría por título: "A esperencia literaria". Considérase igualmente académico numerario. Foi proposto por Ramón Otero Pedrayo, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego.[5]

A súa condición homosexual[11] reflíctese en obras como A esmorga ou no volume Ars amandi, compilación de poesía amatoria.[12]

NarrativaEditar

En 1927 publicou a súa primeira obra, a narración curta Os Nonnatos, publicada na revista Céltiga o 25 de maio. "Xacobe descobre o seu perfl" foi un adianto de novela publicado en 1933 na revista Nós en tres capítulos[13], que acabou sendo publicada en 1993 como A escadeira de Jacob.

 
Blanco Amor en Ourense en 1933.[14]

En 1959 publicou unha novela de extraordinaria importancia para a renovación da narrativa galega: A esmorga. Esta obra desenvólvese en Auria e marca un fito na ruptura das tendencias costumistas e populares da literatura galega, debido á súa técnica innovadora: o único que se pode ler son as contestacións dun reo nun xuízo, que conta as aventuras que o levaron á condena. É o modo de, sen facer un texto bilingüe, darlle verosimilitude a un diálogo entre un xuíz, que fala castelán, e un reo que fala galego. Amais de deberse ao afán de verosimilitude, o silencio do xuíz representa a xordeira da xustiza, o seu papel represor e castigador. A novela, ambientada nos baixos fondos ourensáns, céntrase en tres personaxes transgresores e marxinais que van sendo levados a un final tráxico.

O galego que eu tiña entón non me servía pra escribir a novela que eu quería, era moi limitado demáis. E eso levóu tempo, claro. Ás veces voltaba sobor das páxinas que levaba escritas e lía en voz alta pra ver a súa musicalidade, o ritmo do idioma que medraba, e non me gostaba, e veña a voltar atrás unha vez e outra. Hai partes de cinco ou seis redaccións até que atopaba o que buscaba.

Unha ducia de galegos.[15]

Outra obra que tivo gran repercusión foi o libro de relatos Os biosbardos (1962), relatos en primeira persoa con protagonista e narrador infantil distinto en cada conto. A súa última etapa foi moi fecunda, a pesar de ser postergado pola cultura oficial: en 1970 alumeou unha nova edición d' A esmorga, e en 1972 apareceu a extensa novela Xente ao lonxe, onde a través dos avatares que lle ocorren a unha familia de clase obreira, retrata a sociedade urbana, moi estratificada, do Ourense de principios de século.

Calquera que se pona a pescudar no xa "bailado" da súa vida, atoparáse con que o pasado e a súa prolongación ou penetración no soñado, componen un tecido indiscriminábel no que as esperencias e as figuracións valen por igual no total resultado subxetivo do esistir; e si é escritor de novelas ou de poemas, na súa proieción conxunta no cerne da obra e as veces na forma.

— "Prólogo útil" de Xente ao lonxe.[16]

Moitas das súas obras narrativas (A Esmorga, Xente ao lonxe, Os biosbardos) desenvólvense nunha cidade ficticia, Auria, transposición literaria do seu Ourense natal.[17] Os críticos literarios encontraron nas súas ficcións ecos de autores como Valle-Inclán ou Eça de Queirós, constitúe un dos grandes fitos na renovación da narrativa galega e está considerado un dos grandes narradores galegos da posguerra.[18]

TeatroEditar

Nos seus últimos anos prestou unha grande atención ao xénero teatral, con obras como Farsas para Títeres (1973, Ed. do Castro). Contén seis pezas: Romance de Micomicón e Adhelala, Amor e crimes de “Juan el Pantera”, Falsa morte e certa morte de Estoraque o Indiano, A verdade vestida, Un refaixo pra Celestina e Anxélica no ombral do ceio. En edición bilingüe castelán-galego, autotradución. En 1974 sae Teatro pra a xente (Galaxia) que contén: O cantar dos cantares, ou Galicia 1948, Fas e Nefas, ou o castelo enmeigado número 5.000 e pico, A carauta, Os baralláns; e tres contos escénicos: A medosa Blandina, A lebre das ánimas, A tía Lambida. Ademais publicou a pequena peza esperpéntica Proceso en Jacobusland (Fantasía xudicial en ningures) que tivo problemas coa censura.

Como dramaturgo, preocupouse de buscar a dignificación do xénero por medio do popular, pero superando o folclorismo e o costumismo hexemónicos no teatro galego da emigración.[19]

PoesíaEditar

Blanco Amor foi un importante poeta sobre todo nos primeiros tempos. Comezou co libro de poemas de estética modernista Romances galegos (Buenos Aires: Editorial Céltiga 1928). Seguiu con Poema en catro tempos (1931, Buenos Aires), elexía á morte dun pescador. Logo veu Cancioneiro (1956, Buenos Aires). Dous Cantos a Galiza encadeada (1946) foron publicados no xornal Galicia, da Federación de Sociedades Galegas.[20] Estes libros foron despois recollidos en Poemas galegos (1980, Galaxia).

Xornalismo e ensaioEditar

Dirixiu Céltiga, Terra, Galicia, Ciudad e colaborou en La Nación, La Hora, La Vaguardia, Faro de Vigo...[21] A súa obra xornalística, sobre todo en América en Castelán, é inxente. Contribuíu ao ensaio o con traballos como Chile a la vista, El Padre Feijoo, Volviendo a Ortega y Gasset, Castelao e Las buenas maneras,[22] La peligrosa aventura de vivir en un pueblo: escritos 1967-1971, A contrapelo. Ademais desenvolveu ao longo da súa vida unha intensa actividade como conferenciante e en programas de radio.[23]

FotografíaEditar

Amais da literatura, practicou a fotografía de xeito afeccionado, cunha cámara Voigtländer. As súas imaxes, máis de 3 000, permanecen sen clasificar no arquivo da biblioteca da Deputación de Ourense. En 2004 Editorial Galaxia publicou o libro A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973, unha escolma representativa con edición e limiar de Carlos Lema e cun epílogo de Margarita Ledo Andión. Inclúe autorretratos, imaxes de viaxes por lugares como Marrocos, París ou Nápoles, e fotografías de persoeiros como García Lorca, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Luís Seoane ou Indalecio Prieto.[24]

Obra en galegoEditar

 
1933, Ourense. Banquete galeguista homenaxe a Emilia Docet e a Manuel Luís Acuña. Entre outros: Risco, Ramiro Isla, Leuter, Cunqueiro, Ramón Otero Pedrayo, María Luz Morales, Blanco Amor, Ramos Colemán e Peña Rey.
Poesía
Narrativa
Teatro
Ensaio
Tradución
Fotografía
Obra completa

Obra bilingüe castelán-galegoEditar

  • Farsas para títeres (1973). Edición bilingüe. Ediciós do Castro. Ilustracións de Luís Seoane. Teatro
  • Catro pezas inéditas do teatro de Eduardo Blanco-Amor (1993). Ediciós do Castro. Teatro. Galicia en fiesta, El complejo, Becqueriana, Mis tías en el sofá, edición e tradución ao galego de Luís Pérez Rodríguez.[39]
  • A contrapelo (1993). La Voz de Galicia. ISBN 84-88254-18-0. Compilación de artigos publicados na imprensa diaria.[40]
  • Quince "cuentos de la ciudad" e un conto no ceo, "Os nonnatos" (1993). Ediciós do Castro. Edición de Luís Pérez. ISBN 978-8474926514. Narrativa.

Obra en castelánEditar

 
Conxunto escultórico en homenaxe a Blanco Amor na Insua dos Poetas.
Poesía
  • Horizonte evadido (1936).Viau y Zona Editores. Buenos Aires.
  • En soledad amena (1941). Emecé Editores. Buenos Aires.[41]
  • Horizonte evadido. En soledad amena (2001). Fundación Municipal De Cultura. Oleiros. ISBN 978-8460631583.
  • Ars amandi (2007). Galaxia - P.E.N. Clube de Galicia. 232 páxs. ISBN 978-84-7154-088-1. Textos en castelán e preliminares en galego.[12][42]
Narrativa
  • La catedral y el niño (1948). Edición Rueda, Buenos Aires.[43] Reeditada en España por Ediciones Centro (1976) nunha edición revisada, por Galaxia (1997) e por Libros del Asteroide (2018)[44] con prólogo de Andrés Trapiello.
  • Los miedos (1963). Destino, colección Ancora y Delfín. Reeditado por Galaxia (Mar Maior), Biblioteca Eduardo Blanco Amor (2016).[45] Foi finalista do Premio Nadal en 1961.
Ensaio
  • Chile a la vista (1951). Editorial del Pacífico, S. A., Santiago de Chile. Reeditado por Galaxia (2003), ISBN 978-84-8288-610-7, Biblioteca Blanco Amor.[46]
  • Las buenas maneras (1956). Losada. Buenos Aires. Reeditado por Xerais (1983), ISBN 9788475070957: Las buenas maneras. Tratado de urbanidas para mayores.[47]
  • Volviendo a Ortega y Gasset (1970). Ed. de autor. Ourense.
  • La peligrosa aventura de vivir en un pueblo: escritos 1967-1971 (1990). La Región. 263 páxs. ISBN 84-86868-10-6.
  • En defensa e ilustración de la Segunda República Española en los años de la guerra civil (1936-1939) (2016). Galaxia. 468 páxs. ISBN 978-84-9865-683-1.

RecoñecementosEditar

Desde 1981 celébrase o Premio Blanco Amor de novela longa en galego organizado por varios concellos.

O plenario da Real Academia Galega acordou adicarlle o Día das Letras Galegas do ano 1993.

Rúas de moitas cidades e vilas de Galicia, así como dous institutos de ensino público, levan o seu nome: o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense[48] e o homónimo de Culleredo.[49]

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. Allegue 1993, p. 31.
  2. Allegue 1993, pp. 25-29.
  3. "Ficha do autor". bvg.udc.es. Consultado o 24/8/2019. 
  4. Allegue 1993, p. 43.
  5. 5,0 5,1 "Membros da Academia - Plenario". Real Academia Galega. Consultado o 25/8/2019. 
  6. 6,0 6,1 Imaxe da portada de Romances galegos
  7. "Eduardo Blanco Amor". Editorial Galaxia. Consultado o 24/8/2019. 
  8. "Enciclopedia Historia Literatura Galega". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 25/8/2019. 
  9. Vilavedra, Dolores (Coord) (1995). Diccionario da literatura galega I. Autores. p. 79. 
  10. Marañon, Luís. "Los miedos de Blanco Amor" El País, 28/12/1980 (en castelán).
  11. Lema, Carlos (ed.). "A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973". Galaxia. p. 10. 
  12. 12,0 12,1 Salgado, Daniel (16/3/2007). "Dos arquivos de Blanco Amor". El País. 
  13. 13,0 13,1 "A escadeira de Jacob". Editorial Galaxia. Consultado o 24/8/2019. 
  14. 14,0 14,1 Dasilva, Xosé Manuel (2009). "As vicisitudes editoriais d' A esmorga" (PDF). Grial (184): 47. ISSN 0017-4181. 
  15. Freixanes 1976, pp. 91-94.
  16. Publicado tamén en: Blanco-Amor, Eduardo (1972). "Prólogo útil". Grial (35): 39–51. ISSN 0017-4181. 
  17. Pozuelo Yvancos, José María (28/6/2018). "Eduardo Blanco Amor, la novela de Orense". ABC (en castelán). Consultado o 25/8/2019. 
  18. "Biografia de Eduardo Blanco Amor". www.biografiasyvidas.com (en castelán). Consultado o 25/8/2019. 
  19. Vilavedra Fernández, Dolores. "Eduardo Modesto Blanco Amor" (en castelán). Real Academia de la Historia. Consultado o 25/8/2019. 
  20. Actas do I Congreso Internacional "Curros Enríquez e o seu tempo". Tomo II. Consello da Cultura Galega. 2003. ISBN 9788495415790. 
  21. "Praza das letras - Eduardo Modesto Blanco Amor". web.archive.org. 20/4/2009. Consultado o 25/8/2019. 
  22. "Eduardo Blanco Amor. Galegos. Gallegos". galegos.galiciadigital.com. Consultado o 25/8/2019. 
  23. Pena 2019, p. 405.
  24. 24,0 24,1 Lema, Carlos (ed.). "A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973". Galaxia. 
  25. "La parranda". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 17/7/2019. [Ligazón morta]
  26. "La Folixa". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 16/11/2017. Consultado o 17/7/2019. 
  27. "A esmorga di Eduardo Blanco Amor". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 17/7/2019. [Ligazón morta]
  28. "La baldoria". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 17/7/2019. [Ligazón morta]
  29. "La noce". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 11/11/2019. Consultado o 17/7/2019. 
  30. "On a Bender". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 17/7/2019. [Ligazón morta]
  31. "La gresca". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 17/7/2019. [Ligazón morta]
  32. "Las Musarañas". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 17/7/2019. [Ligazón morta]
  33. "Aquella gente". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 27/03/2018. Consultado o 17/7/2019. 
  34. "Publicada una obra inédita de Eduardo Blanco-Amor" El País, 10/10/1980 (en castelán).
  35. "Eduardo Blanco Amor e o teatro: Commemoració LLetres Gallegues 1993 [Procés a Jacobusland]". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 15/09/2019. Consultado o 17/7/2019. 
  36. Blanco Amor, Eudardo (1993). Un refaixo pra Celestina. Centro Dramático Galego 3. Xunta de Galicia. p. 160. ISBN 84-453-0671-5. 
  37. "Romance de Micomicón e Adhelala". Editorial Galaxia. Consultado o 20/8/2019. 
  38. "Artigos en La Nación". Editorial Galaxia. Consultado o 24/8/2019. 
  39. Blanco-Amor, Eduardo (1993). Catro pezas inéditas do teatro de Eduardo Blanco-Amor. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-650-5. 
  40. Inclúe textos en español e en galego. Imaxe da portada
  41. Castro Rodríguez, Xavier. "Versos ‘en soledad amena’ de Blanco-Amor". www.galiciahoxe.com. Consultado o 24/8/2019. 
  42. "datos.bne.es". datos.bne.es (en castelán). Consultado o 28/8/2019. 
  43. Araguas, Vicente. "La catedral y el niño, de Eduardo Blanco Amor". www.revistadelibros.com (en castelán). Consultado o 24/8/2019. 
  44. Rodríguez Fischer, Ana (9/4/2018). "El niño oprimido". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 24/8/2019. 
  45. Terrero, Sara (9/11/2016). "Eduardo Blanco Amor: Los miedos". Libros Prohibidos (en castelán). Consultado o 24/8/2019. 
  46. "Chile a la vista". Editorial Galaxia. Consultado o 24/8/2019. 
  47. Feijoo, Juan José. "Blanco Amor y las buenas maneras". Protocolo y Etiqueta (en castelán). Consultado o 24/8/2019. 
  48. IES Eduardo Blanco Amor de Ourense
  49. IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo
  50. Iglesias López, Francisco Xabier (14/11/2014). "Seis poemas galegos". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Outros artigosEditar

Vídeos externos
  "Galicia letra a letra", Craig Patterson.

Ligazóns externasEditar