Edith Clarke

enxeñeira estadounidense

Edith Clarke, nada en Howard (Estados Unidos de América) o 10 de febreiro de 1883 e finada en Maryland o 29 de outubro de 1959, foi a primeira enxeñeira eléctrica estadounidense e a primeira profesora de enxeñaría eléctrica na Universidade de Texas en Austin (Estados Unidos).[1][2] Especializouse en análise de sistemas de enerxía eléctrica e escribiu o manual Circuit Analysis of A-C Power Systems.[3][4]

Edith Clarke
Nacemento10 de febreiro de 1883
 Condado de Howard
Falecemento29 de outubro de 1959
 Maryland
CausaInfarto agudo de miocardio
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterUniversidade de Wisconsin-Madison, Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts e Vassar College
Ocupaciónfísica, enxeñeira eléctrica, catedrática, enxeñeira e inventora
PremiosMaryland Women's Hall of Fame, Salón da Fama dos Inventores Nacionais, Society of Women Engineers Achievement Award e IEEE Fellow
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Primeiros anosEditar

Clarke quedou orfa aos 12 anos e foi criada pola súa irmá maior. Utilizou a súa herdanza para estudar matemáticas e astronomía no Vassar College, onde se graduou en 1908.[5]

Despois da universidade, Clarke ensinou matemáticas e física nun colexio privado en San Francisco e na Universidade Marshall. Dedicou algún tempo a estudar enxeñaría civil na Universidade de Wisconsin–Madison, pero deixouno en 1912 para converterse nunha "calculadora humana" na compañía de telecomunicacións AT&T. Realizou cálculos baixo a supervisión do enxeñeiro George Campbell, e aplicou métodos matemáticos para resolver os problemas das transmisións eléctricas de longa distancia. Mentres traballaba en AT&T, estudaba enxeñaría eléctrica na Universidade de Columbia polas noites.

En 1918, Clarke matriculouse no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, e foi a primeira muller en obter o título de mestrada en Enxeñaría Eléctrica do MIT en 1919.[6][7]

Traxectoria profesionalEditar

Incapaz de atopar traballo como enxeñeira, empezou a traballar para General Electric onde dirixiu un grupo de mulleres que calculaban os esforzos mecánicos dos rotores das turbinas.[5] No seu tempo libre, inventou a 'calculadora Clarke', un sinxelo dispositivo gráfico que resolvía ecuacións en liñas de transmisión de enerxía. O aparello solucionaba ecuacións lineais dez veces máis rápido que métodos anteriores. Clarke presentou unha solicitude de patente para a calculadora en 1921 que lle foi concedida en 1925.[8][9]

En 1921, aínda incapaz de obter unha posición como enxeñeira, deixou GE para ensinar física nun centro para mulleres en Turquía. Ao ano seguinte, foi contratada de novo por GE como enxeñeira eléctrica no Departamento de Enxeñaría da Estación Central. Edith Clarke retirouse de General Electric en 1945.[10]

A súa formación en matemáticas axudoulle a conseguir fama no seu campo. O 8 de febreiro de 1926, sendo a primeira muller en presentar un artigo científico na reunión anual do Instituto Americano de Enxeñeiros Eléctricos, mostrou o uso das funcións hiperbólicas para calcular a máxima potencia que unha liña podía transportar sen inestabilidade.[11] Dous dos seus últimos artigos foron premiados pola AIEE: en 1932 polo mellor artigo rexional e en 1941 polo mellor artigo nacional.

En 1943, Clarke escribiu un libro de texto de referencia no campo da enxeñaría da enerxía, titulado Circuit Analysis of A-C Power Systems, baseado nas súas notas para as conferencias que impartiu aos enxeñeiros de GE. En 1950, publicou un segundo tomo da obra.[12]

En 1947, entrou a formar parte da facultade do Departamento de Enxeñaría Eléctrico da Universidade de Texas en Austin, onde foi nomeada a primeira profesora de Enxeñaría Eléctrica do país. Deu clase durante dez anos e retirouse en 1957.

RecoñecementosEditar

Clarke foi a primeira enxeñeira en conseguir un posto profesional na sociedade de honra de enxeñeiros máis antiga dos Estados Unidos, Tau Beta Pi. En 1948, converteuse na primeira Socia do Instituto Americano de Enxeñeiros Eléctricos. En 1954, recibiu tamén o Premio ao Logro da organización sen ánimo de lucro Society of Women Engineers.[13]

En 2015, Clarke foi incluída a título póstumo no Salón da Fama Nacional dos Inventores.[14]

NotasEditar

  1. "In Memoriam: Edith Clarke". University of Texas. Consultado o 16 de outubro de 2012. 
  2. "10 mujeres ingenieras e inventoras - Revista Ingeniería Naval". Revista Ingeniería Naval (en castelán). 11 de febreiro de 2017. Consultado o 27 de abril de 2017. 
  3. "Scanning the Past: Edith Clarke and Power System Stability". The Institute of Electrical and Electronics Engineers. Consultado o 16 de outubro de 2012. 
  4. Circuit analysis of A-C power systems. J. Wiley & sons, inc. 
  5. 5,0 5,1 "Mujeres Ingenieras". Consultado o 15 de febreiro de 2020. 
  6. "Edith Clarke". American National Biography Online. Consultado o 16 de outubro de 2012. 
  7. "Mulleres nas bibliotecas da Coruña" (PDF). Consultado o 15 de febreiro de 2020. 
  8. "Espacenet - Bibliographic data". worldwide.espacenet.com. Consultado o 2020-02-15. 
  9. "11 inventos extraordinarios creados por mujeres que quizás no conoces". Consultado o 27 de abril de 2017. 
  10. Layne, Margaret. Women in engineering. Pioneers and trailblazers. ASCE Press. ISBN 9780784472354. OCLC 782925070. 
  11. "WOMAN ADDRESSES ELECTRICAL INSTITUTE; Miss Edith Clarke the Only One of Her Sex to Read a Paper at Engineers' Meeting.". 9 de febreiro de 1926. Consultado o 8 de xuño de 2013. 
  12. "Edith Clarke, ingeniera eléctrica | Efemérides". 10 de febreiro de 2015. Consultado o 28 de abril de 2017. 
  13. "Edith Clarke". Archives of Maryland. Consultado o 16 de outubro de 2012. 
  14. "Edith Clarke" (PDF). National Inventors Hall of Fame. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de febreiro de 2015. Consultado o 4 de febreiro de 2015. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar