Edificio Docente Roberto Novoa Santos

edificio universitario en Santiago de Compostela

O Edificio Docente Roberto Novoa Santos da Universidade de Santiago de Compostela, integrado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), é un edificio anexo ao novo Hospital Clínico.

Edificio Docente Roberto Novoa Santos
Coordenadas42°52′07″N 8°33′57″O / 42.868677777778, -8.5659Coordenadas: 42°52′07″N 8°33′57″O / 42.868677777778, -8.5659
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

O novo edificio foi inaugurado o 21 de setembro de 2009 polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Senén Barro, que o cualificou como «unha peza moi importante» do Campus de Ciencias da Saúde. O reitor presentou o novo edificio como un dos referentes «do que é a asistencia clínica, a docencia e a investigación no ámbito das ciencias da saúde» e indicou que a universidade colaborou financiando a súa construción con «6 millóns de euros». A «boa colaboración» que manteñen a USC e a Consellería de Sanidade terá como froito, segundo Barro, «máis infraestruturas compartidas e colaboración a nivel docente». Xa que «compartir sempre é moito mellor que competir», dixo, ambas as entidades tamén colaboran no ámbito da investigación, por exemplo, coa creación do Instituto de Investigacións Sanitaria de Santiago de Compostela.[1]

O edificio docente Roberto Novoa Santos é de titularidade compartida entre a Facultade de Enfermería e a Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, acollendo dende a súa inauguración parte das ensinanzas tanto do Grao en Enfermería coma do Grao en Medicina.

Características editar

O edificio ten unha superficie de 5 240 m² distribuídos en cinco plantas das que dúas son de semisoto. Este espazo dedicado á docencia está dotado con seis aulas con capacidade para 120 alumnos, outras tantas para 48 alumnos, tres titorías, un seminario, unha aula magna para 342 persoas, unha biblioteca, cafetería e vestiario para o alumnado.[2]

O arquitecto redactor do proxecto foi Miguel Pérez Moreiras, correspondéndolle a adxudicación da construción do edificio á empresa Dragados S.A. Para a súa execución foi necesario construír ao mesmo tempo un novo heliporto que posibilitase as manobras dos helicópteros segundo a normativa da aviación civil. Estas obras foron contratadas pola USC á mesma empresa e a súa construción foi realizada de maneira coordinada coa do edificio. Isto motivou retardar a execución das primeiras fases da obra, debido a que non se puideron instalar guindastres fixos por motivos de seguridade.[2]

Transformación do barrio da Choupana editar

Con estas novas construcións, o barrio da Choupana perfílase como a extensión do Campus Sur da USC, e en poucos anos está chamado a ser o corazón do Campus Vida, porque albergará xunto ao Hospital Clínico a nova Facultade de Medicina e a Escola de Enfermaría. Nesta zona avanzan as obras do CiMUS, e xa funciona o Edificio Docente Roberto Novoa Santos, que permite compatibilizar mellor a alumnos e docentes as clases teóricas e as prácticas no complexo hospitalario. Ao outro lado da estrada, no Campus Sur, prevense construír as novas instalacións Odontoloxía e Enfermería, que permanecen por agora no centro histórico de Santiago. O arquitecto Manuel Gallego Jorreto concibiu un sistema de pasarelas e pasos subterráneos que comunicarán estes futuros inmobles cos da Choupana, de modo que sexa posíbel ir dun extremo ao outro, até case as portas do Clínico, sen ter que camiñar nada ao descuberto.[3]

Notas editar