Echo (satélites)
Os dous satélites Echo foron os primeiros satélites de comunicacións experimentais da NASA, lanzados durante a década de 1960. Tratábase de satélites de comunicacións pasivos, nos que as ondas electromagnéticas reflectíanse para poder alcanzar maiores distancias e comunicar dous puntos afastados sobre a Terra.
Ámbolos dous satélites consistían en enormes globos feitos de mylar (un material reflectante) e un pequeno paquete coa electrónica e o sistema de inflado do globo. O diámetro de Echo 1 era de 30,48 m, mentres que o de Echo 2 era de 41 m.
Echo 1, Echo 1A
editarO satélite Echo 1 orixinal tivo o seu primeiro intento de lanzamento o 13 de maio de 1960, pero o control de actitude da segunda etapa do foguete non funcionou correctamente e finalmente o satélite non alcanzou órbita. A substitución de Echo 1, chamada Echo 1A, foi lanzado o 12 de agosto de 1960 mediante un foguete Thor-Delta desde Cabo Cañaveral, e xeralmente é coñecido como Echo 1, sen máis.
Echo 1 tiña forma de globo de 30,48 m de diámetro e 180 kg de peso, e estaba formado por unha película reflectante de mylar de 0,0127 mm de espesor e un paquete coa electrónica e os transmisores para monitorizar o satélite e enviar datos do seu estado mediante telemetría. O satélite reflectía as ondas electromagnéticas incidentes, permitindo que os sinais de telefonía, radio e televisión chegaran a puntos afastados da Terra. A telemetría do satélite emitíase en 107,9 MHz e os transmisores estaban alimentados por cinco baterías de níquel-cadmio cargadas por 70 células solares montadas sobre o globo.
Ademais da súa función de satélite de comunicacións pasivo, o enorme tamaño e pouco peso de Echo 1 serviu para estudar a densidade da atmosfera á altura da órbita do satélite e a presión da radiación solar. Durante as últimas etapas da misión, tamén foi usado para verificar a factibilidade da triangulación por satélite.
Echo 1 foi inxectado nunha órbita inicial de 1058,7 km de perixeo, 1966,2 km de apoxeo, 47,3 graos de inclinación orbital e un período orbital de 116,2 minutos.[1] Reentrou na atmosfera o 24 de maio de 1968.[2]
Echo 2
editarO satélite Echo 2 foi lanzado o 25 de xaneiro de 1964 mediante un foguete Thor-Agena B desde a base aérea de Vandenberg e tiña forma de globo de 41 m de diámetro e 256 kg de peso, estando formado por unha película reflectante con varias capas de mylar e aluminio e un paquete coa electrónica e os transmisores para monitorizar o satélite e enviar datos do seu estado mediante telemetría. Ó igual que Echo 1, Echo 2 reflectía os sinais electromagnéticos para comunicar partes distantes do planeta. A telemetría do satélite emitíase en 136,17 e 136,02 MHz, cunha potencia mínima de 45 mW. Os transmisores estaban alimentados por baterías cargadas por células solares. O satélite foi usado tamén para realizar medicións xeodésicas.
Echo 2 foi inxectado nunha órbita inicial de 1031 km de perixeo, 1316 km de apoxeo, 85,5 graos de inclinación orbital e un período orbital de 108,8 minutos.[3] Reentrou na atmosfera o 7 de xuño de 1969.[4]
Notas
editar- ↑ "Letter dated 6 March 1962 from the Acting Secretary-General addressed to the Chairman of the Committee on the Peaceful Uses of Outer Space, transmitting a communication dated 5 March 1962 from Permanent Representative of the United States of America" (62-04423). 7 de marzo de 1962: 3. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xullo de 2007. Consultado o 9 de decembro de 2012.
- ↑ N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "ECHO 1" (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2012.
- ↑ "Letter dated 26 March 1964 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (PDF) (64-07275). 30 de marzo de 1964: 2. Consultado o 25 de febreiro de 2021.
- ↑ N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "ECHO 2 (A-12)" (en inglés). Consultado o 10 de decembro de 2012.
- Mark Wade (2011). "Echo" (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2012.
- Mark Wade (2011). "Echo 2" (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2012.
- Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Echo 1, 1A" (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2012.
- Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Echo 2" (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2012.
- NASA (14 de maio de 2012). "Echo 1" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2012. Consultado o 9 de decembro de 2012.
- NASA (14 de maio de 2012). "Echo 2" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2012. Consultado o 9 de decembro de 2012.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Echo |