Dryopteris guanchica

especie de planta

Dryopteris guanchica Gibby & Jermy é un fento raro do xénero Dryopteris da familia Dryopteridaceae, propio de cavorcos e vales pechados ou abeirados con alta humidade atmosférica, preto do mar, principalmente das Illas Canarias e o noroeste da Península Ibérica. Aparecen nas tres provincias costeiras galegas.

Etimoloxía editar

O nome específico: ', vén do latín guanchicus, -a, -um = dos guanches (Illas Canarias).

Dryopteris guanchica por Gibby & Jermy, foi publicado en Bot. J. Linn. Soc. 74: 256 no ano 1977.

Descrición editar

Planta perenne con frondes de até 150 cm de lonxitude que xorden dun rizoma erecto ou ascendente, de grosor notorio. O pecíolo, normalmente tan longo como a lámina, é de cor castaña purpúrea na base e está cuberto de páleas lanceoladas, castañas, concolares ou cunha mancha máis escura, especialmente presente nas máis basais. A lámina, de amarelenta a verde azulada, ten forma triangular – lanceolada; é tripinnada, e en ocasións é unha cuarta vez pinnatífida. As pinnas son asimétricas, e a basiscópica proximal é máis longa que a súa acroscópica correspondente; van atenuándose aos poucos até formar un ápice agudo; o seu nervio está provisto comunmente de páleas lanceoladas coa marxe glandulosa; ademais, as pínnulas máis distais das pinnas basais de pinnatipartidas a pinnatisectas. As pínnulas son triangular – lanceoladas, co ápice agudo e glándulas marxinais rara vez; os segmentos de última orde presentan os lados converxentes cara ao ápice; as das pinnas basais pecioluladas. As esporas prodúcense nos soros situados no envés da lámina, protexidos por un indusio glandular, plano, pardo avermellado e caduco; son espiñentas, de 24 – 38 micrómetros. Esporula de maio a novembro.

Hábitat e ecoloxía editar

Medra en zonas cunha alta humidade ambiental, sombrizas, xeralmente acedas, onde existe materia orgánica en descomposición, sobre cuarcitas, ou en bosques de ribeira. É unha planta diferencial da subalianza Hyperico androsaemi - Alneion (alianza Alno - Padion, orde Populetalia albae, clase Querco - Fagetea), que abrangue os bosques riparios cantábrico - atlánticos e nos que son características plantas coma Culcita macrocarpa, Dryopteris aemula, Dryopteris corleyi, Dryopteris x arecesiae (Dryopteris aemula x Dryopteris corleyi), Dryopteris x asturiensis (Dryopteris affinis x Dryopteris corleyi), Dryopteris x fraser-jenkinsii (Dryopteris affinis x Dryopteris dilatata ou Dryopteris guanchica), Dryopteris x gomerica (Dryopteris aemula x Dryopteris guanchica), Hypericum androsaemum, Osmunda regalis, o salgueiro bravo (Salix atrocinerea), Senecio nemorensis subsp. bayonenses, Stegnogramma pozoi e Woodwardia radicans.

Requirimentos ecolóxicos editar

É un fento que require sombra e temperaturas frescas. Piso subalpino principalmente. Continentalidade: euceánica: invernos suaves e humidade elevada. Prefire solos húmidos ou moi húmidos, polo que é un bo indicador de humidade edáfica. Medra en solos acedos: pH 3.5 - 5.5; indicador de acidez. Medra mellor en solos pobres en nitróxeno.

Distribución editar

Medra nas Illas Canarias, e na Península ibérica aparece en Asturias e Galiza, con poboacións nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Tamén existen poboacións relictas na provincia de Cádiz.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar