Dragon (nave espacial)

Dragon é o nome dunha nave espacial non tripulada da empresa SpaceX. Úsase para levar e traer carga a e desde a Estación Espacial Internacional baixo un contrato coa NASA.[1][2][3][4]

Unha nave Dragon en órbita.

Características editar

A cápsula Dragon foi desenvolvida por SpaceX tras ser unha das gañadoras da competición Commercial Orbital Transportation Services (COTS) da NASA de setembro de 2006. COTS asignou varias cantidades de diñeiro a varias empresas para proporcionar un servizo de avituallamento á Estación Espacial Internacional despois da posta fóra de servizo dos transbordadores espaciais. Inicialmente se asignaron 278 millóns de dólares para tres voos de desmostración.

As cápsulas lánzanse mediante foguetes Falcon 9 e constan de catro partes: o morro en forma de cono, que protexe o resto da nave durante o ascenso; a sección presurizada, que acolle a carga presurizada; e a sección de servizo, que contén a aviónica, o sistema de control a reacción, formado por 18 propulsores hipergólicos, os paracaídas e outra infraestrutura; e sección non presurizada, no que hai carga que pode ir exposta ao baleiro e que sostén os paneis solares que proporcionan enerxía á nave. A cápsula está deseñada para ser autónoma e poder acoplarse coa estación de maneira automática. Ten un volume presurizado de 18 m3 e unha capacidade de carga de 2500 kg. A nave protéxese durante a reentrada por un escudo térmico ablativo, amarando suavemente grazas aos seus paracaídas.

Desde o inicio do seu desenvolvemento creáronse varias versións da cápsula Dragon.

Versións editar

Versión de cualificación editar

A unidade de cualificación foi un modelo estrutural da cápsula que serviu de carga útil no voo inaugural do Falcon 9. Foi lanzada o 4 de xuño de 2010 e permaneceu unida a propósito á última etapa do foguete Falcon 9. Carecía de equipamento e instrumentación e non foi deseñada para regresar intacta á Terra. Reentrou na atmosfera o 27 de xuño de 2010.

Dragon C1 editar

A Dragon C1 foi un prototipo simplificado da cápsula final lanzado o 8 de decembro de 2010 nun voo de 4 horas. Esta nave non levaba paneis solares nin o sistema de acoplamento que levaría a versión definitiva. A sección non presurizada permaneceu acoplada á última etapa do Falcon 9, a diferenza dos voos operativos, co que só a cápsula se separou do foguete. Deu dúas voltas completas á Terra, despois das cales reentrou na atmosfera e amarou na costa oeste de México. Foi posta en exposición nas instalacións de SpaceX.

Dragon C2 editar

É a versión operativa da cápsula. Lanzáronse 20 cápsulas Dragon C2 entre o 22 de maio de 2012 e o 5 de decembro de 2019. Unha delas perdeuse o 28 de xuño de 2015 polo fallo do foguete Falcon 9.

Historial de lanzamentos da Dragon C2 editar

Voo Data Resultado Notas
Dragon C102 22 de maio de 2012 Éxito Primeiro voo dunha Dragon C2.
Dragon CRS-1 8 de outubro de 2012 Éxito
Dragon CRS-2 1 de marzo de 2013 Éxito
Dragon CRS-3 18 de abril de 2014 Éxito
Dragon CRS-4 21 de setembro de 2014 Éxito
Dragon CRS-5 10 de xaneiro de 2015 Éxito
Dragon CRS-6 14 de abril de 2015 Éxito
Dragon CRS-7 28 de xuño de 2015 Fallo Aos 2 minutos e 19 segundos o foguete estalou debido a un problema de sobrepresión na segunda etapa.
Dragon CRS-8 8 de abril de 2016 Éxito
Dragon CRS-9 18 de xullo de 2016 Éxito
Dragon CRS-10 19 de febreiro de 2017 Éxito
Dragon CRS-11 3 de xuño de 2017 Éxito
Dragon CRS-12 14 de agosto de 2017 Éxito
Dragon CRS-13 15 de decembro de 2017 Éxito
Dragon CRS-14 2 de abril de 2018 Éxito
Dragon CRS-15 29 de xuño de 2018 Éxito
Dragon CRS-16 5 de decembro de 2018 Éxito
Dragon CRS-17 4 de maio de 2019 Éxito
Dragon CRS-18 25 de xullo de 2019 Éxito
Dragon CRS-19 5 de decembro de 2019 Éxito

Notas editar

  1. Mark Wade (2011). "Dragon" (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2019. 
  2. Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "Dragon Qualifiaction Unit" (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2019. 
  3. Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "Dragon C1" (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2019. 
  4. Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "Dragon C2, CRS-1,... CRS-20 (SpX 1,... 20)" (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2019. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar