Dorothé Schubarth
Dorothé Schubarth, nada en Basilea en 1944, é unha musicóloga e compositora suíza. Tras facer estudos musicais na súa cidade natal, ampliounos logo en Colonia e Múnic. Rexistrou, xunto con Antón Santamarina, o Cancioneiro popular galego.
Dorothé Schubarth | |
---|---|
Nacemento | 1944 |
Lugar de nacemento | Basilea |
Nacionalidade | Suíza |
Ocupación | musicóloga, compositora, docente e etnomusicólogo |
Na rede | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
TraxectoriaEditar
Dende 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna.[1] Dende este lugar desenvolveu unha intensa tarefa de pescuda da música popular europea, dando especial atención á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así como aos cancioneiros de Alemaña e Francia. Como resultado destes traballos de campo publicou a obra Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas).[2]
En 1978 chegou a Galicia durante as súas vacacións, coa intención de coñecer a súa música popular. A que ía ser unha breve estadía de descanso deveu, grazas a unha bolsa da Fundación Barrié,[3] en anos de pescudas, viaxes, entrevistas con informantes e centos de gravacións perfectamente conservadas.[1] En 1984, despois dun intenso traballo de recollida, da análise, clasificación e estudo dese material, para o que contou coa colaboración do profesor Antón Santamarina, foi publicado o Cancioneiro popular galego, en sete volumes, nunha edición patrocinada pola Fundación Barrié.
Esta obra está considerada o máis amplo repertorio da musical popular de tradición oral galega. Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubarth levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira pescudadora culta que recolleu os seus nomes. Foron cinco anos de traballo arreo por aldeas, montes e corredoiras, que non remataron coa publicación dos materiais, senón que crearon un vínculo permanente da musicóloga con Galicia. Algunhas das persoas que lle serviron de informantes seguen mantendo a relación con ela.
No ano 2014 doou os seus rexistros sonoros, 248 CD (copias dixitalizadas das gravacións orixinais) coas correspondentes transcricións a cargo de Antón Santamarina, ao Museo do Pobo Galego, onde foron incorporados ao seu arquivo dixital e ao Consello da Cultura Galega que permite o seu acceso no Arquivo Sonoro de Galicia. Neste mesmo ano, a plataforma de crítica literaria feminista A Sega dedicoulle o Día das Galegas nas Letras[4]. No ano 2020, elaborouse o documental Dorothé na Vila que mostra e reflexiona sobre o traballo de campo realizado pola musicóloga suíza case medio século antes[5].
RecoñecementosEditar
- Premio da Crítica Galicia, VIII Edición, (1985).
- Premio Día do Orgullo Gaiteiro da AOFT Gomes Mouro Ourense (2009).[6]
- Galardón honorífico dos Premios Martín Codax (2017).[7]
- Premio Honorífico da Asociación de Músicos ao Vivo (2017).[8]
- Mestra da Memoria 2019 da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega[9]
NotasEditar
- ↑ 1,0 1,1 Sara Gil (23 de agosto de 2020). "Percorrendo os pasos de Dorothé Schubarth na procura da música popular galega". Consultado o 24 de xaneiro de 2021.
- ↑ Asociación de Escritores en Lingua Galega (ed.). "Dorothé Schubarth". Polafías (Sección de Literatura de tradición oral). Consultado o 2021-04-19.
- ↑ Fernández Rei, F. (1999). Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar de Arousa: dúas singraduras na construcción dun idioma para unha patria. Real Academia Galega. p. 15.
- ↑ O Día das Galegas nas Letras, dedicado a Dorothé Schubarth
- ↑ 'Dorothé na vila', documental sobre a musicóloga suíza Dorothé Schubart, que investigou a música popular en Galicia (Televisión de Galicia). 23/08/2020.
- ↑ El VI Día do Orgullo Gaiteiro homenajerá a la musicóloga Dorothé Schubarth, a Antón Santamarina y a Faustino Luis Seoane
- ↑ "A musicóloga Dorothé Schubarth, premio de honra dos Martín Códax". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-03-14. Consultado o 2019-09-13.
- ↑ "Premio honorífico dos músicos para Dorothé Schubarth". Nós Diario. Consultado o 2021-04-19.
- ↑ "A AELG premia Pilar Pallarés, Dorothé Schubarth, Pablo Quintana e María Teresa Horta". Sermos Galiza. 9 de febreiro de 2019. Consultado o 11 de febreiro de 2019.
Véxase taménEditar
BibliografíaEditar
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 726. ISBN 84-7492-465-0.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 75–76. ISBN 84-8288-365-8.
Ligazóns externasEditar
- "VI Día del Orgullo Gaitero: Intervención (en galego) de Dorothé Schubarth", páxina da Universidade de Vigo TV.
- "Dorothé Schubarth: datos biográficos", páxina da plataforma de crítica literaria A Sega.
- "Dorothé Schubarth e Antón Santamarina", páxina da Asociación de Gaiteiros Galegos.
- Cancioneiro Popular Galego Fundación Barrié.
- Entrevista a Dorothé Schubarth, Consello da Cultura Galega, YouTube.
- Dorothé Schubart. Polafías. Asociación de escritoras e escritores en Lingua Galega.
- Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade. Museo do Pobo Galego.