Domingo Lois Monteagudo
Domingo Lois Monteagudo, nado en Vilalén (Tomonde, Cerdedo-Cotobade) o 8 de abril de 1722 e finado en Granada o 13 de decembro de 1785, foi un canteiro e arquitecto galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de abril de 1722 Vilalén, España |
Morte | 13 de decembro de 1785 (63 anos) Granada, España |
Educación | Real Academia de Belas Artes de San Fernando |
Actividade | |
Ocupación | arquitecto |
Movemento | Arquitectura neoclásica |
Traxectoria
editarNaceu nunha familia de canteiros, oficio no que comezou a traballar. Emigrou a Madrid en 1744 e formouse xunto a Ventura Rodríguez e na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. En 1753 obtivo o primeiro premio da Segunda Clase, e en 1754 o segundo premio (o primeiro quedou deserto) da Primeira Clase. En 1756 obtivo a Medalla de Ouro xunto con Virgilio Verda. Nesa época traballou nas obras do Palacio Real de Madrid e o convento da Visitación de Madrid. En 1758 recibiu unha bolsa, xunto con Juan de Villanueva, para formarse en Roma. Estivo en Italia até 1765, e a finais de 1764 ingresou como académico de mérito na Academia de San Lucas, logo de presentar o proxecto dunha igrexa de planta octogonal.
Tras o seu regreso de Roma, en 1765 foi nomeado mestre de obras da catedral de Santiago de Compostela, traballando na fachada da Acibecharía. Proxectou a capela da Comuñón da catedral, concibida cun estilo clásico, de planta central similar ao Panteón de Adriano e outros monumentos da antigüidade. Levou a cabo a primeira fase da construción desta capela, que foi continuada a partir de 1771 por Miguel Ferro Caaveiro. Nese ano recibiu o encargo de proxectar o novo edificio da Universidade de Santiago de Compostela.
Cara a 1765 encargóuselle a construción do pazo de Bóveda, do marqués de Viance. En 1768 o empresario italiano Nicola Setaro encargoulle o proxecto dun teatro portátil de madeira para compostela, e encargóuselle tamén un castelo de fogos artificiais para as festas do Apóstolo Santiago, o plano de colocación de lampadarios no interior da catedral, e o debuxo do enreixado da capela maior e o coro.
En 1771 regresou a Madrid, desilusionado porque nin o arcebispo Bartolomé de Raxoi nin as institucións civís lle facían encargos. Tiña a idea de ser nomeado director de Perspectiva da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, mais non o acadou, se ben Ventura Rodríguez logrou que fose elixido como membro da Xunta da Academia.
En 1771 este mesmo arquitecto encargoulle dirixir en Granada as obras da colexiata de Santa Fe e as das igrexas parroquiais de Santa María da Encarnación de Loja e a de Vélez de Benaudalla. Deseñou tamén os templos de Alcútar de Bérchules (1778), Alomartes (1779), Nívar (1779), Picena (1780), Malzívar (1783), Talará e a igrexa parroquial da Encarnación en Montefrío, iniciada o 11 de novembro de 1786 e executada polo arquitecto madrileño Francisco Aguado. Nesa mesma vila deseñou unha casa señorial -actual casa consistorial-. Tamén realizou o proxecto de edificio da Universidade de Granada (localizado no terreo do Xardín Botánico), a ponte de Ronda e unha capela no Real Sitio de El Pardo, tamén caracterizada por ter planta octogonal, seguindo o modelo de igrexa que presentara en 1764.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Bugallal, Isabel (10 de novembro de 2013). "A la sombra de Ventura Rodríguez". La Opinión A Coruña.
- Durán Salgado, M. (1941). "El arquitecto gallego Lois Monteagudo" (PDF). Arte Español. 26, tomo 14 (4). pp. 14–17.
- Guillén Marcos, E. (1989). "La fortuna de un arquitecto pensionado en Roma: Domingo Lois Monteagudo". Academia: Boletín de la Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (69). pp. 179–205. ISSN 0567-560X.
- de Llaguno y Amírola, E. (1829). Noticias de los arquitectos y arquitectura de España desde su Restauración 4. Madrid: Imprenta Real.
- Navascués Palacio, P. (2011). "La Real Academia de Bellas Artes de San Fernando y los premios de arquitectura en el siglo XVIII". Anales (Real Academia de Bellas Artes de San Miguel Arcángel). pp. 81–93. ISSN 2174-1484.
- Torres-Pérez, J. M. (1996). "Un proyecto de Domingo Antonio Lois de Monteagudo revisado por Ventura Rodríguez: la Iglesia de Alomartes (Granada)". Academia: Boletín de la Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (82). pp. 335–357. ISSN 0567-560X.
- Vigo Trasancos, A. (1989). "Domingo Lois Monteagudo y la capilla de la Comunión de la Catedral compostelana (1764-1783)". Boletín del Seminario de Estudios de Arte y Arqueología: BSAA (55). ISSN 0210-9573.
- Vigo Trasancos, A. (1989). "Domingo Lois Monteagudo y su propuesta neoclásica de pazo gallego 1769-1772". VI Congreso Español de Historia del Arte. C. E. H. A. Los caminos y el arte (separata). Universidade de Santiago de Compostela. pp. 381–391.