Doenzas tropicais desatendidas

As doenzas tropicais desatendidas (a miúdo designadas polas súas siglas en inglés NTD) son un grupo de diversas doenzas tropicais frecuentes no seo das poboacións de baixos ingresos en rexións en desenvolvemento de África, Asia e América. Están causadas por varios patóxenos entre os que salientan os parasitos helmintos ou os protozoos, pero igualmente os virus e as bacterias. Na África subsahariana, o impacto do conxunto destas patoloxías é comparable ao da malaria e a tuberculose.[1] Algunhas destas patoloxías poden previrse ou tratarse por medios accesibles nos países máis desenvolvidos, mais non así nas rexións máis pobres do globo. Porén, en certos casos os tratamentos son relativamente baratos. Por exemplo, o tratamento da esquistosomiase custaba 0,20 dólares norteamericanos por neno no ano 2007. Porén, para o período 2010-2017, o custo do control destas patoloxías a escala mundial estímase entre 2 e 3 mil millóns de dólares.[2]

Neno de Panamá afectado pola enfermidade de Chagas. A infección é manifestamente aguda, xa que se observa unha tumefacción do ollo dereito (signo de Romaña).

Estas doenzas son postas a miúdo en contraste coas tres grandes pragas mundiais, que son a infección polo VIH (sida), a tuberculose e o paludismo (malaria), as cales se benefician de numerosos fondos para a súa investigación e tratamento. Porén, as doenzas tropicais desatendidas constitúen as comorbilidades frecuentes destas tres infeccións.[3] Por outra banda, por parte de certas compañías farmacéuticas prodúcense de maneira esporádica donativos dos medicamentos necesarios, e as políticas para administralos masivamente foron eficaces en varios países.[4]

A Organización Mundial da Saúde (OMS) priorizou 17 NTD. Estas doenzas están consideradas como endémicas en 149 países e afectan a máis de mil millóns de persoas, das cales máis da metade son nenos. Aínda que o peso económico destas patoloxías sobre as economías en desenvolvemento é difícil de cuantificar, estímase en varios miles de millóns de dólares cada ano. Provocaron 142 000 mortes en 2013, cifra que supón un descenso respecto dos 204 000 falecementos en 1990. Destas 17 patoloxías, 2 son o obxectivo dunha próxima erradicación: a dracunculiase en 2015 e o pian no ano 2020. Por outra banda, o obxectivo é eliminar outras 4: o tracoma, a doenza do soño, a lepra e a filariose linfática no ano 2020.[5]

Notas editar

  1. Hotez, Peter; Kamath, Aruna (25 de agosto de 2009). "Neglected tropical diseases in sub-saharan Africa: review of their prevalence, distribution, and disease burden". PLoS Negl Trop Dis 3(8). PMID 19707588. Consultado o 2 de novembro de 2017. 
  2. "Making the Case to Fight Schistosomiasis". 12 de marzo de 2007. 
  3. "Beat neglected diseases to fight HIV, TB and malaria". 31 de xaneiro de 2006. Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2006. Consultado o 02 de xuño de 2020. 
  4. Madhuri, Reddy; Sudeep, S. Gill; Sunila, R. Kalkar (2007). "Oral Drug Therapy for Multiple Neglected Tropical Diseases". JAMA. 298(16): :1911–1924. Consultado o 2 de novembro de 2017. 
  5. "Global, regional, and national age–sex specific all-cause and cause-specific mortality for 240 causes of death, 1990–2013: a systematic analysis for the Global Burden of Disease Study 2013". Lancet 385: 117–71. 17 de decembro de 2014. PMID 25530442. doi:10.1016/S0140-6736(14)61682-2. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar