Dikembe Mutombo Mpolondo Mukamba Jean-Jacques Wamutombo, máis coñecido como Dikembe Mutombo, nado o 25 de xuño de 1966 en Kinshasa, é un ex xogador profesional de baloncesto congolés-estadounidense que xogou durante 18 temporadas na National Basketball Association (NBA). Fóra do baloncesto, é coñecido pola súa labor humanitaria.

Dikembe Mutombo
Posición Pivote
Dorsal 55
Altura 2,18 m (7 ft 2 in)
Peso oficial 118 kg (260 lb)
Nacemento 25 de xuño de 1966 (57 anos)
República do Congo-Kinshasa Kinshasa, RD Congo
Carreira
Universidade Georgetown (1988–1991)
NBA Draft 1991 / Rolda: 1 / Elección: 4
Por Denver Nuggets
Tempadas 19912009
Equipo(s)
Estatísticas (NBA)
Puntos     11 729 (9,8 pp)
Rebotes     12 359 (10,3 pp)
Tapóns     3 289 (2,8 pp)
Stats @ Basketball-Reference.com
Premios
  Basketball Hall of Fame como xogador

Cunha altura de 2,18 m e un peso de 120 kg; o pivote, que comezou a súa carreira nos Georgetown Hoyas, está considerado un dos mellores taponadores e xogadores defensivos da historia, tendo gañado o trofeo ao Mellor Defensor da NBA en catro ocasión; ademais foi oito veces seleccionado para xogar o All-Star. O 10 de xaneiro de 2007, superou a Kareem Abdul-Jabbar como o segundo mellor taponador da historia da NBA, tan só por detrás de Hakeem Olajuwon. Nos Playoffs de 2009, Mutombo sufriu unha lesión no xeonllo acabu propiciando a súa retirada.[1] Desde o ano 2015 é membro do Basketball Hall of Fame.

Traxectoria editar

Universidade editar

Motumbo, que nun principio quería ser médico, formouse na Universidade de Georgetown cunha bolsa de estudos da USAID (United States Agency for International Development, do inglés: Axencia Estadounidense para o Desenvolvemento Internacional). No seu segundo ano en Georgetown, o técnico John Thompson convidou a Mutombo a participar na selección do equipo de baloncesto da Universidade, grazas á recomendación de Herman Hennig, agregado da embaixada americana en Kinshasa. Despois de unirse ao equipo, Mutombo pasou de estudar medicina a estudar lingüística e diplomacia. Apenas falaba inglés cando chegou a Georgetown e tivo que intensificar o seu estudo do idioma para desenvolvelo.

Mutombo converteuse nun excelente pivote cos Hoyas, continuando a tradición de Georgetown de producir xogadores de grande envergadura, entre os que tamén se atopa o seu compañeiro de equipo e de pintura, Alonzo Mourning. Foi un gran taponador e no seu primeiro partido en Georgetown conseguiu un récord de 12, mandando nove deles á bancada. De feito, a bancada próxima á zona pasou a chamarse Rejection Row: "Fila do Tapón".

Na súa primeira tempada (1988-89), fixo unha media de 3,9 puntos, 3,3 rebotes e 2,3 tapóns por partido. Ao ano seguinte experimentou unha tremenda melloría que lle colocou como un dos xogadores máis determinantes da NCAA. Asinou 10,7 puntos, 10,5 rebotes e 4,1 tapóns partido. Isto serviulle para recibir o galardón de Xogador Defensivo do Ano da Big East Conference. Na súa última tempada cos Hoyas, os seus números aumentaron a 15,2 puntos, 12,2 rebotes e 4,7 tapóns por partido, sendo elixido de novo Xogador Defensivo do Ano da Big East e seleccionado no Mellor Quinteto da conferencia. Os seus números globais foron de 9,9 puntos (co récord de Georgetown en porcentaxe de tiro co 64.4%), 8,6 rebotes e 3,7 tapóns. En 1991 graduouse cun "Bachelor of Arts" en lingüística e diplomacia. Do 6 ao 11 grao acudiu ao Exército de Salvación.

NBA editar

Denver Nuggets editar

O impacto de Mutombo na NBA foi inmediato. Seleccionado no cuarto posto polos Denver Nuggets, como novato foi elixido para xogar o All-Star de Orlando, facendo uns números destacábeis de 16,6 puntos , 12,3 rebotes e 3 tapóns por encontro. Dikembe pronto se convertía nun dos mellores xogadores defensivos da NBA cunha presenza ofensiva, ademais, interesante. O 3 de febreiro de 1992 anotou o que foi o seu máximo en anotación, 39 puntos ante Minnesota Timberwolves. Foi incluído no Mellor Quinteto de Rookies. Na súa segunda tempada na liga, a 1992−93, fixo unha media de 13,8 puntos, 13 rebotes e 3,5 tapóns. O seu récord de tapóns nun partido chegou naquela tempada fronte Los Angeles Clippers con 12. Os seus tapóns sempre ían acompañados dun xesto negativo co dedo que viña significar "Non na miña casa".

Na temporada 1993−94 logrou cos Denver Nuggets un fito sen precedentes. O equipo de Dan Issel chegaba aos Playoffs in extremis coándose na oitava praza tras unha tempada repleta de altibaixos, nunha franquía que non xogaba as eliminatorias desde había catro anos. Os Seattle Supersonics serían o rival, e as cousas, tras dous encontros disputados non se sairían o máis mínimo do guión previsto, 2-0 favorable a Seattle. Porén, grazas a intimidatoria e constante labor de Mutombo na pintura (6,2 tapóns de media na eliminatoria), os Nuggets remontáron e convertéronse no primeiro equipo da historia en clasificarse en 8º posición e eliminar ao 1º da conferencia. A punto estivo de repetir en semifinais de conferencia ante os Utah Jazz de John Stockton e Karl, xa que remontaron un 0-3 adverso que non puideron referendar no sétimo e definitivo encontro, onde caeron 91-81.

Na temporada 1994−95 converteuse con 12,5 capturas, no mellor reboteador da tempada, e foi elixido Mellor Defensor da NBA, ademais de ingresar no 2º Mellor Quinteto Defensivo. Novamente foi o mellor taponador da liga, algo que lograría consecutivamente nos anos 1994, 1995, 1996, 1997 e 1998. Foi elixido All-Star e asinou 12 puntos e 8 rebotes naquel encontro. En 1996 converteuse no primeiro xogador na historia da NBA que conseguía ser o mellor taponador durante tres tempadas consecutivas. Naquel ano fixo unha media de 4,5 tapóns, a súa mellor marca ao longo da súa carreira. Foi elixido de novo para xogar o All-Star.

Hawks e 76ers editar

O 15 de xullo de 1996 asinou como axente libre con Atlanta Hawks por cinco anos a razón de 50 millóns de dólares. Alí permaneceu durante catro tempadas, e foi All-Star en todas elas. Ademais, nas tres primeiras accedeu a Playoffs cos Hawks. Na temporada 1996−97 acandaron as Semifinais de Conferencia ante Chicago Bulls, mais caeron 4-1. Mutombo fixo unha media en playoffs de 15,4 puntos e 12,3 rebotes. Repetiu galardón de Mellor Defensor da NBA por segunda vez na súa carreira, galardón que repetiría o ano seguinte. Na tempada 1999−2000 liderou a liga en rebotes por primeira vez, con 14,1 de media.

O 22 de febreiro de 2001, os Atlanta Hawks traspasaron a Dikembe Mutombo, xunto a Roshown McLeod, aos Philadelphia 76ers a cambio de Theo Ratliff, Toni Kukoč, Nazi Mohammed e Pepe Sánchez. Naquela tempada acandaría as Finais da NBA como peza fundamental nos Sixers. En playoffs fixo unha media de 13,9 puntos, 13,7 rebotes e 3,1 tapóns por partido. Ademais, asinou unha actuación estelar no All-Star Game de Washington con 6 puntos e 22 rebotes, claves no triunfo da Conferencia Leste. Estivo outra tempada máis en Philadelphia antes de ser traspasado aos New Jersey Nets. En 2002 participou no seu último All-Star Game.

Nets e Knicks editar

 
Mutombo cos Houston Rockets.

Os Philadelphia 76ers traspasaron a Mutombo aos New Jersey Nets en troques de Keith Van Horn e Todd MacCulloch no verán do 2002. As constantes lesións de pulso mantivéronlle bastante afastado das canchas, polo que o pivote congolés só puido disputar 24 partidos con medias de 5,8 puntos e 6,4 rebotes. A partir de aquí, Mutombo nunca sería o xogador que foi, mais continuou algúns anos máis como referente defensivo saíndo desde o banco. O 4 de outubro de 2003 foi cortado polos equipo de Nova Jersey.

Cinco días despois, o 9 de outubro de 2003 asinou por New York Knicks un contrato de dous anos. Porén, só disputou unha tempada, con números de 5,6 puntos e 6,7 rebotes en 65 partidos, xa que foi traspasado a Chicago Bulls no verán de 2004 xunto con Othella Harrington, Frank Williams e Cezary Trybanski por Jamal Crawford e Jerome Williams] Cos Bulls non chegou a xogar xa que estes volvéronlle a traspasar un mes despois aos Houston Rockets en troques de Eric Piatkowski, Adrian Griffin e Mike Wilks.

Houston Rockets editar

Nos Houston Rockets, Mutombo volveu sentirse un xogador importante. Na tempada 2004−05, Mutombo disputou 80 partidos aos seus 38 anos. Fixo unha media de 4 puntos, 5,3 rebotes e 1,3 tapóns que lle valeron para ser renovado en agosto de 2005 por dous anos máis co equipo texano. O 14 de marzo de 2005 superou a Mark Eaton e colocouse terceiro na clasificación histórica de taponadores. En Houston converteuse no recambio natural de Yao Ming, que ante as lesións deste tivo que ser o pivote titular durante moitos partidos ao longo da súa estancia nos Rockets.

O 26 de outubro de 2006, durante un partido amigábel fronte os Orlando Magic, Hooman Hamzehloui, un abonado do equipo de Florida, chamou varias veces "simio" e "cara mono" a Mutombo. Este ao finalizar o encontro declarou que a próxima vez que lle sucedese, entraría en acción. Con todo, Mutombo perdoou a este afeccionado despois de que lle escribise unha carta mostrando o seu arrepentimento, dicindo que non asistiría a un partido da NBA sen o seu perdón. Mutombo esqueceu o incidente mais a NBA non, prohibindo a asistencia a partidos NBA para toda a tempada ao home.

O 10 de xaneiro de 2007 Mutombo superou a Kareem Abdul-Jabbar como segundo máximo taponador na historia, só por detrás de Hakeem Olajuwon. En decembro de 2008 foi renovado por un ano máis, sendo no momento, con 42 anos, o máis veterano da competición. Nos Playoffs de 2009, un 21 de abril ante os Portland Trail Blazers, un choque con Greg Oden provoca que se lesione de gravidade no xeonllo. Tras saír en padiola da cancha, despediuse entre bágoas despois de 18 anos de baloncesto na NBA.

Labor humanitaria editar

Mutombo viaxou aos Estados Unidos coa intención de estudar medicina e retornar ao seu país natal, a República Democrática do Congo, para mellorar a saúde e a calidade de vida de alí existentes. O xogar na NBA durante tantos anos permitiulle acumular fama e diñeiro para dedicar a actividades benéficas.

 
Mutombo é un dos embaixadores da NBA polo mundo.

En 1997 creou a Fundación Dikembe Mutombo, cuxa misión está en erradicar enfermidades infantís que agora son pouco frecuentes no mundo desenvolvido pero que ameazan aínda a moitos nenos no Congo. Os labores da organización caritativa céntranse en para mellorar a saúde, educación e calidade de vida da xente no seu país. As actividades da Fundación incluíron a entrega de servizos médicos, actividades de prevención e educación na área de saúde pública, e actividades de apoio para os asuntos de saúde na rexión. O Hospital Biamba Marie Mutombo é unha das grandes obras que levou a cabo esta fundación.

En honra ao seu humanitarismo, foi convidado o presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, ao Discurso do Estado da Unión de 2007, onde foi honrado polos seus esforzos humanitarios e foi referido como "o fillo do Congo" polo presidente norteamericano.

Mentres estivo nos Hawks, Mutombo traballou co programa atlético das Olimpíadas Especiais para novas desventajados no seu desenvolvemento. É ademais moi activo na organización de Baloncesto sen Fronteiras e viaxa por toda África en nome da NBA. É tamén portavoz da axencia internacional de socorro CARE, e foi o primeiro emisario xuvenil do programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento. Un dos seus traballos máis grandes foi o de incluír nos seus programas de baloncesto en África temas sociais tan importantes como a educación e a prevención da sida.

USA Weekend nomeou a Mutombo o Atleta Máis Humanitario de 1999 polos seus esforzos en recadar diñeiro para axudar a soster programas contra a sida na República Democrática do Congo. En 2006, Mutombo convenceu ao Congreso dos Estados Unidos a comprometer dous millóns de dólares para financiar clínicas e centros de saúde no seu país. Mutombo foi o primeiro xogador da NBA en recibir en dúas ocasións o Premio J. Walter Kennedy que premia ao xogador que máis servizos e dedicación presta á sociedade durante a tempada. Recibiu este galardón en 2001 e 2009.

Hospital Biamba Marie Mutombo editar

En setembro de 2006, e grazas, en gran parte, ao labor de Mutombo, inaugurouse na República Democrática do Congo, xusto nos arredores da capital Kinshasa, o Hospital Biamba Marie Mutombo. É a primeira instalación moderna en Kinshasa en corenta anos. O novo centro, que leva o nome da nai falecida de Mutombo, é un hospital e centro de investigación de 29 millóns de dólares que inclúe unha área pediátrica especial, así como quirófanos e un centro para mulleres. O hospital conta con 300 camas, con aproximadamente un terzo destas pertencendo á área pediátrica. Un sistema de telemedicina avanzado permite que doutores do estranxeiro e expertos en Congo colaboren e ofrezan adestramentos sobre os máis recentes procedementos médicos mediante o uso das telecomunicacións. Para ver realizado un dos soños de Mutombo, o xogador doou máis de 15 millóns de dólares para o proxecto, mentres que doazóns privadas e alianzas corporativas axudaron a completar o custo de construción, equipos e materiais.

Notas editar

  1. McTaggart, Brian (22 de abril de 2009). "Rockets star Mutombo suffers career-ending knee injury". Chron (en inglés). Consultado o 4 de novembro de 2015. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar