Demodex folliculorum

Demodex folliculorum
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Arachnida
Subclase: Acari
Orde: Trombidiformes
Familia: Demodicidae
Xénero: Demodex
Especie: D. folliculorum
Nome binomial
'Demodex folliculorum'
Simon, 1842

Demodex folliculorum é unha especie de ácaro microscópico que vive como parasito ou comensal nos folículos pilosos das persoas (outra especie de hábitos similares é Demodex brevis). Cando nunha persoa se encontran gran cantidade destes ácaros, a infestación denomínase demodicose. Crese que practicamene todas as persoas albergan estes ácaros, que en xeral son inofensivos.

Comportamento editar

Estes ácaros encóntranse nos folículos pilosos e poros da pel humanos, normalmente aparecen en gran número arredor das fazulas, o nariz, cellas, pestanas, e fronte. Tamén se poden encontrar noutras partes do corpo, como os brazos, peito e oídos. É unha especie de diminutos ácaros dun tamaño inferior ao milímetro (entre 0,1 mm e 0,4 mm de longo). Suxeriuse que contribúen á perda de cabelos, pero esta hipótese é discutida e presenta diversas inconsistencias.[1] Non invaden os órganos internos. En condicións normais son inofensivos, polo que máis que como parasitos habería que clasificalos como comensais (o ácaro benefíciase pero non causa dano ao hóspede), aínda que en condicións nas que orixinan gromos (demodicose) poden ser prexudiciais.

Morfoloxía editar

D. folliculorum é un ácaro semitransparente alongado con aspecto de verme, de 0,1 a 0,4 mm de lonxitude, dividido en cabeza, tórax e abdome, con catro pares de patas no tórax (no adulto) con pequenas uñas, e escamas corporais coas que se agarra aos folículos pilosos. O abdome é longo e cónico. A súa larva ou ninfa lembra ao adulto pero ten tres pares de curtas patas. A rexión do tórax e abdome de D. folliculorum está estriada.

Demodex folliculorum e Demodex brevis editar

Tanto Demodex folliculorum coma Demodex brevis atópanse normalmente na face humana.[2] Demodex folliculorum reside nos folículos pilosos mentres que Demodex brevis vive nas glándulas sebáceas unidas aos folículos pilosos. Por exemplo, arredor da área do ollo, Demodex folliculorum atópase nos folículos das pestanas, e Demodex brevis habita nas glándulas sebáceas das pestanas e nas glándulas de Meibomio. Demodex brevis foi separado de Demodex folliculorum en 1963.

Ciclo vital editar

O ciclo vital completo de D. folliculorum ten lugar nun período de 18 a 24 días, sen abandonar o seu hóspede. Durante o día, aliméntanse de células mortas da pel e sebo dentro dos folículos pilosos. De noite, emerxen á superficie para aparearse e despois poñer ovos nos folículos pilosos. Unha femia adulta pon de 20 a 24 ovos nun só folículo piloso, dos que se orixinan larvas. A larva é despois arrastrada polo fluxo da glándula sebácea ata a saída do folículo piloso, onde maduran a adultos. A larva tarda sete días en converterse en adulto listo para reproducirse sexualmente.[3]

Epidemioloxía editar

Os Demodex adquírense pouco despois do nacemento e son considerados unha fauna normal da pel, que incrementa o seu número coa idade da persoa. Practicamente todo o mundo ten un certo grao de infestación de ácaros Demodex na súa pel.[4] Poden producirse infestacións fortes de Demodex na adolescencia, que poden durar ata a idade madura. O incremento das secrecións sebáceas durante a puberdade (que incrementan o seu alimento) pode explicar o incremento da infestación durante este período. Os folículos pilosos de case todos os adultos están infestados, pero a distribución dos ácaros varía, o que ten un diferente impacto en cada persoa. Os homes xeralmente están máis infestados que as mulleres porque teñen máis glándulas sebáceas, que producen máis alimento para estes animais.[2]

Un estudo de 2014 atopou que o 100% das persoas de 18 anos ou máis tiñan ADN deste ácaro nas súas faces, o que indica que estes ácaros son habitantes universais de todos os humanos adultos.[5]

Notas editar

  1. "Demodex folliculorum and hair loss". Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2015. Consultado o 19 de xullo de 2015. 
  2. 2,0 2,1 Dirk M. Elston (2010). "Demodex mites: Facts and controversies". Clinics in Dermatology 28 (5): 502–504. PMID 20797509. doi:10.1016/j.clindermatol.2010.03.006. 
  3. "Disease caused by Demodex folliculorum". iyanarsip.blogspot.com. 2010. Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2014. Consultado o 2010-12-07. 
  4. Albert M. Kligman & Michael S. Christensen.; Christensen (2011). "Demodex folliculorum: requirements for understanding its role in human skin disease". Journal of Investigative Dermatology 131 (1): 8–10. PMID 21157421. doi:10.1038/jid.2010.335. 
  5. Thoemmes, Megan (27 August 2014). "Ubiquity and Diversity of Human-Associated Demodex Mites". PLOS ONE 9 (8): e106265. PMID 25162399. doi:10.1371/journal.pone.0106265. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Thoemmes, Megan S.; Fergus, Daniel J.; Urban, Julie; Trautwein, Michelle; Dunn, Robert R. (27 August 2014). "Ubiquity and Diversity of Human-Associated Demodex Mites". PLoS ONE 9 (8): e106265. PMID 25162399. doi:10.1371/journal.pone.0106265. Resumo divulgativoNational Geographic (27 August 2014).