Demagoxia (do grego, dmaggos, líder popular; dmos, pobo) é unha estratexia política que consiste en apelar a emocións (sentimentos, amores, xenreiras, medos, desexos) para gañar o apoio popular, frecuentemente mediante o emprego da retórica e da propaganda.

Definición e características editar

 
Busto de Aristóteles.

O dicionario da Real Academia Galega defíneo como a «política baseada en agradar ao pobo satisfacendo as súas aspiracións e intereses e fomentando as súas paixóns para manexalo mellor» e o dicionario Ir Indo tamén como unha «forma impura de goberno democrático, segundo o concepto aristotélico, na que exercían o poder aqueles individuos que seducían e enganaban ás masas mediante o seu discurso.».

Tamén pode considerarse a demagoxia como un tipo perverso de oratoria, que permite atraer cara aos intereses propios as opinións dos demais empregando falacias ou argumentos aparentemente válidos que, porén, tras unha análise das circunstancias, poden resultar inválidos ou simplistas.

Aristóteles sinalouna como a forma de goberno corrupta contraria á democracia; Polibio definiuna como oclocracia.

A demagoxia apóiase nas masas, favorecendo e estimulando as súas ambicións máis desatinadas, os sentimentos decadentes e elementais, e as desviacións da real e consciente participación activa na vida política. Isto prodúcese mediante fáciles e ilusorias promesas, imposíbeis de manterse, que tenden a indicar como os intereses colectivos da masa popular, ou da parte máis forte e preponderante dela, coinciden, en realidade máis aló de toda verdadeira lóxica de bo goberno, cos da comunidade tomada no seu conxunto.

A demagoxia é exercida polo demagogo, quen, aproveitando particulares situacións histórico-políticas e dirixíndoas para fins propios, excita e guía as masas populares someténdoas grazas a particulares capacidades oratorias e psicolóxicas, a miúdo instintivas, que lle permiten interpretar os seus temperamentos e as súas esixencias máis inmediatas, unindo a isto dotes carismáticos non comúns.

No desenvolvemento da demagoxia non se ten minimamente en conta, máis que en forma extremadamente superficial e basta, os reais intereses do país, nin os resultados últimos aos que pode conducir co tempo a acción demagóxica, dirixida, en cambio, máis que nada á conquista e ao mantemento dun poder persoal ou dun grupo.

Co termo demagoxia podemos pois referirnos a unha situación política correspondente á descrita, pero na que dominan as masas en movemento e imponse sobre o lexítimo poder constituído e sobre a lei, facendo valer as súas propias demandas inmediatas e incontroladas. Neste caso Polibio fala máis propiamente de oclocracia (goberno do xentío).

Na historia das doutrinas políticas considérase que foi Aristóteles quen individualizou e definiu por primeira vez a demagoxia, definíndoa como a forma corrupta ou dexenerada da democracia que leva á institución dun goberno tiránico das clases inferiores ou, máis a miúdo, de moitos ou duns que gobernan en nome do pobo.

Xa que logo, cando nos gobernos populares a lei é subordinada ao capricho de moitos, xorden os demagogos que, louvando e adulando as masas, exacerbando os seus sentimentos destrutivos e desviando o seu empeño político, consideran como inimigos do pobo ou da patria os opositores ao réxime despótico instaurado, consolidando así o seu propio poder a través da eliminación de toda oposición. Aristóteles define polo tanto, o demagogo como adulador do pobo.

A demagoxia, segundo Platón e Aristóteles, pode producir (como crise extrema da democracia), a instauración dun réxime autoritario oligárquico ou tiránico, que máis frecuentemente nace da práctica demagóxica que vai eliminando así a toda oposición. Nestas condicións, os demagogos, arrogándose o dereito de interpretar os intereses das masas como intérpretes de toda a nación, confiscan todo o poder e a representación do pobo e instauran unha tiranía ou ditadura persoal.

Declarouse, xa que logo, a existencia de relacións sadomasoquistas que gobernarían o vínculo entre o demagogo e as masas. O carácter autoritario, tampouco explicado, que como fondo os vincula a ambos, consolida esta correspondencia, polo que hai por parte das masas, unha verdadeira identificación co líder no momento da exaltación individual e colectiva e, en consecuencia, prodúcese unha aceptación dócil da submisión.

O demagogo non necesariamente conduce as masas á revolución senón que as instrumentaliza para os seus propios fins persoais, para proceder, unha vez obtida unha ampla aprobación, non xa a un proceso de democratización ou de trasformación do sistema sociopolítico, senón á instauración dun réxime autoritario, do que o demagogo sexa o indiscutido e despótico xefe (Führer), ou ao acordo coas autoridades e as institucións existentes con tal que estas recoñézanlle unha función carismática indiscutible. Deste xeito os mecanismos represivos acentúan, no canto de diminuír, as características autoritarias do goberno e da sociedade, e impiden a toma de conciencia por parte das masas.

Formas de demagoxia editar

Falacias:

Argumentos que equivocan as relacións lóxicas entre elementos, ou ben adoptan premisas evidentemente inaceptábeis. Para maiores detalles, ver falacia. Entre elas atópanse a falacia de causa falsa, o argumento circular, o argumento ad hominem, e a apelación a unha autoridade irrelevante para o caso citado.

Manipulación do significado:

As palabras, ademais dun sentido denotativo, teñen un sentido connotativo implícito, achegado polo contexto e coñecementos compartidos dos interlocutores, que engade ideas e opinións, moitas veces de forma menos consciente que no seu sentido denotativo. Na elección das palabras, un discurso denotativamente neutro, pode connotar (ver connotación) significados adicionais, dependentes do seu contexto e a súa relación coa opinión da audiencia, ou os oíntes do discurso (ver interpretación, pragmática, significado.) Deste xeito, os contidos implicados son difíciles de refutar.

Omisións:

Preséntase información incompleta, excluíndo posibles problemas, obxeccións, dificultades, o que resulta na presentación dunha realidade falseada, sen incorrer directamente na mentira.

Redefinición da linguaxe:

Mediante a eliminación progresiva ou eliminación das palabras que menoscaban a súa posición, intentar modificar ou facer desaparecer a forma de pensar que se opón aos seus argumentos. Numerosos exemplos disto poden verse na literatura (a novela 1984 de George Orwell; O conto da criada de Margaret Atwood), pero tamén na realidade e particularmente na política.

Tácticas de descoido:

Consiste en desviar a discusión desde un punto delicado para o demagogo cara a algún tema que domine ou onde presente algunha vantaxe con respecto ao seu opoñente ou adversario. Non se responde directamente ás preguntas nin aos desafíos.

Estatística fóra de contexto:

Consiste en utilizar datos numéricos para apoiar unha hipótese ou afirmación, pero que estando fóra de contexto non reflicten a realidade. Aquí tamén se conta o uso tendencioso de estatísticas, tamén coñecido como demagoxia numérica.

Demonización:

Esta aproximación consiste en asociar unha idea ou grupo de persoas con valores negativos, ata que esa idea ou grupo de persoas sexan vistos negativamente.

Falso dilema:

Tamén coñecida como falsa dicotomía, fai referencia a unha situación onde dous puntos de vista alternativos son presentados como as únicas opcións posibles. Como exemplo temos o típico: "estás comigo ou contra min". Supón unha definición simplista da realidade e desa forma conséguese evitar a toma en consideración das demais posibilidades.

Na antigüidade, era considerada a forma política en que dexeneraba a democracia.

No noso contexto actual, está moi asociada ó mundo da política e ás promesas, que despois na práctica non se concretizan.