De regno (A monarquía) é unha obra de San Tomé de Aquino, importante para a comprensión da teocracia medieval. Coñecida tamén co título de De regimine principum, é un dos tratados menores do autor. Debeu ser escrito entre 1265 e 1267, e quedou inconcluso, e aínda non foi publicado cun estudo crítico.

O texto está dedicado ó rei da Irla, quizais porque un irmán seu, Aimón de Aquino, participou en 1231 na expedición a Terra Santa organizada por Federico II e dirixida por Ricardo Filangieri, e nela estivo ás ordes de Hugo I de Lusignan, rei de Chipre.

Tomé de Aquino, que era teólogo e non político, pretendeu escribir un tratado moralizante, de carácter pedagóxico-moral para formar criterios éticos na persoa rexia. Apóiase en textos bíblicos, as doutrinas da Igrexa Católica e as ensinanzas dos filósofos (especialmente Aristóteles, que lle serve de metodoloxía).

Obra editar

Forma parte, xunto con outros, dos chamados Opuscula fratris Thomae. Baixo este título agrúpase unha serie de escritos menores, de moi diversa índole, tanto polo seu contido como pola súa forma. Non gardan ningunha relación entre si, nin uniformidade temática nin ideolóxica. Son simples pezas agrupadas en número distinto. Moitas delas son simples respostas a unha consulta formulada; outras, a unha cuestión disputada.

Pensamento do autor editar

Santo Tomé é considerado o autor escolástico máis importante porque consegue facer compatible a máxima autoridade en filosofía, Aristóteles, coa doutrina da revelación. Amósase abertamente partidario da autonomía da razón naquilo que lle é propio. Afirma a capacidade do home para captar o universo e mailas súas leis, para o que non precisa outra cousa que o seu propio esforzo intelectual.

En canto á política, Tomé de Aquino acepta a sociabilidade natural do ser humano que xa defendera Aristóteles no seu día. Só dentro da cidade o home chega a ser tal. Tamén toma como referentes a clasificación aristotélica das formas de goberno, propoñendo unha monarquía moderada por trazos aristocráticos e democráticos. Porén, a cidade non só ten unha fin ética, senón tamén relixiosa: debe "ordenar aquelas cousas que conducen á felicidade celestial e prohibir as contrarias" Por iso o Estado debe estar subordinado á Igrexa, aínda que si que admite que conte con certa independencia no que respecta ao "ben común". Pese a isto, o Estado perde a autarquía que lle atribuíra Aristóteles na súa política: en caso de conflito, as fins relixiosas deben prevalecer sobre as políticas.

Poderíase establecer unha comparación entre as relacións Estado-Igrexa e as que existen entre Razón e fe. Razón e estado teñen un campo propio, pero nunca poden entenderse como autónomas ou independentes respecto á fe e á Igrexa. Neste sentido, calquera lei promulgada polo estado debe estar de acordo coa lei natural, co que se reafirma o transfundo relixioso da política tomista.

A lei natural é o medio que os Estados teñen para procurar o ben común, sendo os seus obxectivos a paz, a moralidade e os bens necesarios para vivir. Esta é a única fin que xustifica a existencia da autoridade civil. As leis son inxustas se non cumpren estes obxectivos e, nese caso, o cidadán non está obrigado a cumprilas, porque ao contradicir a lei natural, convértese en tiranía e quen as promulga perde a súa autoridade. Por isto, os tiranos deben ser derrocados, agás que o derrocamento traia males maiores.

Tomé de Aquino non deixou un tratado sistemático onde poidamos atopar as súas concepcións políticas. As súas ideas atópanse dispersas ao longo das súas obras. Para facer un estudo das súas ideas políticas, debemos remontarnos a Aristóteles e a Santo Agostiño. A síntese dos dous compón o seu pensamento e ideoloxía.

De regno adoita ser considerado como preámbulo ao tratado da lei inserido en Suma teológica. Nel atopamos un estudo sobre a orixe divina da sociedade, a autoridade, as formas do goberno lexítimo, as maneiras de loitar contra o goberno ilexítimo, os fins do mando e a gloria humana e celeste que agarda aos bos gobernantes. Nesta obra, Tomé de Aquino vai máis alá da concepción aristotélica da cidade-estado, concluíndo en que para atopar unha comunidade perfecta debemos buscar unha organización política que non precise axuda allea.

Intención, contido e análise da obra editar

No prólogo consta cal foi a intención do autor ao compoñer a súa obra. Nel dísenos expresamente que vai escribir un tratado sobre a orixe da monarquía. Este obxectivo que se propuxo describir é levado a cabo polo autor ao longo da súa obra. O primeiro deles iníciao no capítulo 1 do libro primeiro, onde comeza analizando o sentido do termo rei, concluíndoo no capítulo 11 co que pecha o libro I.

O oficio do rei, e canto a el se refire, é o que dá principio e fin ao libro II. Comeza en primeiro lugar facendo unha exposición superficial dos deberes do rei, que vai desde o capítulo 1 do libro II ata a fin do capítulo 4, para logo pasar a tratar polo miúdo e por separado cada un dos aspectos sinalados. Estes aspectos só serán iniciados, porque, como xa dixemos, a obra está inconclusa.

Tomé de Aquino non vai facer un tratado político propiamente dito, entre outras razóns porque a súa vida é a dun relixioso metido nun claustro e apartado das intrigas dos pazos reais. Para poder falar de política sen caer na utopía, hai que tomar parte activa nela, non só vivíndoa, senón tamén ocupando cargos públicos e administrativos. Por isto, o tratado de Tomé de Aquino hai que situalo entre os tratados utópicos e moralizantes. Trátase máis ben dunha obra pedagóxica e moral, a través da cal se quere axudar a formar uns criterios éticos na persoa de quen un día terá que ocupar o trono e gobernar a illa de Chipre.

Como teólogo, o autor vai escribir o seu tratado apoiándose na doutrina da Igrexa, nos libros sagrados da Biblia.

Esquema dos contidos editar

  • I. Dedicatoria ao rei de Chipre (proemio).
  • II. Libro primeiro: Teoría da monarquía.
    • 1. Observación preliminares: significado do termo rei.
    • 2. Teoría da monarquía.
      • 2.1 Méritos absolutos.
      • 2.2 Méritos históricos.
      • 2.3 Monarquía limitada.
      • 2.4 O problema da resistencia ao tirano.
    • 3. A recompensa do bo rei.
    • 4. Epílogo ao libro primeiro.
  • III. Libro segundo: Práctica do rei.
    • 1. Obrigas do rei en xeral:
      • 1.1 Analoxía entre o goberno divino e o humano.
      • 1.2 O monarca e a cristiandade.
    • 2. Obrigas do rei en particular: En canto á fundación do reino.