DMC DeLorean

automóbil deportivo fabricado entre 1981 e 1982
(Redirección desde «DeLorean DMC-12»)

O DMC DeLorean é un coche deportivo que foi fabricado por DeLorean Motor Company (DMC) dende 1981 ata 1982. É coñecido simplemente como o DeLorean, xa que este foi o único modelo que fabricou dita compañía. O coche tamén é chamado ás veces DMC-12, que é a súa designación interna de pre-produción. Porén, o nome DMC-12 nunca se usou en material de vendas ou de mercadotecnia para o modelo de produción.[3]

DMC DeLorean

Datos xerais
Outros nomes DeLorean DMC-12
Fabricante DeLorean Motor Company
País Estados Unidos de América Estados Unidos
Deseñador Giorgetto Giugiaro en Italdesign
Montaxe Dunmurry, Irlanda do Norte (Reino Unido)
Período 1981-1982
8.975 unidades[1]
Configuración
Tipo Automóbil deportivo
Segmento Segmento S
Carrozaría Cupé de 2 portas
Configuración Motor traseiro, tracción traseira
Dimensións
Lonxitude 4215 mm
Anchura 1855 mm
Altura 1140 mm
Coas portas abertas: 1962 mm[2]
Distancia eixes 2415 mm
Peso 1233 kg[2]
Características técnicas
Motor 2.85 L V6 PRV

O DeLorean caracterízase pola súa carrozaría con portas de á de gaivota, paneis e capó de aceiro inoxidábel sen pintura. É moi coñecido pola súa aparición na triloxía de películas de Back to the Future. Despois de aparecer nestas tres películas, o DeLorean converteuse nun obxecto de culto.[4]

O primeiro prototipo apareceu en 1976 e a produción empezou oficialmente en 1981 na fábrica que DMC tiña en Dunmurry, en Irlanda do Norte. Durante a súa produción cambiáronse varios aspectos do coche, como o estilo do capó, as rodas e o interior.

Canto menos 8500 exemplares do DeLorean foron fabricados denantes de que a produción rematase a finais de 1982. En 2007 estimábase que aínda existían 6500 deles.[5]

Historia editar

En outubro de 1976 o primeiro prototipo do DeLorean foi completado por William T. Collins,[6] enxeñeiro xefe de DMC (que anteriormente era o enxeñeiro xefe de Pontiac); o prototipo foi coñecido como «DSV-1» ou «DeLorean Safety Vehicle».[7] A medida que o desenvolvemento continuou, o modelo denominouse «DSV-12»[8] e máis tarde «DMC-12», xa que DMC tiña como obxectivo un prezo de venda de $ 12.000 no intre do lanzamento.[9] O prototipo 1 tiña un motor traseiro central de catro cilindros en liña proveniente do Citroën CX,[10] pero foi considerado pouco potente para o DeLorean. Orixinalmente, o motor do modelo de produción ía ser un motor Wankel (tamén de Citroën), mais foi substituído por un deseño francés denominado PRV (desenvolvido por Peugeot, Renault e Volvo), un motor V6 de inxección que melloraba a escasa eficiencia do motor Wankel, o cal era un aspecto importante pola escaseza de combustíbeis que estaba sufrindo o mundo enteiro por mor da crise do petróleo de 1973. O motor tivo que ser movido dende a localización central-traseira no prototipo 1 a unha localización traseira no prototipo 2, unha configuración que sería mantida no vehículo de produción.[11]

William Collins e John DeLorean imaxinaron un chasis producido cunha tecnoloxía nova que nunca fora probada denominada Elastic Reservoir Moulding (ERM), que podería ter contribuído a reducir o peso do coche e por tanto suponse que tamén reduciría os custos de produción, mais esta tecnoloxía da que DeLorean mercara os dereitos da patente non resultou ser axeitada para a produción en masa.[12] Ademais, considerouse que o deseño do coche requiría unha reenxeñaría case completa, a cal foi encargada ao enxeñeiro inglés Colin Chapman, o fundador de Lotus Cars. Chapman substituíu a maior parte do material non probado e das técnicas de fabricación polas usadas nesa época por Lotus, incluíndo un chasis de aceiro.[13]

 
Adhesivo Monroney dun DeLorean fabricado no ano 1982.

A construción da fábrica empezou en outubro de 1978 e foi rematada en 1980, e aínda que o comezo da produción do DeLorean foi planificado para ese ano,[14] cuestións de enxeñería e o exceso no orzamento atrasaron o comezo da produción até xaneiro de 1981. Durante esa época, a taxa de desemprego era moi alta en Irlanda do Norte e os residentes facían cola para pedir emprego na fábrica.

A finais de 1980, DMC abandonou o nome DMC-12 pensado orixinalmente para o seu automóbil, denominándoo finalmente «DeLorean», que acabou custando moito máis do planeado inicialmente. O coche deportivo DeLorean, como se describiu nos anuncios,[3] construíuse finalmente na fábrica de Dunmurry, Irlanda do Norte, a uns poucos quilómetros do centro de Belfast. A man de obra estaba composta por protestantes e católicos que estaban contentos de apartar as súas diferenzas relixiosas para traballar en equipo. Case todo o persoal de produción non tiña experiencia, por iso, varias centenas de unidades do DeLorean foron producidas sen paneis de aceiro inoxidábel para formar aos traballadores, as cales nunca foron comercializadas.[15] Eses DeLorean eran coñecidos como "mules" (mulas) ou "black cars“ (coches negros), un alcume que se refería aos seus paneis negros feitos de fibra de vidro.[15] Malia a formación dos traballadores, moitos coches tiñan problemas de calidade. Os problemas de calidade melloraron co paso do tempo; en 1982 resolvéronse moitos deles,[16] e os coches vendéronse cunha garantía de 12 meses e un contrato de servizo de 5 anos e 80000 km.[6]

A DeLorean Motor Company declarouse en quebra o 26 de outubro de 1982[17] tras o arresto de John DeLorean nese mesmo mes por cargos de tráfico de drogas.[18] Máis tarde DeLorean foi declarado non culpábel en agosto de 1984,[19] pero a súa reputación como empresario ficou arruinada e DMC xa quebrara, facendo imposíbel continuar a produción do coche. Aproximadamente 100 unidades parcialmente ensambladas foron completadas por antigos empregados da fábrica, que foron contratados pola empresa Consolidated International (arestora chamada Big Lots).[6] As pezas que ficaron de serie na fábrica de DMC, as pezas do US Warranty Parts Center, así como as pezas dos provedores orixinais que aínda non foran repartidas á fábrica foron todas enviadas a Columbus (Ohio, Estados Unidos) no ano 1983. A compañía KAPAC vendeu estas pezas aos clientes polo miúdo e por xunto mediante pedidos por correo. A DeLorean Motor Company de Texas adquiriu este inventario en 1997.[20]

Entre xaneiro de 1981 e decembro de 1982 ensambláronse aproximadamente 9.200 unidades entre a DeLorean Motor Company e Consolidated International,[15] aínda que algunhas fontes indican que en total só se construíron 8.975[1] ou 8.583 coches.[21][22] Case unha quinta parte dos DeLorean foi producida en outubro de 1981.[23] Entre febreiro e maio de 1982 foron producidas arredor de 1000 unidades xa que se produciu un decaimento na produción, fabricándose moi poucos coches, todos eles co VIN (Vehicle Identification Number) cambiado despois da compra realizada por Consolidated International para facelos aparecer como modelos de 1983. Estes son os VIN 15XXX, 16XXX, e 17XXX que orixinalmente eran os VIN 10XXX, 11XXX e 12XXX. O derradeiro DeLorean foi ensamblado o 24 de decembro de 1982.[15]

Deseño e mecánica editar

Carrozaría editar

 
Un DeLorean pintado de cor vermella.
 
Unha das barras de torsión usadas nas portas do DeLorean.

A carrozaría do DMC DeLorean foi deseñada polo deseñador de Italdesign Giorgetto Giugiaro, e ten uns paneis construídos en aceiro inoxidábel SS304.[24] Os paneis de aceiro inoxidábel foron fixados a unha estrutura monocasco de plástico reforzado con fibra de vidro, que á súa vez se fixa a un chasis con forma de dobre "Y" baseado no do Lotus Esprit. Agás tres coches para unha serie especial con carrozaría chapada en ouro, todos os exemplares que saíron da fábrica non estaban cubertos por pintura ou verniz.[24]​ De feito existen DeLorean pintados, aínda que estes foron pintados despois de que fosen enviados aos Estados Unidos.

A carrozaría do DeLorean require un mantemento relativamente sinxelo: segundo parece, as pequenas rascaduras nas superficies dos paneis de aceiro inoxidábel poden ser eliminadas cun fregaduxo non metálico.[25]

A característica máis rechamante do DeLorean son as súas portas de á de gaivota. O problema común de soster o peso deste tipo de portas foi resolto por outros fabricantes con portas lixeiras no Mercedes-Benz 300 SL e un sistema con bomba de ar no Bricklin SV-1, aínda que estes deseños tivesen algunha que outra desvantaxe estrutural ou de comodidade. As portas do DeLorean teñen unhas barras de torsión que foron desenvolvidas por Grumman Aerospace e construídas no Reino Unido por Unbrako (unha división de SPS Technologies de Jenkintown (Pensilvania, EUA), as cales foron instaladas para soportar o peso das portas.[26] Estas portas necesitan un mínimo espazo para abrilas: só 27,5 cm (11 polgadas).[27] Isto fai que sexa fácil de abrir e pechar o coche nos aparcadoiros en comparación coas portas convencionais. Do mesmo xeito que as portas instaladas no Lamborghini Countach, as portas do DeLorean posúen unhas pequenas fiestras, xa que unhas fiestras do mesmo tamaño do vidro non serían completamente retráctiles dentro dos curvos paneis de cada porta.

Motor e caixa de cambios editar

 
Motor PRV do DeLorean.

O DeLorean é propulsado por un motor PRV atmosférico de 6 cilindros en V nunha disposición a 90 graos, que foi desenvolvido conxuntamente polas marcas Peugeot, Renault e Volvo.[28] Este motor é un desenvolvemento do PRV de 2,7 litros usado no Renault 30, que foi deseñado e construído baixo un contrato especial coa DeLorean Motor Company.[29]

O motor conta cun sistema de inxección de combustíbel Bosch K-Jetronic. Está montado lonxitudinalmente detrás do eixe traseiro, ten unha cilindrada de 2849 cc, un diámetro x carreira de 91 mm x 73 mm e unha relación de compresión de 8.8:1.[30] O bloque e as cabezas están feitos dunha aliaxe de aluminio lixeira, ten unha distribución SOHC con árbore de levas en cabeza e dúas válvulas por cilindro (12 en total). Para unha axeitada refrixeración do motor, o radiador está montado na parte dianteira.[31]

Debido a que o motor está montado na parte traseira do vehículo, a súa distribución de peso é do 35% diante e do 65% detrás.[32]

Dúas caixas de cambios estaban dispoñíbeis para o coche: unha automática de tres velocidades e outra manual de cinco velocidades (a máis utilizada), ambas da marca Renault[28] e cunha relación final de 3.44:1.[30]

Suspensión, dirección e freos editar

A suspensión do DeLorean baséase en gran parte na do Lotus Esprit; ten suspensión independente nas catro rodas, resortes helicoidais e amortecedores telescópicos. A suspensión dianteira é de dobre forquita e a traseira é multibrazo.[33]

A dirección é de cremalleira e piñón, cunha desmultiplicación total de 14.9:1, dando 2,65 xiros de tope a tope e un diámetro de xiro de 10,67 m (35,0 pés).[6] Os DeLorean foron equipados con pinas de aliaxe, en medidas 195/60 HR de 14 polgadas (35,6 cm) de diámetro x 6 polgadas (15,2 cm) de ancho as da parte dianteira; e 235/60 HR de 15 polgadas (38,1 cm) de diámetro x 8 polgadas (20,3 cm) de ancho as da parte traseira. Estas pinas calzaban pneumáticos radiais Goodyear Eagle GT.

​Ten freos de disco nas catro rodas, con 254 mm (10,0 plg) de diámetro os dianteiros e 267 mm (10,5 plg) os traseiros.

Potencia e prestacións editar

O DMC DeLorean desenvolve unha potencia de 130 HP (132 CV) a 5.500 rpm e un par máximo de 208 Nm a 2.750 rpm.

Orixinalmente, John DeLorean tiña previsto que o coche produciría arredor de 200 HP (203 CV), mais finalmente instalouse un motor de 170 HP (172 CV).[6] Porén, as regulacións de emisións de CO2 nos Estados Unidos requiriron que pezas tales coma convertedores catalíticos estivesen montadas nos coches denantes de que fosen vendidos nese país. A instalación destas pezas nas versións para Estados Unidos causou unha redución de 40 HP (41 CV) na entrega de potencia,[6] unha perda que prexudicou seriamente ao rendemento do DeLorean, e isto fixo que a versión para os Estados Unidos fose considerada decepcionante.

Aínda que as novas pezas instaladas no coche causaron reducións serias na entrega de potencia, a 130 HP (132 CV), algunhas fontes indican que con esta potencia o DeLorean é capaz de acadar unha velocidade máxima de 209 km/h.[34] Porén, outras indican que a súa velocidade máxima é de só 175 ou 177 km/h.[30][21]

Segundo DMC, o DeLorean con caixa de cambios manual podía acelerar de 0 a 60 mph (96,5 km/h) en 8,8 segundos,[35] pero en realidade son 9,5 segundos.[29] A revista Road & Track realizou unha proba na versión con cambio automático e o coche tardou 10,5 segundos en acelerar de 0 a 60 mph,[36] unha aceleración que naquela época xa se consideraba demasiado lenta para un deportivo.

Prezo e equipamento editar

 
Interior dun DeLorean con tapizaría de cor cinsenta e caixa de cambios manual.

O coche ía chamarse DMC-12 debido ao prezo que se planeou inicialmente para este modelo; US$ 12.000,[9] pero o seu prezo de venda acabou sendo de US$ 25.000[34][30] e 650 $ máis se estaba equipado con caixa de cambios automática.[29]

Houbo unha lista de espera de persoas dispostas a pagar ata US$ 10.000 por enriba do prezo de venda.[37] Porén, tras a quebra de DMC, os coches non vendidos podíanse adquirir por un prezo inferior ao orixinal.[38]

O interior do DeLorean estaba dispoñíbel con tapizarías de cor negra ou cinsenta. Todos os coches viñan de serie con retrovisores e alzavidros eléctricos, un equipo de música estéreo, ar acondicionado, asentos de pel e volante regulábel de coiro.[4]

Cambios na fabricación editar

O capó do DeLorean orixinalmente tiña rañuras en ambos lados e incluía unha tampa para simplificar o enchido do depósito de combustíbel. Estes coches xeralmente tiñan unha tampa de combustíbel con pechadura para evitar a manipulación ou o roubo de combustíbel cun sifón. En agosto de 1981, quitouse a tampa de combustíbel do capó (aínda que permaneceron as rañuras). Despois de que se esgotase a subministración de tampas con pechadura, a compañía empezou a colocar tampas de combustíbel sen pechadura (o que resultou en polo menos 500 coches sen tampa no capó, pero con tampa de combustíbel con pechadura). O estilo final para o capó incluíu a adición dun emblema DeLorean de metal fundido na esquina inferior dereita e a eliminación das rañuras, o que resultou nun capó completamente plano. Esta derradeira versión estaba en todos os coches modelo 1982-1983.[39]

Aínda que non se fixeron moitos cambios no deseño das pinas do DeLorean, as pinas dos coches fabricados a principios de 1981 estaban pintadas de cor cinsenta. Estas pinas lucían tampas centrais cinsentas a xogo cun logotipo de DMC en relevo. Poucos meses despois de iniciarse a fabricación en 1981, as pinas cinsentas foron substituídas por unhas con aspecto prateado puído e unha tampa central negra. O logotipo de DMC en relevo das tampas centrais pintouse de cor prateada para engadir contraste.[40]

DeLorean especiais editar

Os coches turbo de Legend Industries editar

 
Motor Legend biturbo do VIN 530.

A DeLorean Motor Company encomendoulle dous DeLorean biturbo a unha empresa chamada Legend Industries (con sede en Hauppauge, Nova York), os cales tiñan os números VIN 502 e VIN 530. Legend Industries instalou dous turbos IHI RHB52 e dous intercoolers no motor V6, aumentando a potencia até os 350 CV. Estes coches aceleraban de 0 a 60 mph (96,5 km/h) en 5,8 segundos e percorrían 1/4 de milla (402 m) nun tempo de 14,7 segundos.[41]

Nunha proba realizada no circuíto Bridgehampton Raceway en 1981, o DeLorean biturbo foi máis rápido ca un Ferrari 308 e un Porsche 928.[42] John DeLorean ficou tan impresionado co motor que se comprometeu a encomendar 5.000 motores á Legend Industries.

A DMC tamén encomendou dous DeLorean cun único turbo no motor (VIN 528 e VIN 558),[43] e planeaba ofrecer un motor turboalimentado como opción de US $ 7.500 en 1984.[29] Denantes de que calquera un dos 5.000 coches puidese ser producido, a DMC declarouse en quebra, o que levou á Legend Industries, así como outros provedores, á quebra tamén.[42]

DeLorean dourado editar

 
Un dos tres exemplares bañados en ouro no Museo Nacional do Automóbil de Reno, Nevada (Estados Unidos).

A DeLorean Motor Company realizou unha pequena serie especial do DeLorean, na cal os paneis de aceiro inoxidábel foron chapados en ouro de 24 quilates.[44] Tíñase planeado fabricar cen unidades desta serie especial, mais finalmente só se construíron tres unidades.[45] Dous destes coches foron usados nunha promoción das tarxetas de crédito American Express no Nadal de 1981 e despois foron vendidos por US$ 85.000 cada un.

O primeiro DeLorean dourado (VIN 4300) de American Express foi adquirido por Sherwood Marshall, un empresario e ex-oficial da Mariña Real Canadense. Marshall doou o seu DeLorean á Fundación William F. Harrah, e é exposto no Museo Nacional do Automóbil en Reno, Nevada.[46] Este é o único dos tres DeLorean chapados en ouro que foi equipado cunha transmisión manual, e ten o seu interior de cor bronceada.

O segundo DeLorean dourado (VIN 4301) de American Express foi adquirido por Roger Mize, o presidente do Banco Nacional de Snyder en Snyder, Texas.[44] Este DeLorean estivo exposto no banco durante máis de 20 anos denantes de ser enviado ao Museo Automotriz Petersen dos Ánxeles.[45] Ten o interior de cor negra, e está equipado cunha transmisión automática.[44]

O terceiro e último DeLorean chapado en ouro ten a placa VIN co número 20105, e foi vendido en La Vale, Maryland, con só 636 millas (1024 km) no seu hodómetro.[47] Está equipado cunha transmisión automática e, ao igual ca o VIN 4300, o seu interior é de cor bronceada.[47]

DeLorean co posto de condución á dereita editar

 
Un DeLorean co posto de condución no lado dereito.

Malia ter sido producidos en Irlanda do Norte, os DeLorean estaban dirixidos, perante todo, para o mercado estadounidense. Por iso, todos os exemplares producidos tiñan o posto de condución á esquerda (deseñados para seren conducidos pola parte dereita da estrada). Algúns deles (24 exemplares) foron convertidos para seren conducidos dende o asento dereito por mecánicos especialistas do Reino Unido, mais nunca foron producidos así por DMC, así que a popularidade deste modelo no Reino Unido foi moi limitada.

DMC sabía que era necesaria unha versión co volante no lado dereito para o mercado británico e para outros países como Irlanda, Australia ou o Xapón, por iso, aproximadamente 30 unidades do DeLorean foron enviadas a unha empresa chamada Wooler-Hodec (con sede en Andover, Inglaterra) e os 20 mellores coches debían ser convertidos para ter o posto de condución no lado dereito; porén, só se completaron 13 coches denantes de que DMC se declarase en quebra, o que posteriormente levou ao peche de Wooler-Hodec.[48]

Outros tres coches co volante á dereita autorizados pola fábrica (coñecidos como «coches AXI») foron construídos. Estes coches foron rexistrados e utilizados pola fábrica en Irlanda do Norte, con matrículas AXI 1697, AXI 1698 e AXI 1699 e teñen pequenas diferenzas en comparación cos coches modificados por Wooler-Hodec.[49]

Despois da quebra de DMC, moitos dos coches que aínda estaban na fábrica foron vendidos en varias poxas no Reino Unido, algúns dos cales foron convertidos por ex-traballadores de Wooler-Hodec e enxeñeiros de DMCL para seren conducidos polo lado esquerdo, o que resultou en oito conversións máis despois da fabricación.[50]

O DeLorean en Back to the Future editar

 
Réplica dun dos DeLorean utilizados na rodaxe das dúas primeiras películas da triloxía.
 
DeLorean orixinal usado na terceira película.

O DMC DeLorean é moi coñecido pola súa aparición como máquina do tempo na triloxía de Back to the Future (Regreso ó futuro na dobraxe feita en Galiza), unhas películas de ciencia ficción dirixidas por Robert Zemeckis e protagonizadas por Michael J. Fox e Christopher Lloyd. A razón principal de que fose elixido o DeLorean foi que estaba deseñado de xeito idóneo para incluír a broma sobre a familia de granxeiros que o confunden cunha nave espacial na primeira película. A máquina do tempo foi deseñada por Ron Cobb, Michael Scheffe e Andrew Probert.[51]

Durante a rodaxe da triloxía utilizáronse seis unidades do DeLorean,[52] ademais dun modelo de fibra de vidro a tamaño real para simular o voo no ar e outro a escala para rodar varias tomas. Os DeLorean usados en Back to the Future tiñan o motor V6 orixinal (cuxo son na película provén do motor V8 dun Porsche 928).[53] En Back to the Future Part III foron usadas dúas unidades equipadas con motores Volkswagen e chasis de buggy,[53] e nunha terceira unidade foron colocados explosivos para destruila no final da película, cando un tren golpea a máquina do tempo e a esnaquiza.[53]

Soamente tres dos seis coches usados nas películas aínda existen.[54] Universal Studios posúe dous dos coches restantes, os cales usa de cando en vez en exposicións ou para outras producións.[54] O terceiro coche, usado en Back to the Future Part III, foi restaurado e saíu a poxa en novembro de 2011,[55][56] sendo vendido por US$ 541.200 en decembro dese mesmo ano.[57]

Xoguetes editar

 
O DeLorean de Playmobil.

Pra o 35º aniversario de Back to the Future en 2020, varias marcas, de Playmobil a FunkoPop, lanzaron produtos exclusivos inspirados no DeLorean e os personaxes protagonistas da famosa película dirixida por Robert Zemeckis. Hot Wheels tamén lanzou unha pequena versión de coleccionista do DeLorean pra o 35.º aniversario, así como un DeLorean Elite para o 30.º aniversario de Back to the Future en 2015.

A marca Kids Logic lanzou un DeLorean magnético de Back to the Future Part II en xuño de 2020, que é capaz de levitar.

Produción de novos DeLorean editar

No ano 1995, o empresario inglés Stephen Wynne fundou unha pequena empresa adicada aos arranxos de coches DeLorean. Nos seus inicios, o seu lugar de traballo era un pequeno garaxe situado en Houston (Texas, Estados Unidos).[58] O negocio foi medrando e a compañía de Wynne estableceu a súa sede en Humble, Condado de Harris (Texas). Wynne comprou a marca rexistrada no logotipo estilizado de DMC, xunto co inventario de pezas restantes da DeLorean Motor Company orixinal.[59][60]

Tras a aprobación da Lei de fabricación de vehículos de baixo volume en decembro de 2015 (que permitía que as marcas que fabricasen menos de 325 unidades non tiveran que pasar polos trámites regulatorios que pasan as grandes empresas) DMC Texas anunciou que planeaba producir réplicas de automóbiles DeLorean. DMC anticipou a fabricación de aproximadamente 50 vehículos por ano durante seis anos cun prezo retallista estimado de US $ 100000.[61] Porén, DMC Texas atopou obstáculos como a reprodución de pezas (xa que non hai máis dispoñíbeis no inventario) e atopar un fornecedor de motores.[62]

Por mor dos atrasos da NHTSA en ratificar a lei, finalmente decidiuse cancelar o plan para construír DeLorean modernizados. Discutiuse sobre a construción dunha versión mellorada do DeLorean orixinal producido por DMC Texas para conmemorar o 40 aniversario, pero non se publicaron detalles.[63]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Espey, James (2014). The Illustrated Buyer's Guide to DeLorean Automobiles, p. 115–117.
  2. 2,0 2,1 James Espey (2014). The Illustrated Buyer's Guide to DeLorean Automobiles, p. 16.
  3. 3,0 3,1 Lamm, John (2003). DeLorean Stainless Steel Illusion (2ª ed.), pp. 94–95.
  4. 4,0 4,1 "Un coche que se adelantó a su tiempo". El Mundo. 23 de marzo de 2005. 
  5. Zimmerman, Martin (28 de xullo de 2007). "For the DeLorean, it's back to the present". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 9 de novembro de 2012. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 The Car: History. www.deloreanmuseum.org. Consultado o 2 de xuño de 2020.
  7. John Lamm (2003). DeLorean Stainless Steel Illusion, p. 23.
  8. John Lamm (2003). DeLorean Stainless Steel Illusion, p. 28.
  9. 9,0 9,1 DMC DeLorean: The troubled past of the car that went back to the future. www.cnn.com. Consultado o 5 de maio de 2021.
  10. Back in '77, we were amazed by the DeLorean prototype. www.roadandtrack.com. Consultado o 15 de agosto de 2020.
  11. Clarke, R. M. (1995). DeLorean: 1977–1995 Gold Portfolio, p. 50.
  12. John Lamm (2003). DeLorean Stainless Steel Illusion, pp. 38–39.
  13. Lamm, John (2003). DeLorean Stainless Steel Illusion, pp. 71–75.
  14. The Company. www.deloreanmuseum.org. Consultado o 1 de xullo de 2021.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 Knut Grimsrud. "DeLorean FAQ - Historic Information - DeLorean Production Numbers". Dmcnews.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2011. Consultado o 31 de maio de 2020. 
  16. John Lamm (2003). DeLorean Stainless Steel Illusion, pp. 83–84.
  17. "DeLorean Motor Files Bankruptcy - The New York Times". Nytimes.com. 26 de outubro de 1982. Consultado o 21 de agosto de 2020. 
  18. Conheça a curiosa e bizarra história do criador do icônico DeLorean (en portugués). Canaltech.com.br. Consultado o 21 de agosto de 2020.
  19. DeLorean is freed of cocaine charge by a Federal jury (17 de agosto de 1984). The New York Times. Consultado o 20 de maio de 2021.
  20. "Where did you get all those parts?". Delorean (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2011. Consultado o 31 de maio de 2020. 
  21. 21,0 21,1 Melissen, Wouter (21 de marzo de 2005). "DeLorean DMC-12". Ultimatecarpage (en inglés). 
  22. "DeLorean DMC-12 (1981)". Autozine.org. Consultado o 9 de novembro de 2012. 
  23. "DMC-12 Estimated Production Volumes by Month. Based on VIN Survey Information and Best Known Data" (PDF). Dmcnews.com. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de marzo de 2012. Consultado o 20 de novembro de 2012. 
  24. 24,0 24,1 Grimsrud, Knut. "DeLorean FAQ - Body Finish and Composition". Dmcnews.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2011. Consultado o 16 de setembro de 2020. 
  25. Grimsrud, Knut. "DeLorean FAQ - Care & Feeding - Stainless Steel Body Maintenance". Dmcnews.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2011. Consultado o 16 de setembro de 2020. 
  26. Grimsrud, Knut. "DeLorean FAQ – Historic Information – Door Design". Dmcnews.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2010. Consultado o 19 de setembro de 2020. 
  27. Grimsrud, Knut. "DeLorean FAQ – Vehicle Dimensions from Technical Manual, Workshop Manual". Dmcnews.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2021. Consultado o 16 de setembro de 2020. 
  28. 28,0 28,1 Knut Grimsrud. "DeLorean FAQ - Powerplant and Drivetrain". Dmcnews.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2013. Consultado o 9 de novembro de 2012. 
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 1981 DMC DeLorean. www.topspeed.com. Consultado o 18 de setembro de 2020.
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 D, Nick (10 de abril de 2016). "DeLorean DMC-12". Supercars.net (en inglés). Consultado o 14 de novembro de 2012. 
  31. Craig Cheetham. Classic American Cars: An Illustrated Guide, p. 119. Consultado o 7 de maio de 2021.
  32. Knut Grimsrud. "DeLorean FAQ – Weight and Balance from Technical manual". Dmcnews.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2021. Consultado o 26 de decembro de 2020. 
  33. James Espey (2014). The Illustrated Buyer's Guide to DeLorean Automobiles, p. 15.
  34. 34,0 34,1 "Especificacións do DeLorean DMC-12". Conceptcarz.com (en inglés). Consultado o 27 de maio de 2008. 
  35. Chris Parnham; Andrew Withers (2014). DeLorean Celebrating the Impossible, p. 293.
  36. John Lamm (21 de outubro de 2015). "1982 DeLorean DMC-12: The Vintage Road & Track Test". Road & Track. Arquivado dende o orixinal o 3 de agosto de 2017. Consultado o 30 de maio de 2021. 
  37. La extraodinaria vida de John DeLorean: el creador de uno de los coches más famosos del cine denostado por estafador Arquivado 01 de novembro de 2020 en Wayback Machine.. Elpais.com. Consultado o 13 de setembro de 2020.
  38. "1981 DeLorean DMC-12". www.conceptcarz.com. Consultado o 26 de agosto de 2020. 
  39. James Espey (2014). The Illustrated Buyer's Guide to DeLorean Automobiles, p. 22.
  40. James Espey (2014). The Illustrated Buyer's Guide to DeLorean Automobiles, pp. 25–26.
  41. "LEGEND TURBO - VIN 502". Enter my world. Consultado o 12 de agosto de 2014. 
  42. 42,0 42,1 R. M. Clarke (1995). DeLorean: 1977–1995 Gold Portfolio, pp. 137–143.
  43. DeLorean Legend Industries. www.pjgrady.co.uk. Consultado o 18 de setembro de 2020.
  44. 44,0 44,1 44,2 "The 24-Karat Gold Plated DeLorean Car". Big Texas. Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2011. Consultado o 03 de xuño de 2020. 
  45. 45,0 45,1 Tamir's DeLorean Site (ed.). "Gold DeLoreans". Enter my world. Consultado o 13 de decembro de 2012. 
  46. "DeLorean Owners Association Regional Chapter 41 (páxina 2)" (PDF). Dmcnews.com. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 1 de decembro de 2012. 
  47. 47,0 47,1 "Delorean for sale in La Vale, Maryland". Big Texas (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2011. Consultado o 03 de xuño de 2020. 
  48. Chris Parnham; Andrew Withers (2014). DeLorean Celebrating the Impossible. pp. 356–358. 
  49. Chris Parnham; Andrew Withers (2014). DeLorean Celebrating the Impossible. pp. 360–361. 
  50. Parnham, Chris; Withers, Andrew (2014). DeLorean Celebrating the Impossible, pp. 368–369.
  51. 25 curiosidades que seguro no sabías del DeLorean de Regreso al Futuro (en castelán). www.motor.es. Consultado o 13 de setembro de 2020.
  52. 5 fun facts you didn't know about the DeLorean from 'Back to the Future'. 6abc.com. Consultado o 4 de outubro de 2020.
  53. 53,0 53,1 53,2 "CREATING THE TIME MACHINE". Bttf.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2014. Consultado o 28 de agosto de 2014. 
  54. 54,0 54,1 "BTTF3 DeLorean: Where Are They?". Bttf3delorean.com (en inglés). Setembro de 2010. Consultado o 1 de xaneiro de 2011. 
  55. "BTTF3 DeLorean - Which car is this?". Bttf3delorean.com (en inglés). Consultado o 1 de decembro de 2012. 
  56. "DeLorean used in Back to the Future III going up for auction". Egmcartech (en inglés). 23 de novembro de 2011. Consultado o 1 de decembro de 2012. 
  57. "El mono de Steve McQueen se vende por un millón de dólares; el DMC-12 de Regreso al Futuro 3, por medio". Es.autoblog.com. Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2014. Consultado o 12 de agosto de 2014. 
  58. "El mítico DeLorean 'regresa al futuro". El País. 
  59. John Lamm (2003). DeLorean Stainless Steel Illusion. pp. 166–167. 
  60. John Lamm (2003). DeLorean Stainless Steel Illusion. pp. 166–175. 
  61. Brand-New DeLorean Replicas Are on the Way. www.roadandtrack.com. Consultado o 17 de setembro de 2020.
  62. Low Volume Production of DeLorean Cars Arquivado 07 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. www.delorean.com. Consultado o 17 de setembro de 2020.
  63. "Official: DeLorean returns with 300-mile Taycan rival for 2024".  www.autocar.co.uk.

Bibliografía editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar