David Mella

futbolista galego
(Redirección desde «David Mella Boullón»)

David Mella Boullón, nado en Espasande (Teo) o 23 de maio de 2005, é un futbolista galego que xoga como extremo dereito no Deportivo da Coruña, da Primeira División RFEF.

Mella
Información persoal
Nome David Mella Boullón
Nacemento 23 de maio de 2005
Lugar de nacemento Espasande
Posición Extremo esquerdo
Información de club
Club actual Deportivo da Coruña
Número 3
Carreira xuvenil
–2016 Bertamiráns
2016–2022 Deportivo da Coruña
2017–2018 San Tirso
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2021–2023 Fabril 38 (4)
2023– Deportivo da Coruña 23 (4)
Selección nacional
2020 España sub-15 3 (0)
2021–2022 España sub-17 15 (4)
2022 España sub-18 2 (1)
2024– España sub-19 5 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 23 de marzo de 2024.
Selección: actualizado a 26 de marzo de 2024.editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Fillo da antiga baloncestista Chus Boullón (Autopistas, Compañía de María, Pío XII)[1] e do antigo futbolista do Deportivo da Coruña Gonzalo Mella,[2] seguiu os pasos do pai, e con 10 anos ingresou na canteira do club coruñés, despois de destacar no Bertamiráns.[3][4] Foi subindo polas diferentes categorías inferiores do Deportivo e xogou cedido unha campaña no equipo infantil do San Tirso, ao tempo que as súas actuacións lle valían ser convocado habitualmente polas categorías inferiores da selección española.[3]

Na tempada 2020/21, aínda en idade cadete, militou no equipo xuvenil adestrado por Óscar Gilsanz, co que se proclamou campión da División de Honra e da Copa de Campións. No verán de 2021, con 16 anos, xogou un partido amigable co primeiro equipo do Deportivo, ante o Viveiro en Cantarrana.[5] Na seguinte campaña disputou a Liga Xuvenil da UEFA e marcou un gol na vitoria por 5-1 diante do Maccabi Haifa en segunda rolda.[6] Foi un dos xogadores máis destacados na seguinte eliminatoria, o histórico partido ante o Dynamo de Kíiv que congregou a 20.115 espectadores en Riazor, pero no que, con todo, o seu equipo caeu eliminado na quenda de penaltis.[7]

Á parte da competición europea, xogou a maior parte da tempada 2021/22 co Fabril, co que debutou xa na primeira xornada ante o Racing Vilalbés. Xogou un total de 24 encontros co filial, no que volveu ter como técnico a Gilsanz, e disputou sen éxito a fase de ascenso a Segunda División RFEF. Na tempada 2022/23 pasou varios meses lesionado, pero pechou a tempada dándolle ao Fabril o título de campión de Terceira, despois de marcar o gol da vitoria na derradeira xornada diante do Barco en Calabagueiros.[8][9]

Un mes despois do ascenso abríronselle as portas do primeiro equipo, co que debutou en partido oficial o 20 de maio de 2023, tres días antes de cumprir os 18 anos.[10] Foi na 37ª xornada da Primeira División RFEF, diante do Algeciras en Riazor, no regreso ao banco coruñés de Rubén de la Barrera trala destitución de Óscar Cano. Entrou ao campo na segunda parte, como substituto de Yeremay, nun partido que o Deportivo venceu por 4-0.[11] Na seguinte xornada, a derradeira da liga regular, foi titular no ataque coruñés.

Na tempada 2023/24 continuou con ficha do Fabril, pero pasou a formar parte do primeiro equipo. Na segunda xornada de liga marcou o segundo dos tres goles do seu equipo ante o Lugo no Anxo Carro, converténdose no segundo goleador máis novo da historia do Deportivo en categorías nacionais (con 18 anos, 3 meses e 10 días), só por detrás de Marcos Vales.[12] Aínda que perdeu varias xornadas por unha fractura no nariz e varios problemas físicos, as súas destacadas actuacións convertérono en peza fundamental do ataque do equipo coruñés e no novo ídolo da afección do Deportivo.[13][14] No mercado invernal pasou a ter ficha do primeiro equipo, co dorsal número 3.

Selección nacional editar

Habitual durante anos nas categorías inferiores da selección galega,[15] en 2020 debutou coas inferiores da selección española, nun partido do equipo sub-15 diante de Irlanda.[16] Entre 2021 e 2022 xogou 15 partidos coa selección española sub-17 e participou no Campionato Europeo da categoría, marcando un gol ante Serbia.[17] En 2022 debutou coa selección española sub-18 contra Turquía en Karacabey.[18] En xaneiro de 2024 debutou coa selección española sub-19, nun encontro amigable ante Italia en Manzano, na rexión de Friúl-Venecia Xulia.[19]

Notas editar

  1. Miranda, Carlos (2023-05-26). "David Mella, el cohete de una familia de pilotos". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2023-12-30. 
  2. "Gonzalo e David Mella: pasado, presente e futuro no Deportivo". Televisión de Galicia. 25 de maio de 2023. Consultado o 26 de maio de 2023. 
  3. 3,0 3,1 "David Mella, citado por la selección española sub-17" (en castelán). 10 de agosto de 2021. Consultado o 26 de maio de 2023. 
  4. "Chío do Bertamiráns FC". Twitter. 29 de novembro de 2016. Consultado o 26 de maio de 2023. 
  5. "El Deportivo se impone al Viveiro en Cantarrana" (en castelán). 31 de xullo de 2021. Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2023. Consultado o 26 de maio de 2023. 
  6. Lema, Jorge (3 de novembro de 2021). "La Youth League es la fiesta del Deportivo". As (en castelán). Consultado o 26 de maio de 2023. 
  7. "Os penaltis cortan inxustamente o soño de #ANOSACANTEIRA na UEFA Youth League (2-2)". 9 de febreiro de 2022. Consultado o 26 de maio de 2023. 
  8. Antelo, Iván (23 de abril de 2023). "El Fabril asciende a Segunda Federación con un gol de David Mella (0-1)". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 26 de maio de 2023. 
  9. "Campeonato y ascenso del Fabril en O Barco (0-1)" (en castelán). 23 de abril de 2023. Consultado o 26 de maio de 2023. 
  10. Lema, Jorge (22 de maio de 2023). "Mella, entre los debutantes más precoces de la historia del Depor". As (en castelán). Consultado o 26 de maio de 2023. 
  11. Núñez, Alfonso (20 de maio de 2023). "Deportivo 4 - Algeciras 0: De la Barrera devuelve la alegría al Dépor" (en castelán). Consultado o 26 de maio de 2023. 
  12. Pereira, Eder (3 de setembro de 2023). "David Mella, segundo goleador más joven en la historia del Deportivo". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 30 de decembro de 2023. 
  13. "Mella sube al primer equipo y Retu rescinde su contrato". El Español (en castelán). 1 de febreiro de 2024. Consultado o 2 de febreiro de 2024. 
  14. "David Mella enche de confianza un deportivismo necesitado de referentes". Televisión de Galicia. 22 de xaneiro de 2024. Consultado o 2 de febreiro de 2024. 
  15. "O galego David Mella recibe a chamada da Selección Española Sub 17" (en castelán). 11 de xaneiro de 2022. Consultado o 26 de maio de 2023. 
  16. "Mella arrancou no once inicial de España sub-15 en San Pedro del Pinatar". 30 de xaneiro de 2020. Consultado o 26 de maio de 2023. 
  17. "España - Serbia". UEFA (en inglés). Consultado o 26 de maio de 2023. 
  18. "Mella, titular hoxe ante Romanía, adxudícase con España sub-18 o Torneo IV Nacións de Turquía". 26 de setembro de 2022. Consultado o 26 de maio de 2023. 
  19. "España sub 19 gana a Italia con Kevin y Mella". La Opinión A Coruña (en castelán). 18 de xaneiro de 2024. Consultado o 22 de febreiro de 2024. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar