Damaliscus pygargus

(Redirección desde «Damalisco de fronte branca»)

Damaliscus pygargus
Damalisco de fronte branca

Damaliscus pygargus en Namibia
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Alcelaphinae
Tribo: Alcelaphini
Xénero: Damaliscus
Especie: D. pygargus
Nome binomial
Damaliscus pygargus
(Pallas, 1767)
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
  • Antilope pygargus Pallas, 1767
  • Damaliscus dorcas Pallas, 1767

Damaliscus pygargus,[1] coñecido vulgarmente na bibliografía como damalisco de fronte branca ou polo seu nome inglés bontebok, é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos alcelafinos e tribo dos alcelafininos.

É un antílope de tamaño grande estreitamente relacionado co sasabi e co topi, cos que comparte xénero. Na actualidade recoñécense dúas subespecies deste antílope.

Taxonomía editar

A especie foi descrita por primeira vez en 1767 polo médico, zoólogo e botánico alemán Peter Simon Pallas baixo o nome de Antilope pygargus. Ao logo do tempo tamén foi coñecida como Antilope dorcas, e foi integrada posteriormente no xénero Alcelaphus,[1] e, en 1992, en Damaliscus por P. F. Woodall.[2][3][4]

O nome válido desta especie é Damaliscus pygargus, non Damaliscus dorcas que aparece comunmente na literatura.[5][6][7]

Subespecies editar

Na actualidade recoñécense dúas subespecies ben diferenciadas:.[7]

  • Damaliscus pygargus pygargus (Pallas, 1767) - (chamado bontebok en inglés)
  • Damaliscus pygargus phillipsi (Harper, 1939) - (chamado blesbok en inglés)

As dúas foron consideradas por algúns autores como especies separadas,[8][9] son consideradas hoxe como conespecíficas pola maioría dos autores.[1][7]

Características editar

As principais características anatómicas da especie son:[10]

  • Antílope grande, aínda que sensibelmente menor que o topi.
  • Altura na cruz: de 83 a 99 cm; peso, de 60 a 100 kg.
 
Femia e cría de D. pygargus pygargus.
 
D. pygargus phillipsi no zoo de Praga.
  • Coloración xeral parda avermellada cunha tonalidade purpúrea, que se torna parda amarelada rubia cunha tonalidade prateada nos ombros e no dorso.
  • Presenta unha rechamante zona branca desde a base dos cornos até o fociño (ao que debe o seu alcume de fronte branca), sendo a parte que queda por riba dos ollos máis estreita.
  • A parte traseira das ancas é pálida ou de cor branca, así como as partes inferiores. As patas son parcialmente brancas cunha raia escura na parte dianteira das patas anteriores e nunha marca nas posteriores.
  • Os cornos, presentes en ambos os sexos, son máis ben pequenos (de 38 a 50,8 cm), fortemente anelados e suavemente curvados cara a atrás e cara a fóra, coas puntas recurvadas cara a arriba.

Variacións interespecíficas editar

  • Damaliscus pygargus pygargus é maior, máis escuro e máis ricamente coloreado; a banda facial branca é usualmente continua desde a base dos cornos até o fociño, máis estreita entre os ollos; a mancha branca nas ancas é grande; a parte inferior das patas é na súa maior parte branca.
  • Damaliscus pygargus phuillipsi é menor e máis claro; a banda facial branca habitualmente está interrompida por unha banda escura e estreita entre os ollos; a mancha das ancas é parda clara, pouco conspicua, só a base da cola é branca pura; a parte inferior das patas na súa maior parte é escura.[10]

Bioloxía editar

Hábitat e distribución editar

Damaliscus pygargus é unha especie moi característica das pradarías abertas da meseta do highveld surafricano, até os 2.000 m de altitude (D. p. phillipsi), e da zona costeira do Cabo (D, p. pygargus).[11] Ambas a subespecies son case exclusivamente herbívoras, con preferencia polo pasto; a auga é un requirimento esencial do seu hábitat.[7]

O blesbok historicamente estivo distribuído polo norte da antiga provincia do Cabo, o Estado Libre de Oranxe, o sur o o oeste do Transvaal e polo Natal occidental, e era moi abundante. Cando se colonizaron estas zonas o seu número decreceu de forma considerábel. Porén, desde aquela houbo un rexurdimento das súas poboacións, xa que moitos granxeiros repoboaron as súas propiedades e establecéronse poboacións en moitas reservas. Por isto agora é francamente abundante, e utilízase para a subministración de carne en grande escala.[10]

O bontebok nunca foi numeroso dentro da súa área orixinal de distribución, no suroeste da antiga provincia do Cabo. Ademais, a caza diminuíu drasticamente o seu xa escaso número, chegando ao bordo da extinción no século XIX, da que se salvou grazas á protección exercida por algúns granxeiros privados. Actualmente está protexido no Bontebok National Park e nalgunhas granxas privadas. Dun mínimo de menos de 20 animais no orixinal P. B. Bontebok (establecido preto de Bredasdorp en 1931) a poboación deste antílope foi recuperándose pouco a pouco. En 1962 a súa poboación total estimábase nunhas 600 cabezas, e en 1981 xa se alcanzaran as 320. Animais sobrantes deste Parque Nacional formaron o núcleo de poboacións reintroducidas noutras áreas protexidas.[7][10]

O blesbok estaba establecido antigamente non oeste de Lesoto, pero foi exterminado antes de 1900.[12] Non hai ningunha evidencia histórica confiábel de que o blesbok vivira en Eswatini, pero se introduciu en varias zonas protexidas deste país. Así mesmo se introduciu extensamente en granxas privadas e coutos de caza fóra da súa área de distribución natural en Namibia, Botswana e Cimbabue.[7]

Costumes editar

O damalisco pigargo vive en grupos de 6 a 30 individuos, pero ás veces poden reunirse en rabaños de até varios centos de cabezas. Cando son perturbados, o rabaño foxe adoito formando unha fila india correndo contra o vento.[10]

Ameazas editar

Damaliscus pygargus, como especie, non parece ter importantes ameazas para a súa supervivencia a longo prazo. Porén, mentres que os efectivos de bontebok (D. p. pygargus) están recuperándose pouco a pouco, esta subespecie está ameazada por hibridación co blesbok (D. p. phillipsi), que é moito máis numeroso, e que foi reintroducido amplamente, tamén fóra da súa área de dispersión orixinal. A mestizaxe produciu numerosos híbridos en terreos privados. Utilízase unha técnica estatística baseada na fotografía aérea para diferenciar o verdadeiro bontebok dos híbridos bontebok/blesbok.[13]

Poboación e estado de conservación editar

East, en 1999, estimou que a poboación total de blesbok (D. p. phillipsi) era de entre 235.000 e 240,000 individuos, dos cales o 97 % vivían en granxas privadas e o 3 % restante en zonas protexidas, e duna 2.300 o número de bontebok (D. p. pygargus) que, ao parecer estaba medrando.[11] Estimacións recentes cifran o seu número en ao redor de 3.500; porén, en base a recontos feitos en 2001, na só uns 1.500 animais vivían na súa orixinal área de dispersión da subespecie. A maior parte da súa poboación está na Reserva Natural de De Hoop, e na zona adxacente de Overberg, cuns 700 espécimes.[7]

O bontebok (D. p. pygargus) figura no Apéndice II do CITES. Porén, o estrito control do seu comercio parece que este non afecta negativamente á súa poboación, que está medrando.[14]

O valor económico e a popularidade do blesbok en terreos privados permitiu a esta subespecie volver a ocupar grandes áreas da súa distribución orixinal; ademais tamén se estableceron poboacións substancias da subespecie en terreos privados fóra dela en Suráfrica e noutros lugares. Porén, a supervivencia dos bontebok é máis dependente das áreas protexidas, especialmente o Parque Nacional Bontebok e a Reserva Natural de De Hoop, aínda que algúns espécimes tamén viven en propiedades privadas tanto dentro como fóra da súa área anterior.

Por todo isto, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza cualifica na actualidade o status global da especie como LC (pouco preocupante).[7]

Galerías editar

Bontebok (Damaliscus pygargus pygargus) editar

Blesbok (Damaliscus pygargus phillipsi) editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Wilson, Don E. & Reeder, DeeAnn M., eds. (2005): Damaliscus pygargus en Mammal Species of the World.
  2. Damaliscus dorcas Pallas 1766 (bontebok) Arquivado 04 de novembro de 2014 en Wayback Machine. en Fossilworks.
  3. P. F. Woodall (1992): "Relative heart weights of some African antelope". Journal of Zoology 228: 666-669.
  4. Groves, Colin & Peter Grubb (2011): 'Tribe Alcelaphini' in Wallace, 1876 en Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  5. Grubb, P. (1999): "Types and type localities of ungulates named from southern Africa". Koedoe 42: 13-45.
  6. Grubb, P. (2005): "Artiodactyla". En: D. E. Wilson and D. M. Reeder (eds), Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 3rd ed, pp. 637-722. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 7,7 Lloyd, P. & David, J. (2008): Damaliscus pygargus na Lista Vermella da IUCN. Versión 2014.2
  8. Allen, G. M. (1939): "A checklist of African mammals". Bulletin of the Museum of Comparative Zoology 83: 1-763.
  9. Essop, M. F., Harley, E. H., Lloyd, P. H. & van Hensbergen, H. J. (1991): "Estimation of the genetic distance between bontebok and blesbok using mitochondrial DNA". South African Journal of Science '87: 271-273.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 230-232.
  11. 11,0 11,1 East, R. (1999): African Antelope Database 1999. IUCN, Gland, Switzerland and Cambridge, UK.
  12. Lynch, C. D. (1994): "The mammals of Lesotho". Navorsinge van die Nasionale Museum Bloemfontein 10 (4): 177-241.
  13. Fabricius, C., Van Hensbergen, H. J. and Zucchini, W. (1989): "A discriminant function for identifying hybrid bontebok x blesbok populations". South African Journal of Wildlife Research 19: 61-66.
  14. Friedmann, Y. and Daly, B. (2004): Red Data Book of the Mammals of South Africa: A Conservation Assessment. Conservation Breeding Specialist Group (SSC/IUCN) and Endangered Wildlife Trust, Parkview, South Africa.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Groves, Colin & Peter Grubb (2011): 'Tribe Alcelaphini in Wallace, 1876 en Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo I. África (Región etiópica). Pamplona: Salvat, pp. 104–114.
  • Wilson, D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar