A Dama de Baza é unha escultura ibera do século -IV, labrada en pedra calcaria policromada polos bastetanos. Atópase exposta no Museo Arqueolóxico Nacional de España, en Madrid

Dama de Baza
ArtistaBastetanos
DataPrimeira metade do século -IV
TécnicaEscultura de pedra arenisca policromada
Dimensións133,5 cm cm × 108 cm cm
LocalizaciónMuseo Arqueolóxico Nacional (Madrid)

Achado editar

Esta obra foi atopada o 21 de xullo de 1971 polo arqueólogo Francisco Presedo no Cerro do Santuario, necrópole da antiga Basti (Baza), na provincia de Granada (España). O propietario da leira onde se descubriu, reclamou xudicialmente, recoñecéndoselle que era súa e debía ser indemnizado coa metade do seu valor económico, ao ser declarado ben protexible.[1]

Estaba dentro dunha cámara funeraria de 2,60 e 1,80 m de profundidade, onde había ademais unha ánfora púnica que se comunicaba coa superficie por medio dun embude, a través do cal seguramente se facían dende o exterior libacións como ofrendas líquidas. Isto indica que se profesaba culto á persoa alí enterrada.

 
Obxectos metálicos achados xunto á Dama (M.A.N.)

Diante da dama había un pequeno amoreamento de armas queimadas e outros obxectos que formaban a panoplia dun guerreiro. Os arqueólogos, baseándose nisto, chegaron á conclusión de que podería tratarse do enterramento dun importante guerreiro. Porén, estudos realizados por Trancho e Robledo nos restos atopados no interior da Dama revelan que estes pertenceron a unha muller, que superou os vinte anos, pero probablemente non pasou dos trinta. Non é o único caso de enterramentos de mulleres con armas no seu enxoval funerario.[2]

As teorías que se barallan son que podería terse tratado dunha guerreira divinizada (en relación ás falcatas e outras armas atopadas no xacemento) ou dunha raíña-sacerdotisa. Aínda que o carácter sacro da persoa alí enterrada é máis que evidente, non o é tanto o seu carácter guerreiro. É posible que devanditas falcatas sexan simples ofrendas ou demarcadores do prestixio social do que gozaba a persoa alí enterrada (debido ao custosa que era a elaboración dunha destas «espadas»), polo que se tende a pensar que se tratase con máis probabilidade dunha figura feminina de grande importancia social, como unha raíña ou feiticeira.

Descrición editar

 
Detalle da Dama de Baza.

A dama está sentada nun trono que ten unhas ás bastante longas no respaldo. As patas dianteiras do trono son gadoupas de león. A superficie está rematada coa técnica do estuco e pintada despois en azul, vermello, marrón e negro, todo iso aglutinado con xeso.

O seu rostro mostra unhas faccións mediterráneas. Ten o pelo negro, con dúas grandes ondas laterais que asoman por baixo dun tocado composto por unha cofia ou tiara que cobre parcialmente as orellas e que ademais está decorada con tres bandas. Leva uns pendentes de gran tamaño que están ocos e que colgan directamente do lóbulo da orella. O pescozo está cuberto por catro gargantillas e a continuación loce un colar formado por contas en forma de tonel ao que se enganchan cinco colgantes. Outro gran colar móstrase con tres pezas en forma de corazón. Nos dedos ten numerosos aneis e en cada boneca pódense ver varios aros.

Notas editar

  1. La Vanguardia Española, 12 de abril de 1974
  2. Prodesin, proyectos y desarrollos en. "La Dama de Baza, armas de mujer íbera". www.revistaadios.es (en castelán). Consultado o 17 de decembro de 2020. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Francisco J. Presedo Velo, «La Dama de Baza», Trabajos de prehistoria vol. 30, n.º 1, 1973, páxs. 151-216. ISSN 0082-5638