Daifugō (大富豪, Gran Millonario) ou Daihinmin (大貧民, Indixente Máximo) é un xogo de cartas xaponés para 3 ou máis xogadores cunha baralla estándar de 52 cartas. O obxectivo deste xogo é eliminar as cartas da man tan axiña como sexa posible mentres se xogan progresivamente cartas máis fortes ca as do xogador anterior. O vencedor denomínase daifugō (gran millonario) e recibirá vantaxes na seguinte rolda, e a última persoa chámase daihinmin (indixente máximo). Na seguinte rolda, os gañadores intercambian unha ou máis cartas innecesarias por outras de máis valor que posúen os perdedores.

O xogo é moi semellante ao xogos chineses como o Big Two e o Zheng Shangyou, ao xogo vietnamita Tien Len, e a xogos occidentais como Presidente ou Cu. Ao igual ca outros xogos de cartas, hai moitas variantes e regras.

Regras básicas editar

Velaquí as regras que se fixeron populares en Estados Unidos e no resto do mundo por Tokyopop, e que aparecen no segundo volume do manga Fruits Basket. Son regras básicas que intentan condensar o xogo nos seus elementos principais. Xa que os xogos de cartas deste estilo son ensinados e evolucionados por vía oral, o xogo conta con variantes dependendo do lugar.

Títulos especiais editar

Existen cinco títulos especiais para os xogadores xunto aos seus equivalentes europeos e americanos:

  • Daifugō (gran millonario) - O gañador da rolda previa (Presidente)
  • Fugō (millonario) - Segundo lugar na rolda previa (Vicepresidente)
  • Heimin (común) - Xogadores cun lugar decente na rolda previa (Neutral)
  • Hinmin (indixente) - Penúltimo na rolda previa. (Vicecú)
  • Daihinmin (indixente máximo) - Perdedor da rolda previa (Cu)

Algúns apuntamentos:

  • Na primeira rolda, todo o mundo é heimin. O repartidor será decidido aleatoriamente.
  • Dependendo do número de xogadores, moitos xogadores poden ser heimin, ou mesmo o xogo pode non ter heimin. Nun xogo de 3 xogadores, non hai fugō nin hinmin.
  • Tras cada rolda, os xogadores deben erguerse e cambiar asentos para que o daihinmin reparta, e todo o mundo debe sentar en sentido horario por orde dos seus títulos, co daifugō na esquerda do repartidor e o hinmin na dereita (variantes occidentais non seguen esta regra).

Antes do xogo editar

daihinmin mestura e distribúe as cartas. Todas as cartas son repartidas ata que non quede ningunha, en sentido horario. Os comodíns e outras cartas extra empréganse para asegurarse de que as cartas se reparten de forma xusta. Alternativamente, pódese repartir de forma que o xogador máis "rico" teña menos cartas co fin de que sexa máis doado manter o seu dominio.

Tras seren repartidas, o daihinmin debe entregar as súas 2 cartas máis fortes ao daifugō, mentres o hinmin debe entregar a súa carta máis forte ao fugō. O daifugō e o fugō entón analizan as cartas recibidas e devolven as cartas (2 e 1 respectivamente) que non queren. Este proceso coñécese como zeikin (tributación).

O xogo editar

O xogador á esquerda do repartidor comeza colocando calquera número de cartas do mesmo valor (1-4, 5 ou máis se hai comodíns). O xogador á esquerda pode xogar o mesmo número de cartas agrupadas cun valor igual ou superior, ou tamén pode pasar. (Nalgunhas variantes, permítense colocar cartas do mesmo valor que as últimas cartas xogadas, o cal provoca que o xogador inmediatamente seguinte non poida xogar). Observemos que se debe xogar o mesmo número de cartas que o primeiro en xogar. Se o que comeza bota un par, só se poderán botar pares. Se empeza cun trío, só tríos. Isto continúa ata que todos os xogadores pasan ou ata que un ou máis 2 sexan xogados, como o 2 é o que ten o valor máis alto, nada pode derrotalo. A última persoa en botar carta é a que comeza liderando a seguinte xogada.

Notas do xogo:

  • A xerarquía é diferente á maioría dos xogos occidentais; o 2 é o maior valor e é invencible. O as é o seguinte máis poderoso, logo o rei etc. De xeito que o máis pequeno é o 3. Algunhas variantes permiten colocar un 2 en calquera combinación, aínda que normalmente se requiren o mesmo número de 2 que cartas comezaron a xogada. Outras variantes permiten que un 2 en concreto sexa superior ao resto de 2 podendo botarse por riba destes.
  • Cando un xogador pasa, isto non os limita de ningunha forma de xogar despois, mesmo na mesma xogada. Nalgunhas variantes, porén, o xogador que pasa, non pode volver xogar na mesma xogada.
  • Os xogadores poden pasar en calquera momento, mesmo se contan con cartas que poidan ser xogadas.
  • O número de cartas que pode liderar calquera xogada só depende das cartas na man do xogador e da súa estratexia.

Final da rolda editar

Cando un xogador queda sen cartas, el ou ela deixa de xogar no resto da rolda, mais os demais xogadores poden continuar para atinxir os seus títulos.

Nas regras tradicionais, unha vez que os títulos son decididos, todo o mundo debe erguerse e moverse. O daihinmin é o repartidor, e o resto de xogadores deben reorganizarse por orde do seu título no sentido horario. A meirande parte das variantes occidentais non obrigan ao cambio de sitio, malia que o xogo sempre comeza polo daifugō.

Gañar a partida editar

Normalmente o gañador é quen queda de daifugō ao final do xogo, se ben pode empregarse un sistema de puntuación, onde o fugō e o daifugō adquiren 1 e 2 puntos respectivamente cada rolda.

Estratexia básica editar

A estratexia básica do Daifugō é moi sinxela, os xogadores tentan eliminar as súas cartass máis febles primeiro de forma que ao final só lles queden na man as cartas de máis valor. Se un xogador queda cunha carta baixa, vaille resultar moi difícil poder xogala e baleirar a man. Porén, como gañar unha xogada permite ao líder botar a carta que prefira, unha carta feble pode manterse para o final.

Non obstante, cando se intenta previr que un xogador con poucas cartas libre as mans, o xogador que o precede pode intentar bloquealo xogando unha carta ou combinación de valor alto mesmo se unha combinación máis feble está dispoñible.[1]

Notas editar

  1. "Daifugō" (en inglés). 2017-10-31.