DVD-Audio

(Redirección desde «DVD Audio»)

DVD-Audio (tamén chamado DVD-A) é un formato de disco de son para gravación de son en alta definición. DVD-A non foi creado para gravar vídeo, e non debe confundirse cun DVD con música. Os primeiros discos saíron ao mercado no 2000, para combater con Super Audio CD (SACD), que é outro formato para gravación de son en alta definición, mais ningún dos dous tiveron moita fortuna.

Foi desenvolto por Pioneer e Matsushita, en colaboración doutras empresas.

O DVD-A pertence á familia do DVD (aparecido en 1997), que inclúe tamén o DVD-Vídeo (DVD), o DVD-ROM, o DVD-R e o DVD-RAM.

O DVD-A utiliza a modulación por impulsos codificados (PCM) para codificar o son (de forma dixital). Admite 6 frecuencias de mostraxe:

  • 44,1 kHz e os seus múltiplos: 88,2 kHz (44,1 kHz x2) e 176,4 kHz (44,1 kHz x4).
  • 48 kHz e os seus múltiplos: 96 kHz (48 kHz x2) e 192 kHz (48 kHz x4).

A resposta en frecuencia do DVD-A depende da frecuencia de mostraxe empregada, tal e como demostra o Teorema de Nyquist-Shannon. Non obstante, na práctica, os reprodutores aplican un filtro pasabaixo que atenúa progresivamente o sinal a partir dos 20 kHz, o límite de audición humana. Na práctica o ancho de banda útil (audible) é o mesmo que o do CD-Audio (que ten unha frecuencia crítica de 22,05 kHz, aínda que tamén se encontra filtrado desde os 20 kHz). En ningún caso pode ser comparado por este motivo (a frecuencia de mostraxe) co outro formato co que compite en alta definición de son, o SACD, dado que a tecnoloxía empregada é outra: DSD con Noise Shaping.

O rango dinámico teórico que pode admitir o DVD-A cunha cuantificación de 24 bits é duns 146,24 dB, mais na práctica é difícil que un conversor exceda unha relación sinal-ruído de 120 dB. Supera os 98,09 dB teóricos do CD e iguálase na práctica co SACD só na banda audible (ata 20 kHz), dado que a relación sinal-ruído do SACD non é constante respecto da frecuencia, con 120 dB tamén. En todo caso, a mellora audible, excepto polo potencial multicanle, é moi discutible respecto do CD-Audio e comprobouse inexistente respecto do SACD.[1][2]

Especificacións editar

DVD-A pode ser almacenado en diferentes combinacións:

  16-, 20- ou 24-bit
44.1 kHz 48 kHz 88.2 kHz 96 kHz 176.4 kHz 192 kHz
Mono (1.0) Si Si Si Si Si Si
Estéreo (2.0) Si Si Si Si Si Si
Estéreo (2.1) Si Si Si Si Non Non
Estéreo + mono surround (3.0 or 3.1) Si Si Si Si Non Non
Quad (4.0 or 4.1) Si Si Si Si Non Non
3-estéreo (3.0 or 3.1) Si Si Si Si Non Non
3-Estéreo + mono surround (4.0 or 4.1) Si Si Si Si Non Non
Full surround (5.0 or 5.1) Si Si Si Si Non Non

Veñen determinadas pola resolución da cuantificación linear do DVD-A, que pode ser de 16, 20 ou 24 bits e permite até 6 canles de son. Os reprodutores DVD-A utilizan a técnica SMART (System Managed Audio Resource Technique) para pasar da reprodución de son multicanle a unha reprodución estéreo.

Un DVD-A (de diámetro idéntico ao CD e ao DVD e de aspecto similar) pode ofrecer até 622 minutos de música. Esa é a súa principal vantaxe con respecto ao SACD (74 minutos x capa, máximo 222 minutos nos SACD híbridos) e CD (74 minutos).

Para manter a compatibilidade cos lectores CD convencionais, o DVD-A utiliza discos de dobre capa.

  1. A capa superior, semitransparente, é lida por un láser cunha lonxitude de onda curta.
  2. A capa inferior (que le un láser cunha lonxitude de onda máis longa que alcanza maior profundidade) contén a mesma información pero codificada de forma que poida ser lida por un reprodutor de CD convencional.

Un DVD-A poderá ser lido por un reprodutor de CD e, por ende, por un reprodutor DVD universal; mais, un DVD-A non é soportado actualmente (2005) polos lectores DVD-Vídeo, pois os sistemas de compresión que utilizan non son compatibles.

O DVD-A usa como código canle o MLP (Meridian Lossless Packing) que é un tipo de compresión sen perdas, é dicir, reduce a densidade de datos sen desprezar ningunha información. Esta compresión sen perdas convérteo nun formato de alta fidelidade para son.

Para evitar a piratería, os DVD-A inclúen unha “marca de auga” na súa trama de datos.

Os discos DVD-Audio V son uns discos similares aos DVD-A (DVD-Audio), pero que conteñen ademais obxectos de vídeo (videoclips, entrevistas etc). O son do DVD-Audio V xa non está codificado con MLP, senón que utilizan o códec AC-3. Estes discos reprodúcense nun lector universal ou de son, pero, para ver a información de vídeo, hai que reproducilo nun DVD-Vídeo.

Notas editar