Dólar de prata do centenario de Eisenhower

moeda conmemorativa estadounidense de 1990
Para outras moedas dun dólar dedicadas a Eisenhower, véxase Dólar Eisenhower e Dólar presidencial
Dólar de prata do centenario de Eisenhower
A/: Dous perfís superpostos de Eisenhower. Data; marca de ceca.

Lendas: EISENHOWER CENTENNIAL / 1890-1990 / LIBERTY / IN GOD WE TRUST

R/: Casa de Eisenhower en Gettysburg.

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / ONE DOLLAR / EISENHOWER HOME / E PLURIBUS UNUM

O dólar de prata do centenario de Eisenhower é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1990 e cuñada polas Cecas de Filadelfia e de West Point.

Esta moeda foi autorizada pola Lei 100-467, do 3 de outubro de 1988,[1] pola que se creaba unha moeda conmemorativa do centenario do nacemento de Dwight D. Eisenhower (1890-1969), o 34º presidente dos Estados Unidos de América (1953-1961).[2]

Deseño editar

No anverso da moeda, deseñado e gravado polo gravador da US Mint John Mercanti, reprodúcense dous retratos de perfil superpostos de Dwight D. Eisenhower, orientados cara a lados opostos: en primeiro termo e cara á dereita como presidente, e detrás del e cara á esquerda como xeneral de cinco estrelas. A dobre data da moeda, 1890-1990, alude ao mesmo tempo á celebración do centenario e ao ano de emisión.[2][3]

Pola súa banda, o reverso, obra de Marcel Jovine, representa unha vista exterior da casa de Eisenhower no Sitio Histórico Nacional de Gettysburg, Pensilvania.[2][3]

Produción e comercialización editar

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de catro millóns de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de West Point na súa versión estándar e na Casa da Moeda de Filadelfia cun ababamento especial (proof),[3] e estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación a partir do 16 de xaneiro de 1990.[2]

A súa produción foi de 241.669 moedas na súa condición estándar e 1.144.461 en versión proof, o que fai un total de 1.386.130 exemplares, lonxe da tiraxe máxima autorizada.[4]

A moeda comercializouse aos prezos de 26 dólares en condición estándar e 29 en versión proof, e o beneficio conseguido coa súa venda destinouse en parte á Sociedade Histórica do Tribunal Supremo (Supreme Court Historical Society) e tamén á redución da débeda pública.[2][3]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar