Dólar de prata do campo de batalla da guerra civil estadounidense

moeda conmemorativa estadounidense de 1995
Dólar de prata do campo de batalla
da guerra civil estadounidense
A/: Un soldado dá de beber a un inimigo ferido. Data e marcas de ceca e de gravador.

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST

R/: Cita de Joshua Chamberlain, sobre o campo de batalla de Gattysburg. Marca de gravador.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR

O dólar de prata do campo de batalla da guerra civil estadounidense é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1995 e cuñada polas Casas da Moeda de San Francisco e de Filadelfia.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 102-379, do 5 de outubro de 1992,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha serie de moedas para conmemorar o centenario do inicio da protección dos campos de batalla da guerra civil estadounidense, [2] co establecemento do Parque Militar Nacional de Gettysburg en 1895.[3]

Xunto coa moeda dun dólar de prata, as moedas que completan a serie conmemorativa ao abeiro da mesma lei son a de cinco dólares de ouro e a de medio dólar, de cobre revestido con níquel.[1][4]

Deseño editar

No anverso da moeda, deseñado e gravado por Don Troiani, represéntase a escena dun soldado de Infantaría achegando unha cantimplora de auga aos beizos dun inimigo ferido. Sobre eles a inscrición LIBERTY ("Liberdade"). Completan as lendas o lema IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") característico das moedas estadounidenses, e tamén figura no anverso a data de emisión da moeda.[2][3]

Pola súa banda, o reverso, obra de John M. Mercanti, reproduce o outeiro de Little Round Top, no campo de batalla de Gettysburg, e sobre el unha cita de Joshua Chamberlain (1828-1914), un dos heroes da Batalla de Gettysburg: IN GREAT DEED SOMETHING ABIDES. / ON GREAT FIELDS SOMETHING STAYS. / FORMS CHANGE AND PASS: BODIES DISAPPEAR; / BUT SPIRITS LINGER TO CONSECRATE GROUND / FOR THE VISIONPLACE OF SOULS. / - JOSHUA CHAMBERLAIN ("Nos grandes feiros, algo permanece. Nos grandes campos, algo permanece. As formas cambian e pasan: os corpos desaparecen; pero os espíritos permanecen para consagrar a terra para a visión das almas"). Este motivo do reverso está rodeado polas lendas alusiva ao nome do país e ao valor facial da moeda, así como o lema E PLURIBUS UNUM.[2][3]

Produción e comercialización editar

A lei que autorizou a emisión deste dólar conmemorativo prevía unha tiraxe máxina dun millón de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de San Francisco se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof).[2][3] A emisión foi presentada e posta ao dispor do público o día 31 de marzo de 1995.[2]

A súa produción foi de 45.866 moedas na súa condición estándar e 330.002 en versión proof, o que fai un total de 375.868 exemplares.[4][3]

Este dólar conmemorativo comercializouse aos prezos de 29 dólares en condición estándar e 34 en versión proof.[3] Consonte a lei que autorizou esta emisión, os beneficios acadados coa súa comercialización foron destinados á Fundación de Campos de Batalla da Guerra Civil (Civil War Battlefield Foundation), para colaborar no financiamento da conservación destes lugares de alto valor histórico.[2][3]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar