Dólar de prata do 50 aniversario do Monte Rushmore

moeda conmemorativa estadounidense de 1991
Dólar de prata do 50 aniversario do
Monte Rushmore
A/: Vista do Monte Rushmore; debaixo, pólas de loureiro. Data e marcas de gravador (MWS e CYM).

Lendas: LIBERTY / GOLDEN ANNIVERSARY / MOUNT RUSHMORE NATIONAL MEMORIAL / IN GOD WE TRUST

R/: Gran Selo dos EEUU con raios de sol sobre o contorno do país. Marcas de ceca e gravador (FG).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / SHRINE OF DEMOCRACY / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR

O dólar de prata do 50 aniversario do Monte Rushmore é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1991 e cuñada polas Casas da Moeda de Filadelfia e de San Francisco.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 101-332, do 16 de xullo de 1990,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha serie de moedas en homenaxe ao Monte Rushmore, en conmemoración do seu 50 aniversario.[2]

Xunto coa moeda dun dólar de prata, as moedas que completan a serie conmemorativa ao abeiro da mesma lei son a de cinco dólares de ouro e a de medio dólar, de cobre revestido con níquel.[1][3][4]

Deseño editar

 
O Monte Rushmore nunha perspectiva semellante á reproducida no anverso da moeda conmemorativa.

No anverso da moeda, obra de Marika Somogyi e C. Y. Martin, represéntase unha vista da ladeira do Monte Rushmore cos bustos dos presidentes George Washington, Thomas Jefferson, Theodore Roosvelt e Abraham Lincoln, esculpidos por Gutzon Borglum. Por baixo deste motivo hai dúas pólas de oliveira atadas cunha cinta co lema IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos"), e na parte superior a palabra LIBERTY ("Liberdade"). As lendas alusivas ao motivo conmemorado son GOLDEN ANNIVERSARY / MOUNT RUSHMORE NATIONAL MEMORIAL.[2][4]

Pola súa banda, o reverso, obra do gravador da US Mint Frank Gasparro, reproduce unha composición do Gran Selo dos Estados Unidos cuns raios de sol e sobre o contorno dos Estados Unidos, cunha estrela situada no lugar do Monte Rushmore e a inscrición SHRINE OF DEMOCRACY ("Santuario da democracia") . Este motivo do reverso está rodeado polas lendas alusiva ao nome do país e ao valor facial da moeda, así como o lema E PLURIBUS UNUM.[2][4]

Produción e comercialización editar

A lei que autorizou a emisión deste dólar conmemorativo prevía unha tiraxe máxina de dous millóns e medio de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de San Francisco se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof).[2][4] A moeda foi presentada e posta ao dispor do público o día 15 de febreiro de 1991, no transcurso dunha cerimonia celebrada no Teatro Ford, en Dacota do Sur.[2]

A súa produción foi de 133.139 moedas na súa condición estándar e 738.419 en versión proof, o que fai un total de 871.558 exemplares.[3][4]

A moeda comercializouse aos prezos de 26 dólares en condición estándar e 31 en versión proof.[4] Consonte a lei que autorizou esta emisión, a metade dos beneficios acadados coa súa comercialización foron destinados á Mount Rushmore National Memorial Society, de Black Hills, Dacota do Sur, para a ampliación e o mantemento do Monte Rushmore, e a e outra metade ingresou no fondo xeral do Tesouro, co fin de reducir a débeda nacional.[2][4]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar