Dólar de prata da Estatua da Liberdade

moeda conmemorativa estadounidense
Dólar de prata da Estatua da Liberdade
A/: Estatua da Liberdade con edificio ao fondo. Data e marcas de ceca e de Ensaiador (JM).

Lendas: LIBERTY / ELLIS ISLAND GATEWAY TO AMERICA / IN GOD WE TRUST

R/: Man da estatua sostendo o facho aceso, cun fragmento dun poema aos lados. Marcas de gravador (MP e JM).

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR

O dólar de prata da Estatua da Liberdade é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1986 e cuñada polas Casas da Moeda de San Francisco e de Filadelfia.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 99-61, do 9 de xullo de 1985,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha serie de moedas en conmemoración do centenario da Estatua da Liberdade na illa Ellis.[2]

Xunto coa moeda dun dólar de prata, as moedas que completan a serie conmemorativa ao abeiro da mesma lei son a de cinco dólares de ouro e a de medio dólar, de cobre revestido con níquel.[1][3]

Deseño editar

 
A Estatua da Liberdade nunha perspectiva similar á reproducida no anverso da moeda conmemorativa.

No anverso da moeda, deseñado e gravado polo gravador da US Mint John M. Mercanti, represéntase unha vista da Estatua da Liberdade cun dos edificios da illa Ellis ao fondo. A lenda alusiva ao motivo conmemorado é ELLIS ISLAND GATEWAY TO AMERICA ("Illa Ellis porta de América), e vai acompañada polos lemas IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), tradicionais das moedas estadounidenses, ademais da data de emisión.[2][4]

Pola súa banda, o reverso, obra de John Mercanti e de Matthew Peloso, está caracterizado polo deseño da man dereita da estatua collendo o facho aceso, irradiando uns raios estilizados e rodeada por un fragmento do poema The New Colossus, da poeta estadounidense Emma Lazarus: GIVE ME YOUR TIRED, YOUR POOR, YOUR HUDDLED MASSES YEARNING TO BREATH FREE ("Dádeme as multitudes cansas, pobres e amontoadas, que devecen por ser libres").[5] Este motivo do reverso está rodeado por lendas alusivas ao nome do país e ao valor facial da moeda, así como o lema E PLURIBUS UNUM.[2][4]

Produción e comercialización editar

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de dez millóns de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de San Francisco se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof). A produción comezou o 18 de outubro de 1985 e estendeuse durante todo o ano 1986.[2][4]

A súa produción foi de 723.635 moedas na súa condición estándar e 6.414.638 en versión proof, o que fai un total de 7.138.273 exemplares.[3][4]

A moeda comercializouse aos prezos de 22 dólares en condición estándar e 24 en versión proof.[4] Consonte a lei que autorizou a moeda, o beneficio acadado coa súa venda destinouse á Statue of Liberty - Ellis Island Foundation, para o financiamento da restauración e do mantemento da Estatua da Liberdade e das instalacións utilizadas para a inmigración na illa Ellis.[2]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar