Dólar de prata da Declaración de Dereitos

moeda conmemorativa estadounidense de 1993
Dólar de prata da Declaración de Dereitos
A/: Busto de James Madison. Data e marcas de ceca e de gravador (WJK e TDR).

Lendas: LIBERTY / JAMES MADISON / IN GOD WE TRUST

R/: Fachada principal do edificio Montpelier. Marca de gravador (DEM e TDR).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / MONTPELIER / ONE DOLLAR

O dólar de prata da Declaración de Dereitos é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1993 e cuñada polas Casas da Moeda de San Francisco e de Denver.

Esta moeda foi autorizada pola Lei 102-281, do 13 de maio de 1992,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha serie de moedas para conmemorar as dez primeiras emendas da Constitución dos Estados Unidos, coñecidas como Carta ou Declaración de Dereitos, e para salientar o papel exercido por James Madison para a súa adopción.[2]

Xunto coa moeda dun dólar de prata, as moedas que completan a serie conmemorativa ao abeiro da mesma lei son a de cinco dólares de ouro e a de medio dólar, de cobre revestido con níquel.[1][3][4]

Deseño editar

No anverso da moeda, deseñado e gravado por William Krawczewicz e Thomas D. Rogers, represéntase un busto do Pai Fundador e cuarto presidente dos EEUU James Madison cara á dereita, xunto co seu nome. Completan as lendas os lemas IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), característicos das moedas estadounidenses, e tamén figura no anverso a data de emisión da moeda.[2][4]

Pola súa banda, o reverso, obra de Dean McMullen e Thomas D. Rogers, reproduce a fachada principal do edificio da residencia familiar de Madison en Montpelier, Virxinia, e debaixo a palabra MONTPELIER. Este motivo do reverso está rodeado polas lendas alusiva ao nome do país e ao valor facial da moeda, así como o lema E PLURIBUS UNUM.[2][4]

Produción e comercialización editar

A lei que autorizou a emisión deste dólar conmemorativo prevía unha tiraxe máxina de 900.000 exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Denver na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de San Francisco se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof).[2][4] A emisión foi presentada e posta ao dispor do público o día 22 de xaneiro de 1993.[2]

A súa produción foi de 98.383 moedas na súa condición estándar e 534.001 en versión proof, o que fai un total de 632.384 exemplares.[3][4]

Este dólar conmemorativo comercializouse aos prezos de 27 dólares en condición estándar e 29 en versión proof.[4] Consonte a lei que autorizou esta emisión, os beneficios acadados coa súa comercialización foron destinados ao James Madison Memorial Fellowship Trust Fund, para o fomento do ensino e do estudo da Constitución dos Estados Unidos.[2][4]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar