Cruzamento léxico
O cruzamento léxico é un procedemento de formación de novos vocábulos no que dous elementos ou formas lingüísticas, que se inflúen mutuamente por semellanza de sons ou de sentido, se combinan para dar lugar a unha palabra nova[1].
Contaminación e cruzamento léxico
editarAínda que adoita ser presentado como un caso de contaminación lingüística, do que se diferencia con dificultade[2], nesta última hai un determinante que apenas muda o seu corpo fonético, pola influencia recibida. Así en casos de contaminación exemplificados por Edwin B. Williams[3], as alteracións son mínimas: estrela que deriva do latín *stellam sufriu a contaminación de astro (< astrum), apenas no -r-; ou amañecer do latín *admanescere leva o -ñ- por influxo de mañá (< *maneanam).
Por contra o cruzamento léxico orixina un novo vocábulo no que, ás veces, resulta complicado adiviñar cales son os elementos formantes, aínda que proveñen de ambos (ou dun terceiro). O adxectivo do galego (porco) silleiro "o que ten o lombo levantado" é posibelmente explicábel como un cruzamento do latín cingulum "cinto" e máis (porcus) singularis, este literalmente "porco solitario" (orixe do francés sanglier "xabarín" e do galego senlleiro).
Exemplos de cruzamento léxico
editar- Aleuto "esperto" < latín electus "elixido, eleito" x latín lectus "lido".
- Birollo "vesgo" < latín *bis-oculum "dous + ollo" x céltico virare "xirar".
- Buraco < dunha raíz xermánica afín ao inglés to bore ou o alemán bohren "furar, aburacar" cruzado co latín *furaculum < furare "furar". Do mesmo xeito a variante burato cruzaríase cun derivado do latín furare + sufixo -attu[4]
- Cómbaro "faixa de terra que separa dúas fincas contiguas" < latín cumulum (> galego cómaro) x raíz céltica *comb- "curvado, lombado".
- Folerpa "pedazo de neve que cae" < céltico follem x celto-latino drappum.
- Liorta "pelexa; rebumbio" < lío x loita[5].
- Maínzo "millo americano" < maíz (vocábulo de orixe americana) x paínzo "millo miúdo" (do latín panicium)
- Mocalla "chuvia miúda" < moco "moco" (latín muccum) x poalla "chuvia fina" (de po < latín pulvis).
- Pucharca < puzo (< latín puteum) x charca (de posíbel orixe prerromana).
- Rascallo "mollo de ramas para varrer o forno" < rascar ( < latín rasecare) x vasallo "vasoira de xestas ou uces" ( este posibelmente do latín *versaculu, compárese vasoira < versoria).
- Véspora "vespa" < vespa "idem" x espora "aguillón para cabalarías".
Bibliografía
editar- Ferreiro, Manuel, Gramática histórica galega (Manual). t. I. Santiago de Compostela. Laiovento. 1996, 2ª ed.
- Regula, M., e Jernej, J., Grammatica italiana descrittiva: su basi storiche e psicologiche. Bern und München. Francke Verlag. 1975, reimpr. da edic. de 1965.
- Rivas Quintas, Eligio, Léxico galego: Historia e fenomenoloxía. Lugo. Alvarellos. 1989.
- Williams, Edwin Bucher, Do latim ao português: Fonologia e morfologia históricas da língua portuguesa. Rio de Janeiro. Tempo Brasileiro. 1975, tradución portuguesa do orixinal de 1938.
Notas
editar- ↑ cfr. Regula, M, e Jernej, J., Grammatica italiana descrittiva, Bern & München, 1975, 2ª ed, páx. 63 infra; Ferreiro, M., Gramática histórica galega, I, Santiago de Compostela, 1996, 2ª ed., páx. 213
- ↑ Ferreiro, M., op.cit., 212-213
- ↑ Williams, Edwin B., Do latim ao português. Río de Janeiro. 1961, páx 116
- ↑ Rivas Quintas, E., Léxico galego: Historia e fenomenoloxía. Lugo. 1989, páx. 140, fronte a hipótese que defende que deriva de foratu, cun paso intermedio *vorato, cfr. Nunes, J.J., Compêndio de gramática histórica portuguesa, 1930, 2ª edic., páx. 88
- ↑ Rivas Quintas, E., op. cit., páx. 142