Un cruceiro lixeiro é un tipo de buque de guerra de tamaño pequeno ou mediano. O termo é unha abreviatura da frase "cruceiro blindado lixeiro", que describe a un pequeno barco que leva blindaxe ao igual que un cruceiro blindado: cun cinto e unha cuberta blindadas. Antes de que aparecesen estes tipos de buques, os pequenos cruceiros só levaban protección na súa cuberta, e nalgúns casos certa protección nos costados.

Historia editar

 
HMS Mercury.

Os primeiros pequenos cruceiros de vapor foron construídos para a Royal Navy británica, sendo botado o HMS Mercury en 1878.[1] Os cruceiros de segunda e terceira clase evolucionaron, facéndose gradualmente máis rápidos, con mellor armamento e mellor protección. Alemaña fíxose co liderado no deseño de pequenos cruceiros cara a década de 1890, construíndo unha clase de rápidos cruceiros, a clase Gazelle, copiada por outras nacións. Estes buques usaban caldeiras de carbón e estaban impulsados por máquinas de vapor de pistóns recíprocos, e baseábanse en parte na disposición das súas carboeiras para a súa protección. A adopción de combustibles líquidos para motores de turbinas de vapor fixo que os pequenos cruceiros se volvesen obsoletos rapidamente. Ademais, as novas construcións non podían basearse na protección das carboeiras e debían adoptar outro tipo de blindaxe lateral.

O grupo británico Bristol de cruceiros tipo Town (1909) afastábase dos vellos deseños, usando propulsión de turbinas, cunha alimentación mixta de carbón e fuel óleo, e un cinto de protección de 2 polgadas, ademais de protección tamén na cuberta. Polo tanto, por definición, estes eran cruceiros acoirazados, a pesar de desprazar só 4.800 toneladas; nacían así os cruceiros acoirazados lixeiros. Os primeiros cruceiros lixeiros verdadeiramente modernos foron os da clase Arethusa (1911), que tiñan alimentación totalmente de fuel óleo e usaban a maquinaria lixeira típica dos destrutores para acadar unha velocidade de 29 nós (54 km/h).

Primeira guerra mundial editar

 
HMS Gloucester, da clase Town, en 1917.

Cara a primeira guerra mundial os cruceiros lixeiros británicos adoitaban levar dous canóns de 6 polgadas (152 mm) e talvez oito de 4 polgadas (100 mm), ou un armamento uniforme de canóns de 6 polgadas nun barco dunhas 5.000 toneladas, mentres que os alemáns pasaron durante a guerra dos canóns de 4,1 polgadas (105 mm) aos de 5,9 (150 mm). A construción de cruceiros no Reino Unido continuou ininterrompidamente ata que o nomeamento do almirante "Jacky" Fisher como Primeiro Lord de Mar en 1904. Debido en parte ao desexo de reducir o exceso de gastos polo aumento dos custos de manter o ritmo de produción naval alemá e tamén por sentir que ese tipo de barco era anticuado, Fisher autorizou poucos cruceiros novos e desguazou 70 vellos. A crenza de Fisher de que os cruceiros de batalla substituirían aos cruceiros lixeiros para protexer a navegación comercial ao pouco tempo demostrou ser impracticable, xa que os seus altos custos de construción impedían a súa dispoñibilidade nun número suficiente como para facelo, e os destrutores eran demasiado pequenos para tarefas de exploración. O grupo de 21 cruceiros da clase Town comezou en 1910 a demostrar as súas excelentes habilidades para a exploración en todo tipo de condicións meteorolóxicas e podían levar o suficiente combustible e munición para protexer as rutas comerciais. A clase Arethusa, aparecida tres anos despois, tamén foi un éxito. Os deseñadores británicos continuaron ampliando e refinando os deseños de cruceiros durante a guerra.[2]

 
SMS Bremen.

Os alemáns fabricaron un bo número de cruceiros lixeiros coa crenza de que eran bos buques multi-propósito. Eran máis grandes, máis lentos e menos manobrables que os homólogos británicos pero, a través dunha sucesiva serie de clases, melloraron considerablemente as súas capacidades de navegación. Porén, estes adaptaron moi tarde os canóns de 5,9 polgadas (150 mm) aos cruceiros (coa clase Pillau de 1913); a obstinación do Grande Almirante Alfred von Tirpitz sobre o tema silenciou a opinión doutros oficiais da armada alemá. Completaron os dous últimos cruceiros da clase Bremen en 1906 e 1907, e seguíronlle catro clase Königsbergs e dous Dresdens entre 1905 e 1908. Estas últimas dúas clases, máis rápidas e grandes que os Bremen, estaban armadas cos mesmos 10 canóns de 4,1 polgadas (104 mm) e levaban menos blindaxe na cuberta.

Outras potencias principais concentráronse na construción de acoirazados e produciron poucos cruceiros.[3]

Período de entreguerras editar

 
USS Raleigh, un cruceiro clase Omaha, en 1942.

Os Estados Unidos reiniciaron a construción de cruceiros lixeiros en 1918, principalmente debido a que os buques que tiña nese momento en servizo xa eran obsoletos. Os primeiros deles, 10 barcos clase Omaha, desprazaban 7.050 toneladas e estaban armados con 12 canóns de 6 polgadas (152 mm). Oito deses canóns estaban montados en casamatas de dous pisos na proa e na popa, un reflexo da preferencia estadounidense de preguerra polo fogo pesado.[4]

Ao termo cruceiro lixeiro déuselle unha definición no Tratado Naval de Londres de 1930. Os cruceiros lixeiros foron definidos como cruceiros que tiñan canóns de 6,1 polgadas (155 mm) ou menores, mentres que os cruceiros pesados levaban canóns de ata 8 polgadas (203 mm). En ámbolos dous casos os buques non poderían ter máis de 10.000 toneladas.

 
USS Brooklyn (CL-40).

Tras 1930, a meirande parte das potencias navais concentráronse na construción de cruceiros lixeiros xa que acadaran as limitacións máximas permitidas polo Tratado de Washington. Xapón fabricou os seus catro cruceiros clase Mogami entre 1931 e 1934.[5] O clima político dende 1936 ata 1939 levou a que se construísen novos cruceiros lixeiros con urxencia. Os británicos construíron 11 durante este período, que culminaron nos dous buques da clase Town, armados con 12 canóns de 6 polgadas (152 mm). Os novos barcos eran máis grandes e estaban mellor blindados que outros cruceiros británicos. Os Town tiñan un cinto de 114 mm e eran capaces de acadar os 32,5 nós, pero a meirande parte dos seus outros barcos estaban dentro das limitacións do tratado. Os Estados Unidos tamén intentaron cumprir as limitación e completaron 7 dos seus 9 cruceiros clase Brooklyn entre 1938 e setembro de 1939. Eses barcos foron unha resposta aos Mogami xaponeses e foi un indicativo das crecentes tensións existentes no teatro do Pacífico. Xapón, que nese momento xa non se consideraba baixo restricións, comezou a rearmar os seus Mogami con 10 canóns de 8 polgadas (203 mm).[6]

Segunda guerra mundial editar

 
USS Atlanta (CL-51).

Durante a época segunda guerra mundial os cruceiros lixeiros tiveron canóns que ían dende as 5 polgadas (127 mm), como nas clases antiaéreas Atlanta (estadounidense) e na Dido (británica), ata as 6,1 polgadas, aínda que o tamaño máis común foron as 6 polgadas. Os Atlanta e Dido naceron da necesidade táctica de construír buques para protexer aos portaavións, acoirazados e convois dos ataques aéreos.[7]

Os cruceiros pesados adoitaban a levar unha batería de canóns de 8 polgadas (203 mm). Nos anos previos á segunda guerra mundial, co Tratado Naval de Londres facendo imposible construír un deseño de cruceiro pesado equilibrado dentro dos límites de tonelaxe, construíronse gran cantidade de cruceiros lixeiros de 10.000 toneladas con de 12 a 15 canóns de 6 polgadas (152 mm) que polo demais eran idénticos aos cruceiros pesados.

A construción de cruceiros pesados suprimiuse no Reino Unido, Francia e Italia durante a metade dos anos 30. Porén, o estoupido da segunda guerra mundial permitiu á nacións superar o límite das 10.000 toneladas do Tratado naval de Londres. Cara finais do conflito, os buques da mariña dos Estados Unidos clasificados como "grandes cruceiros" tiñan desprazamentos de case 30.000 (os cruceiros clase Alaska), mentres que os cruceiros lixeiros permaneceron no rango das 10.000 toneladas (aínda que ás veces alcanzaron as 12.000 ou 13.000).

Notas editar

  1. Beeler, John (2001). Birth of the Battleship: British Capital Ship Design 1870-1881. Naval Institute Press. p. 40. ISBN 1-55750-213-7. 
  2. Conroy's, p. 2.
  3. Conway's, p. 152-3; Osborne, p. 73-5.
  4. Conway's, pp. 119-20.
  5. Osborne, pp. 112-13.
  6. Osborne, pp. 116-17.
  7. Osborne, p. 117.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Osborne, Eric W., Cruisers and Battle Cruisers: An Illustrated History of Their Impact (ABC-CLIO, 2004). ISBN 1-85109-369-9.

Ligazóns externas editar