Crithidia é un xénero de protozoos da orde Trypanosomatida. Son parasitos exclusivos de artrópodos, principalmente insectos. Pasan dun hóspede a outro en forma de quistes nas feces infectivas e desenvólvense nos tractos dixestivos dos insectos e interaccionan co epitelio intestinal utilizando o seu flaxelo. Mostran unha especificidade de hóspede moi baixa e unha soa especie de parasito pode infectar a un gran número de hóspedes invertebrados.[1] En diferentes momentos do seu ciclo de vida pasan polas fases de amastigota, promastigota, e epimastigota; esta última é especialmente caracterísitca ata o punto que fases similares no ciclo de vida doutros tripanosomas con frecuencia se chaman tamén fase critidial.

A especie mellor documentada é probablemente Crithidia bombi, que parasita a abesouros (Bombus). Outras especies son C. fasciculata, C. deanei, C. desouzai, C. oncopelti, C. guilhermei e C. luciliae. A especie C. deanei é atípica no xénero, e tense sinalado que podería non ser membro de Crithidia. Tampouco é típica dos tripanosomátidos pola súa forma pouco común e porque contén bacterias endosimbióticas.[2] C. luciliae é o substrato utilizado en probas de anticorpos antinucleares que se usan para o diagnóstico do lupus eritematoso e outros trastornos autoinmunes.

Sinalouse que estes parasitos poderían ser, pol menos en parte, responsables do declive das poboacións de abellas salvaxes. Causan que as abellas perdan a súa capacidade de distinguir entre as flores que conteñen néctar e as que non, polo que cometen moitos erros na súa elección das flores, o que as leva a estar mal alimentadas e acaban por morrer de fame. As abellas que se crían comercialmente para polinizar plantas adoitan ter o parasito, mentres que as abellas salvaxes non, pero crese que as abellas criadas transmitiron o parasito ás poboacións salvaxes nalgúns casos. Porén, hai varias teorías sobre a diminución das poboacións de abellas en todo o mundo.

Notas editar

  1. Boulanger; et al. (2001). "Immune response of Drosophila melanogaster to infection of the flagellate parasite Crithidia spp.". Insect Biochemistry and Molecular Biology 31 (2): 129–37. PMID 11164335. doi:10.1016/S0965-1748(00)00096-5. 
  2. Camargo; et al. (1992). "Ribosomal DNA restriction analysis and synthetic oligonucleotide probing in the identification of genera of lower trypanosomatids". The Journal of Parasitology 78 (1): 40–8. PMID 1310733.