Cristina Cifuentes
María Cristina Cifuentes Cuencas, nada en Madrid o 1 de xullo de 1964, é unha política española do Partido Popular. Foi presidenta da Comunidade de Madrid entre 2015 e 2018, cando dimitiu despois da polémica pola obtención do seu mestrado e a aparición dun vídeo dela roubando nun supermercado.[1]
Anteriormente fora deputada da Asemblea de Madrid dende 1991 ata 2012 e ocupara o cargo de delegada do Goberno de España en Madrid desde xaneiro do 2012 ata abril de 2015, cando cesou para presentar a súa candidatura para as eleccións autonómicas de 2015.[2]
Traxectoria
editarÉ licenciada en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e máster en Administración Pública e Dirección de Empresas. Así mesmo, ten un máster en Dereito Autonómico pola Universidade Rei Xoán Carlos (URJC) de Madrid.[3] É funcionaria do Corpo Técnico Superior desta Universidade, posto co que compatibiliza a súa actividade política.
Carreira política
editarNaceu en Madrid nunha familia con 8 irmáns, filla dun xeneral de artillaría da Coruña e dunha ama de casa de Ourense.[4] Cifuentes comezou a súa carreira política no partido Alianza Popular, a cuxas Novas Xeracións afiliouse en 1980 con dezaseis anos. AP posteriormente foi refundada en 1989 e tomou a denominación de Partido Popular. Presentouse no posto 57 da candidatura presentada por Alianza Popular ás eleccións de deputados ao Parlamento Europeo convocadas en 1987 e celebradas en 1989.
É membro do Comité de Dirección, do Comité Executivo e da Xunta Directiva Rexional do PP de Madrid e presidenta do Comité de Dereitos e Garantías. Entre 2004 e 2008, fíxose cargo da Secretaría Executiva de Política Territorial do Partido Popular de Madrid.
Desde o 1991 ata xaneiro de 2012, foi deputada da Asemblea de Madrid. Nas súas seis lexislaturas como parlamentaria, desempeñou máis dunha decena de cargos, entre eles, os de vicepresidenta primeira, portavoz adxunta do Grupo Parlamentario Popular e portavoz de comisións como Presidencia, Xustiza e Interior; Educación, Vixilancia das Contratacións, Cultura e Control do Ente Público Radio Televisión Madrid.
Participou no Consello Rexional de Patrimonio Histórico e na Comisión Permanente do Consello Rexional de Patrimonio Histórico da Comunidade de Madrid, o Consello Taurino da Comunidade de Madrid e o Consello Xeral de Caja Madrid.
Ademais, formou parte do Consello de Administración de Radiotelevisión Madrid (1995-1999), do Consello de Cultura da Comunidade de Madrid (1995-2003), da Comisión Mixta de transferencias Estado-Comunidade de Madrid (1996-1999) e da Comisión Rexional de Museos da Comunidade de Madrid (2002-2003).
En xaneiro de 2012 foi nomeada delegada do Goberno na Comunidade de Madrid,[5] posto que ocupou ata 2015. En marzo de 2015 foi nomeada candidata do PP á presidencia da Comunidade de Madrid para as eleccións autonómicas de 2015. Tras as eleccións autonómicas do 25 de maio foi proposta pola nova presidenta da Asemblea de Madrid, Paloma Adrados, como candidata á presidencia da Comunidade. O 24 de xuño de 2015, con 65 votos a favor (48 votos do Partido Popular e 17 de Ciudadanos) e 64 en contra, foi elixida presidenta da Comunidade de Madrid.
Accidente de tráfico
editarO 20 de agosto de 2013, foi ingresada en estado grave no Hospital La Paz, por traumatismo torácico severo con cinco costelas rotas, tras sufrir un accidente de moto no Paseo de la Castellana.[6] Circulaba sen a revisión da ITV. Recibiu a alta médica o 23 de setembro de 2013.
Polémica pola titulación universitaria e dimisión
editarO 21 de marzo de 2018 apareceron informacións en eldiario.es sobre irregularidades no seu expediente académico nun máster en dereito autonómico que dicía ter pola Universidade Rei Xoán Carlos (URJC). En rolda de prensa esa mesma tarde amosou documentación que lle fora enviada dende a propia universidade que probaba ter a titulación. Esta información foi nun primeiro momento confirmada polo reitor da propia universidade. Informacións posteriores publicadas na prensa e confirmadas pola universidade negaban a documentación amosada e poñían os feitos en coñecemento da fiscalía por considerar que había un posible delito.[7]
O 4 de abril o diario dixital El Confidencial publicou unha investigación onde alegou que polo menos dúas das tres sinaturas do tribunal correspondentes á acta de avaliación do Traballo de Fin de Mestrado eran falsas e sostivo que o documento fora fabricado dúas semanas atrás. O presidente do Goberno de España Mariano Rajoy considerou «bastante estéril» a polémica sobre o máster.[8] Ao día seguinte, unha das profesoras cuxa sinatura aparecía como aval na acta da defensa do Traballo de Fin de Mestrado denunciou a falsidade da súa sinatura no documento.[9]
O 25 de abril de 2018 OK Diario fixo pública unha gravación de 2011 das cámaras de seguridade dun local de Eroski. Nas imaxes, Cifuentes era acompañada por un garda de seguridade a un local onde lle pedía que amosase o contido do bolso xa que fora vista por unha empregada metendo obxectos nel. Resultou que levaba dous botes de crema valorados nus 40 euros que Cifuentes pagou antes de marchar do supermercado. O propio 25 de abril, ás 12 do mediodía, anunciou en rolda de prensa a súa dimisión como presidenta da Comunidade de Madrid polo acoso ao que dicía estar sometida.[10] Así pois, a difusión deste vídeo adiantou a súa dimisión que ela tiña previsto realizar o 2 de maio, co gallo do día da Comunidade de Madrid, para evitar que prosperase unha moción de censura presentada polo PSOE, co apoio de Podemos, e evitar que gobernase a "esquerda radical", segundo as súas verbas.[11]
Notas
editar- ↑ Sofía Pérez Mendoza (25/04/2018). "Cristina Cifuentes dimite como Presidenta de la Comunidad de Madrid". Consultado o 25/04/2018.
- ↑ Cristina Cifuentes deixa a Delegación do Goberno en Madrid e Dancausa toma posesión Arquivado 15 de setembro de 2015 en Wayback Machine., elEconomista.es
- ↑ Paula Poveda (29 de marzo de 2018). "Un observador externo investigará sobre el máster de Cifuentes". La Razón (España) (en castelán). Consultado o 1 de abril de 2018.
- ↑ Portabales, Pablo (27 de decembro de 2015). "La presidenta, gallega, de la Comunidad de Madrid". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2021.
- ↑ Real Decreto 90/2012, de 13 de xaneiro, polo que se nomea Delegada do Goberno na Comunidade de Madrid a dona Cristina Cifuentes Cuencas.
- ↑ "A delegada do Goberno en Madrid, ferida grave nun accidente de moto". El País. 20 de agosto de 2013.
- ↑ "El rector de la Rey Juan Carlos niega haber «manipulado» la documentación del máster de Cifuentes", La Voz de Galicia, 6 de abril de 2018 (en castelán)
- ↑ "Rajoy considera «bastante estéril» la polémica sobre el máster de Cifuentes". abc.es (en castelán). 4 de abril de 2018.
- ↑ "Una de las profesoras del máster declara que no firmó el trabajo de fin de máster de Cifuentes". elmundo.es (en castelán). 6 de abril de 2018.
- ↑ Cifuentes dimite: "Me llevé por error unos productos, el vídeo ha sido utilizado para ir más allá de lo político", 20 minutos, 25 de abril de 2018 (en castelán).
- ↑ "Íntegro. Declaración de Cristina Cifuentes al presentar su dimisión". laregion.es (en castelán). 25 de abril de 2018.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cristina Cifuentes |
Predecesor: José Ignacio Echeverría |
Vicepresidenta primeira da Asemblea de Madrid 2005–2012 |
Sucesor: Rosa Posada |
Predecesor: María Dolores Carrión Martín |
Delegada do Goberno de España na Comunidade de Madrid 2012–2015 |
Sucesor: Concepción Dancausa |
Predecesor: Íñigo Henríquez de Luna |
Voceira do Grupo Popular na Asemblea de Madrid 2015 |
Sucesor: Enrique Ossorio |
Predecesor: Ignacio González |
Presidenta da Comunidade de Madrid 2015-2018 |
Sucesor: Ángel Garrido |