Cristianización da Inglaterra anglosaxoa

A introdución do cristianismo en Inglaterra dáse por dúas frontes: a existencia previa do fenómeno monacal en Irlanda, e a chegada de Agostiño de Canterbury enviado polo papa Gregorio Magno co obxectivo de logra-la conversión dos pobos xermánicos, recentemente instalados nas Illas Británicas. As conversións dalgúns monarcas, xunto coa súa influencia respecto ó resto de reinos durante os séculos VI e VII, foron asentando o cristianismo, culminando o proceso coa unificación relixiosa mediante a creación da Igrexa de Inglaterra logo do sínodo de Whitby e o concilio de Hertford na segunda metade do século VII.

Contexto histórico-político editar

 
Heptarquía anglosaxoa

O século V nas Illas Británicas comeza coa retirada de Constantino das lexións romanas de Britania no 407, para trasladalas á Galia debido ó seu enfrontamento co emperador Honorio[1]. A partir deste momento os bretóns quedaron sos fronte ás ameazas dos pictos de Escocia, escotos de Irlanda e, sobre todo, os pobos xermánicos dos anglos, xutos e saxóns, que desembarcaban nas costas orientais[2]. O relato tradicional atribúe a chegada dos xermanos a unha chamada de axuda por parte dos britanos[3], pero actualmente este feito non se toma como histórico[4].

O contexto político xurdido despois do repartimento de Britania entre os pobos xermánicos, e no que se producirá a introdución do cristianismo, é o que se coñece como a Heptarquía anglosaxoa. No referente ó século V, apenas temos fontes, e a tradición fala deste século como o momento do asentamento definitivo dos invasores e a desaparición da administración romana, ademais da resistencia do elemento indíxena bretón fronte ós incursores[5]. Esta época coñécese co nome de Heptarquía, xa que foron sete os reinos principais que se formaron: Sussex, Essex e Wessex polos saxóns; Anglia do Leste, Mercia e Northumbria polos anglos; e Kent polos xutos. A figura distinguida dalgúns reis fixo que ocasionalmente algún adquirise unha supremacía temporal sobre os demais, polo que se lle recoñeceu o título de bretwalda[6].

Cara fins do século VII o espazo que constituiría a matriz da Inglaterra medieval estaba ocupado por este conglomerado de reinos. O máis setentrional –Northumbria- constituíu a fronteira fronte a Escocia e amosou unha receptividade máis rápida ós elementos culturais célticos. No centro da illa, Mercia era o reino máis extenso de todo o conxunto, cunha fronteira (o posteriormente denominado muro de Offa) establecida nos actuais límites do País de Gales. En todo o territorio dominado por anglos, xutos e saxóns chegouse a unha certa homoxeneidade cultural, na que unha lingua nova (o englisc) substituíu o latín e o gaélico[7].

Proceso de cristianización editar

Precedentes editar

Antes coa nos reinos anglosaxóns xa había nas Illas Británicas presenza do cristianismo, sobre todo en relación ó contexto irlandés no ámbito monacal, un fenómeno de grande importancia nos primeiros séculos altomedievais en Europa.

A orixe do fenómeno monástico dáse por primeira vez de xeito importante a inicios do século IV no ámbito Oriental, por parte de fieis que deciden levar unha vida de perfección e comunicación con Deus illándose da sociedade. Na súa orixe, había tres formas principais de monacato: a modalidade individual ou anacoreta; a laura; e a cenobítica, organizada en comunidades[8].

Entre os anos 335 e 382, circunstancias como a estancia do desterrado Anastasio de Alexandría en Tréveris e Roma, o exilio de Hilario de Poitiers en Asia Menor, ou, un pouco máis tarde, a instalación provisional de Xerome en Roma tras os anos de eremita en Siria foron so algunhas das canles a través das cales puideron chegar ó oeste as vivencias ascéticas dos monxes exipcios, sirios ou capadocios[9].

Cando Agostiño se converteu en bispo de Hipona no 395 estableceu unha casa-mosteiro na que vivir co seu inmediato séquito episcopal e dende onde desempeña-las diversas tarefas pastorais administrativas do seu novo cargo. Pode que fose un dos primeiros bispos occidentais en facelo, pero estaba seguindo unha tradición arraigada en Oriente[10].

Dende fins do século IV é esta a forma na que se desenvolveron moitas institucións monásticas en Occidente: individuos ou familias adiñeiradas decidían converte-las súas casas en mosteiros nos que vivir con compañeiros escollidos, seguindo un modelo de vida ideado por eles mesmos, inspirados polo ideal de alcanza-la salvación persoal mediante a renuncia e unha vida disciplinada e regulamentada de oración, meditación e boas obras. A partir do século VI ou antes comezaron a aparecer en Occidente regras máis amplas. Entre as máis temperás está a anónima coñecida como A Regra do Mestre, escrita en torno ó ano 525, posiblemente nalgún punto nas proximidades de Roma. A Regra de Bieito, máis famosa, é lixeiramente posterior (en torno ó 540), e en parte está baseada na Regra do Mestre[11].

O papa Gregorio I, o Grande, pertencía á tradición de fundadores de casas-mosteiro de carácter aristocrático, de onde obtivo o grupo de monxes que enviou ás ordes de Agostiño de Canterbury a evanxeliza-lo reino anglosaxón de Kent no 596[12].

Introdución do cristianismo e o fenómeno monacal en Irlanda editar

Respecto da introdución do cristianismo en Irlanda e do particular desenvolvemento do monacato neste territorio, existen varias teorías ou explicacións. En primeiro lugar, o relato tradicional, como é o caso de Maurois, atribúe a cristianización a San Patricio, quen tería evanxelizado as tribos celtas e fundado mosteiros en que máis tarde se terían refuxiado os sabios do continente para escapar, primeiro dos bárbaros e logo dos sarracenos. Nos países celtas (Irlanda, Escocia e Gales) teríase formado unha Igrexa nacional, distinta da Igrexa romana e que se esforzaba por parecerse á Igrexa primitiva. Segundo este, os monxes foran longo tempo solitarios que vivían en cabanas, e unicamente a necesidade de seguridade lles tería feito acepta-la reunión das súas cabanas nun cercado e a autoridade dun abade para todos[13].

 
San Patricio, santo patrón de Irlanda

Por outro lado, hai unha lixeira variación na interpretación de autores posteriores como Mitre. Este identifica igualmente a San Patricio como evanxelizador de Irlanda no ano 443. Non obstante, non o tería feito tanto en función da creación dunha rede episcopal como da sistemática monaquización da vida irlandesa. Ademais, os xefes dos clans convertidos terían desempeñado o papel de bispos e abades das súas respectivas comunidades, sendo a vida monástica irlandesa unha curiosa simbiose entre o eremitismo e o cenobitismo e a mística e a ascese[14].

Publicacións máis recentes cuestionan a tradición indíxena que atribúe un papel fundamental a San Patricio, sinalando a limitada calidade da información. Pese á falta de acordo á hora de situalo na primeira ou segunda metade do século V, actualmente semella máis probable finais de século. Este, segundo os seus propios escritos, fora raptado en Britania á idade de dezaseis anos e levado a Irlanda para ser vendido como escravo, pero conseguira escapar despois de seis anos. Non obstante, parece que despois dunha visión volvera a Irlanda, onde dedicara o resto da súa vida á actividade misioneira, chegando a converterse en bispo[15].

Outros autores recentes cuestionan a figura histórica de San Patricio, alegando que se trata en realidade dun personaxe en cuxa haxiografía se terían incluído probablemente feitos que, en realidade protagonizou Paladio. Isto débese a un documento que fala de que o papa Celestino I enviara no 431 a Paladio como primeiro bispo ós irlandeses que crían en Cristo, pode que polo temor do papado a que o pelaxianismo da illa de Britania se contaxiase á veciña Irlanda. Cabe a posibilidade de que non fose no 432, data da morte de Paladio, senón uns anos máis tarde cando Patricio, católico británico de familia acomodada, vivise os acontecementos antes relatados e fundase a sé primada da Armagh, que xunto con outras fundadas polos seus sucesores deran lugar a unha cristiandade céltica ou irlandesa cunha organización peculiar, diferente ás outras igrexas de Occidente[16].

Ese monacato, máis co das terras de Occidente, constituíu unha especie de adaptación rigorosa do modelo exipcio que Patricio coñeceu na Galia, cunha sociedade de amplos e sólidos grupos familiares. De feito, ás veces, cada mosteiro semellaba a célula relixiosa dunha comunidade de emparentados. Ademais do seu severo ascetismo, do que non se excluían proezas ascéticas de inspiración oriental, os seus riscos máis orixinais foron: o elevado número de monxes por mosteiro; o exercicio da xurisdición episcopal por parte dos abades, ós que se sometían incluso os bispos, ás veces, simples monxes; a existencia de prácticas litúrxicas propias en canto ó bautismo, a tonsura e o cómputo da pascua[17].

A conversión dos anglosaxóns editar

A conversión dos anglosaxóns da illa de Britannia maior foi paralela en tempo á dos lombardos en Italia. Cando, a mediados do século V, os anglos, os xutos e os saxóns chegaron á illa, comportáronse como auténticos bárbaros, arrasando o territorio e eliminando ou arrinconando ós seus poboadores bretóns nas zonas norte e oeste. Durante cen anos, nin dende o continente nin dende as veciñas Igrexas célticas de Gales ou Irlanda, das que estaban saíndo algúns dos máis audaces misioneiros da época, houbo ningún intento por leva-lo cristianismo ós pagáns anglosaxóns[18]. Unha das posibles razóns deste feito é que os monxes celtas, que levaran a cabo unha labor misioneira tan importante no continente ou Escocia, rexeitaron face-lo mesmo cos anglosaxóns por consideralos os seus inimigos, xa que expulsaran e oprimiran á poboación celta. Debido a isto, a cristianización destes xermanos tivo que levarse a cabo pola directa iniciativa pontificia, cos monxes enviados dende Roma[19].

 
Agostiño de Canterbury, artífice das primeiras conversións anglosaxoas

Tras a conquista bizantina de Italia en tempos de Xustiniano, a Igrexa de Italia, co Papa á cabeza, volveu sufrir dunha maneira directa a intromisión do emperador nos seus asuntos.[20] Neste contexto, cara ao 575, xurdiu arredor do papa de Roma a intención de emprende-la evanxelización de Britania. De crer a Xan o Diácono, biógrafo de Gregorio Magno, este, xa antes de acada-lo pontificado, amosara a súa preocupación por enviar unha misión ós anglosaxóns, cuxa estrutura política dos sete reinos (a mencionada Heptarquía anglosaxoa) semellaba ter acadado unha certa estabilidade e recoñecía a existencia dun bretwalda ou xefe supremo[21].

Deste xeito produciuse un retorno da civilización romana co desembarco, no 597, dos misioneiros enviados polo papa Gregorio Magno para a conversión de Inglaterra. Parece que, cando este enviou a Agostiño a Inglaterra, pretendía non só estende-la fe cristiá, senón tamén recobrar para a autoridade da sé romana unha provincia que formara parte noutro tempo do Imperio. No entanto, a primeira arribada dos romanos baixo Xulio César diferénciase da misión papal de seis séculos e medio despois en que primeira participación dos romanos nese territorio consolidouse pola forza física, mentres que o éxito de Agostiño dependeu, pola contra, da persuasión e da aceptación voluntaria[22].

No que se refire á propia misión, existe actualmente un debate entre as posicións críticas actuais e o relato tradicional. Isto débese a que, segundo a interpretación baseada no punto de vista da Historia Eclesiástica, os reinos anglosaxóns e todos os seus habitantes eran pagáns até a chegada da misión enviada a Kent polo papa Gregorio o Grande no 597. Pero incluso o propio relato de Beda, derivado da información que recibira de Canterbury, revela certos riscos anómalos[23].

O rei de Kent, Etelberto, a quen fora enviada a misión dirixida polo monxe Agostiño, casárase coa filla do rei franco Cariberto (561-567). Ó facelo tivera que aceptar que á súa esposa se lle permitiría continua-la práctica da súa propia relixión, e fora acompañada a Kent polo bispo franco Liudhard, a quen habitualmente se menciona como o seu capellán. Porén, se se ten en conta que nesta época non aparecen bispos sen unha sé episcopal e nunca eran enviados ou consagrados se non para comunidades cristiás existentes, o feito de que un bispo franco estivese exercendo o seu ministerio en Kent na segunda metade do século VI indica a existencia previa dun grupo de crentes. O feito de que precisaran un bispo indica que se trata de algo máis ca unha especie de corpo diplomático franco e que xa terían estado funcionando varios cregos de menor rango. Atendendo a isto, as interpretacións actuais cun punto de vista crítico das fontes conclúen que, a pesar da súa imprecisión como indicador, a presenza de Liudhard proba a existencia dunha comunidade cristiá en Kent antes da chegada de Agostiño no 597[24].

A aceptación do bautismo por parte de Etelberto e o seu pobo, sen ningún tipo de apoio dunha Igrexa preestablecida como acontecía no continente, foi tan inmediata que Agostiño decidiu crear unha primeira estrutura eclesiástica con capital en Canterbury e aínda soñou con reinstaura-la vella orde cristiá da Britania romana. Dous bispos metropolitanos, cada un deles á cabeza doutros doce compañeiros establecidos en sés de menor rango, deberían de volver instalarse nos centros gobernamentais da época romana de Londres e York. Como remate, unha soa Igrexa agruparía ós novos conversos xunto ós vellos cristiáns de ascendencia celticobretona. O soño de Gregorio Magno e de Agostiño debeu esperar, pois a negativa dos cristiáns celtas foi fulminante, negándose a predica-la fe da raza de estranxeiros que lles arrebataran a súa terra. Este clima de apaixonamento etnicorrelixioso, complicado polas loitas entre os reinos da Heptarquía, viuse agravado polas diferenzas litúrxicas e disciplinares entre a visión céltica do catolicismo e a romana que Agostiño e os seus compañeiros levaran á illa. O illamento que a cristiandade bretoa e celta vivira respecto a Roma nos últimos dous séculos explicaba aquelas diferenzas en materia de rito do bautismo, de tonsura de monxes e cregos e, sobre todo, de cómputo para fixa-la data da Pascua[25].

 
Edwin de Northumbria, o máis poderoso dos reis anglosaxóns

Despois disto produciuse un breve revés a causa da apostasía inicial do fillo de Etelberto, Edbaldo (616-640), quen posteriormente recoñeceu as vantaxes da conversión, e o seu fillo e sucesor Eorcenberth (640-664) converteuse nun cristián aínda máis estrito.[26]

A misión romana a Kent do 597 ampliara a súa esfera de influencia cara ao norte no 625, cando unha irmá de Edbaldo casara co rei Edwin de Northumbria. Así, o máis poderoso dos reis anglosaxóns bautizouse no 627, grazas á influencia dos monxes e á predicación de San Paulino de York, compañeiro de Melito, bispo de Londres. Ademais da conversión dos seguidores do rei, este acontecemento tivo outras consecuencias, como a fundación do bispado de Lindisfarne, na costa nororiental de Inglaterra, onde anos máis tarde desenvolvería a súa actividade cultural Beda o Venerable. Dende aquí continuaríase a predicación misioneira, dirixida por San Aedan ou Aidaro, cunha labor tan intensa que algúns o consideran como o que verdadeiramente converteu a Inglaterra. Estes monxes colaboraron activamente na evanxelización dos anglosaxóns, como tamén fixo Fursa no reino de East Anglia, ou Cedd, formado en Lindisfarne, no de Essex[27]. Porén, a morte de Edwin loitando contra Cadwallon e Penda no 632 levou ó colapso da súa misión. Paulino, que pouco antes fora designado primeiro arcebispo de York, fuxiu cara ao sur.[28]

Finalmente o poder en Northumbria volveu a mans da rama rival da dinastía real, cuxo xefe Oswald (633-642), fillo de Etelfrido, fora convertido ó cristianismo por monxes irlandeses cando estaba no exilio, despois de que Edwin derrocara ó seu pai. Deste xeito, unha vez seguro no trono de Northumbria recorreu ós monxes irlandeses de Iona para ocupa-lo lugar de Paulino e os seus seguidores meridionais, que estiveran estreitamente ligados unidos ó réxime rival de Edwin[29].

En canto a Mercia, o cristianismo foi introducido inicialmente por influencia irlandesa e de Northumbria a mediados do século VII. Estableceuse un só bispado para o reino, incluído Lindsey, en torno ó ano 653, e foi ocupado por unha sucesión de bispos irlandeses ou que tiñan esta formación. Baixo o bispo Chad (669-671) estableceuse un centro episcopal en Lichfield, que quedou como a principal sé dos bispos en Mercia. En torno ó 674 estableceuse unha segunda diocese na rexión oriental do reino[30].

Unificación do culto e creación da Igrexa inglesa editar

Os progresos da Igrexa de Roma en Inglaterra remataron por entrar en conflito cas antigas igrexas celtas do Oeste (Irlanda e o País de Gales). No marco deste enfrontamento entre as dúas posturas é relevante a viaxe de San Wilfrido a Roma no 653, onde coñeceu a Igrexa romana, e á súa volta ás illas Británicas introduciu a liturxia romana e a regra de San Bieito.

 
Abadía de Whitby

Para solucionar as tensións entre as igrexas, o rei Oswy de Northumbria, convertido polos bretóns, convocou no 664 un sínodo no Mosteiro de Whitby. Nel, os participantes deberían de expoñe-las súas doutrinas, enfrontándose a postura da Igrexa celta, defensora da Pascua marcada por San Xoán Evanxelista e San Columbano, e a da Igrexa romana, defensora da Pascua marcada por San Pedro e San Paulo[31]. No que se refire ós participantes segundo o relato de Beda, representando ós irlandeses atopábase o bispo Colmán, os seus cregos, Hilda –abadesa do mosteiro de Whitby– e o bispo Cedd, tradutor de ambas partes; e defendendo a postura romana pontificia estaban Agilberto cos seus dous presbíteros, Agatón e Wilfrido, xunto con Xacobe e Romano[32]. A vitoria dos segundos levou consigo unha adopción xeral das formas romanas, e impediu unha división de Inglaterra en dúas igrexas, unha ó norte e outra ó sur do Humber[33].

Despois deste concilio, os reis de Northumbria e Kent conviñeran establecer como arcebispo de Canterbury a Wighard, pero xusto á volta da súa viaxe a Roma para consagrarse entregando as súas credenciais ó Papa, morreu como consecuencia dunha peste que diminuíu o clero e o episcopado da illa. Esta situación obrigou ó bretwalda Oswy de Northumbria a solicitar do papa Vitaliano novos efectivos, polo que o pontífice enviou cara Inglaterra un grupo de cregos reducido pero moi activo, encabezado polo grego Teodoro de Tarso, encargado de ocupa-lo posto de Arcebispo de Canterbury[34].

Teodoro tiña sesenta e seis anos e gozaba de gran reputación como erudito, vivira en Roma e non aceptaba a división política de Inglaterra en pequenos principados[35]. No 673 convocou a toda a Igrexa inglesa no concilio de Hertford, no que ademais de confirma-las decisións do sínodo de Whitby, tomouse o acordo de desdobrar algunhas dioceses, segundo o principio de que o número de bispos debía de medrar segundo o facía o de fieis, e de recomenda-la estabilidade de cregos e monxes. Así, a diferenza do que acontecía no continente e dada a tradición da illa, o concilio debeu templa-las intencións dos bispos de intervir nos mosteiros[36]. Ademais da celebración deste concilio, Teodoro de Tarso estableceu a autoridade da sé de Canterbury sobre toda Inglaterra; creou novos bispados, como sa xe acordara en Hertford; sentou as bases da orde administrativa da Igrexa; e formulou un código moral que o clero debía de poñer en práctica[37].

Todas estas reformas fixeron que a Igrexa inglesa se convertese en filla da romana, impoñendo esta a súa propia estrutura. En consecuencia, durante todo o tempo seguinte as sés de York e Canterbury estarán unidas a Roma pola liturxia e a disciplina eclesiásticas a través da elección da dirección das mesmas por parte do papado.

Notas editar

  1. Donado Vara e Echevarría Arsuaga D.L. 2009, páx. 40.
  2. Verger D.L. 1986, páx. 57.
  3. Maurois 1964, páx. 31.
  4. Mitre Fernández 1968, páx. 107.
  5. Claramunt et al. DL 2014, cop. 2014, páx. 25.
  6. Donado Vara e Echevarría Arsuaga D.L. 2009, páx. 44.
  7. Mitre Fernández 1995, páx. 84.
  8. García de Cortázar e Ruiz de Aguirre 2012, páx. 107–108.
  9. García de Cortázar e Ruiz de Aguirre 2012, páx. 108.
  10. Collins 2000, páx. 303
  11. Collins 2000, páx. 303–305.
  12. Collins 2000, páx. 307.
  13. Maurois 1964, páx. 41.
  14. Mitre Fernández 1995, páx. 52.
  15. Collins 2000, páx. 309–310.
  16. García de Cortázar e Ruiz de Aguirre 2012, páx. 125–126.
  17. García de Cortázar e Ruiz de Aguirre 2012, páx. 126.
  18. García de Cortázar e Ruiz de Aguirre 2012, páx. 133.
  19. Cantera Montenegro e Cantera Montenegro 1996, páx. 27.
  20. Donado Vara e Echevarría Arsuaga D.L. 2009, páx. 76.
  21. García de Cortázar e Ruiz de Aguirre 2012, páx. 133.
  22. Woodward e Gallego 1996, páx. 21.
  23. Collins 2000, páx. 239.
  24. Collins 2000, páx. 239.
  25. García de Cortázar e Ruiz de Aguirre 2012, páx. 133–134.
  26. Collins 2000, páx. 239.
  27. Cantera Montenegro e Cantera Montenegro 1996, páx. 29.
  28. Collins 2000, páx. 240.
  29. Collins 2000, páx. 240.
  30. Collins 2000, páx. 247.
  31. Maurois 1964, páx. 45.
  32. Carmen Channing Eberhard 2013, páx. 77.
  33. Woodward e Gallego 1996, páx. 22.
  34. García de Cortázar e Ruiz de Aguirre 2012, páx. 155; Woodward e Gallego 1996, páx. 22.
  35. Woodward e Gallego 1996, páx. 22.
  36. García de Cortázar e Ruiz de Aguirre 2012, páx. 155.
  37. Woodward e Gallego 1996, páx. 22.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Álvarez Fernández, Jesús (1992). "Estudio Teológico Agustiniano de Valladolid. XXV Aniversario". Estudio Agustiano (Editorial Estudio Agustiniano) (27): 551–594. ISSN 0425-340X. 
  • Baader Bade, Bettine (2014). "Los reveses del Cristianismo Anglosajón a través del Relato Providencial aproximación a la Historia Eclesiástica de Beda el Venerable (597-640)". Historias del Orbis Terrarum (Extra 7): 102–135. ISSN 0718-7246. 
  • Beda el Venerable (2013). Historia eclesiástica del pueblo de los anglos. Colección: Clásicos latinos medievales y renacentistas, nº 28 (en castelán). (Tradutor: Jose Luis Moralejo Álvarez). Madrid: Akal. ISBN 978-84-460-3223-6. 
  • Cantera Montenegro, Margarita; Cantera Montenegro, Santiago (2014). Los monjes y la cristianización de Europa. Colección: Cuadernos de Historia, nº 24 (en castelán) (2ª ed.). Madrid: Arco Libros. ISBN 978-84-7635-235-9. 
  • Channing Eberhard, Carmen (2013). "El sínodo de Whitby y el sentido político e histórico del diálogo en la Historia Ecclesiastica de Beda el Venerable". Historias del Orbis Terrarum (11): 67–90. ISSN 0718-7246. 
  • Claramunt Rodríguez, Salvador; Portela Silva, Ermelindo; González Jiménez, Manuel; Mitre, Emilio (2014). Historia de la Edad Media (en castelán). Barcelona: Ariel. ISBN 978-8434417335. 
  • Collins, Roger (2000). La Europa de la alta Edad Media, 300-1000. Colección: Universitaria Historia medieval, nº 210 (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 9788446012672. 
  • Donado Vara, Julián; Echevarría Arsuaga, Ana (2014). Historia Medieval I: Siglos V-XII. Colección: Manuales (en castelán). Madrid: Editorial Universitaria Ramón Areces / UNED. ISBN 978-8499611518. 
  • Fernández-Martínez, Dolores (2004). El discurso religioso durante la etapa de expansión del cristianismo en Inglaterra (597-1066) (en castelán). (Tese non publicada). Xaén: Universidade de Xaén. ISBN 8484392570. Arquivado dende o orixinal o 06 de xuño de 2020. Consultado o 29 de maio de 2020. 
  • García de Cortázar e Ruiz de Aguirre, José Angel (2012). Historia religiosa del occidente medieval (años 313-1464). Colección: Akal universitaria, nº 320 (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 978-84-460-3021-8. 
  • Maurois, André (1964). Historia de Inglaterra. Barcelona: Surco. 
  • Mitre Fernández, Emilio (1968). Los Germanos y las grandes invasiones (en castelán). Bilbao: Moretón. 
  • Mitre Fernández, Emilio (1995). Historia de la Edad Media en occidente. Historia. Serie Mayor (en castelán). Madrid: Cátedra. ISBN 84-376-1345-0. 
  • Verger, Jacques (1986). La Alta Edad Media. Colección: Biblioteca de la Historia, nº 56 (en castelán). Sarpe. ISBN 9788472919594. 
  • Woodward, E.L., Historia de inglaterra (1996). Historia de Inglaterra. Libro de bolsillo nº 530. Sección Humanidades (en castelán). Madrid: Alianza editorial. ISBN 9788420615301.