O cristal de rocha é un cuarzo incoloro e transparente. Este nome é moi antigo. Na Grecia clásica utilizábase o nome de krystallos, equivalente a xeo. A Biblia dá unha interpretación semellante, polo que esta mantívose sen cambios até o Renacemento. Andrés Laguna nos seus comentarios á tradución da obra de materia médica de Dioscórides,[1] indica que esta explicación é errónea, baseándose en que o cristal ten sempre as mesmas formas e o xeo non, e que ademais non se pode fundir por moito que se lle quente.

Foto dun cristal de rocha.

A composición do cristal de rocha é óxido de silicio (SiO2), case puro, aínda que pode conter trazas doutros elementos, especialmente aluminio, que xerarán centros de cor se se somete á acción da radioactividade natural ou artificial.[2] Os cristais desta variedade de cuarzo adoitan ser turbios e leitosos na zona na que se unen ao cuarzo masivo.

Localización e xacementos editar

O cristal de rocha aparece en moitas contornas xeolóxicas. Son frecuentes os cristais en cavidades de filóns hidrotermais de cuarzo masivo, ou en gretas alpinas. Nas pegmatitas aparece en cavidades dos núcleos masivos de cuarzo. Nas cavidades miarolíticas é máis raro, xa que a presenza de minerais radioactivos fai que se escureza, aínda que sexa lixeiramente. Tamén se atopa en contornas sedimentarias, dentro de septarias en rochas calcarias.

O cristal de rocha atópase en decenas de miles de xacementos, e en varios deles explótase comercialmente para obter exemplares para os coleccionistas. Son famosos os xacementos da zona do monte Ida, no condado de Montgomery, Arkansas (Estados Unidos), nos que existen explotacións comerciais e outras de acceso público mediante pago de entrada. Tamén se atopa cristal de rocha nos Alpes, tanto nos franceses como nos suízos e italianos. En España existen moitos xacementos nos que se atopou cristal de rocha de boa calidade. A coñecida como Cova do Cristal, en La Cabrera, foi explotada para extraer este material e utilizalo para fabricar obxectos de decoración xa no século XVIII.[3] Nos ríos Manzanares e Xarama e nos depósitos de grava próximos atopábanse cantos rodados de cristal de rocha, coñecidos como diamantes de San Isidro. Un deles foi tallado para Filipe II.[3]

Utilización editar

 
Un dragón de cristal de rocha que forma parte do Tesouro do Delfín. Museo do Prado, Madrid.

Aínda que ten peores calidades ca o sílex para esta aplicación, o cristal de rocha utilizouse dende a prehistoria para fabricar ferramentas cortantes, utilizábel, como as puntas de frecha, ou moi probabelmente destinadas ao uso cerimonial, como a folla de puñal de cristal de rocha completamente transparente, de 19 centímetros de lonxitude, perfectamente elaborada, atopada no asentamento calcolítico de Montelirio, en Castilleja de Guzmán (Sevilla). Nas civilizacións clásicas tallouse como xemas, selos, pequenos obxectos de adorno ou recipientes. Tamén se traballou en época medieval, pero é a partir do Renacemento cando se producen as mellores obras de arte utilizando este material. As máis valiosas son xerras, fontes e demais recipientes de gran tamaño, resultantes do laborioso baleirado e tallado de grandes bloques de cristal. Algunhas delas, con delicadísimos relevos, poden verse no Tesouro do Delfín, no Museo do Prado de Madrid, España, e no Museo do Louvre de París, Francia.

O cristal de rocha utilizouse tamén para a fabricación de instrumentos ópticos (xa que é transparente entre 145 ηm, no ultravioleta, e 2700 ηm, no infravermello), e tamén en electrónica, polas súas propiedades piezoeléctricas, aínda que actualmente utilízanse cristais de cuarzo artificiais.

Notas editar

  1. Laguna, Andrés (1555). Pedacio Dioscórides Anazarbeo, Acerca de la materia medicinal, y de los venenos mortíferos. Juan Lacio, Amberes. p. 502. 
  2. "Quartz. Mindat". 
  3. 3,0 3,1 Calvo Rebollar, Miguel (2016). Minerales y Minas de España. Vol. VIII. Cuarzo y otros minerales de la sílice. Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas de Madrid. Fundación Gómez Pardo. p. 164-165.