A gruta de Gargas, en Francia, é unha das máis célebres cavernas decoradas do Paleolítico superior de Europa.

Mans en negativo da cova de Gargas

Situación e historia editar

Esta caverna está situada no concello (commune) de Aventignan (Hautes-Pyrénées), no límite co Alta Garona, moi preto de Saint-Bertrand-de-Comminges. As súas coordenadas son: 43º 03' 19" N e 0º 32' 10" L.

A caverna foi obxecto de investigacións científicas desde fins do século XIX, entre as que destacan as escavacións de É. Cartailhac e H. Breuil. As mans pintadas foron advertidas, por vez primeira, o 11 de xuño de 1906, polo investigador Félix Régnault[1]. Está declarada Monumento histórico francés desde 1910.

 
Vista do interior da gruta (antes de 1908)
 
Incisivos de bóvidos atopados na cova de Gargas

Ocupación prehistórica editar

Gargas mostra indicios de ocupación (osamentas, industria lítica, arte mobiliaria) que van desde o Musteriano até a Idade Media, mais é famosa especialmente polas súas pinturas e gravados do Paleolítico superior.

Mans en negativo editar

As pinturas son sobre todo numerosas mans negativas realizadas coa técnica do estarcido ou esténsil (a silueta inicial da figura é logo recheada de cor). Son de cores vermellas (ocre), negras (óxido de manganeso, carbón vexetal), e, unha polo menos, branca (talco). En case a metade das mans (47,3 %) só hai unha falanxe ou coteno (sen contar o polgar), e só o 15,5 % son mans completas,[2] o que ten despertado innúmeras hipóteses para explicar a causa: enfermidades, conxelacións, amputacións rituais... Actualmente prefírese outorgarlle unha explicación de significado simbólico, o que apoian numerosos investigadores, de modo que as diferentes imaxes das mans obteríanse dobrando un ou máis cotenos dos dedos. As mans pertencen a individuos de ambos os dous sexos e a todos os tramos de idade, desde meniños a adultos.[2] Investigacións minuciosas mostran que as paredes e lugares onde se representaron mans foron elixidos e preparados cuidadosamente.[2]

Representacións figuradas editar

Hai tamén numerosos gravados e pinturas de tipo figurativo, que aparecen noutras partes da cova, acompañadas de signos. Os animais máis frecuentemente representados son o cabalo, o bisonte, o uro (ou aurochs), o íbice (Capra ibex) e o mamut.

Datación editar

Unha datación polo método do carbono 14 foi efectuada a partir dunha esteliña de óso fincada nunha fenda dunha das paredes decoradas con mans negativas. Se ben non dá directamente a idade das pinturas, estas deben estar próximas no tempo da data obtida: - 26.860 +- 460 anos, o que indica que a gruta era frecuentada no Gravetiense antigo. As mans impresas datan moi probabelmente dese período, o que as torna contemporáneas das mans de Cosquer[2].

Outros editar

A gruta de Gargas está aberta ao público. É recomendábel reservar con antelación.

Bibliografía editar

  • Foucher Pascal, San Juan-Foucher Cristina, Rumeau Yoan: La grotte de Gargas. Un siècle de découvertes, Édition Communautés de Communes du Canton de Saint-Laurent-de-Neste, 2007, 128 pages.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

Notas editar

  1. Regnault, Félix (1906): "Empreintes de mains humaines dans la grotte de Gargas (Hautes-Pyrénées)", en Bulletin et Mémoires de la Société d’Anthropologie de Paris, t. VII, 5esérie : 331-332.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Grottes préhistoriques de Gargas". grottesdegargas.free.fr. Consultado o 2020-02-05.