Couso, Coristanco

parroquia civil do concello de Coristanco

San Miguel de Couso[1] é unha parroquia que se localiza no sur do concello coruñés de Coristanco na comarca de Bergantiños. Segundo o IGE en 2018 tiña 290 habitantes distribuídos en 11 entidades de poboación (133 homes e 157 mulleres), 139 menos ca en 1999. Segundo o padrón municipal en 2004 tiña 396 habitantes (211 mulleres e 185 homes), e segundo o IGE en 2014 tiña 336 habitantes (152 homes e 184 mulleres).

Couso
Igrexa de San Miguel de Couso.
ConcelloCoristanco[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas43°08′17″N 8°46′42″O / 43.13802778, -8.77825Coordenadas: 43°08′17″N 8°46′42″O / 43.13802778, -8.77825
Área13 km²
Poboación290 hab. (2018)
Densidade22,31 hab./km²
Entidades de poboación11[1]
editar datos en Wikidata ]

Toponimia editar

Basicamente seguimos as informacións de Fernando Cabeza Quiles (1992, 2000 e 2008). Couso procedería do latín capsu (caixa) e faría referencia a unha caixa orográfica ou depresión no terreo; tamén podería ser un lugar para encerrar animais. Brenlla é posible que aluda a unha terra accidentada e poboada de maleza. Currás, sitio pechado e con finalidades agrícolas ou gandeiras. Esternande pode pensarse que leva o prefixo grego esterno (peito ou parte saínte) pero o máis probable é que veña de *Astranandus nunha villa, granxa ou posesión medieval. Furoca, situada nun fochanco, o nome pode ter algo que ver co seu emprazamento. Pereiras podería ter dúas acepcións: lugar no que son abundantes esas árbores froiteiras pero tamén topónimo que indica sitios máis ou menos elevados ás veces sobre outeiros escarpados. Ribela parece indicarnos un diminutivo de ripa (ribeira) e indicaría un asentamento nunha aba ou ladeira. O Ventoso, lugar moi batido polo vento. O Vilar, do latín villa, propiedade agraria ou habitacional da época romana, tamén pode referirse a un conxunto de terras de labradío, cerradas e pertencentes a varios donos.[2]

Ríos e vexetación editar

Preto do castro que hai na aldea do Vilar ten a súa orixe o Rego da Bordesca -máis adiante do Calvar- orixinado polas augas de tres fontes. Nela ten, tamén, a súa orixe o Río Vao formado pola confluencia de tres regatos: o Ponte Trilla, o de Couso e o maior dos tres que é o da Rabuxenta que nace a menos dun km de Esternande.

Na vexetación distínguense dous apartados: as terras agrícolas nas que apenas hai vexetación de porte arbóreo, como moito nos ribazos ou lindes das fincas, onde é posible ver algún que outro carballo; por outro, a superficie forestal, no que é omnipresente o eucalipto.[2]

Demografía editar

Os primeiros datos do número de habitantes datan de 1607 e fálannos de que en Couso vivían 30 fregueses que en 1708 pasarían a ser 236 habitantes,mentres que en 1836 chegarían aos 260. No séc. XX acadáronse as seguintes cantidades:326(1887), 381, 468, 449, 491, 569, 660, 679, en cada unha das décadas. A partir de 1970 iníciase un descenso e así a partir desa data o montante demográfico foi o seguinte:658(1981), 619(1986), 483(1991), 489(1996),433(2001),385(2006),350(2011) e 336(2014). Nesta última data os seus habitantes estarían repartidos entre as distintas aldeas do seguinte xeito: Bormoxoio (9), Brenlla (61), Couso (7), Currás de Abaixo (33), Currás de Arriba(23), Esternade (35), A Fucoca (16), Pereiras (51), A Ribela (24), Ventoso (13) e O Vilar (64). A súa superficie sería de 13 km cadrados, para acadar unhas densidades de 50,23 hab./km cadrados (1981), de 33,05 (2001) e de 25,65 (2014), a metade de hai 33 anos.[2]

Historia editar

A parroquia estivo habitada desde moi antigo como o proban a existencia de, polo menos, sete mámoas e un poboado castrexo. Catro da mámoas sitúanse preto da aldea da Ribela e a terceira no curuto dun monte ao sur do Vilar. Está ben conservada e aínda se lle nota moi ben o cono de violación. De dimensións considerables, coñécese como a Moa Zapateira. As outras estarían preto da Brañeira e no Monte do Marco (Bormoxoio). No inventario de bens patrimoniais (2000) constan como elementos inscritos: catro mámoas no monte da Medoñas, o túmulo do Monte do Marco, a mámoa do Rato, a mámoa da Moa Zapateira, o castro de Vilar, o igrexario e cruceiro de Couso, a reitoral e vivendas contiguas e unha casa e hórreo en Brenlla. No PXOM figura o anterior; pero, ademais, un total de dez mámoas, cinco casas, tres hórreos e un muíño en Pereiras.

O castro está situado ao noroeste do Vilar, moi preto das casas. Na súa construción aproveitouse un montículo que facilita considerablemente a súa función defensiva. A medida dos seus diámetros son 96x75 m e os seus desniveis exteriores poden acadar os 20 nalgúns puntos. Ten dous puntos de entrada. Segundo a tradición popular foi feito polos mouros que vivían nos arredores, que nel hai unha viga de ouro, pero que ninguén a atopou; tamén que hai un encanto dunha galiña con pitos que aparecen a noite de San Xoán e, mesmo, a sitúan nun punto determinado no lado norte moi preto da muralla externa.

En 1607, Del Hoyo (1976:249) recolle que os condes de Altamira tiñan adquiridos certos dereitos sobre a parroquia por teren a sincura por dereito patrimonial e que lle supoñían os dous terzos das rendas que pagaban os veciños da parroquia (unhas 40 cargas de todo pan, equivalentes a uns 320 ferrados de cereais).[2]

Notas editar

Lugares e parroquias editar

Lugares de Couso editar

Lugares da parroquia de Couso no concello de Coristanco (A Coruña)

Bormoxoio | Brenlla | Couso | Currás de Abaixo | Currás de Arriba | Esternande | A Furoca | Pereiras | A Ribela | Ventoso | O Vilar

Parroquias de Coristanco editar

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Coristanco

A Agualada (San Lourenzo) | Cereo (Santa María) | Coristanco (San Paio) | Couso (San Miguel) | Cuns (San Vicenzo) | Erbecedo (San Salvador) | Ferreira (Santa María) | Oca (San Martiño) | San Xusto (San Xián) | Santa Baia de Castro (Santa Baia) | Seavia (San Mamede) | Traba (Santa María) | Valenza (San Pedro) | Verdes (Santo Adrán) | Xaviña (San Tomé)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar