Abrir o menú principal

Coordenadas: 30°23′37″N 86°29′45″O / 30.3935337, -86.4957833

Localización da Costa Esmeralda en Florida
Augas esmeralda en Destin, parte da "Costa Esmeralda".
Pensacola Beach, parte da "Costa Esmeralda".

A Costa Esmeralda (inglés: Emerald Coast) é unha denominación non oficial dunha área costeira do estado de Florida (nos Estados Unidos) situado no Golfo de México. Esténdese uns 160 quilómetros ao longo de cinco condados, Escambia, Santa Rosa, Okaloosa, Walton e Bay, desde Pensacola a Panama City. Algunhas comunidades de Alabama do Sur na costa do Condado de Baldwin, como Gulf Shores, Orange Beach e Fort Morgan, tamén empregan esta denominación.

Índice

Orixe do nomeEditar

A comezos de 1946, cunha finalidade de mercadotecnia, a costa que se estende de Fort Walton Beach a Panama City comezou a ser coñecida como a "Zona de Xogos da Costa do Golfo" (inglés: Playground of the Gulfcoast), tal como o demostra o nome dado ao xornal de Fort Walton Beach, o Playground News, que máis tarde mudou o seu nome ao de Playground Daily News e hoxe é o Northwest Florida Daily News. En 1952, este tramo da costa foi alcumada por Claude Jenkins, un xornalista local, como "A Franxa do Milagre" (Miracle Strip), un termo que aínda permanece no nome do Parque de atraccións de Miracle Strip e noutros negocios locais[1][2]. O termo "Franxa do Milagre" foi adoptado oficialmente por trinta e cinco funcionarios e membros dos tres distritos da Florida Motor Courts Association no seu capítulo do 14 de marzo de 1956, nunha reunión mantida no Staff Restaurant en Fort Walton Beach, co gallo de salientar as cen millas da Estrada número 98 como unha «fabulosa cadea a de moteis, hoteis e locais nocturnos» desde Pensacola a Panama City. Entre os seus membros incluíronse representantes das cámaras de comercio[3].

O termo Costa Esmeralda foi acuñado en 1983 por un estudante de instituto chamado Andrew Dier, quen gañou 50 dólares no concurso que buscaba un novo slogan para a zona[4], quen inspirouse na cor das augas transparentes da súa costa. Desde entón, o termo comezou a ser empregado popularmente para designar toda a costa noroeste de Florida, desde Pensacola Beach a Panama City Beach.

É un popular destino de vacacións, que inclúe Pensacola, Pensacola Beach, Gulf Breeze, Navarre, Navarre Beach, Fort Walton Beach, Niceville, WaterColor, Panama City Beach, Destin e Seaside, unha planificada comunidade caracterizada por unhas icónicas construcións pintadas en tons pastel e de teitos de estaño que se fixeron famosas pola película de Jim Carrey, The Truman Show, filmado na área entre 1996 e 1997. Outras poboacións da Costa Esmeralda son Perdido Key, Navarre, Sandestin, Mexico Beach, Grayton Beach, Inlet Beach e Santa Rosa Beach.

A área é coñecida como un destino de turismo familiar, aínda que na primeira década do século XXI a súa popularidade aumentou moito, de xeito que iniciouse un novo boom inmobiliario e agresivas campañas turísticas publicitarias[5]. Moitos desenvolvementos urbanísticos similares a Seaside xurdiron no lado sueste do Condado de Walton e na fronteira oeste de Panama City Beach, incrementando o valor das propiedades.

A pesca de altura é un grande atractivo do lugar, sendo ademais coñecida a poboación de Destin como a "aldea con máis sorte na pesca do mundo" [6] (e conta con varios récords mundiais de pesca en augas salgadas) e Panama City Beach alberga o economicamente ben dotado torneo de pesca de Bay Point Billfish Invitational. A zona tamén conta con moitas marisquerías.

Bases militaresEditar

Nesta parte de Florida están establecidas numerosas bases militares, cuxas instalacións inclúen a Estación Aérea Naval Pensacola (sede do equipo de demostración da Mariña os Blue Angels e o centro de formación inicial para todos os aviadores navais), o Hurlburt Field, a Base da Forza Aérea Eglin (unha das maiores bases militares en América), a Base da Forza Aérea Tyndall (sede dos F-22 Raptor, avións de combate da Forza Aérea), a Estación de Sistemas Costeiros-Centro de Guerra Naval en Superficie (sede da Unidade de Buceo Experimental da Mariña e do Centro de Adestramento Salvaxe e Buceo da Mariña) e o Centro de Adestramento Técnico Naval da Estación Corry.

Ademais das bases militares e os contratistas civís que dependen delas, os outros grandes empregadores da zona están relacionados coas industrias do turismo, a pesca e a hostalaría.

A Costa Esmeralda na cultura popularEditar

A regular presenza militar na rexión permitiu moitas aparicións da Costa Esmeralda no cinema, sendo a primeira as prácticas de engalaxe dos participantes na Incursión Doolittle para a película Thirty Seconds Over Tokyo (Trinta Segundos Sobre Toquio), filmado en Peel Field, un campo de adestramento auxiliar de Eglin Field, en 1944. Tamén foron rodadas en Eglin algunhas escenas do filme de 1949 Twelve O'Clock High (Almas na fogueira), outro traballo sobre a Segunda Guerra Mundial.

En 1972 o filme de eco-terror Frogs (Ras) foi rodado no Condado de Walton, tanto dentro como nos arredores da Wesley House, unha vella mansión sureña situada no Parque Estatal Eden Gardens, na cidade de Point Washington, situada en Tucker Bayou na Baía de Choctawhatchee.

Os exteriores e bastantes escenas de interior da película de 1998 The Truman Show (O show de Truman) foron rodadas en Seaside[7]. Varias escenas de Jaws 2 (Tiburón 2), de 1978, foron filmadas tamén na rexión. Os interiores da sala de pinball na que os rapaces pasaban o tempo foron rodados en Fort Walton Beach, na localización desaparecida do Hog's Breath Saloon, en Okaloosa Island. Ademais, o tren de rodaxe sobre o que se colocou ao tiburón (coñecido polo equipo co alcume de Bruce the Shark) situouse no fondo do golfo en Navarre Beach e a comunidade continental de Navarre.

"Redneck Riviera" é o título dunha canción do cantante de country Tom T. Hall sobre esta rexión (incluída no seu álbum de 1996 Songs from Sopchoppy). A letra di, entre outras cousas:

Gulf Shores up through Apalachicola
They got beaches of the whitest sand
Nobody cares if gramma's got a tattoo
Or Bubba's got a hot wing in his hand
De Gulf Shores ata Apalachicola
teñen praias da area máis branca
A ninguén lle importa se a avoa leva un tatuaxe
ou se Bubba ten un á quente na man

Un nivel do videoxogo para consolas Dreamcast de 1998 Sonic Adventure, chamouse "Emerald Coast", baseándose na área costeira do mesmo nome. Este lugar tamén aparece no xogo de 2011 Sonic Generations, na versión para Nintendo 3DS.

NotasEditar

  1. Hollis, 2004, p. 23
  2. Peninsular Publishing, ed. (1985). The Florida Handbook (en inglés). p. 229. 
  3. "Fort Walton Beach, Florida, «'Miracle Strip' Tag Official For This Area"»". Playground News (en inglés) 11 (7). Xoves, 22-3-1956. p. 14. 
  4. "This week in Walton history". The Walton Sun (en inglés). 22-12-2013. Consultado o 26-12-2015. 
  5. Higgins, Michelle (11-3-2011). "14 Easy Weekend Getaways". Travel. New York Times (en inglés). Consultado o 26-12-2015. 
  6. Destin Area-Chamber Commerce (ed.). "History of Destin & Its White Sand" (en inglés). Consultado o 26-12-2015.  Páxina da Cámara de Comercio de Destin.
  7. "The Truman Show. Trivia". IMDb (en inglés). Consultado o 26-12-2015. 

Véxase taménEditar

Outras ligazónsEditar

Ligazóns externasEditar

BibliografíaEditar