Corte Xeral de Massachusetts

A Corte Xeral de Massachusetts (en inglés, Massachusetts General Court) é o parlamento de Massachusetts, nos Estados Unidos. Os seus 200 membros son escollidos por sufraxio universal e sesionan en Boston, na Casa Estatal. A súa orixe remóntase ao século XVII mais a súa actual denominación e estrutura bicameral foron adoptadas en 1780.

A Casa Estatal de Massachusetts (Boston), sede da Corte Xeral

ComposiciónEditar

 
A Constitución de 1780 establece os poderes e composición da Corte Xeral

A Constitución de Massachusetts data de 1780 e dedica o seu capítulo 1º da segunda parte ao poder lexislativo, deste xeito determina as funcións da Corte Xeral e que as súas cámaras son:[1]

  • O Senado: composto por 40 senadores. Para poder concorrer ás eleccións a esta cámara cómpre ter 18 anos, votar en Massachusetts e ser veciño dese estado dende hai polo menos 5 anos, ademais de residir no distrito polo que se presenta. Ademais, é necesario presentar 300 sinaturas que avalen a candidatura.[2]
  • A Cámara de Representantes: integrada por 160 deputados. Os representantes deben ter 18 anos, ser votantes no estado e residir dende, polo menos, un ano na circunscrición pola que se concorre. Tamén é necesario presentar 150 sinaturas para formalizar a candidatura.[2]

Os lexisladores son electos en distritos uninominais, tanto para a Cámara de Representantes como para o Senado. As lexislaturas de ambas as dúas cámaras son bianuais. En 1994, a Asemblea Xeral aprobou unha lei que fixaba uns límites de mandatos, mais, en 1997, esta disposición foi anulada polo Tribunal Supremo de Massachusetts por xulgala inconstitucional.[3]

CompetenciasEditar

 
Hemiciclo da Cámara de Representantes en Boston

A función primordial da Corte Xeral é a elaboración das leis de Massachusetts. Os lexisladores de ambas cámaras poden presentar proposicións de lei, mais estas deben rexistrarse antes das 17 horas do terceiro venres do mes de xaneiro no que comeza unha lexislatura. Se posteriormente se pretende introducir algunha proposta de lei, debe remitirse ao comité ou comisión de normas da Asemblea que posteriormente o remitirá a ambas as dúas cámaras, cuxos membros deberán aprobar por dous terzos o trámite da proposta.[4] Pola súa banda, o Gobernador pode remitir proxectos de leis en calquera momento da lexislatura.

Unha vez rexistrada a proposta na cámara á que pertenza o lexislador adxudícaselle un número e introdúcese na orde do día. O proceso lexislativo comeza cando se dá lectura á proposta e se deriva a unha comisión concreta segundo a temática que aborde. Na comisión faise un estudo da proposta e convídase a lexisladores e axentes públicos para valorala. Durante esta fase a comisión pode:

  • Aprobar o proxecto tal e como se presentou
  • Emendar o proxecto para modificar aspectos
  • Combinar varias propostas semellantes nunha nova proposta única
  • Combinar varias propostas para seguir valorando a cuestión
  • Remitir o proxecto de lei a outra comisión
  • Rexeitar o proxecto de lei
 
Plano coa sala do Senado e distribución dos senadores en 1880

Unha vez finalizado o traballo da comisión, esta presenta un informe á cámara para que valore o proxecto como está, con recomendacións de cambio ou co consello de elaborar outra lei. No caso de que a comisión rexeite o proxecto, deberá presentar un informe desfavorable á proposta ante a cámara. A partir de entón é responsabilidade do plenario, ante o cal a proposta é de novo lida, a segunda lectura, e debátense as emendas, antes de votala. No caso de ser aprobada, envíase á outra cámara, onde o proxecto seguirá o mesmo procedemento, podendo ser modificada. Se a segunda cámara vota a favor a lei sen mudanzas, a lei é remitida ao gobernador. Mais se houbo modificacións deberá ser tamén votada na cámara orixinal. Se esta rexeita os cambios, constitúese un comité conxunto con tres membros das dúas cámaras para intentar chegar a un acordo. O texto pactado debe ser votado afirmativamente por ambas cámaras para ser definitivamente aprobado.[5]

A lei aprobada pola Corte Xeral é enviada ao Gobernador do estado. Se este non está conforme co texto pode propor á Corte Xeral algúns cambios, aínda que non teñen porque ser concedidos polos lexisladores, ou vetala. En tal caso, a Corte Xeral pode anular o veto co voto a prol de revogalo de dous terzos de ambas as dúas cámaras.[4]

Aínda que ambas as dúas cámaras son colexisladoras, resérvanse algunhas cuestións particulares para cada unha. Deste xeito, por exemplo, a Cámara de Representantes debe valorar antes que o Senado a lexislación relativa á fiscalidade do estado.[4]

HistoriaEditar

As orixes da Corte Xeral de Massachusetts remóntanse á propia colonización inglesa do territorio. En 1629, o rei Carlos I de Inglaterra aprobou a Carta da Compañía da Baía de Massachusetts que rexeu o goberno desa colonia a partir de 1630. A forma da Grande e Xeral Corte (en inglés, Great and General Court) semellaba á xunta de accionistas dunha sociedade mercantil, estaba integrada polos accionistas da Compañía, chamados homes libres, que se reunían unha vez por ano para escoller o gobernador, o vicegobernador e os maxistrados (chamados asistentes), estes formarían a Corte de Asistentes. A partir de 1634, a Corte Xeral asumiu as funcións lexislativas, reservadas ata entón á Corte de Asistentes. Paralelamente, estableceuse que os homes libres enviasen a representantes electos entre eles. A partir de 1644, os representantes electos dos homes libres comezaron a reunirse por separado e a Corte de Asistentes asumiu a función semellante a unha cámara alta. Foise así conformando un sistema de goberno representativo.[6]

 
O 30º Presidente dos Estados Unidos, Calvin Coolidge en 1915, cando presidía o Senado de Massachusets.

En 1686, a Carta da Compañía da Baía de Massachusetts foi revogada, pero mantívose a Corte Xeral, cunha cámara alta que actuaba como consello do gobernador con competencias executivas e cámara alta lexislativa e unha cámara baixa electa entre os homes propietarios. En 1692, a fundación da Provincia da Baía de Massachusetts significou que a Corte Xeral sería elixida anualmente, escollendo entre os seus membros a 28 que serviran como consello executivo do gobernador e cámara alta, mentres que o resto serían a cámara baixa. Esta cámara baixa, a partir de 1705 empregou a denominación de Cámara de Representantes.[6]

En 1774, no contexto das tensións entre as Trece Colonias e Gran Bretaña que rematarían coa independencia das primeiras, o gobernador Thomas Gage cesou aos membros electos da Corte Xeral e prescindiu da institución. Ante isto, os membros da Corte Xeral formaron o Congreso Provincial de Massachusetts que actuou como goberno de facto da colonia por controlar o seu territorio, agás Boston ata 1776.[7]

A Constitución de Massachusetts de 1780 supuxo a configuración actual da Corte Xeral co Senado e a Cámara de Representantes. O principal autor do texto, John Adams, renomeouna como Corte Xeral.[8]

Varios pais fundadores dos Estados Unidos foron membros da Corte Xeral, foi o caso de Nathaniel Gorham, Rufus King, Caleb Strong e Elbridge Gerry, posterior vicepresidente entre 1813 e 1814.[9] Ademais, tres Presidentes dos Estados Unidos tamén foron escollidos para a Corte Xeral: John Adams, xefe de Estado entre 1797 e 1801 foi membro da Cámara de Representantes; o seu fillo, John Quincy Adams, Presidente entre 1825 e 1829 foi senador da Corte Xeral entre 1802 e 1803; e Calvin Coolidge, xefe do Estado entre 1923 e 1929, foi tamén senador entre 1912 e 1915, chegando a ser o presidente desa cámara.

NotasEditar

  1. "Chapter I, LEGISLATIVE POWER, Section I: The General Court.". Massachusetts Constitution. 
  2. 2,0 2,1 "How to Run for Office in Massachusetts" (PDF). Secretary of the Commonwealth of Massachusetts. 
  3. Rimer, Sara (1997-07-12). "Top Massachusetts Court Overturns Term Limits". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2022-08-29. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "The Legislative Process in Massachusetts". Mass Legal Services. Consultado o 2022-08-29. 
  5. "The Legislative Process". Commonwealth of Massachusetts: Public Employee Retirement Administration Commission. 
  6. 6,0 6,1 "Massachusetts General Court" (PDF). Secretary of the Commonwealth of Massachusetts. 
  7. Landrigan, Leslie (2014-04-08). "April 8, 1775: The Provincial Congress of Massachusetts Resolves To Raise an Army - And To Tell Everyone". New England Historical Society (en inglés). Consultado o 2022-08-29. 
  8. "John Adams & the Massachusetts Constitution". Mass.gov (en inglés). Consultado o 2022-08-29. 
  9. "The Founding Fathers: Massachusetts". National Archives (en inglés). 2015-11-06. Consultado o 2022-08-29. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar