Corricán
O corricán é unha arte de pesca baseada nunha serie de anzois con cadansúa liña que se arrastran pola popa do barco mentres este vai navegando, penduradas de varas colocadas a babor e estribor. Tamén se chama corricán a cada un dos aparellos (cada unha das liñas). Utilízase para a pesca do atún, bonito, xarda etc. Os anzois poden ser cebados con engado natural ou artificial.
Cada liña consta dunha sedela forte, xa que os peixes que se van capturar adoitan ser de gran tamaño, que remata nun arame ou placa de latón no que se empata o anzol. Dado que os atúns son peixes que se moven en augas relativamente superficiais, o anzol vai lastrado cun chumbo lixeiro que o mantén á profundidade adecuada.
Evolución do corricán
editarO corricán é unha variante da cacea, arte de pesca que consiste en lanzar varias liñas armadas de anzois pola popa. O sistema supuxo considerables vantaxes sobre as artes de pesca de rede ou de liña estática xa que permitía desprazarse en busca dos bancos de atúns no canto de esperar que viñesen os peixes onda o barco. Ó primeiro, empregouse en barcos de remo e vela, co esforzo que representaba estar vogando continuamente. Os primeiros cambios foron substituí-lo cebo natural polo artificial, primeiro trapos brancos e logo vermellos; outro cambio significativo foi a substitución do anzol único polo dobre (chamado pé), sistema que se empeza a empregar a mediados da década dos 50.
Na cacea do bonito non aparece a palabra 'chibo', senón 'pé' que é un elemento formado por dous anzois unidos e unha folla de maínzo. Esta debe se-la máis finiña, que é a que está pegada ó gran da espiga. Esta folla debe converterse en cabelos dourados e ben peiteadiños ó par do seu lazo roibo ou branco, coas correspondentes cinco ou seis brazas de aramada (hoxe tanza) con que remata-lo 'pé' (Rodríguez Vergara, 278).
No caso do corricán, as modificacións introducidas no barco permiten multiplicar considerablemente o número de liñas coas que traballar.
Polo interior das bordas levan uns madeiros, moletas, con fendeduras nas que se colocan as canas ou varas, de 13 a 17 m de longo. As varas máis próximas á proa do barco, as raposas, son máis curtas, duns 4 m. Cada vara leva ó longo 3 ou 4 roldanas (motóns), e unhas argolas metálicas para mete-la corda ou liña, de arame. Así, de cada vara penden 3 ou 4 aparellos de lonxitude variable segundo o lugar da vara na que estean. O aparello ou cacea do cabo, o último, chámase penol ou punta, e é o máis longo (ata 60 metros); ó seguinte chámase segunda; ó terceiro é a amura ou terceira; e o cuarto, máis próximo á borda, é o sanxoaniño ou couce, o máis curto se ben chega a ter 25 metros. Ó final, a cada sedela empátanse normalmente dous anzois.
Cando o engado é artificial consiste nunha culler protexida ou rodeada de trapos ou cordas plásticas de diferentes cores (vermello ou verde, habitualmente). Antes utilizábanse a tal fin as follas internas da mazaroca de millo (o cosco[2]), esfiañadas.
Pesca ó corricán
editarPara face-lo lance, co barco en marcha sobre o banco de peixe, van lanzándose pola popa ao mar os corricáns cos seus anzois xa cebados, de tal xeito que todos van máis ou menos nunha liña perpendicular á marcha do barco. Os mariñeiros van tocando os extremos das liñas ó longo das bordas para comprobar, pola tensión que collen, se picou o peixe. Cando é así halan da liña e soben o peixe a bordo (antes á man, agora con mecanismos hidráulicos), e volven botar aquela ó mar.
A pesca do atún ou do bonito faise por mareas de 5 días ou máis, durante os que van almacenando as capturas nas bodegas refrixeradas. Finalmente regresan a porto, baleiran a carga e volven partir. O peixe capturado é transportado á lonxa, se o seu destino vai se-la venda en fresco, ou a unha fábrica de conservas.
A pesca ó corricán, con cebo artificial, é o sistema máis utilizado pola frota atuneira española (ó redor dos dous terzos da frota). Os atúns poden capturarse tamén con outras artes de pesca, como o cebo vivo (utilizado polo terzo restante da frota, fundamentalmente no País Vasco[3]) ou por artes de cerco (sistema empregado exclusivamente na costa de Suramérica, océano Pacífico e Índico). Tamén se utiliza, no País Vasco e noutros países de Europa, o palangre á deriva.
O corricán na pesca deportiva
editarO corricán non só se utiliza para a pesca profesional descrita máis arriba, senón que tamén é unha arte de pesca moi popular na pesca deportiva de altura, tanto para pescar atúns como peixe espada ou marraxos. Neste tipo de pesca é máis habitual o uso de cebo natural (xurelos, potas, luras etc.).
Outros usos semánticos
editarCo nome de corricán Noriega Varela designaba a erupción cutánea que adoitan presentar na cara e nádegas os meniños acabados de nacer, e Aníbal Otero unha ave mariña, a pardela furabochos (Puffinus puffinus).
Como adxectivo, aplícase ós que andan dun lado para outro, sen parar en ningures (furafollas, fervellasverzas, bulebule).
Notas
editar- ↑ Fonte: http://www.photolib.noaa.gov/fish/fish2060.htm Arquivado 09 de decembro de 2006 en Wayback Machine..
- ↑ Tamén chamado carroucha, cosca, folillo, poma ou pubela, e que tamén se utilizaba para enche-los colchóns.
- ↑ A pesca de atún con cebo vivo consiste en botar peixe vivo ó mar, normalmente especies de baixo prezo, como a sardiña ou o boquerón, e axita-la superficie do mar mediante chorros de auga que lanzan desde o barco. Os atúns achéganse a come-lo engado e entón son pescados con canas que se lanzan no mesmo espazo.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- FARIÑA CASTRO, Miguel: Artes e aparellos de pesca empregados en Galicia, CETMAR [1]
- MOUZO, Elimiano: "La flota bonitera pedirá al Gobierno que autorice la pesca con palangre", en La Voz de Galicia, 11.06.2000.
- RODRÍGUEZ VERGARA, Xavier: Redes e peixes. Saberes dun mariñeiro. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2007.
- RAMONELL, Rosa: "Corricán", na Gran Enciclopedia Galega.