Corona González Santos

filántropa e fotógrafa galega

Corona González Santos, nada en Vilaño (A Laracha) o 10 de outubro de 1875 e finada en Vigo o 11 de maio de 1972, foi unha filántropa e fotógrafa galega. Foi unha das primeiras fotógrafas afeccionadas en Galicia, a quen lle publicaron na revista Vida Gallega unha das súas reportaxes fotográficas.

Corona González Santos
Nacemento10 de outubro de 1875
Lugar de nacementoA Laracha
Falecemento11 de maio de 1972
Lugar de falecementoVigo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónfilántropa e fotógrafa
CónxuxeRamón González Fernández
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Datos biográficos editar

Corona González Santos naceu no seo dunha familia acomodada. Filla do médico Faustino González Cobas, natural de Cotobade (Pontevedra), e de Jesusa Santos Cervela, de Santa Eufemia la Real del Centro (Ourense), foi a terceira de oito irmáns. A familia trasladouse a Mos, onde o pai exerceu de médico local.

Casou con Ramón González Fernández en 1900, fixando a súa residencia na mesma casa familiar de Mos, coñecida como Vila do Adro. O matrimonio residiu por tempadas en Ribadeo e O Porriño, exercendo un labor filantrópico e contribuíndo ao desenvolvemento destes concellos.[1]

Faleceu aos 96 anos en Vigo, sendo soterrada no cemiterio de Pereiró. En 1983 as súas cinzas foron trasladadas a Ribadeo, ao panteón que ela mesma mandara construír na Igrexa da Orde Franciscana Terciaria e onde repousaban os restos do seu marido.[2]

Obra fotográfica editar

A obra de Corona González Santos pasou desapercibida ata que a revisión das reportaxes fotográficas na revista Vida Gallega e a doazón ao Museo de Pontevedra de cento vinte e sete copias fotográficas realizadas coas placas conservadas pola familia, permitiron coñecer e valorar a súa obra. Tendo en conta a colección de imaxes, pódese deducir que practicou a fotografía durante vinte e cinco anos, período comprendido entre a compra da súa primeira cámara en 1900 e o ano da morte do seu marido en 1925.

Na súa lúa de mel, o matrimonio viaxou á Exposición Universal de París, onde se expoñía unha compilación de máis de vinte fotógrafas estadounidenses. En París adquiriu a súa primeira cámara fotográfica e a partir dese momento, a fotografía converteuse nunha das súas afeccións artísticas, ademais do gusto pola escultura en cemento.

Sen datos sobre a adquisición de formación fotográfica, parece que Corona foi fundamentalmente autodidacta. E ademais de fotografar, tamén mostrou interese en positivar os negativos. Posiblemente, na súa aprendizaxe influíu a súa amizade con Benito Prieto Coussent, fotógrafo de Ribadeo e con Pedro Cima, fotógrafo residente en Buenos Aires, a quen o matrimonio sempre visitaba nas súas viaxes á Arxentina. Tamén aproveitando as súas viaxes, visitaba os estudios de importantes fotógrafos para ser retratada por eles.

Como a maioría das fotógrafas non profesionais da época, Corona atopou os contidos a fotografar na súa contorna, polo que a súa produción fotográfica ten un marcado carácter costumista: escenas familiares e de amigos; retratos individuais ou en grupo, de mulleres, nenas e nenos; secuencias en representacións teatrais, paisaxes, escenas agrícolas, mariñeiras etc.

A revista Vida Gallega publicou en 1914 unha reportaxe fotográfica de Corona González Santos, titulada “El arte y la belleza” en relación cunha festa benéfica realizada no Casino, onde se representaba teatralmente “Canción de Cuna”.[2]

Obra filantrópica editar

Corona contribuíu co altruísmo do seu marido durante a súa vida en común e, á súa morte en 1925, ocupouse de rematar todas as obras que el comezara.

No Porriño contribuíron co financiamento dun novo templo parroquial que se inaugurou en 1913; achegaron 40.000 pesetas para abastecer de fariñas ao pobo, axudaron a viúvas e orfos do mar, sufragaron a construción do campo de fútbol e contribuíron con grandes sumas a remediar as calamidades da gripe de 1918. Pero a súa obra máis sinalada foi a construción da Casa do Concello que encargaron en 1921 ao arquitecto Antonio Palacios e se inaugurou en 1924. En Ribadeo foron impulsores da celebración das festas patronais e contribuíron á construción da Praza de Abastos, obra estilo art decó do arquitecto Ramiro Saez e da construción do Teatro.[2][3]

Xa viúva, Corona non abandonou a actividade altruísta. En 1929 cedeu os terreos para a nova igrexa en Ribadeo da Orde Franciscana Terciaria (rematada en 1931). Alí mandou construír un mausoleo art déco, onde trasladou os restos do seu esposo.[1]

 
Representación de Corona González Santos como pioneira nun mural da Marcha Mundial das Mulleres en Vigo en 2021.

No comezo da guerra civil, aos 61 anos, Corona incorporouse á Cruz Vermella exercendo como enfermeira auxiliar no Hospital Militar de Evacuación de Bella Vista. Durante os seguintes anos, continuou a súa colaboración en diferentes ámbitos de cooperación.[2]

Confusión con Corona González Estévez editar

Aurora Marco recolle no seu libro Irmandiñas (2020), que desde 2018, grazas ao traballo de Xesús González Gómez, desvelouse unha confusión que existía ata o momento entre Corona González Santos e Corona González Estévez (autora de varios textos publicados en A Nosa Terra e na revista Céltiga), dando por feito que as dúas Coronas eran unha única persoa.[4][5]

Recoñecementos editar

  • En 1926 foi nomeada filla adoptiva de Ribadeo, "en proba de afecto e gratitude pola súa valiosa e eficaz valoración en todos os actos altruístas realizados polo seu finado esposo e fillo predilecto de Ribadeo, o Excmo. Sr. D.Ramón González Fernández".[1]
  • En 1948, o concello de Ribadeo volveu a homenaxeala, en agradecemento ás contribucións para executar as obras do Hospital Municipal, onde se colocou unha lápida de mármore.[2]
  • Antía Yáñez homenaxeouna no seu libro Senlleiras,[6] aínda que mestura datos históricos das dúas Coronas González como se foran a mesma persoa.[5]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Castro, Celia (2015). "Corona González Santos e Ramón González: Un matrimonio de mecenas". CROA: boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga (25): 96–101. ISSN 1575-0639. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Padín Ogando, Fernanda (05/07/2018). "Corona González Santos (1875-1972) – fotógrafas pioneiras". Consultado o 2021-03-06. 
  3. Fernández, Martín (2018-02-18). "Corona González y Ramón González, los grandes mecenas de Ribadeo y O Porriño". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2021-03-06. 
  4. Marco, Aurora (2020). Irmandiñas. Santiago de Compostela, Galiza, U.E. ISBN 978-84-8487-466-9. OCLC 1200037024. 
  5. 5,0 5,1 "‘Senlleiras’ e o misterio das dúas Corona González". BiosBardia. 2018-12-12. Consultado o 2021-03-02. 
  6. Dopico, Montse (14 de outubro de 2018). "Antía Yáñez: “Sororidade. Unión. Son palabras que esgazan en mil anacos o patriarcado, o machismo. Sometemento é silencio”". Praza Pública. Consultado o 15 de outubro de 2018. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar