Corona González Estévez

xornalista galega

Corona González Estévez,[1] nada en Baños de Molgas en 1889[2][3] e finada en Río de Xaneiro o 29 de abril de 1963, foi unha xornalista galega. Filla de Luis González (ferroviario nacido en Maceda) e de Etelvina Estévez (da Rúa). Colaborou no semanario A Nosa Terra e na revista Céltiga na segunda metade dos anos vinte, sempre en galego.

Modelo:BiografíaCorona González Estévez
Biografía
Nacemento1889 Editar o valor en Wikidata
A Rúa, España Editar o valor en Wikidata
Morte29 de abril de 1963 Editar o valor en Wikidata (73/74 anos)
Río de Xaneiro, Brasil Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónxornalista Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Nada en Baños de Molgas, era filla dun ferroviario de Maceda de Trives e dunha muller valdeorresa. Cando era meniña, a familia trasladouse a Valdeorras. Sábese que viaxou e viviu en distintas países xa que existen cartas e artigos datados desde A Rúa, París, Londres, Weymouth, Río de Xaneiro e a bordo dos vapores "Arlanza" e "Itanagé". Desde A Rúa dirixiu unha carta ao administrador da revista Lar en 1925 para indicar novo enderezo "pois eu veño a vivir cuase sempre no estranxeiro".[4]

 
A Nosa Terra, n.º 228 (1926)

Desde 1926 a 1930 publicou en A Nosa Terra os artigos: "Para os da terriña" (nº 230, 232), " Pr'os pais que tein fillas" (nº 235), "Como se encaran os diversos casos por eiquí abaixo" (nº 236), "O egoismo de ultratumba" (nº 237), "Saudades" (nº 241), "Vaidades encol do reco" (nº 244), "O fogo" (nº 245), "¿Porque sería a batalla?" (nº 248), "A bordo do Arlanza" (nº 258), "¡Sempre as ditosas saudades!" (nº 246), "Nunca se debe perder a esperanza" (nº 269).

Na revista Céltiga, que se editaba en Buenos Aires, publicou no período 1927-1929: "La raison du plus fort est toujours la meilleure" (nº 57), "Os ingresos que van pra Hespaña" (nº 71), "Dende terras lonxanas. A isca do reclamo" (nº 74), "Prosas galegas. A honradez dos yankis" (nº 82), "Non che nego a fermosura, ceiño d'esta terriña... Mais... ¡quen che me dera na miña" (nº 114)[5][6]

Nos seus artigos mostrou un bo coñecemento da cultura galega, das miserias da emigración, dos males do analfabetismo, da necesidade de independencia económica e psicolóxica das mulleres. Revelou unha grande apertura ideolóxica progresista, ademais do seu nacionalismo anticaciquil[7]. Preocupouse pola defensa da lingua e defendeu a necesidade de que as mulleres tiveran acceso á educación regrada.[3]

No artigo "Pr’os pais que tein fillas" afirma:

A muller precisa saber gañar a vida sinón for máis, polo menos tanto como o home. A muller pra abrirse camiño na vida pasa moitos máis apuros e desgostos -sen contar os traballos- que o home. É necesario insinarlle a traballar, pra ser independente, e facerlle comprender que non é necesario o casamento, nen ser monxa, pra ser feliz n’este mundo. Só pode adequerir a sua independencia por medio do traballo, e o día que as nosas mulleres podan gañar a vida independentemente, sin precisar de ninguén terán independencia de carauter, e poderán casarse, ou non, sin ter medo a quedar solteiras, pois non precisan de un que as manteña (...) (ANT, nº 235, 1.4.1927).[4]

Aurelio Blanco Trincado definiuna como «valente, avanzada ao seu tempo e nacionalista convencida, pero de dereitas como moitos galeguistas amigos seus»[3]. En relación ao seu posicionamento ante o levantamento militar franquista, Xesús González Gómez referiuse nas súas investigacións ás cartas a favor dos sublevados aparecidas no Diario de la Marina o 17 de marzo de 1937. Entre os fragmentos das cartas hai un onde Corona González escribiu ao seu curmán: "Nuestra familia se porta de maravillas en la salvación de nuestra querida España. Tenemos varios héroes..." e cita varios familiares que loitaron no bando dos sublevados.[8][6][2]

Confusión con Corona González Santos

editar

Aurora Marco recolle no seu libro Irmandiñas (2020), que desde 2018, grazas ao traballo de Xesús González Gómez, desvelouse unha confusión que existía ata o momento entre Corona González Estévez e Corona González Santos (filántropa e fotógrafa), dando por feito que as dúas Corona eran unha única persoa.[6][2]

Recoñecementos

editar

Antía Yáñez homenaxeouna no seu libro Senlleiras[9] (aínda que mestura datos históricos das dúas Coronas González como se foran a mesma persoa).[2]

En 2018, o concelleiro do Partido Popular da Rúa, Avelino García Ferradal, queixouse de que o equipo de goberno non lle dedicase unha rúa. Este recoñeceu non coñecer á articulista e explicou que buscarían información para estudar unha posible homenaxe.[10]

  1. O seu segundo apelido aparece no artigo "Os ingreses que van pra Hespaña", Céltiga, 71, 10-12-1927, p. 7.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 González Gómez, Xesús (2018-12-12). "‘Senlleiras’ e o misterio das dúas Corona González". BiosBardia. Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-03-02. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Corona González Estévez la escritora más desconocida de A Rúa". Somos Comarca (en castelán). 2019-06-22. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2021. Consultado o 2021-03-06. 
  4. 4,0 4,1 Marco, Aurora (1993). As precursoras : achegas para o estudo da escrita feminina (Galiza 1800-1936). La Coruña: La Voz de Galicia. pp. 185–188. ISBN 84-88254-19-9. OCLC 31304012. 
  5. Marco, Aurora (2007). Dicionario de mulleres galegas : [das orixes a 1975]. [Vigo]: A Nosa Terra. pp. 197–198. ISBN 978-84-8341-146-9. OCLC 803920844. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Marco, Aurora (2020). Irmandiñas. Santiago de Compostela, Galiza, U.E. pp. 457–461. ISBN 978-84-8487-466-9. OCLC 1200037024. 
  7. Blanco, Carmen (DL 1995). O Contradiscurso das mulleres : historia do proceso feminista. Vigo: Nigra. p. 69. ISBN 84-87709-36-2. OCLC 807545837. 
  8. Diario de la Marina, 17-2-1937, p. 13.
  9. "Antía Yáñez: “Sororidade. Unión. Son palabras que esgazan en mil anacos o patriarcado, o machismo. Sometemento é silencio”". Praza Pública. 2018-10-13. Consultado o 2021-03-05. 
  10. "A Rúa investiga si una escritora del siglo pasado nació en la villa". La Región (en castelán). 2018-11-07. Consultado o 2021-03-05. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar