Conversa:Microvilli

Nome do artigo editar

Optei por denominar a páxina co termo latino microvilli, por ser un termo moi utilizado así. Dubidei en poñelo en singular (microvillus) ou en plural, pero este termo rara vez aparece en singular e, de feito, nas interwikis, moitas wikipedias optaron por titular como microvilli, en plural. Na Galipedia a única páxina onde aparece en singular é nalgunhas liñas desta mesma páxina, e en todas as demais páxinas está en plural. Porén, puxen a redirección. En canto á denominación galega de "microvilosidades", esta aparece no Dicionario galego de termos médicos, e "micropilosidade" usouse tamén en moitos libros de texto de Secundaria. No DRAG o termo non vén (deben estar dubidando). Igual non acertei coa miña escolla. De todos modos, igual hai que cambiarlle o nome á páxina. Se alguén atopa unha referencia autorizada, sempre poderá facelo.

Eu son partidario de que microvillus/i debería pasarse ao galego simplemente como microvilo/s, porque estes termos técnicos de introdución recente na lingua non se traducen senón que se "adaptan" ao galego con moi poucas modificacións, como quitarlle ortografías estrañas, cambiar as terminacións das declinacións por terminacións galegas ou adaptar minimamente a pronunciación segundo as solucións históricas típicas da evolución do noso idioma (por exemplo ll > l). Do mesmo modo que pseudopodium non o "traducimos" por "falso pé" senón que simplemente o "adaptamos" ao galego como "pseudópodo". Isto é o que fan tamén outras linguas. De todos modos isto é só unha reflexión, xa que eu nin son filólogo nin teño autoridade ningunha, e, por suposto, non inclúo microvilo no artigo, senón só formas que se teñen usado.

Microvilosidade parece unha imitación do castelán (por que ten que acabar en vilosidade precisamente? O étimo non acaba en villositatis senón en villus). Micropilosidade paréceme unha "tradución" como "falso pé". Ningunha das dúas formas aparece en páxinas da Galipedia, pero quen queira pode poñer redireccións. Eu puxen a redirección "microvilosidade", que está referenciada.--Miguelferig (conversa) 21:31, 2 de outubro de 2012 (UTC)

Volver á páxina "Microvilli".