Contos por palabras
Contos por palabras é un libro de relatos de Agustín Fernández Paz publicado en 1991 por Edicións Xerais de Galicia. A 1ª edición contiña oito relatos, ampliados a dez a partir da 8ª, publicada en maio de 2001. En outubro de 2010 saíu do prelo a 24ª edición.
Contos por palabras | |
---|---|
Autor/a | Agustín Fernández Paz |
Ilustrador/a | Enjamio |
Cuberta | Enjamio |
Orixe | ![]() |
Lingua | Galega |
Colección | Merlín |
Xénero(s) | relatos |
Editorial | Edicións Xerais de Galicia |
Data de pub. | 1991 |
Páxinas | 107 |
ISBN | ISBN 84-7507-557-6 |
Índice
- 1 Trama
- 1.1 O xornal a diario (Unha confesión)
- 1.2 Unha chave non é suficiente
- 1.3 O caso do unicornio azul
- 1.4 Un artista do neón
- 1.5 Vanesa e o anuncio de televisión
- 1.6 O caso do estraño empregado
- 1.7 Ser superheroe non é nada doado
- 1.8 Un doce emprego
- 1.9 Noites de lúa chea
- 1.10 Un máxico negocio
- 1.11 O libro das infinitas historias
- 2 Referencias literarias na obra
- 3 Premios
- 4 Traducións
- 5 Notas
- 6 Véxase tamén
TramaEditar
Os dez relatos foron construídos a partir de cadanseu anuncio por palabras publicados realmente na prensa, recurso que serve para darlle unidade[1].
O xornal a diario (Unha confesión)Editar
O autor implícito expón que, farto de ler as novas dos xornais nas que non aparece a vida da xente corrente e aconsellado por unha amiga, agora converteu a sección de anuncios por palabras na súa favorita, pois nela si buliga a vida da xente normal e el pode descubrir as historias agachadas nesas breves mensaxes.
Unha chave non é suficienteEditar
O narrador protagonista le o 29 de maio, cando el cumpre 42 anos, un anuncio que non se repite máis. Leva meses con depresión e pensa que esa é a oportunidade de solucionar os seus problemas, así que despois de algunhas dúbidas acode ao local do anuncio onde lle din que o seu encargo ten fácil solución e efectivamente a partir de entón séntese con novos ánimos e cunha ilusión na súa vida.
O caso do unicornio azulEditar
O narrador protagonista lembra como cambiou a súa vida a raíz dunha visita. Farto do seu traballo como detective, abriu unha axencia matrimonial que foi prosperando ata o día no que apareceu un estraño cliente que agora o leva a percorrer Galiza na procura dunha parella para el e acaba dirixíndose ao narratario solicitando axuda.
Un artista do neónEditar
O narrador protagonista diríxese a un narratario intradiexético para contarlle as razóns do seu despido “por exceso de sensibilidade artística”[2].
Vanesa e o anuncio de televisiónEditar
A nai de Vanesa, engaiolada polo éxito da nena Mercedes facendo anuncios de televisión, pasa meses preparando a súa filla para o mesmo fin, con grande desesperación de Vanesa, ata que no primeiro casting a rexeitan e a nai acaba perdendo o entusiasmo.
O caso do estraño empregadoEditar
Nunha conversa telefónica na que só se reproducen as intervencións dun dos interlocutores, este cóntalle ao outro o resultado dunha selección de persoal na que o máis idóneo é un moi pálido, ao que lle molesta a luz, con dous dentes longos, vestido de negro e cunha capa de forro vermello…
Ser superheroe non é nada doadoEditar
O narrador protagonista, dono dunha empresa de limpeza, conta como medrou o negocio en poucos meses ao contratar ao seu empregado estrela: o Home-Araña.
Un doce empregoEditar
O narrador protagonista leva meses buscando un emprego digno e cre atopalo nun anuncio por palabras. Antes de chamar por teléfono pensa nas diferentes posibilidades que ofrece e, enleado nas súas propias hipóteses, indígnase e rexeita esa “explotación enmascarada, propia dunha mente retorcida”[3].
Noites de lúa cheaEditar
O relato consta de varios fragmentos de cartas que unha manicura lle escribe a unha amiga contándolle a historia dun estraño cliente, un lord inglés, que a chama varios días seguidos para amañar unhas mans que parecen levar toda a vida descoidadas. Hai tamén fragmentos de outros escritos que completan a historia: do propio lord explicando a maldición que afecta aos varóns da súa familia, do informe sobre a desaparición da manicura e unha nova de sociedade do xornal The Guardian na que coñecemos o final dos protagonistas.
Un máxico negocioEditar
Mefisto e Ana teñen un próspero negocio de bruxaría e el párase a ler a entrevista que lle fixeron para Bruxos & Magos, a única revista do seu xénero no mundo, na que fala do seu pasado, como coñeceu a Ana, o novo enfoque que lle deu á súa profesión…
O libro das infinitas historiasEditar
A narradora protagonista, que rexenta un negocio de compra-venda de libros, lembra a teima de seu pai por conseguir o Libro das infinitas historias, que se transformaba seguindo os desexos do lector. El conseguira telo nas súas mans e saber que o comprara alguén que o mandou reencadernar como un dos cento cincuenta volumes da colección A novela de sempre. Dedicou o resto da súa vida a buscalo e logo seguiu co labor a protagonista.
Referencias literarias na obraEditar
Como é usual en toda a obra de Agustín Fernández Paz[4], o libro está inzado de referencias literarias, que neste caso conducen a uns protagonistas tomados da mitoloxía da literatura infantil-xuvenil[5]: o unicornio, o Home-Araña, o Home-Lobo, Drácula…
PremiosEditar
- Premio Lazarillo, 1990.
- Lista de Honor do IBBY para o bienio 1990-92.
- Finalista do Premio Nacional de Literatura no ano 1992.
- Premio lecturas Galix, 2003.
- Elixido un dos dez títulos imprescindibles da LIX Española do Século XX, 2010.
TraduciónsEditar
- Ao castelán por Rafael Chacón Calvar co título de Cuentos por palabras e publicado en 1991 en SM, na colección El Barco de Vapor[6].
NotasEditar
- ↑ "Contos por Palabras" (PDF). agustinfernandezpaz.gal. Consultado o 11/10/2017.
- ↑ Fernández Paz, Agustín (2002). Contos por palabras. Ed. Xerais. p. 33. ISBN 84-8302-634-1.
- ↑ Fernández Paz 2002, p. 82.
- ↑ https://blog.xerais.gal/2011/a-literatura-e-os-libros-na-obra-de-agustin-fernandez-paz/
- ↑ "Contos por Palabras" (PDF). agustinfernandezpaz.gal. Consultado o 11/10/2017.
- ↑ "Cuentos por palabras". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-18.
- ↑ "Contes per paraules". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-18.
- ↑ "Iragarki Ipuinak". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-18.
- ↑ "Cuentos por palabres". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-18.
- ↑ "Le livre des petites annonces". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-18.