Conferencia de Alxeciras

Conferencia internacional para poñer fin á primeira crise marroquí
(Redirección desde «Conferencia de Algeciras»)

A Conferencia Internacional de Alxeciras tivo lugar na cidade española de Alxeciras entre o 16 de xaneiro e o 7 de abril de 1906, e reuniu os representantes do Sultanato de Marrocos e de once países europeos baixo os auspicios dos Estados Unidos.[1]

Unha reunión da Conferencia de Alxeciras.
Sinatura do tratado.

Produto dun enfrontamento diplomático entre Francia e Alemaña, reuniu ademais dos Estados Unidos e Marrocos, once potencias europeas: o Imperio alemán e os seus aliados, o Imperio Austrohúngaro e o Reino de Italia; Francia e o seu aliado, o Imperio ruso, así como o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda, con quen Francia tiña unha Entente Cordiale; os Reinos de España, de Portugal, de Bélxica, dos Países Baixos e de Suecia.

O único obxectivo da conferencia foi decidir o que debería facerse en relación a Marrocos, un dos poucos países africanos que non tiña o apoio dunha potencia europea.[2]

A acta final da Conferencia situou a Marrocos baixo a observación das grandes potencias europeas, co obxectivo de efectuar reformas, procurar a súa modernización e a internacionalización da economía marroquí.

Obxectivo da Conferencia editar

Artigo principal: Primeira crise marroquí.
 
Apertura da Conferencia de Alxeciras, que puxo fin á primeira crise marroquí. Reunida por insistencia de Alemaña, acabou confirmando a preeminencia de Francia en Marrocos.[1]

O obxectivo da Conferencia foi solucionar a chamada primeira crise marroquí que enfrontaba a Terceira República Francesa co Imperio alemán.

Dita crise xurdiu tras anos de rivalidade (desde finais do século XIX) sobre o territorio marroquí. En 1901, o asasinato dun comerciante francés na costa marroquí no Rif como acto salvaxe levou á intervención do ministro francés de Asuntos Exteriores, Théophile Delcassé. Alcanzouse un acordo que permitiu a Francia "axudar" a administración marroquí nas zonas descontroladas do leste de Marrocos. Aproveitando o acordo, o novo gobernador xeral de Alxeria Jonnart ordena ao coronel Lyautey, entón responsábel de Orán Sur, que "pacifique" a fronteira alxeriana-marroquí. A crise agudizouse en 1904 con motivo do acordo que subscribiran Francia e España, co visto e prace do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda, para delimitar as zonas de África sobre as que ditas potencias coloniais exercerían o seu dominio. E a partir de 1905, Lyautey xa non dubida en entrar en Marrocos e efectúa recoñecementos até o río Muluia.

Francia non era o único país interesado en Marrocos. España, o Reino Unido e Alemaña tamén tiñan plans sobre o reino Imperio Cherifiano (outro nome do sultanato de Marrocos). Renunciando a calquera obxectivo en Exipto, Francia asegura a neutralidade británica. España, que espera moito, atrasa as negociacións. O acordo franco-británico do 6 de outubro de 1904, de acordo con España, deixa a esta a capacidade de actuación sobre a porción máis pequena do territorio marroquí. En 1905, o diplomático francés Georges Saint-René Taillandier foi a Fez para reunirse co sultán Abd al-Aziz e ofrecerlle a axuda de asesores militares e financeiros para restaurar a orde nun reino que o necesitaba. Abd al-Aziz, aínda que interesado nas propostas de obras importantes e das reformas propostas, dubida de que pronto se cuestione a independencia do seu país. Xa non puido confiar no Reino Unido, volveuse cara a Alemaña, o único país capaz de frustrar as ambicións francesas.

Os alemáns amosaron a súa desconformidade con dito acordo porque estaban tamén interesados nun protectorado propio en Marrocos, alegando como xustificación a crecida débeda que tiña o sultán de Marrocos con bancos alemáns, así como o interese de importantes comerciantes xermanos en desenvolver as súas actividades en solo marroquí, e iniciaron unha ofensiva diplomática que culminaría o 31 de marzo de 1905 coa visita a Tánxer do káiser Guillerme II, onde este anunciou a súa defensa da independencia marroquí e exixiu a convocatoria dunha reunión das potencias afectadas pola situación inestábel do sultanato, o cal implicaba unha velada crítica aos intereses coloniais de Francia nesa rexión.[3]

Durante os traballos preparatorios da Conferencia baralláronse como sedes da mesma as cidades de Tánxer e Madrid, aínda que finalmente designouse como sede a localidade española de Alxeciras, por ser un lugar equidistante entre Madrid e Rabat.

Nacións participantes editar

 
Bando municipal asinado polo alcalde de Alxeciras anunciando a clausura da Conferencia.

Ás sesións, celebradas no Salón de Plenos da Casa Consistorial de Alxeciras, asistiron os embaixadores das trece nacións participantes, co seguinte detalle:

Axenda da Conferencia editar

Ademais do tema principal que orixinou a celebración da Conferencia, tratáronse outros asuntos, como o de asegurar o pagamento do importante préstamo que Alemaña concedera ao sultán de Marrocos, Abd al-Aziz, en 1904, a integridade do Estado marroquí e diversos asuntos económicos e fiscais sobre dito territorio, como a liberdade de comercio, a recadación de impostos, a loita contra o contrabando e o control aduaneiro.

Celebráronse un total de dez e oito sesións os días 16, 22 e 24 de xaneiro, 1, 7, 10, 13, 14 e 17 de febreiro, 3, 8, 10, 26, 27, 29 e 31 de marzo e os días 2 e 7 de abril. A Conferencia clausurouse este último día, 7 de abril de 1906, coa sinatura da Acta de Alxeciras polos participantes europeos, e o día 18 de xuño foi asinada polo sultán de Marrocos.

Acta de Alxeciras, e as súas consecuencias editar

A Acta de Alxeciras foi asinada o 7 de abril de 1906 polos representantes do Reino de España, o Imperio alemán, a Terceira República Francesa e o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda. Segundo esta acta, España adquire obrigas, canda Francia, para exercer un protectorado en Marrocos.

 
Mapa dos protectorados francés e español en Marrocos

A Francia correspóndelle o protectorado da maior parte so territorio, e a España o norte, territoritorio que sería designado como Marrocos español, e unha pequena parte no sur, a rexión coñecida como Cabo Juby que, canda Ifni, a zona de Saguia el Hamra e a colonia de Río de Oro constutuirían a chamada África Occidental Española.

Entre os acordos asiados, España adquire cada Francia obrigas para exercer un protectorado en Marrocos, como quedou dito. Esta repartición tería lugar tras a sinatura do tratado de Fez en 1912, que fortaleceu a posición francesa e deixou o Imperio alemán sen ningunha ganancia colonial tanxíbel ao final da Conferencia.

Precisamente, a ambición alemá causou que o goberno da Gran Bretaña apoiase as pretensións francesas de repartir Marrocos en dous protectorados (un francés e outro español). Daquela Gran Bretaña desconfiaba de que Alemaña obtivese algunha concesión colonial en Marrocos, pensando na seguridade de Xibraltar e a posibilidade de que a Kaiserliche Marine (a Armada alemá) obtivese unha base naval no Mediterráneo, eclipsando a situación privilexiada da Royal Navy neste mar.

Tal acercamento franco-británico resultou unha novidade na diplomacia europea, que anos despois xeraría a Entente Cordiale de ambos os países en oposición a Alemaña. Rusia apoiou tamén as reclamacións do seu aliado francés, mentres que Austria-Hungría, aínda que favorábel a Alemaña, non tiña un interese tanxíbel ningún en Marrocos para xustificar a súa posición. Porén, os acordos non terminarían co conflito, que se reproduciu en 1911 cando estalou a segunda crise marroquí.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Conférence d'Algésiras (16 janvier 1906-7 février 1906). Encyclopèdie Larousse en ligne (en francés). Consultada o 19 de xullo de 2019.
  2. "The Algeciras Conference of 1906" (en inglés). Consultado o 19 de xullo de 2019. 
  3. Henry Kissinger (1994): Diplomacy. Reimpresión en 1995. New York, NY, USA: Simon & Schuster. ISBN 978-0-6715-1099-2.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar