Concepción Picciotto

Concepción Picciotto, chamada Concepción Martín de solteira, ou Connie Picciotto nos Estados Unidos, nada en Santiago de Compostela[1] o 15 de xaneiro de 1936 e finada en Washington o 25 de xaneiro de 2016, foi unha pacifista galega que mantivo a máis longa protesta na historia dos Estados Unidos, con máis de 30 anos acampada diante da Casa Branca.

Infotaula de personaConcepción Picciotto

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento15 de xaneiro de 1936 Editar o valor em Wikidata
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Morte25 de xaneiro de 2016 Editar o valor em Wikidata (80 anos)
Washington, D.C., Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
ResidenciaWashington, D.C. Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónactivista , política , activista pola paz Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Páxina webprop1.org… Editar o valor em Wikidata
WikiTree: Martín-70652
Concepción Picciotto en 2010.

Traxectoria editar

Dicía de si mesma que era neta dun nobre e filla dun xuíz que fora asasinado polas tropas franquistas, e que fora criada por unha avoa, se ben a información exacta do seu pasado en Galicia nunca foi validada. Emigrou aos Estados Unidos en 1960[1], se ben outras fontes sinalan 1963[2], onde a finais desa década comezou a traballar como recepcionista na legación comercial do consulado de España en Nova York. Adquiriu a nacionalidade estadounidense e casou con Gaetano Picciotto, un home de negocios italiano o 29 de outubro de 1969[1] ou de 1966[3], de quen tomou o apelido. Xuntos viven nun apartamento na Avenida U de Brooklyn.

Ante a imposibilidade de teren fillos 1973 viaxan a Buenos Aires para adoptaren unha filla, Olga. As disputas co seu home sobre a legalidade da adopción levaron a que se separasen e conduciron inicialmente ao internamento de Picciotto no hospital de Coney Island a finais dese ano 1973, e posteriormente ao seu traslado a un hospital psiquiátrico, o Pilgrim Psychiatric Center de Long Island. Segundo o testemuño de Piccioto[4], deixara o psiquiátrico nos Estados Unidos para ser examinada en España. De aí regresa a América, pero a Otava, no Canadá, dende onde dirixe unha serie de accións legais para recuperar a custodia da filla.

Ante a falta de froitos, trasládase primeiro a Nova York e posteriormente a Washington, en 1979, para conseguir a mediación do goberno federal dos Estados Unidos. Logo de infrutuosas xestións, Piccioto comezou a sentir que era a vítima dunha conspiración gobernamental, e comezou a usar a súa indumentaria típica, que incluía un casco. É alí onde coñece en 1981 a William Thomas, un pacifista estadounidense que levaba varias semanas de protesta diante da Casa Branca. Uniuse a Thomas e comezou o 3 de xuño de 1981 a que sería a protesta máis longa da historia, na beirarrúa do número 1600 de Pennsylvania Avenue, no lado norte da Casa Branca.

O obxectivo da protesta era a paz no mundo e a loita contra a proliferación de armamento nuclear. A primeira pancarta, ideada por Thomas, reclamaba "Sabedoría e honestidade".

En 1984 sumóuselles Ellen Benjamin, quen namorou e casou con Thomas. Grazas á herdanza da nai de Thomas, mercaron un edificio no distrito de Míchigan, no norte da cidade de Washington, para hospedaren a militantes pacifistas. A casa estivo aberta durante todo o tempo que Thomas, Benjamin e Picciotto mantiveron a súa protesta, ata 2009. Nese ano, Thomas falece de repente e Benjamin deixa a casa e pona en venda. Picciotto decide permanecer na casa, cunha fórmula de okupación, durante seis anos, ata que en 2015 é finalmente desafiuzada.

Falecemento editar

Logo do desafiuzamento Picciotto estivo durmindo sen teito nas proximidades do edificio. En novembro de 2015 conseguiu o ingreso nun albergue da rúa North Street Village para durmir. En xaneiro de 2016 caeu e partiu un brazo, e días despois faleceu no albergue.

Pegada cultural editar

Conchita Picciotto apareceu no filme Fahrenheit 9/11, dirixido por Michael Moore en 2004. Tamén no filme documental “The Oracles of Pennsylvania Avenue”.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Eduardo Suárez (31 de xaneiro de 2016). "Así fueron los últimos días de la española que protestaba frente a la Casa Blanca". El Español (en castelán). Consultado o 5 de marzo de 2016. 
  2. Serafín Lorenzo (11 de xuño de 2002). "Una gallega contra Bush". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 4 de febreiro de 2020. 
  3. "Concepcion's Personal History: Life in New York". Conchita (en inglés). Consultado o 5 de marzo de 2016. 
  4. Caitlin Gibson. "Connie Picciotto has kept vigil near the White House for 32 years. Why, and at what cost?". The Washington Post (en inglés). Consultado o 5 de marzo de 2016. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar