Conan o bárbaro (filme)

filme de 1982 dirixido por John Milius

Conan o bárbaro[2] (en inglés: Conan the Barbarian) é un filme fantástico estadounidense dirixido e coescrito por John Milius que se estreou en 1982. Baséase nas historias de Robert E. Howard, un escritor de ficción pulp da década de 1930, que tratan das aventuras do personaxe epónimo nun mundo ficticio de maxia negra e violencia. Está protagonizado por Arnold Schwarzenegger e James Earl Jones, e conta a historia dun mozo bárbaro (Schwarzenegger) que busca vinganza pola morte dos seus pais a mans de Thulsa Doom (Jones), o líder do culto da serpe. Buzz Feitshans e Raffaella De Laurentiis produciron o filme para o pai dela, Dino De Laurentiis, con Edward R. Pressman como produtor executivo. Basil Poledouris compuxo a banda sonora.

Conan o bárbaro
Ficha técnica
Título orixinalConan the Barbarian
DirectorJohn Milius
ProdutorRaffaella De Laurentiis
Buzz Feitshans
GuiónJohn Milius
Oliver Stone
Robert E. Howard
Baseado enConan o bárbaro de Robert E. Howard
Intérpretes
MúsicaBasil Poledouris
FotografíaDuke Callaghan
MontaxeC. Timothy O'Meara
EstudioDino De Laurentiis Corporation
DistribuidoraUniversal Studios (Estados Unidos)
20th Century Fox (Internacional)
EstreaMadrid: 16 de marzo de 1982
14 de maio de 1982
Galicia 3 de novembro de 1998 (TVG)
Duración129 minutos
OrixeEstados Unidos de América Estados Unidos
XéneroFantástico
Orzamento$16 000 000[1]
Recadación$130 000 000[1]
Filme seguinteConan o destrutor
Na rede
http://www.universalstudiosentertainment.com/conan-the-barbarian/
IMDB: tt0082198 Filmaffinity: 684000 Allocine: 37176 Rottentomatoes: m/conan_the_barbarian Mojo: conanthebarbarian Allmovie: v10702 TCM: 19388 Metacritic: movie/conan-the-barbarian TV.com: movies/conan-the-barbarian Netlix: 393317Editar o valor em Wikidata

A idea dun filme de Conan propúxose a comezos da década de 1970; Pressman e o produtor asociado Edward Summer comezaron a sumar esforzos para sacar adiante o filme en 1975. Levoulles dous anos obter os dereitos do filme, despois do cal contactaron con Schwarzenegger para o papel principal e con Oliver Stone para crear o guión. Pressman carecía do capital preciso para levar a cabo o proxecto, e en 1979, logo de que as súas propostas para obter financiamento fosen rexeitadas polos grandes estudios, vendeu o proxecto a Dino De Laurentiis. Milius foi nomeado como director e reescribiu o guión de Stone. O guión definitivo integrou escenas das historias de Howard e de filmes como Kwaidan e Os sete samurais. A rodaxe fíxose en España durante cinco meses en localizacións de Madrid e Almería. Os escenarios, deseñados por Ron Cobb, estaban baseados nas culturas dos anos escuros e nos debuxos de Frank Frazetta sobre Conan. Milius evitou os efectos ópticos, preferindo realizar as súas ideas con construcións mecánicas e ilusións ópticas. Schwarzenegger realizou a maioría das súas escenas de acción, e dous tipos de espadas, cun valor de 10 000$ cada unha, foron forxadas para o seu personaxe. O proceso de montaxe demorouse máis dun ano e moitas escenas violentas foron eliminadas.

Conan o bárbaro foi un éxito comercial para os seus impulsores, recadando máis de 100$ millóns en todo o mundo, aínda que os ingresos estiveron por debaixo do nivel que cualificaría o filme como blockbuster. O filme supuxo o recoñecemento internacional de Schwarzenegger. Conan foi estreado tamén en formato de vídeo, cuxas vendas incrementaron a súa recadación total até máis de 300$ millóns no ano 2007. O éxito permitiu a creación dunha secuela en 1984, Conan o destrutor.

Estreouse en galego o 18 de febreiro de 1989 a través da TVG.[2]

Sinopse editar

Vídeos externos
  "Conan The Barbarian (1982) - Official® Trailer [HD]". YouTube (en inglés). TrailersPlaygroundHD. 
 
Símbolo de Thulsa Doom.

Unha espada é forxada por un ferreiro, quen despois lla amosa ó seu fillo pequeno, Conan, mentres lle conta sobre o "Enigma do Aceiro", un aforismo da importancia do metal para o seu pobo, os cimmerios. Un día, os cimmerios son masacrados por unha banda de incursores liderados por Thulsa Doom. O pai de Conan é asasinado por cans, e a súa espada é recollida por Doom para decapitar a nai de Conan, axudado pola ollada fascinante de Doom. Os nenos son escravizados e encadeados para traballar nun gran muíño, a Roda da Dor. Conan sobrevive até facerse adulto, converténdose nun home afouto e musculoso. O seu mestre adéstrao para convertelo nun gladiador, e despois de gañar innumerables pelexas e recibir adestramento e educación no leste, Conan é liberado. É perseguido por cans salvaxes e busca refuxio na tumba dun guerreiro, onde atopa unha espada antiga. Conan deambula polo mundo, encontrándose cunha bruxa profética nunha casoupa e facéndose amigo de Subotai, un ladrón e arqueiro hyrkaniano.

Seguindo o consello da bruxa, Conan e Subotai van á cidade de Zamora na busca de Doom. Alí, encóntranse con Valeria, unha bandida. Rouban na Torre das Serpes, facéndose con xoias e outros obxectos de valor do santuario, e matan unha cobra xigante no proceso. Despois de fuxir coa súa prea, os ladróns celébrano e Conan déitase con Valeria. Os gardas da cidade capturan ós tres e lévanos xunto ó rei Osric. Este pídelles que rescaten á súa filla, convertida en fanática do culto de Doom, en troques dunha gran recompensa. Subotai e Valeria rexeitan tomar parte na busca. Porén, Conan está motivado polo seu odio cara a Doom e o seu desexo de vinganza, polo que decide marchar só ó Templo de Set.

Disfrazado como un sacerdote, Conan infíltrase no tempo, pero é descuberto, capturado e torturado. Doom dálle clases sobre o poder da carne, e faille unha demostración hipnotizando a unha rapaza para que se guinde á morte. Despois ordena que Conan sexa crucificado na Árbore de Woe. O bárbaro está ás portas da morte cando é descuberto por Subotai e levado a Akiro, o mago dos outeiros, que vive nun lugar onde enterraban guerreiros e reis. O mago convoca uns espíritos para que curen a Conan mais advirte que "cobran un alto prezo", o cal Valeria está disposta a pagar. Estes espíritos tamén tentan secuestrar a Conan, pero recupera a saúde despois de que Valeria e Subotai os rexeiten.

Subotai e Valeria acordan axudar a Conan a completar a misión de Osric e infíltranse no Templo de Set. A medida que o culto se entrega a unha orxía caníbal, os ladróns atacan e foxen coa princesa, mais Conan non pode chegar até Doom, que se converte maxicamente nunha gran cobra e marcha escorregadizo. Valeria é ferida mortalmente por Doom despois de que lle dispare unha cobra endurecida. Morre nos brazos de Conan, recoñecendo o prezo da "peaxe" advertida polo mago en troques da vida de Conan, e é cremada nos outeiros, onde Conan se prepara con Subotai e o mago para loitar con Doom. Conan pídelle a Crom, o deus do seu pobo, que lle conceda a vinganza. Empregando diferentes trampas e aproveitando o terreo, conseguen derrotar os guerreiros de Doom cando chegan. Xusto no momento que Rexor está a piques de derrotar a Conan, Valeria aparece durante un intre como unha valquiria para salvalo dun golpe mortal. Logo de perder todos os seus homes, Doom dispara unha cobra endurecida á princesa, mais Subotai bloquea o disparo co seu escudo e o malvado abandona o lugar. A batalla remata con Conan recuperando a espada do seu pai que lle quitaran os seus inimigos, unha espada que el mesmo rompeu durante a liorta.

Conan introdúcese de novo no templo, onde Doom se dirixe ós membros do seu culto. Enfróntase a Doom, que o recibe cos brazos abertos e intenta hipnotizalo, mais o bárbaro resístese e usa a espada crebada do seu pai para decapitar o seu inimigo. Despois de que os fanáticos se dispersen, Conan queima o templo e devolve a princesa a Osric.

Personaxes editar

 
A morte e o regreso sobrenatural de Bêlit en "Queen of the Black Coast" (ilustrado por Hugh Rankin en Weird Tales) reflíctese no destino de Valeria no filme.

O personaxe principal, Conan, e o mundo de Hyboria están baseados nas creacións de ficción pulp de Robert E. Howard da década de 1930. Publicada en Weird Tales, a súa serie sobre o bárbaro foi moi popular entre os lectores; as aventuras do bárbaro nun mundo salvaxe e místico, cheo de sangue e asasinatos brutais, satisfixo as fantasías do lector de ser un "poderoso xigante que vive segundo as súas propias regras".[3] Dende a década de 1960, Conan conseguiu unha audiencia maior coa publicación de novas novelas escritas en imitación do estilo de Howard por L. Sprague de Camp e Lin Carter. As ilustracións das novelas, obra de Frank Frazetta, axudaron a crear unha imaxe de Conan como un "bárbaro viril, con machado, peludo e esmagador de cranios".[4] John Milius, o director do filme, pensou no seu Conan cinematográfico "como un heroe mítico do norte de Europa".[5] Danny Peary describiu a Conan como "musculoso, maxestoso, intelixente, pero con escrúpulos ambivalentes".[6] Don Herron, un estudoso de Howard e as súas historias, non concorda e argumenta que a personalidade de Conan no filme difire en gran medida do da literatura. O Conan dos libros detesta as restricións á súa liberdade e teríase resistido á escravitude de maneira violenta, mentres que o da versión cinematográfica acepta o seu destino e debe ser liberado.[7] Segundo a opinión de Robert Garcia que deu sobre o filme na revista American Fantasy, "este Conan é menos poderoso, menos falangueiro e menos educado que o de Howard".[8]

A protagonista feminina, Valeria, baséase en dúas fortes personaxes femininas das historias de Howard.[9] A súa homónima era compañeira de Conan en "Cravos vermellos", mentres que a súa personalidade e destino está baseada en Bêlit, a raíña pirata de "A raíña da Costa Negra".[10] Segundo Kristina Passman, unha profesora asistente de lingua e literatura clásicas, a Valeria do filme é un arquetipo perfecto da personaxe "deusa" amazona, unha guerreira fera pero domesticada.[11][12] Rikke Schubart, un estudoso cinematográfico, di que Valeria é unha "deusa" amazona porque está domesticada polo amor e non por tendencias altruístas.[13] A destreza de Valeria na batalla coincide coa de Conan, e é representada como o seu igual en capacidade e status. A lealdade e amor que amosa por Conan convértena en algo máis que unha compañeira para el;[14] ela representa as "posibilidades de felicidade humana".[15] O seu sacrificio por Conan e o seu breve regreso da morte representan o código do heroísmo, ilustrando que o heroísmo de autosacrificio lle trouxo "fama eterna".[14] O nome de Valeria só se menciona no filme despois da súa morte.

Milius baseou o outro compañeiro de Conan, Subotai, no principal xeneral de Xenxis Kan, Subotai, e non nun dos personaxes de Howard.[16] Segundo o crítico de cinema Roger Ebert, Subotai cumpre o rol da "literatura clásica de mellor amigo".[17] El axuda ó bárbaro a matar a cobra xigante e báixao da súa crucifixión. O ladrón tamén chora pola súa compañeira durante a cremación de Valeria, coa explicación de que "el é Conan, un cimmerio. El non chora, polo que eu choro por el."[18]

O inimigo de Conan, Thulsa Doom, é unha mestura de dúas creacións de Howard. Toma o nome do malvado da serie de historias "Kull of Atlantis", pero parécese máis á personaxe de Thoth-Amon, un feiticeiro estixio de "O fénix na espada".[5] O Doom do filme lembrou ós críticos á figura de Jim Jones, un líder de culto cuxa influencia sobre os seus seguidores era tal que centos deles obedeceron as súas ordes de suicidarse.[17][19] Milius dixo que as súas investigacións das antigas ordes da seita dos Asasinos e os thuggee foron a inspiración do culto da cobra de Doom.[20] Nas historias orixinais de Howard, a adoración de Set, aínda que temible, non é unha seita; máis ben, é a relixión estatal de Estixia (que é virtualmente unha teocracia) formalizada hai séculos.

Produción editar

Dende a década de 1970, os problemas de licenza obstaculizaron a produción de versións cinematográficas das historias de Conan. Lancer Books, que adquiriu os dereitos en 1966,[21][22] entrou en suspensión de pagos, e existían disputas legais sobre a disposición dos dereitos de publicación, o que finalmente levou a que fosen conxelados baixo orde xudicial.[21][23] Edward Summer suxeriu Conan como un proxecto potencial ó produtor executivo Edward R. Pressman en 1975, e despois de amosarlle a banda deseñada e as obras artísticas de Frazetta, Pressman convenceuse.[24] Foron precisos dous anos para asegurar os dereitos do filme.[21] As dúas partes principais implicadas na demanda, Glenn Lord e de Camp, crearon Conan Properties Incorporated para manexar todas as licenzas de materiais relacionados con Conan, e Pressman recibiu os dereitos cinematográficos pouco despois.[25] Gastou máis de 100 000$ en taxas legais para lograr resolver a demanda, e os dereitos custáronlle outros 7 500$.[26]

O éxito de A guerra das galaxias en 1977 fixo medrar o interese de Hollywood en producir filmes que representasen "aventuras heroicas en terras sobrenaturais de fábula".[27] Á industria cinematográfica, chamoulle a atención especialmente a popularidade de Conan entre os mozos estadounidenses, que estaban mercando reimpresións das historias coa arte de Frazetta e adaptacións de Marvel Comics.[28] John Milius expresou o seu interese en dirixir un filme sobre Conan en 1978, despois de rematar a rodaxe de Big Wednesday, de acordo con Buzz Feitshans, un produtor que traballou acotío con Milius[29] (Milius é un grande admirador de filmes como The Vikings (1958)[30]). Milius e Feitshans reuníronse con Pressman, pero as diferenzas sobre varios temas impediron que as conversas chegaran máis lonxe.[29]

 
Oliver Stone (en 1987) foi introducido no proxecto como "guionista de renome".

Oliver Stone uniuse ó proxecto de Conan despois de que Paramount Pictures ofrecese financiar o filme cun orzamento inicial de 2,5$ millóns se un "guionista de renome" estivese no equipo.[31] Despois de asegurar os servizos de Stone, Pressman achegouse a Frank Frazetta para que fose "consultor visual", pero non conseguiron chegar a un acordo.[32] O produtor contou con Ron Cobb, que acababa de rematar un traballo de deseño para Alien (1979).[33] Cobb fixo unha serie de pinturas e debuxos para Pressman antes de unirse a Milius noutro proxecto.[34]

As estimacións do orzamento preciso para levar a cabo o guión de Stone ascenderon a 40 $ millóns; Pressman, Summer e Stone non puideron convencer a ningún estudio para financiar o proxecto.[31] A produtora de Pressman enfrontouse a dificultades financeiras para manterse a flote, xa que tiña débedas co banco.[35] As trabas para atopar un director axeitado tamén foron un serio problema para o proxecto. Stone e Joe Alves, que foi o director de segunda unidade de Tiburón 2, foron considerados como posibles codirectores, mais Pressman declarou que "era unha idea bastante tola e coa que [eles] non chegarían a ningún lado".[36] Stone tamén declarou que se puxo en contacto con Ridley Scott, que acabara de dirixir Alien, pero que o rexeitou.[37]

Cobb amosoulle a Milius o seu traballo para Conan e o guión de Stone, que segundo el mesmo, reavivou o interese de Milius; o director contactou con Pressman,[34] e conseguiron chegar a un acordo: Milius dirixiría o filme se se lle permitía facer modificacións no guión.[38] Milius era coñecido na industria cinematográfica polos seus guións masculinizados para Harry o sucio (1971) e Harry o forte (1973).[39][40] Porén, foi contratado para dirixir o seguinte filme de Dino De Laurentiis,[29] un produtor influente na industria do cine fantástico.[41] Milius propuxo a idea de facer Conan con De Laurentiis,[29] e despois dun ano de negociacións, Pressman e De Laurentiis acordaron ser coprodutores.[26] De Laurentiis fíxose cargo do financiamento e da produción, e Pressman renunciou a tódolos reclamos das ganancias do filme, aínda que mantivo a aprobación dos cambios no guión, no elenco e no director.[26] Dino De Laurentiis asignou a responsabilidade de produción á súa filla, Raffaella, e a Feitshans.[21] Milius foi nomeado formalmente como director a comezos de 1979, e Cobb foi nomeado deseñador de produción.[42] De Laurentiis convenceu a Universal Pictures para ser o distribuidor do filme nos Estados Unidos.[43] O estudio tamén contribuíu no orzamento do filme con 17,5$ millóns e destinou 12$ millóns para promocionalo.[44]

Elenco editar

Actor Personaxe
Arnold Schwarzenegger Conan
James Earl Jones Thulsa Doom
Max von Sydow Rei Osric
Sandahl Bergman Valeria
Ben Davidson Rexor
Cassandra Gava Bruxa
Gerry Lopez Subotai
Mako Iwamatsu O Mago Akiro / Narrador
Valérie Quennessen Princesa Yasimina
William Smith Pai de Conan
Franco Columbu Explorador picto
Jack Taylor Sacerdote
Sven-Ole Thorsen Thorgrim
Nadiuska Nai de Conan
Jorge Sanz Miranda Conan de neno

Mentres traballaban para asegurar os dereitos do filme, Pressman e Summer tamén estaban na busca do protagonista. Summer declarou que consideraron a Charles Bronson, Sylvester Stallone e William Smith, todos eles coñecidos por interpretar papeis de homes duros,[45] pero en 1976, os dous produtores viron un pequeno corte do filme sobre culturismo Pumping Iron, e ámbolos dous estiveron de acordo en que Arnold Schwarzenegger era perfecto para o papel de Conan polo seu enorme e musculoso corpo.[46] Segundo o propio Schwarzenegger, o enfoque "discreto" de Pressman e a súa "gran forza interior" convencérono de unirse ó proxecto.[47] Paul Sammon, escritor na revista Cinefantastique, dixo que o antigo campión de culturismo era practicamente a "encarnación vivente dunha das ilustracións de Frazetta".[32] Schwarzenegger recibiu 250 000$ e chegaron a un acordo de retención,[48] segundo o cal tiña prohibido protagonizar calquera outro filme de espada e bruxaría.[49] Schwarzenegger dixo que Conan foi a súa grande oportunidade de asentarse na industria do entretemento.[50]

 
Ed Pressman e os seus asociados consideraron a Arnold Schwarzenegger (fotografía de 1984) a encarnación de Conan o bárbaro.

Grazas á firme crenza que Pressman tiña nel, Schwarzenegger mantivo o papel de Conan incluso despois de que o proxecto fose vendido efectivamente a De Laurentiis.[26] Milius quería unha visión máis atlética do seu actor principal, polo que Schwarzenegger levou a cabo un réxime de adestramento de 18 meses antes de comezar a filmación. Ademais de correr e erguer pesas, as súas rutinas incluían rubir cordas, montar a cabalo e nadar. Pasou de pesar 109 a 95 kg.[51] Alén de Conan, outros dous papeis importantes foron interpretados por actores noveis. Subotai foi interpretado por Gerry Lopez, un campión de surf, cuxa única experiencia na interpretación foi facer de si mesmo no filme de Milius Big Wednesday.[10] Schwarzenegger quedou na casa de Lopez durante máis dun mes antes do comezo da rodaxe para que puidesen ensaiar os seus papeis e estabelecer unha boa relación.[52] Sandahl Bergman, unha bailarina con papeis menores en producións teatrais e cinematográficos, fixo o papel de Valeria. Foi recomendada a Milius por Bob Fosse, que xa a dirixira en Empeza o espectáculo (1979), e foi aceptada despois de lerlle o seu papel.[53][54]

Milius declarou que os actores foron escollidos porque a súa aparencia e personalidade encaixaban no papel.[55] Quería que os actores non tiveran ideas preconcibidas para proxectar os seus roles.[56] Malia que Milius tivo certas reservas cando presenciou as primeiras tomas dos actores, confiou en que mellorarían as súas habilidades con traballo e modificou o guión para adaptalo ás súas capacidades.[57] Schwarzenegger estudara durante semanas en 1980 con Robert Easton, un adestrador de voz de varias estrelas de Hollywood, para mellorar a súa fala.[58] A súa primeira liña no filme era un texto parafraseado do emperador mongol Xenxis Kan sobre as cousas boas da vida, e o actor fíxoa cun marcado acento austríaco. Os críticos describiron máis tarde o que escoitaran como "to crush your enemies—see dem [them] driven before you, and to hear the lamentations of dair vimen [their women]".[59][58][60][61][62][63] Posteriormente, Schwarzenegger someteuse a un intensivo adestramento da súa fala con Milius. Cada un dos seus últimos discursos máis longos foi ensaiado polo menos 40 veces.[60] As liñas de Lopez tamén foron un problema; malia que Milius estaba satisfeito co traballo de Lopez, as frases do surfeiro foron dobradas polo actor de teatro Sab Shimono para a versión final. Unha fonte próxima á produción dixo que isto fíxose porque Lopez non puido "[manter] unha certa calidade da súa voz."[64]

James Earl Jones (esquerda, 1991) e Max von Sydow (dereita, 1989) foron incorporados no filme pola súa experiencia.

Sean Connery e John Huston foron considerados para os outros papeis.[10][65] Segundo Milius, James Earl Jones e Max von Sydow foron finalmente os contratados coa esperanza de que inspirasen a Schwarzenegger, Bergman e Lopez.[56] Jones era xa daquela un veterano e premiado actor en numerosas producións de cinema e teatro.[66] Von Sydow era un actor sueco de renome internacional.[67] O papel de Thulsa Doom foille ofrecido a Jones mentres el consideraba postularse para o papel de Grendel nun filme baseado na novela epónima de John Gardner. Despois de coñecer que era unha animación, Jones leu o guión de Conan e aceptou o papel de Doom.[68] Cando comezou a rodaxe, Jones tamén protagonizaba unha obra de Broadway, A Lesson to Aloes de Athol Fugard. El e o equipo de filmación coordinaron os seus horarios para que puidese unirse ás restantes actuacións da obra.[69] Jones interesouse pola actuación de Schwarzenegger, ofrecéndolle a miúdo consellos sobre como dicir as súas liñas.[60]

O actor Mako Iwamatsu, coñecido profesionalmente como "Mako", foi incorporado ó proxecto por Milius pola súa experiencia;[56] interpretara gran cantidade de papeis en obras e filmes e fora nomeado ó Oscar e ós Tony.[70] En Conan, Mako interpretou o mago dos outeiros e puxo a súa voz á narración do comezo.[8] William Smith, aínda que finalmente non obtivo o papel principal, foi escollido para interpretar o pai do bárbaro.[10] Os dous tenentes de Doom, Thorgrim e Rexor, foron interpretados respectivamente por Sven-Ole Thorsen, un culturista e mestre de karate dinamarqués, e Ben Davidson, un antigo xogador de fútbol americano cos Oakland Raiders.[53] Cassandra Gava fixo o papel da bruxa. Milius contratou tamén a máis de 1 500 extras en España.[71] Actores profesionais da industria cinematográfica europea tamén foron contratados: Valérie Quennessen foi escollida como a filla do rei Osric, Jorge Sanz Miranda actuou como a versión de nove anos de Conan, e Nadiuska fixo o papel da nai.[72]

Escritura do guión editar

A redacción da historia de Conan comezou en 1976; Summer concibiu un guión coa axuda de Roy Thomas,[31] un escritor de banda deseñada e experto en Conan que escribiu durante anos as aventuras do personaxe para Marvel Comics.[28] A historia de Summer e Thomas, na que Conan sería empregado por un "sacerdote deshonesto para matar a un feiticeiro malvado", estaba amplamente baseada en "Ladróns na casa" de Howard. O seu guión foi abandonado cando Oliver Stone se uniu ó proxecto.[73] Naquela época, Stone estaba a pasar por un período de adicción á cocaína e ás drogas depresoras. O seu guión foi escrito baixo a influencia desas drogas[74] e o resultado foi o que Milius chamou un "completo soño da febre das drogas", aínda que inspirada.[75] Segundo Schwarzenegger, Stone completou a redacción a comezos de 1978.[76] Baseándose nas historias de Howard "O coloso negro" e "Nacerá unha bruxa", Stone propuxo unha historia, de catro horas de duración,[77] no que o heroe defende o reino dunha princesa. No canto de ter lugar no pasado distante, a historia de Stone está ambientada nun futuro posapocalíptico no que Conan lidera un exército nunha gran batalla contra unha horda de 10 000 mutantes.[39]

 
A idea de debuxar símbolos no corpo de Conan para axudar a arredar os espíritos foi sacada dunha historia xaponesa, "Hoichi o desorellado" (imaxe dunha representación teatral).

Cando Milius foi confirmado como director, asumiu a tarefa de escribir o guión.[78] Malia que aparece acreditado como coguionista, Stone dixo que Milius non incluíu ningunha das súas suxestións na historia final.[79] Milius descartou a segunda metade da historia de Stone.[80] Mantivo algunhas escenas da primeira parte, como a da crucifixión de Conan, que foi extraída de "Nacerá unha bruxa", e a escalada da Torre das Serpes, que provén de "A torre do elefante".[81] Un dos cambios orixinais de Milius era estender a breve exposición de Stone sobre a mocidade de Conan, a incursión na aldea cimmeria, a súa etapa de escravitude na Roda da Dor e a súa formación como gladiador.[40] Milius tamén engadiu ideas recollidas noutros filmes. O conto xaponés "Hoichi o desorellado", tal como se representa no filme de Masaki Kobayashi Kwaidan (1965), inspirou os debuxos de símbolos no corpo de Conan e o enxame de pantasmas durante a resurrección do bárbaro.[82] Os sete samurais de Akira Kurosawa (1954) influíu na visión final de Milius na batalla final contra os homes de Doom.[3] Milius tamén incluíu historias de Conan non escritas por Howard; o descubrimento dunha tumba durante a súa etapa inicial e a adquisición dunha espada baséase en "The Thing in the Crypt", obra de De Camp e Carter.[5] Segundo Derek Elley, o crítico de cine de Variety, o guión de Milius coas súas ideas orixinais e as referencias ás historias pulp, foron fieis ás ideas de Howard sobre Conan.[83]

Milius sentiu que, "tódalas emocións básicas [no guión] son sempre accesibles para o público. Tódalas cousas que sente Conan tamén as sentimos todos. El só actúa en función delas con máis intensidade ca nós. É un personaxe que depende do animal. E sempre creo que os instintos animais adoitan ser a peor parte. Todo o que fai cando evoluciona está corrompido tarde ou cedo." [84]

Rodaxe editar

Sabede, oh príncipe; naqueles anos cando os océanos separaron Atlantis e xurdiu o amencer dos fillos de Aryas, houbo unha época incrible de ... Cheguei eu, Conan, un ladrón, un salvador, un asasino, para esmagar os tronos enxoiados da terra baixo os meus pés. Pero agora os meus ollos están velados. Senta no chan comigo, porque non é máis que os restos da miña idade. Deixádeme contar aqueles días de grande aventura.[85]

—Introdución orixinal do filme, Rei Conan[86]

A rodaxe comezou nos Shepperton Studios de Inglaterra en outubro de 1980, con Schwarzenegger caracterizado como Conan sendo un rei ancián, lendo un anaco de "The Nemedian Chronicles" que Howard escribiu para presentar as súas historias de Conan. Esta metraxe estaba prevista orixinalmente como un trailer, pero Milius decidiu empregala como secuencia de introdución do filme no canto diso.[87] Segundo Cobb, Laurentiis e Universal Pictures estaban preocupados polo acento de Schwarzenegger, polo que Milius comprometeuse a mover a secuencia ó final.[88][89]

A localización inicial da fotografía principal era Iugoslavia, pero por mor da inestabilidade do país despois da morte do seu xefe de estado, Josip Broz "Tito", e o feito de que a industria cinematográfica iugoslava non estaba ben equipada para producións a grande escala, os produtores elixiron mover o proxecto a España, que era máis barata e onde os recursos estaban máis facilmente dispoñibles. Levou varios meses cambiar a localización;[90] o equipo e os materiais chegaron en setembro,[91] e a rodaxe comezou o 7 de xaneiro de 1981.[42] Os produtores destinaron 11 $ millóns á produción en España,[92] dos cales 3 $ millóns foron gastados en construír 49 decorados.[93] A man de obra dos decorados estaba entre os 50 e os 200 traballadores; artistas de Inglaterra, Italia e España tamén foron recrutados.[94]

Un grande almacén a 37 quilómetros de Madrid serviu como cuartel xeral do equipo,[90] e tamén albergou a maioría dos conxuntos interiores da Torre das Serpes e o templo de Doom;[95] arrendouse un almacén menor para outros conxuntos interiores.[72] Os interiores restantes da Torre das Serpes foron construídos nun hangar abandonado da Base Aérea de Torrejón de Ardoz.[71] Unha versión a escala real da torre, duns 12 metros de altura, foi construída no hangar; este modelo foi usado para filmar a Conan e ós seus compañeiros escalando a estrutura.[71]

 
As formacións rochosas de Ciudad Encantada (Cuenca, España) serviron de escenario para un encontro sobrenatural en Conan.

O equipo filmou diversas escenas no campo preto de Madrid;[72] a vila cimmeria foi construída nun bosque preto da estación de esquí de Valsaín, no sur de Segovia. Arredor dun millón de pesetas[96] foron gastadas para mercar as labras de mármore espalladas no chan para simular a neve.[97] A escena da Roda da Dor foi rodada na provincia de Ávila.[98][99] O encontro de Conan coa bruxa e Subotai foi rodado nas formacións rochosas de Ciudad Encantada da provincia de Cuenca.[100] Outras escenas exteriores foron rodadas na provincia de Almería,[72] que conta cun clima semiárido, diversidade de terreos (desertos, praias, montañas), e estruturas romanas e mouriscas que podían ser adaptadas para moitos escenarios.[101]

A crucifixión de Conan foi rodada en marzo de 1981 entre as dunas de area da costa sueste de Almería. A árbore de Woe estaba feita de capas de xeso e de poliestireno aplicadas sobre un esqueleto de madeira e aceiro. Foi montado sobre unha mesa xiratoria, permitindo que rotase para asegurar que o ángulo das sombras permanecese consistente ao longo dos tres días de rodaxe. Schwarzenegger sentou nun asento de bicicleta montado na árbore mentres os cravos falsos eran fixados nos seus pulsos e pés.[102] A escena na que Valeria e Subotai loitan contra as pantasmas para salvar a Conan, e a batalla final contra as forzas de Doom foron rodadas nas marismas de Almerimar. As "ruínas semellantes a Stonehenge" foron erixidas e amoureouse area en pequenas lombas de 9 metros de altura.[103] Os cambios na paisaxe provocaron protestas de activistas medioambientais e os produtores prometeron restaurar o lugar despois de rematar a rodaxe.[104]

 
As murallas da Alcazaba de Almería, España, proporcionaron a localización do bazar do filme.

O Templo de Set foi construído entre as montañas, a 12 km ó oeste da cidade de Almería. A estrutura tiña 50 metros de lonxitude e 22 metros de altura. Foi o máis custoso de tódolos escenarios, custando 350 000$, e foi construído a partir de diferentes madeiras, lacas e toneladas de formigón. A súa grande escalinata contaba con 120 chanzos.[105] Milius e o seu equipo tamén filmaron en lugares históricos e en escenarios de filmes anteriores. As escenas do bazar foron rodadas na Alcazaba de Almería, que foi caracterizada para darlle un aire hyborio ficticio.[100][106] A cidade ficticia de Shadizar foi recreada nun escenario de rodaxe no deserto de Almería, o forte usado en El Condor (1970) que foi reformado como unha cidade antiga.[100]

Foi custoso construír grandes escenarios,[107] e Milius non quería confiar en efectos ópticos e mates (paisaxes pintadas). No canto diso, o equipo adoptou técnicas de miniaturas (xogando coa perspectiva) para lograr a ilusión de tamaño e grandeza en varias escenas. Os modelos e estruturas a escala foron construídos por Emilio Ruiz e situáronse diante das cámaras para que semellaran estruturas de tamaño completo; usando esta técnica, o escenario de Shadizar puido aparentar máis do dobre do seu tamaño real.[108] Ruiz creou oito grandes modelos de miniaturas,[109] incluíndo un gran palacio de 1,2 metros de altura e unha representación completa da cidade de Shadizar que ocupaba 11 m².[71]

 
Un académico salientou que a Árbore de Woe tiña unha certa semellanza ó da representación de 1876 de Richard Wagner Die Walküre.

A dirección de Cobb nos escenarios era a de "desfacer a historia", "inventar a súa propia historia de fantasía" e ó mesmo tempo manter unha "aparencia histórica e realista".[110] Desbotando a imaxinería grecorromana moi usada nos filmes peplum da década de 1960,[42] deu forma a un mundo que era unha mestura das culturas da Idade Escura, como os mongois e os viquingos.[83] Varios escenarios renden homenaxe ás pinturas de Frazetta sobre Conan, como a "rapaza medio espida encadeada ó piar, cun leopardo ruxindo ós seus pés", que se pode ver na escena da orxía do culto da serpe.[111] David Huckvale, un conferenciante na Open University e locutor na BBC Radio, dixo que os deseños da Árbore de Woe e o vestiario eran moi semellantes ós empregados na ópera Der Ring des Nibelungen de Richard Wagner representada en Bayreuth Festspielhaus no ano 1876.[112] A fotografía principal foi completada a mediados de maio de 1981.[113] O equipo de rodaxe queimou a vila cimmeria e o Templo de Set despois de rematar a filmación.[56][114]

Escenas de acción e espadas editar

Diversas escenas de acción de Conan foron rodadas cunha "minijib" (unha cámara electrónica controlada remotamente e montada nun guindastre pesado motorizado) que Nick Allder, o supervisor de efectos especiais, ideou cando traballaba para Dragonslayer (1981).[115] As escenas de acción foron coordinadas por Terry Leonard, que xa traballara noutros moitos filmes, incluíndo proxectos anteriores de Milius e Na busca da arca perdida de Steven Spielberg (1981).[34][116] Leonard declarou que Schwarzenegger, Bergman e Lopez realizaron a maioría das súas propias escenas de acción, incluíndo as liortas.[93]

Os tres actores recibiron adestramento de artes marciais antes da rodaxe. Dende agosto de 1980,[90] foron ensinados por Kiyoshi Yamazaki, un mestre de karate cinto negro e espadachín,[117] que os adestrou en estilos de loita con espada co obxectivo de facelos parecer competentes no uso das súas armas.[118] Practicaron cada movemento dunha loita polo menos 15 veces antes de rodala.[119] Yamazaki aconsellou a Leonard na coreografía da loita de espadas e tivo un pequeno papel como un dos instrutores de Conan.[90]

 
Espada atlante na exposición Fantasy: Worlds of Myth and Magic de Seattle.

Tim Huchthausen, o atrecista, traballou co espadachín Jody Samson para crear as robustas armas que Milius coidou necesarias.[120] Prestouse especial atención a dúas espadas manexadas por Conan: a espada do seu pai ("a espada do mestre") e a espada que atopa nunha tumba ("espada atlante"). Ámbalas dúas foron creadas a partir de debuxos de Cobb. As súas follas foron feitas a man con aceiro ó carbono e tratamento térmico e deixadas sen afiar.[121] As empuñaduras foron creadas coa técnica de cera perdida; as inscricións foron engadidas nas follas con electroerosión.[122] Samson e Huchthausen fixeron catro espadas do mestre e catro espadas atlantes, cun custo de 10 000$ por arma.[123][120] As copias da espada atlante foron ofrecidas a membros da produción.[120]

Samson e Huchthausen acordaron que as armas eran pesadas e estaban desequilibradas, polo que non eran axeitadas para o combate real;[123][120] versións máis lixeiras de aluminio, fibra de vidro e aceiro foron forxadas en Madrid; estas copias de 1,4 kg foron empregadas para a rodaxe das escenas de loita.[124][120] Segundo Schwarzenegger, as espadas pesadas eran usadas nos primeiros planos.[125] As outras armas do filme non foron tan elaboradas; o talwar de Valeria foi creado a partir dunha lámina de aluminio.[126]

As copiosas cantidades de sangue verquidas nas escenas de loita proviñan de bolsas de sangue falsa atadas ós corpos dos actores. O sangue animal recollido dos matadoiros verquíase no chan para simular poceiras de sangue humano.[127] A maioría das veces, usábanse espadas de fibra de vidro cando a escena requiría dun golpe mortal.[128] Deseñadas por Allder, estas espadas tamén podían retraer a coitela, e algunhas botaban sangue das súas puntas.[93] Malia que as espadas estaban pensadas para ser versións máis seguras ás armas de metal, podían ser perigosas: nunha das loitas, Bergman loitaba cun extra que errou na coreografía e abriulle un dedo.[128]

Tamén ocorreron accidentes en escenas de acción que non implicaban armas. Un especialista estampou a cara cunha cámara cando ía a galope,[129] e Schwarzenegger foi atacado por un dos cans adestrados.[130] O uso de animais vivos tamén suscitou preocupacións sobre a crueldade e a organización American Humane clasificou o filme na súa "lista de inaceptables".[131] As transgresión listadas pola asociación inclúen unha patada a un can, unha puñada a un camelo e os tropezos e choques dos cabalos.[132]

Efectos mecánicos editar

 
Creouse un monicreque con partes dun voitre morto para a escena na que Schwarzenegger morde o pescozo da ave.

Carlo De Marchis, o supervisor dos efectos especiais de maquillaxe, e Colin Arthur, o antigo director de estudio de Madame Tussaud's, foron os responsables dos bonecos humanos e das partes de corpos falsas empregadas no filme.[100][133] Os bonecos foron creados para xerar a sensación de multitude e para facer de cadáveres,[93] mentres que as partes do corpo foron usadas en escenas que amosaban as secuelas das pelexas e a festa caníbal da seita.[134] Na escena de decapitación de Thulsa Doom, Schwarzenegger atacou un boneco e tirou dunha cadea oculta para separar a testa.[64] A decapitación da nai de Conan foi máis complexa: un escudo de polimetilmetacrilato entre Jones e Nadiuska detivo a espada cando el a golpeou, e unha cabeza artificial caeu á vista da cámara. Usouse unha cabeza máis elaborada para os primeiros planos; este accesorio derramou sangue e os movementos dos seus ollos, boca e lingua foron controlados por cables ocultos baixo a neve.[135]

Allder creou unha cobra mecánica de 20 000$ e 11 metros para a escena da loita na Torre das Serpes. O corpo da cobra tiña un diámetro de 0,76 metros e a súa cabeza era de 0,76 metros de longo e 0,61 metros de ancho. O seu esqueleto estaba feito de duraluminio (unha aliaxe utilizada en molduras de avións) e a súa pel era gomaescuma vulcanizada. Controlada por cables de aceiro e sistemas hidráulicos, a cobra podía exercer unha forza de entre 3,5 e 9,0 toneladas. Fixéronse outras dúas cobras das mesmas dimensións, unha para tomas estacionarias e outra para que Schwarzenegger a decapitase.[136] Para crear a escena da Árbore de Woe, o equipo amarrou voitres vivos nas pólas, e crearon un paxaro mecánico para que Schwarzenegger o trabase. As plumas e as ás do monicreque eran dun voitre morto, e os seus mecanismos de control estaban agochados dentro da árbore falsa.[137]

Segundo Sammon, "un dos efectos especiais máis importantes do filme foi a transformación en pantalla de Thulsa Doom nunha cobra xigante".[93] Implicou a utilización de imaxes de partes falsas do corpo, cobras vivas e falsas, miniaturas e outros trucos combinados nunha secuencia fluída cun fundido. Despois de que Jones fose filmado na posición, foi substituído por un marco oco cunha máscara de goma que foi empuxada por detrás por un monicreque en forma de serpe para dar a ilusión de que os ósos faciais de Doom cambiaron. A cabeza foi entón substituída por unha cobra mecánica de 1,8 metros; mentres se movía cara a fóra, un membro do equipo premeu un pedal para derrubar o cadro. Na fase final da secuencia, unha cobra real foi filmada nun escenario en miniatura.[138]

Efectos ópticos editar

 
Os efectos especiais de VCE foron compostos con bobinas de acción en vivo a través dunha imprebra óptica de dúas cabezas para crear a impresión final.

Usáronse algúns efectos ópticos en Conan o bárbaro. Milius profesou certa ambivalencia cara ós elementos de fantasía, preferindo unha historia que amosase logros acadados a través dos propios esforzos sen depender do sobrenatural. Tamén dixo que seguiu o consello de Cobb e outros membros de produción no tema dos efectos especiais.[55][139] A compañía de efectos visuais de Peter Kuran uniuse en outubro de 1981 para facerse cargo dos efectos ópticos de posprodución de Conan. Kuran xa traballara previamente en filmes como Na busca da arca perdida e Dragonslayer. Entre as súas tarefas en Conan estaban engadir o brillo ó Ollo da Serpe e á armadura de valquiria de Valeria.[140] Non todo o traballo de Kuran chegou á versión final; as chamas da pira funeraria de Valeria foron orixinalmente melloradas pola compañía, pero logo foron restauradas á versión orixinal.[129]

Na escena na que Valeria e Subotai tiveron que defenderse das pantasmas para salvar a vida de Conan, as "nubes ferventes" foron creadas pola compañía Industrial Light and Magic, de George Lucas, mentres que VCE tivo a tarefa de crear as pantasmas. O seu primeiro intento de filmar tiras de emulsión suspendidas nunha cuba dunha solución viscosa provocou queixas dos produtores, que coidaron que os espíritos resultantes se parecían demasiado ós dunha escena de Na busca da arca perdida, polo que VCE volveu á animación para completar a tarefa. Primeiro, debuxou guerreiros musculosos en formas fantasmais sobre cels e imprimiu as imaxes nunha película cun stand de animación Oxberry e un copiador de contacto. A Oxberry foi equipada cunha lente usada que produciu un "lens flare" nas impresións; a intención de VCE de empregar as lentes era facer que as imaxes resultantes dos fantasmas parecesen como se fosen obxectos da vida real filmados cunha cámara. A composición final foi producida pasando os carretes de película para os efectos e as secuencias de acción en vivo a través dunha impresora óptica de dúas cabezas e capturando os resultados coa cámara.[140]

Música editar

Milius recrutou o seu amigo, Basil Poledouris, para producir a banda sonora de Conan, con quen xa tivera unha exitosa colaboración en Big Wednesday.[141][142] A práctica usual na industria do cinema era contratar o compositor para comezar a traballar despois de que as escenas principais fosen rodadas, pero Milius contratou a Poledouris antes de que a fotografía principal comezase. O compositor tivo a oportunidade de compoñer a música do filme baseándose no guión gráfico e de modificala ó longo da rodaxe antes de gravar a música preto do final da produción.[143] Poledouris fixo un uso extensivo de Musync, un sistema de software e hardware de música inventado por Robert Randles (posteriormente nomeado a un Oscar por Logro Científico), para modificar o tempo das súas composicións e sincronizalas coa acción do filme. O sistema axudou a facer o seu traballo máis doado e rápido; puido axustar automaticamente os tempos cambiando a posición dos ritmos. Na secuencia na que se ve o crecemento de Conan, por exemplo, Poledouris fixo que Randles preparase un longo accelerando que cadrase con momentos precisos da imaxe. Doutro xeito, Poledouris tería que dirixir a orquestra e axustar as súas composicións sobre a marcha.[144] Conan é o primeiro filme no que figura Musync nos créditos.[145]

Milius e Poledouris intercambiaron ideas ó longo da produción, traballando en temas e en "tons emocionais" para cada escena.[146] Segundo Poledouris, Milius vía Conan como unha ópera con pouco ou ningún diálogo;[147] Poledouris compuxo suficientes pezas musicais para a maior parte do filme (arredor de dúas horas).[148] Esta foi a súa primeira banda sonora a grande escala,[148] e unha característica da composición foi que freaba frecuentemente o tempo nos dous últimos compases antes de pasar á seguinte peza de música.[149] Poledouris dixo que a banda sonora emprega moitas quintas por ser o intervalo máis primitivo; as terceiras e sextas son introducidas a medida que a historia progresa.[150] O compositor visitou os escenarios de rodaxe para enchouparse do ambiente que a súa música debía acompañar. Despois de que a fotografía principal rematase, Milius envioulle dúas copias do filme rematado: unha sen música, e outra con escenas acompañadas das obras de Richard Wagner, Igor Stravinskii e Sergei Prokofev, co obxectivo de ilustrar os matices emocionais que quería.[151]

Poledouris dixo que comezou a traballar na partitura mediante o desenvolvemento da liña melódica, un patrón de ideas musicais respaldadas por ritmos. O primeiro borrador foi un poema cantado cunha guitarra, composto como se Poledouris fose o bardo do bárbaro.[152] Este proxecto converteuse no "Riddle of Steel",[153] unha composición interpretada con "vento metal, cordas e percusión",[154] que tamén serve como o tema persoal de Conan.[147] Esta música é interpretada por vez primeira cando o pai de Conan lle explica o enigma do aceiro. Laurence E. MacDonald, profesor de música no Mott Community College, dixo que o tema esperta as emocións axeitadas cando se repite durante o voto de Conan de vingar os seus pais.[147] O tema principal do filme, "Anvil of Crom",[154] que é o que introduce o filme co "son metálico de 24 trompas nunha entoación dramática da melodía, mentres que a percusión dos tambores engade unha propulsión rítmica impulsada incesantemente", é interpretado máis veces ó longo do filme.[147]

Poledouris completou a música do ataque da vila de Conan en outubro de 1981.[155] Nun principio, Milius quería un coro baseado en Carmina Burana de Carl Orff para anunciar a aparición de Doom e os seus guerreiros nesta secuencia. Despois de saber que Excalibur (1981) xa empregara a obra de Orff, cambiou de idea e pediulle ó compositor unha creación orixinal. O tema de Poledouris para Doom consiste en "pasaxes corais enerxéticas",[154] cantadas polos seguidores do malvado para saudar ó seu líder e as súas accións no seu nome. As letras foron escritas en inglés e logo traducidas aproximadamente ó latín;[156] Poledouris estaba "máis preocupado do xeito no que soaban as palabras latinas que do significado que tiñan en realidade."[157] Puxo estas palabras nunha melodía adaptada do himno gregoriano do século XIII Dies irae,[158] que foi elixida para "comunicar os aspectos tráxicos da crueldade provocada por Thulsa Doom."[154]

A música do filme transmite un sentido de poder, enerxía e brutalidade, malia que tamén conta con momentos tenros.[159] O son dos óboes e da corda acompañan as escenas íntimas entre Conan e Valeria, inculcándolles unha sensación de romance exuberante e dunha grande intensidade emocional. Segundo MacDonald, Poledouris rexeitou a práctica de compoñer música de escenas de amor con sons que lembrasen a pezas do Romanticismo; no seu canto, Poledouris fixo o tema de Conan e Valeria melancólico e único a través do uso de "harmonía de modo menor".[156] David Morgan, xornalista cinematográfico, escoitou influencias orientais nas "melodías románticas".[159] Page Cook, crítico en Films in Review, describe a banda sonora de Conan o bárbaro como "un gran lenzo pintado cun pincel colorido pero moi sensible. Existe unha intelixencia innata detrás do esquema de Poledouris, e os pináculos alcanzados a miúdo son elocuentes con intensidade inquietante."[146]

A finais de novembro de 1981, Poledouris dedicou tres semanas a gravar a música en Roma.[64][160] Contou cunha orquestra de 90 músicos e con 24 membros dos coros da Accademia Nazionale di Santa Cecilia e da RAI National Symphony Orchestra,[161] e dirixiunos persoalmente.[160] As pezas musicais foron arranxadas para orquestra por Greig McRitchie, un colaborador usual de Poledouris.[146] O coro e a orquestra foron gravados por separado.[162] As 24 pistas de efectos de son, música e diálogo foron mesturados nunha única canle,[163] facendo que Conan o bárbaro fose o derradeiro filme dun grande estudio cunha banda sonora mono.[164] De acordo con Poledouris, Raffaella De Laurentiis resistiuse ó custo (30 000$) dunha banda sonora estereofónica e estaba preocupada pola escaseza de cinemas equipados con sistemas de son estéreo.[165]

Estrea editar

En 1980, os produtores comezaron a anunciar e promocionar o filme. Puxéronse pósters nos cinemas ó longo dos Estados Unidos. Os pósters reutilizaron as ilustracións de Frazetta que se encargaron para a portada de Conan the Adventurer (1966).[166][167] Laurentiis quixo que Conan o bárbaro comezase a proxectarse nos cinemas no Nadal de 1981,[168] mais os executivos de Universal solicitaron unha edición posterior despois dunha vista preliminar do filme en agosto. Unha fonte de Hollywood dixo que os executivos estaban preocupados polas representacións violentas do filme. A estrea adiouse até o ano seguinte para que se puidesen facer os cambios precisos.[169] Moitas escenas do ataque de Thulsa Doom á vila de Conan foron eliminadas, incluíndo os primeiros planos da cabeza decapitada da nai de Conan;[64] o aviso tardío dos cambios forzou a Poledouris a axustar rapidamente a súa banda sonora antes de gravar a música da secuencia.[155] Outras escenas de violencia que foron eliminadas inclúen o asasinato dun monstro no alto da Torre das Serpes por Subotai, e Conan cortando o brazo dun ladrón no bazar.[170] Milius pensaba en facer unha historia de 140 minutos, pero a longametraxe final durou 129 minutos.[171] De acordo con Cobb, o total dos gastos de produción achegouse a 20$ millóns no momento en que se lanzou o filme.[89]

O público dos Estados Unidos desfrutou dunha preestrea o 19 de febreiro de 1982, en Houston, Texas. O mes seguinte, fixéronse preestreas en 30 cidades de todo o país. En Washington, D.C., a masa de espectadores formaba longas ringleiras que se estendían polas rúas, provocando atoamentos. As entradas vendéronse moi axiña en Denver, e unhas 1 000 persoas quedaron sen vela en Houston. A maioría dos que facían ringleira eran homes; un cinéfilo dos Ánxeles dixo, "A audiencia era maioritariamente branca, de boa aparencia, e en idade secundaria e universitaria. Non era unha multitude punk ou con cazadoras de coiro, pero moitos deles tiñan músculos avultados."[172] O 16 de marzo, Conan o bárbaro tivo a súa estrea internacional nos Premios Fotogramas de Prata, uns galardóns anuais de cinema celebrados en Madrid,[173] e a súa estrea xeral comezou o mes seguinte en España e Francia.[174][175] Twentieth Century Fox encargouse da distribución estranxeira do filme.[176] Universal programou orixinalmente a estrea de Conan nos Estados Unidos para a semana antes do Día dos Caídos,[177] que sinala o comezo da tempada de verán da industria cinematográfica, cando as escolas pechan por vacacións durante un mes.[178] Para evitar competir con outros filmes de grandes orzamentos, o estudio avanzou a estrea de Conan o bárbaro e o 14 de maio de 1982, o filme estreouse oficialmente en 1 400 cines dos Estados Unidos.[177]

Vídeo doméstico editar

Conan o bárbaro lanzouse en varias versións de vídeo doméstico. Ademais da versión de 129 minutos, Universal distribuíu o filme en versións de 115 e 123 minutos en formato VHS durante a década de 1980. Unha versión levemente estendida foi creada para a edición especial en DVD de 2000; presenta dous minutos de material engadido cun tempo final de 131 minutos.

Acollida editar

Resposta da crítica editar

A reacción dos medios cara a Conan foi polarizada. Aspectos do filme moi criticados por uns foron considerados de forma positiva por outros; o profesor Gunden declarou, "por cada comentario positivo que obtivo a película, recibiu dous negativos."[179] A opinión de Roger Ebert de Chicago Sun-Times e Richard Schickel de Time ilustran as visións divididas dos seus colegas. Ebert considerou Conan o bárbaro "unha fantasía perfecta para o preadolescente alienado",[17] mentres que Schickel dixo, "Conan é unha especie de Star Wars psicópata, estúpida e estupefacta."[180] Malia que as revisións eran mixtas e tendían a ser negativas no momento da súa estrea, os críticos modernos teñen unha opinión máis positiva, cunha puntuación de 70% na páxina web Rotten Tomatoes, aínda que cunha valoración de 40% en "Top Critics".[181]

 
A crítica dixo que había demasiada violencia na longametraxe, ou que a violencia non conseguía estar á altura das representacións de Howard (como se ilustra en Weird Tales, por Hugh Rankin).

No momento da estrea de Conan, os medios inclináronse a condenar a representación de violencia de Hollywood; os filmes de acción típicos amosaban ó heroe conseguindo os seus obxectivos matando a tódolos que se interpoñían no seu camiño.[171][182] Conan foi particularmente condenado polas súas violentas escenas,[176][182] que Newsweek cualificou de "sen alegría e sen estilo".[19] Nun dos seus artigos para San Francisco Chronicle, Stu Schreiberg contou 50 persoas asasinadas en varias escenas.[183] Outros críticos de cine diferiron sobre o uso da violencia do filme. David Denby escribiu para a revista New York que as escenas de acción eran un dos poucos aspectos positivos do filme; porén, por moi emocionantes que fosen unhas escenas, outras, como a decapitación da nai de Conan parecían inanes.[59] Por outra banda, Vincent Canby, Carlos Clarens e Pascal Mérigeau foron unánimes na súa opinión de que a violencia representada no filme non cumpriu as súas expectativas: o ritmo e as historias de Howard suxerían un material máis sanguento.[175][184][185] De acordo con Paul Sammon, os cortes de Milius para aliviar as preocupacións sobre a violencia fixeron que as escenas parecesen "debuxos animados".[171]

As comparacións co material fonte tamén produciron reaccións diversas entre os críticos. Danny Peary e Schickel agardaban que un filme baseado en historias pulp e banda deseñada debía ser máis lixeiro e desenfadado, e a introdución de Milius en temáticas nietzschianas e outras ideoloxías non foi do seu agrado.[6][180] Outros críticos non se sentiron impresionados co manexo de Milius das ideas de Howard; James Wolcott chamouno zoupón e Kroll dixo que o material carecía de substancia na súa posta en escena.[19][186] Porén, os temas do individualismo e do paganismo resoaron entre a audiencia; o concepto do guerreiro que confía só na súa propia destreza e na vontade de conquistar os obstáculos do seu camiño foi moi ben acollido entre a mocidade.[187] Wolcott escribiu en Texas Monthly que eses temas aluden ós "débiles de 98 libras que queren facer fronte a matóns e gañar a adoración anhelante dunha "coelliña de praia" ben aceitosa".[186] A opinión de Kroll era que o público adoraba a violencia e a carnizaría, pero eran cínicos sobre a "altilocuencia filosófica".[19] Malia que foi popular para a audiencia, a versión cinematográfica do bárbaro foi rexeitada polos seareiros acérrimos e polos estudosos das historias de Howard. Un punto especialmente controvertido foi a versión cinematográfica da orixe de Conan, que contradí as ideas de Howard sobre a mocidade do personaxe.[188] O seu punto de vista é apoiado por Kerry Brougher,[189] mais Derek Elley, Clarens e Sammon declararon que Milius foi fiel á ideoloxía detrás da obra de Howard.[83][111][190]

A interpretación de Arnold Schwarzenegger foi mencionada frecuentemente nas críticas.[176] Clarens, Peary, Gunden e Nigel Andrews están entre os que deron valoracións positivas da actuación do exculturista: para eles, era convincente fisicamente tanto nos movementos como na aparencia.[6][185][191][192] Andrews engadiu que Schwarzenegger zumegou un certo encanto, co seu acento estragando o diálogo, o cal fixo o filme máis atractivo para os seus fans.[193] Royal S. Brown, da revista Fanfare non concorda e agradeceu que o diálogo do actor non superase as "dúas páxinas de texto mecanografado".[194] Schickel resumiu a actuación de Schwarzenegger como "plana",[180] mentres que Knoll foi máis detallado, caracterizando a interpretación do actor como "un baloco aburrido cunha espada afiada, unha colaxe humana de pectorais e latissimi que ten menos estilo e enxeño que Lassie".[19] Mentres que Sandahl Bergman foi aclamada por inxectar graza e dinamismo no filme,[19][185] os actores máis experimentados non se salvaron das críticas. Gunden dixo que von Sydow amosou pouca dedicación ó seu papel,[53] e Clarens xulgou a interpretación de Jones como Thulsa Doom peor que o campo.[185] Brougher non culpou a ningún dos actores polas súas actuacións, culpando en troques ó guión de Milius.[189]

Recadación e outros medios editar

Segundo Rentrak Theatrical, unha empresa de analistas de medios, Conan debutou no primeiro lugar de recadación nos Estados Unidos, conseguindo 9 479 373$ durante a primeira semana.[195][196][197] Os datos de Rentrak en Conan cubriron 8 semanas despois da súa estrea, e durante ese período, Conan recadou 38 513 085$ nos Estados Unidos.[198] Universal Pictures recibiu 22.5$ millóns despois de deducir os importes por parte dos propietarios dos cinemas.[8] Esta cantidade[199] foi maior da que Universal investiu no filme polo que Conan está considerado un éxito comercial. Outro ingreso do filme foi un beneficio puro para o estudo.[8] Marian Christy, entrevistadora de Boston Globe, mencionou que o filme tamén foi un éxito de recadación en Europa e o Xapón.[200] En todo o mundo, Conan o bárbaro recadou 68 851 475$ en vendas de entradas.[201]

David A. Cook, mestre de estudos cinematográficos na Universidade Emory, dixo que a resposta de Conan en América do Norte non chega ó cualificativo de "blockbuster";[202] xa que se supoñía que os ingresos dun filme no continente debían ser polo menos de 50$ millóns.[203] Os ingresos de Conan foron os décimo terceiros máis grandes do ano 1982[8] e combinados xunto con E.T. the Extra-Terrestrial (o filme máis exitoso dese ano con 187$ millóns),[199] On Golden Pond e The Best Little Whorehouse in Texas, todos distribuídos por Universal Pictures, constitúen o 30% da recadación de tódolos filmes dese ano. Segundo Arthur D. Murphy, un analista de cinema, foi a primeira vez que un só distribuidor captou unha parte tan substancial do mercado cinematográfico.[203]

A versión de videocasete estreouse o 2 de outubro de 1982. Os ingresos por venda e alugueiro foron altos. Dende o seu lanzamento o título apareceu na Billboard's Videocassette Top 40 durante 23 semanas.[204][205] Segundo Sammon, as vendas do filme en vídeo doméstico fixeron medrar a recadación a máis de 300$ millóns no ano 2007.[206] Conan o bárbaro foi convertido en novela por Lin Carter e de Camps (L. Sprague e a súa muller, Catherine).[184][207] Tamén foi adaptado a unha serie de banda deseñada de Marvel;[208] escrita por Michael Fleisher e ilustrada por John Buscema. Esta banda deseñada foi unha das máis raras publicadas pola compañía.[209]

Galardóns e nomeamentos editar

Conan o bárbaro non conseguiu ningún premio, pero a Asociación da Prensa Estranxeira de Hollywood salientou a interpretación de Bergman como Valeria e galardoouna cun Globo de Ouro á nova estrela do ano - actriz.[210] A banda sonora de Poledouris foi xulgada por Films in Review como a segunda mellor banda sonora do ano 1982.[146] O filme foi nomeado a un premio Razzie ó peor actor para Arnold Schwarzenegger.[211]

O filme está recoñecido polo American Film Institute nas seguintes listas:

  • 2003: AFI's 100 anos... 100 heroes e malvados:
  • 2005: AFI's 100 anos de bandas sonoras – nomeado[213]
  • 2008: AFI's 10 Top 10:
    • filme de fantasía nomeado[214]

Temática editar

O segredo do aceiro sempre levou consigo un misterio. Tes que aprender o seu enigma, pequeno Conan. Tes que aprender a súa disciplina. Para ninguén, en ninguén deste mundo podes confiar. Nin homes, nin mulleres, nin animais. [Sinala a espada] Nisto podes confiar.[215]

—Enigma do aceiro, pai de Conan.

O tema central de Conan o bárbaro é o enigma do aceiro. No comezo do filme, o pai de Conan cóntalle ó seu fillo o segredo do aceiro e a confiar só nel. Inicialmente crendo no poder do aceiro, Thulsa Doom asalta a aldea de Conan para roubar a espada do Mestre. Por este motivo, a historia céntrase na misión de Conan de recuperar a arma na que o seu pai lle dixo que confiase.[216] O fetiche das armas é un recurso estabelecido dende hai tempo na literatura; Carl James Grindley, un profesor asistente de inglés, dixo que obras antigas como a Ilíada de Homero, o poema en inglés antigo Beowulf e o conto do século XIV Sir Gawain e o Cabaleiro Verde prestan especial atención no arsenal dos seus heroes.[217] Grindley di ademais que Conan o bárbaro, como a maioría dos filmes de acción contemporáneos, emprega armas como recurso argumental e non un símbolo que marque as cualidades do heroe.[218][219] James Whitlark, un profesor asociado de inglés, di que o enigma do aceiro fai que a énfase do filme nas espadas sexa irónica; ofrece a ilusión de que as armas teñen poderes de seu, pero logo revélaas como obxectos inútiles e dependentes da forza dos seus portadores.[220] Na parte final do filme, Doom búrlase do aceiro, proclamando que o poder da carne é máis forte. Cando Conan recupera a espada de seu pai, é despois de rompela nas mans do tenente de Doom durante o seu combate. Segundo Grindley, o momento no que Conan quebra a espada do seu pai "[cumpre] un risoño espectro de conxectura edípica" e afírmase o dito de Homero segundo o cal "a espada non fai o heroe, pero o heroe fai a espada."[221] O filme, tal e como di Whitlark, "ofrece unha fantasía de poder "humano" elevado máis aló dos límites mortais."[220] Passman e outros autores concordan, afirmando que o filme suxire que a vontade humana e a determinación son, nun sentido nietzschiano, máis fortes que o físico.[222][223][186]

Outro tema literario que se atopa na trama de Conan o bárbaro é o concepto da morte, seguido dunha viaxe ó inframundo e o renacemento. Donald E. Palumbo, catedrático de Lingua e Humanidades no Lorain County Community College, sinala que ó igual que outros filme de espada e bruxaría, Conan usou o motivo das viaxes subterráneas para reforzar os temas da morte e o renacemento.[224] Segundo el, a primeira escena na que se ven as tres é despois da liberación de Conan: a fuxida dos cans salvaxes faino caer nunha tumba onde atopa unha espada que lle permite cortar as súas cadenas e poñerse en pé cun poder descuberto. Na parte final do filme, Conan experimenta dúas viaxes subterráneas onde abunda a morte: no interior da Torre das Serpes onde loita cunha cobra xigante e nas profundidades do Templo de Set onde os seguidores do culto se deleitan con carne humana mentres Doom se transforma nunha gran cobra. Mentres que Valeria morre e regresa de entre os mortos (aínda que brevemente), a proba de crucifixión de Conan foi simbólica. Malia que a crucifixión do bárbaro pode evocar a imaxes cristiás,[225] as asociacións do filme coa relixión foron rotundamente rexeitadas. Milius declarou que o filme está cheo de ideas pagás, un sentimento apoiado por críticos como Elley[83] e Jack Kroll.[19] George Aichele, profesor emérito de Filosofía e Relixión en Adrian College, suxeriu que a intención do cineasta coa escena da crucifixión era pura mercadotecnia: para provocar á audiencia con connotacións relixiosas.[226] Porén, el suxire que a historia de Conan pode ser vista como unha analoxía da vida de Xesucristo e viceversa.[227] Nigel Andrews, crítico de cinema, viu que calquera conexión co cristianismo relacionábase máis coa realización do filme.[228] A crucifixión tamén ten reminiscencias a Odín sendo cravado en Yggdrasil.

 
A morte da cobra xigante de Doom a mans de Conan na Torre das Serpes evoca á morte de Fafnir a mans de Sigfrido (ilustrado) en Der Ring des Nibelungen de Wagner.

O concepto de Milius de Conan o bárbaro como unha ópera foi recollido polos críticos; Elley e Huckvale viron conexións coas óperas de Wagner.[83][112] Segundo Huckvale, a secuencia de apertura do filme reflicte unha escena da ópera Siegfried. A aventura de Conan e as súas probas parecen estar inspiradas nas do heroe titular da ópera: presenciar a morte dos seus pais, medrar como un escravo e matar unha cobra xigante ou dragón. Ademais, a aparición de Schwarzenegger no papel de Conan evocou imaxes de Sigfrido, o modelo a seguir da "besta loira aria", na mente do profesor.[112] A noción da superioridade racial, simbolizada polo heroe ario, foi criticada por J. Hoberman e James Wolcott; destacaron a epígrafe nietzschiana do filme e etiquetaron o seu protagonista como o übermensch de Nietzsche.[223][186] Ebert estaba molesto pola representación dun "superheroe nórdico enfrontándose a un negro", gañano o "loiro musculoso" que corta a testa do home negro e que "despectivamente a guinda pola escalinata".[17] O seu sentimento foi compartido por Adam Roberts, un estudoso artúrico, que tamén dixo que Conan un exemplo dos filmes de espada e bruxaría de comezos da década de 1980 que se estaban impregndados en diversos graos coa ideoloxía fascista. Segundo Roberts, estes filmes seguían as ideas e a estética estabelecidas polos esforzos fílmicos de Leni Riefenstahl para a Alemaña nazi. Roberts advirtiu que calquera lectura política destes filmes de espada e bruxaría en relación ó fascismo é subxectiva.[229] O crítico Richard Dyer dixo que estas asociacións con Conan foron inexactas e influenciadas por conceptos errados das filosofías nietzschianas,[230] e os estudosos de filosofía dixeron que a industria do cinema a miúdo malinterpretou as ideas detrás do übermensch.[231][232]

Conan é tamén visto como un produto do seu tempo: os seus temas reflicten o clima político dos Estados Unidos na década de 1980. Ronald Reagan era o presidente do país e os ideais do individualismo foron promocionados durante os seus dous mandatos. Enfatizou o valor moral do individuo nos seus discursos, esporeando ós seus concidadáns a facer que o país tivese éxito e se opuxeran á Unión Soviética durante a guerra fría.[233][234] O Dr. Dave Saunders, un crítico de cinema e catedrático de South Essex College of Further and Higher Education, vencellou facetas de Conan o bárbaro con aspectos do reaganismo[235], a ideoloxía conservadora que rodeaba as políticas do presidente.[236] Saunders vencellou a misión de Conan contra Doom cunha cruzada dos estadounidenses,[235] a súa escolla do armamento con Reagan e a afección de Milius de resistir ós soviéticos só con espírito e armas sinxelas,[237] así como a base de operacións de Doom co Kremlin de Moscova.[238] Conan, na interpretación de Saunder, é representado como o heroe estadounidense que saca forza das súas probas e tribulacións para matar ós malvados opresores, os soviéticos, e esmagar as súas formas antiamericanas.[239] Douglas Kellner e o seu colega académico Michael Ryan propuxeron outro inimigo do individuo estadounidense: un goberno federal excesivamente dominante.[240] A asociación do filme co individualismo non está confinado ós Estados Unidos; Jeffrey Richards, un historiador cultural, salientou a popularidade do filme entre a mocidade do Reino Unido.[241] Robin Wood, un crítico de cinema, suxeriu que na maioría dos casos, só hai unha delgada liña entre o individualismo e o fascismo; tamén dixo que Conan é o único filme desa era que prescindiu do disfrace, celebrando abertamente os seus ideais fascistas de tal xeito que faría as delicias de Riefenstahl.[242]

"Conan mostra un mundo onde hai dous tipos de homes— un dos cales ten cabelos longos e fermosas tetas."[243]

F. X. Feeney de L.A. Weekly en 1982.

Tamén se examinaron as cuestións sexuais nos temas do filme. O movemento feminista experimentou reaccións violentas durante os primeiros anos da década de 1980 e os filmes de acción estaban axudando a promover as nocións de masculinidade.[244][245][246] As mulleres destes filmes eran retratadas como putas, serventes ou guerreiras vestidas con roupa que revela a carne.[236][247] Conan deulle ó seu público masculino un heroe viril que superou tódalas adversidades, entregándolles unha fantasía para escapar da invasión das "mulleres feministas fortes" radicais nas súas vidas.[248][249] A arte promocional de Renato Casaro para a estrea do filme nos Estados Unidos presenta unha versión sexualizada dos dous personaxes principais, Conan e Valeria.[250][251] Escasamente vestidos con pezas que semellan roupa interior, visten botas longas e levan o cabelo solto. Mentres que Conan amósase na imaxe coa súa espada en alto, Valeria "está en crequenas nunha pose imposible co seu traxe de coiro [en forma de peluche] formando unha forma escura entre os seus muslos".[252] Segundo Schubart, os críticos non aceptaron a Valeria como unha figura feminina forte, senón como un "espectáculo sexual"; para eles, ela era a compañeira guerreira tradicional masculina nun corpo feminino atractivo.[253]

Legado e impacto editar

Mentres que a maioría das adaptacións cinematográficas de bandas deseñadas e ficcións pulp da década de 1980 foron un fracaso, Conan o bárbaro foi unha das poucas que obtiveron un beneficio.[254] Segundo Sammon, converteuse no estándar co que se mediron os filmes de espada e bruxaría ata a estrea de The Lord of the Rings: The Fellowship of the Ring de Peter Jackson en 2001;[206] varios filmes contemporáneos do mesmo xénero foron xulgados polos críticos como clons de Conan,[202] como The Beastmaster (1982).[255][256] O éxito de Conan inspirou copias de baixo orzamento, como Ator l'invincibile (1982) e Deathstalker (1983).[257][258][259] A súa secuela, Conan o destrutor, foi producida e estreada en 1984; só uns poucos do equipo orixinal, como Schwarzenegger, Mako e Poledouris, participaron nel.[154][260] As adaptacións posteriores das historias de Robert E. Howard foron consideradas por Sammon como inferiores ó filme que iniciou a tendencia.[111] Un spinoff de Conan foi a atracción de 20 minutos de duración The Adventures of Conan: A Sword and Sorcery Spectacular, que se representou entre 1983 e 1993 en Universal Studios Hollywood. Producida cun custo de $5 millóns, o espectáculo contiña escenas de acción executadas con música composta por Poledouris.[161][261] Entre as características do espectáculo salientan a pirotecnia, os láseres e un dragón animatrónico de 5,5 metros de altura que botaba lume.[262][263]

 
O produtor Dino De Laurentiis (nunha fotografía de 2009) lucrouse con Conan, pero tivo menos éxito cos seus filmes posteriores.

Varios dos implicados no filme colleitaron beneficios a curto prazo. O Globo de Ouro como estrela do ano de Sandahl Bergman polo seu papel como Valeria supuxo o seu meirande éxito na industria do cinema; os seus papeis posteriores non conseguiron recoñecemento.[264] Dino De Laurentiis producira unha serie de fracasos de recadación dende o seu éxito King Kong en 1976, e Conan o bárbaro foi un punto de inflexión na súa sorte. A secuela tamén foi proveitosa, pero moitos dos proxectos posteriores de De Laurentiis non recuperaron sequera os custos de produción e foi obrigado a declararse en bancarrota en 1988.[265] Para John Milius, Conan o bárbaro é o seu "meirande éxito como director",[266] xa que os seus esforzos posteriores non conseguiron igualar o seu éxito e popularidade.[267] Ademais, a interpretación de Mako como Akiro sería un factor decisivo para que intepretase a Aku na serie animada de 2001 Samurai Jack.

Pressman non recibiu cartos da recadación de Conan, pero vendeu os dereitos da franquía a De Laurentiis por $4,5 millóns máis un 10% dos beneficios de calquera secuela de Conan o bárbaro.[26] Esta venda pagou con creces as débedas da súa compañía por producir Old Boyfriends, evitándolle a ruína financeira;[35] Pressman dixo que este trato "proporcionoulle máis cartos pola venda, que non por facer o filme, do que conseguiu por facer un."[268] Tamén dispuxo un acordo con Mattel para obter os dereitos de produción de xoguetes para o filme. Malia que a compañía de xoguetes abandonou a licenza despois de que os seus executivos decidisen que Conan era "violento de máis" para os nenos, Pressman convenceunos para producir un filme baseado na nova liña de xoguetes de Masters of the Universe.[35] O filme homónimo de 1987 custou $20 millóns e só recadou $17 millóns nos Estados Unidos.[269][270]

Os máis beneficiados polo proxecto foron Basil Poledouris e Arnold Schwarzenegger. A reputación de Poledouris na industria medrou pola súa aclamada banda sonora.[271] MacDonald cualificou a obra de Poledouris en Conan como "un dos logros musicais no cinema máis espectaculares da década",[148] e Page Cook nomeouna como a única razón para ver o filme e como a segunda mellor banda sonora do cine de 1982 (despois de E.T.).[146] Despois de escoitar a música de Conan, Paul Verhoeven contou con Poledouris para facer a banda sonora dos seus filmes Flesh and Blood (1985), RoboCop (1987) e Starship Troopers (1997).[272][273] A música do filme de Verhoeven Total Recall (1990) estivo influenciada na de Conan, e o seu compositor, Jerry Goldsmith, usou a obra de Poledouris como un modelo das súas composicións.[274]

Conan proporciounoulle a Schwarzenegger recoñecemento internacional como unha estrela de acción[266] e estableceu un modelo para a maioría dos seus papeis cinematográficos: "xeado, musculoso, e inexpresivo, pero dalgún xeito entrañable."[275] A imaxe del como bárbaro perdurou no imaxinario colectivo e cando fixo campaña por George H. W. Bush como presidente, foi presentado como "Conan o republicano"[276] un apelativo que se mantivo ó longo da súa carreira política e que foi repetido polos medios de comunicación durante o seu mandato como Gobernador de California.[277] Schwarzenegger foi consciente dos beneficios que o filme lle trouxo, recoñecendo o papel de Conan como un "agasallo de Deus para a súa carreira."[278] Por este motivo abrazou esa imaxe, e cando foi Gobernador de California, expuxo a súa copia da espada Atlante no seu despacho, amosándollela ocasionalmente ós seus visitantes e mesmo deixándolles xogar con ela.[277][279] Máis dunha vez, adornou os seus discursos coa ladaíña de Conan "crush your enemies, see them driven before you and hear the lamentations of their women".[280][281]

A banda sonora do filme, "Riders of Doom", foi empregada en anuncios do videoxogo de aventuras The Legend of Zelda: Ocarina of Time, o seu remake, e nos trailers das secuelas The Legend of Zelda: The Wind Waker e The Legend of Zelda: Twilight Princess.

Secuelas editar

Conan o destrutor foi estreado en 1984, con Schwarzenegger e Mako de novo nos seus papeis. Unha terceira entrega da saga, Conan the Conqueror foi previsualizado ó final de Destrutor. Conqueror estaba prevista para a súa estrea en 1987, pero iso nunca chegou a bo porto. Unha versión do guión foi adaptada para converterse no filme de 1997 Kull the Conqueror.

En outubro de 2012, Universal Pictures anunciou un proxecto para que Schwarzenegger volvese interpretar o papel de Conan no filme The Legend of Conan. A historia sería unha secuela directa do filme orixinal, "ignorando" Conan o destrutor e o filme de 2011 protagonizado por Jason Momoa.[282][283] En xuño de 2013, Schwarzenegger declarou que aínda tiña pensado facer The Legend of Conan, pero despois de Terminator Genisys, que comezou a rodarse en 2014.[284] En outubro de 2013, Deadline informou que Andrea Berloff estaba a escribir o guión do filme.[285] En febreiro de 2015, IGN informou que Will Beall estaba a escribir o guión.[286] O 24 de maio de 2015, Chris Morgan dixo na páxina web The Arnold Fans que o guión estaba listo e revelou que recuperarían polo menos tres personaxes do primeiro filme.[287][288][289] A comezos de 2016, Schwarzenegger expresou o seu entusiasmo polo guión e reafirmou o seu interese en protagonizar o filme, dicindo "O interese é alto . . . pero non nos estamos precipitando."[290]

Fredrik Malmberg dixo a Deadline.com nunha entrevista que a secuela podería conducir a un universo cinemático das creacións de Howard para cinema e televisión.[291][292] O 28 de xaneiro de 2016, Schwarzenegger confirmou que o terceiro filme sería Conan the Conqueror. Revelou os detalles do filme nun evento de preguntas e respostas en Escocia.[293] Segundo escribiu Sandy Schaefer para Screenrant.com en agosto de 2016, o guión foi afinado entre Chris Morgan e Will Beall.[294] En abril de 2017, o produtor Chris Morgan declarou que Universal rexeitou o proxecto, malia que existe a posibilidade dunha serie de televisión. Supostamente, a historia do filme estaba ambientada 30 anos despois do primeiro filme, e tiña certa inspiración en Sen perdón de Clint Eastwood.[295]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 PRODUCER New York Times (1923-Current file) [New York, N.Y] 20 de setembro de 1987: SMA65
  2. 2,0 2,1 La Voz de Galicia, 18 de febreiro de 1989. Páx. 95
  3. 3,0 3,1 Gunden 1989, p. 28.
  4. Helman 2003, p. 276.
  5. 5,0 5,1 5,2 Williams 2010, p. 116.
  6. 6,0 6,1 6,2 Peary 1986.
  7. Herron 2000, p. 177.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Gunden 1989, p. 14.
  9. Herron 2000, pp. 125, 173.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Sammon 1982a, p. 37.
  11. Passman 1991, pp. 90, 93.
  12. Schubart 2007, p. 36.
  13. Schubart 2007, p. 232.
  14. 14,0 14,1 Passman 1991, pp. 91–93.
  15. Passman 1991, p. 104.
  16. Sammon 1981, p. 33.
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Ebert 1982.
  18. Gunden 1989, pp. 17–19.
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 19,6 Kroll 1982.
  20. Gallagher & Milius 1989, pp. 177–178.
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 Sammon 1982a, p. 31.
  22. Ashley 2007, p. 138.
  23. Turan 1980, pp. 60–61.
  24. Sammon 2007, pp. 98–100.
  25. Sammon 2007, pp. 100–101.
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 Carney 1987, p. 72.
  27. Hunter 2007, p. 156.
  28. 28,0 28,1 Turan 1980, p. 62.
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 Sammon 1981, p. 25.
  30. MILIUS: MIGHT MAKES A RITE: JOHN MILIUS Pollock, Dale. Los Angeles Times (1923-Current File) [Los Angeles, Calif] 14 de maio de 1982: h1.
  31. 31,0 31,1 31,2 Sammon 1982a, p. 32.
  32. 32,0 32,1 Sammon 1982a, p. 30.
  33. Sammon & Cobb 1982, p. 65.
  34. 34,0 34,1 34,2 Sammon 1981, p. 26.
  35. 35,0 35,1 35,2 Carney 1987, p. 74.
  36. Riordan 1994, p. 99.
  37. McGilligan & Stone 2001, p. 18.
  38. Gunden 1989, p. 20.
  39. 39,0 39,1 Beaver 1994, p. 50.
  40. 40,0 40,1 Gunden 1989, p. 21.
  41. Nicholls 1984, pp. 86–88.
  42. 42,0 42,1 42,2 Bruzenak 1981, p. 53.
  43. Sammon 2007, p. 103.
  44. Flynn 1996, p. 45.
  45. Sammon 2007, p. 100.
  46. Sammon 2007, p. 101.
  47. Turan 1980, p. 63.
  48. Andrews 1995, p. 101.
  49. Gallagher & Milius 1989, p. 26.
  50. Turan 1980, pp. 63, 66.
  51. Gunden 1989, pp. 23–24.
  52. Western Empire 1980.
  53. 53,0 53,1 53,2 Gunden 1989, p. 24.
  54. Steranko & Bergman 1982, p. 41.
  55. 55,0 55,1 Sammon & Milius 1982, p. 26.
  56. 56,0 56,1 56,2 56,3 Gallagher & Milius 1989, p. 178.
  57. Steranko & Milius 1982.
  58. 58,0 58,1 Andrews 1995, p. 107.
  59. 59,0 59,1 Denby 1982, p. 68.
  60. 60,0 60,1 60,2 Gunden 1989, p. 26.
  61. A cita orixinal en inglés, traducida por Sir Henry Hoyle Howorth en 1876 a partir dunha versión francesa de Abraham Constantin Mouradgea d'Ohsson do discurso de Genghis Khan: "The greatest pleasure is to vanquish your enemies, to chase them before you, to rob them of their wealth, to see those dear to them bathed in tears, to ride their horses, to clasp to your bosom their wives and daughters."
  62. Irwin 2007, p. 19.
  63. Howorth 1876, p. 110.
  64. 64,0 64,1 64,2 64,3 Sammon 1982a, p. 62.
  65. Turan 1980, p. 66.
  66. Bebenek 2004.
  67. Marklund 2010, p. 309.
  68. Sammon 1981, p. 20.
  69. Sammon 1981, p. 19.
  70. Kurohashi 1999, pp. 27, 118.
  71. 71,0 71,1 71,2 71,3 Sammon 1982a, p. 50.
  72. 72,0 72,1 72,2 72,3 Sammon 1982a, p. 42.
  73. Williams 2010, p. 115.
  74. Riordan 1994, p. 126.
  75. Riordan 1994, p. 102.
  76. Steranko & Schwarzenegger 1982, p. 26.
  77. Williams 2010, pp. 115–116.
  78. Beaver 1994, p. 51.
  79. McGilligan & Stone 2001, p. 19.
  80. Riordan 1994, p. 101.
  81. Gunden 1989, p. 22.
  82. Sammon 1982a, p. 55.
  83. 83,0 83,1 83,2 83,3 83,4 Elley 1984, p. 151.
  84. "Anthea Sylbert doesn't just drop director John Milius' name ...". Boston Globe. 30 de agosto de 1981. p. 1. 
  85. Traducido do orixinal: "Know, O Prince; that between the years when the oceans drank Atlantis and the rise of the Sons of Aryas, there was an Age undreamed of ... Hither came I, Conan, a thief, a reaver, a slayer, to tread jeweled thrones of the earth beneath my feet. But now my eyes are dim. Sit on the ground with me, for you are but the leavings of my age. Let me tell you of the days of high adventure."
  86. Sammon 1982a, p. 29.
  87. Sammon 1982a, p. 40.
  88. Saunders 2009, p. 58.
  89. 89,0 89,1 Mitchell, Ferguson & Cobb 1982, p. 20.
  90. 90,0 90,1 90,2 90,3 Sammon 1982a, p. 38.
  91. Sammon 1981, p. 32.
  92. Galindo 1981.
  93. 93,0 93,1 93,2 93,3 93,4 Sammon 1982a, p. 56.
  94. Sammon & Cobb 1982, p. 67.
  95. Sammon 1981, p. 22.
  96. Federal Reserve 1989.
  97. Sammon 1981, p. 34.
  98. Nos arredores de La Cerca, preto das vilas de Solosancho, Robledillo e La Hija de Dios.
  99. Diario de Ávila, ed. (20 de xullo de 2014). "Conan, el abulense" (en castelán). 
  100. 100,0 100,1 100,2 100,3 Sammon 1982a, p. 47.
  101. Capella-Miternique 2002, pp. 272, 273, 277–280.
  102. Sammon 1982a, p. 51.
  103. Sammon 1982a, p. 71.
  104. Moya 1999, pp. 212, 218.
  105. Sammon 1982a, pp. 53–54.
  106. Sammon 1982a, p. 69.
  107. Sammon & Cobb 1982, pp. 70–71.
  108. Sammon 1982a, pp. 47–48.
  109. Sammon 1981, p. 31.
  110. Sammon 2007, p. 104.
  111. 111,0 111,1 111,2 Sammon 2007, p. 108.
  112. 112,0 112,1 112,2 Huckvale 1994, p. 133.
  113. Sammon 1981, p. 37.
  114. Sammon 1982a, p. 54.
  115. Sammon 1982a, p. 59.
  116. Sammon 1981, pp. 37–38.
  117. Franck 1985, p. 20.
  118. Franck 1985, pp. 20, 22, 24, 90.
  119. Franck 1985, p. 24.
  120. 120,0 120,1 120,2 120,3 120,4 Sammon 1982a, p. 35.
  121. Sammon 1982a, pp. 35, 39.
  122. Sammon 1982a, p. 39.
  123. 123,0 123,1 Waterman & Samson 2002.
  124. Sammon 2007, p. 105.
  125. Steranko & Schwarzenegger 1982, p. 31.
  126. Sammon 1982a, pp. 35–36.
  127. Sammon 1982a, pp. 56, 60.
  128. 128,0 128,1 Sammon 1981, p. 23.
  129. 129,0 129,1 Sammon 1982a, p. 60.
  130. Steranko & Schwarzenegger 1982, p. 32.
  131. "Conan The Barbarian". Humane Hollywood. Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2015. Consultado o 21 de abril de 2018. 
  132. Robb 1994, p. 6.
  133. Sammon 1981, pp. 24, 31.
  134. Sammon 1981, p. 24.
  135. Sammon 1982a, pp. 42, 45.
  136. Sammon 1982a, p. 46.
  137. Sammon 1982a, pp. 51, 55.
  138. Sammon 1982a, pp. 57, 59.
  139. Sammon 1981, p. 36.
  140. 140,0 140,1 Sammon 1982a, pp. 55, 63.
  141. MacDonald 1998, pp. 291–292.
  142. Thomas 1997, pp. 324–325.
  143. Thomas 1997, p. 328.
  144. ASC 1982.
  145. ASC 1982, p. 783.
  146. 146,0 146,1 146,2 146,3 146,4 Cook 1983, p. 120.
  147. 147,0 147,1 147,2 147,3 MacDonald 1998, p. 292.
  148. 148,0 148,1 148,2 MacDonald 1998, p. 294.
  149. ASC 1982, p. 785.
  150. Morgan 2000, pp. 171–172.
  151. MacDonald 1998, pp. 292–293.
  152. Morgan 2000, p. 171.
  153. Larson 2006.
  154. 154,0 154,1 154,2 154,3 154,4 Thomas 1997, p. 326.
  155. 155,0 155,1 ASC 1982, p. 786.
  156. 156,0 156,1 MacDonald 1998, p. 293.
  157. Morgan 2000, pp. 170–171.
  158. Larson 1985, p. 349.
  159. 159,0 159,1 Morgan 2000, p. 167.
  160. 160,0 160,1 Morgan 2000, p. 228.
  161. 161,0 161,1 Koppl & Poledouris 2009.
  162. Morgan 2000, p. 175.
  163. Morgan 2000, pp. 172–173.
  164. Morgan 2000, pp. 167–168.
  165. Morgan 2000, pp. 173–174.
  166. Heritage Auctions 2010, p. 118.
  167. Sammon 2007, pp. 26–27.
  168. Segaloff 1981.
  169. Churcher 1981, p. 12.
  170. Gunden 1989, p. 27.
  171. 171,0 171,1 171,2 Sammon 1982b.
  172. Harmetz 1982.
  173. ABC 1982b.
  174. ABC 1982a.
  175. 175,0 175,1 Mérigeau 1982.
  176. 176,0 176,1 176,2 Flynn 1996, p. 48.
  177. 177,0 177,1 BusinessWeek 1982.
  178. Kilday 1999, pp. 40, 42.
  179. Gunden 1989, p. 15.
  180. 180,0 180,1 180,2 Schickel 1982.
  181. "Conan the Barbarian (1982)" (film reviews). Rotten Tomatoes. Consultado o 12 de febreiro de 2014.
  182. 182,0 182,1 Andrews 1995, pp. 108–109.
  183. Andrews 1995, p. 141.
  184. 184,0 184,1 Canby 1982a.
  185. 185,0 185,1 185,2 185,3 Clarens 1982, p. 28.
  186. 186,0 186,1 186,2 186,3 Wolcott 1982, p. 160.
  187. Richards 1997, p. 170.
  188. Sammon 2007, pp. 103–104, 108.
  189. 189,0 189,1 Brougher 1982, p. 103.
  190. Clarens 1982, p. 27.
  191. Gunden 1989, pp. 15–16, 26.
  192. Andrews 1995, pp. 100, 105–106.
  193. Andrews 1995, p. 106.
  194. Brown 1982, p. 486.
  195. Rentrak Corporation 2011a.
  196. O prezo medio dunha entrada de cine en 1982 era 2,94$.
  197. Vogel 2011, p. 91.
  198. Rentrak Corporation 2011b.
  199. 199,0 199,1 Prince 2000, p. 3.
  200. Christy 1982.
  201. [1]
  202. 202,0 202,1 Cook 1999, p. 32.
  203. 203,0 203,1 Harmetz 1983.
  204. Billboard 1982.
  205. Billboard 1983.
  206. 206,0 206,1 Sammon 2007, p. 107.
  207. Canby 1982b.
  208. Fleisher, Michael (verán de 1982). Marvel Super Special, ed. Conan the Barbarian 1. Nova York, Estados Unidos: Marvel Comics Group. ISBN 0-939766-07-8. 
  209. Weiner 2008, p. 216.
  210. HFPA 2011.
  211. Wilson, John (2005). Grand Central Publishing, ed. The Official Razzie Movie Guide: Enjoying the Best of Hollywood's Worst. ISBN 0-446-69334-0. 
  212. "AFI's 100 Years...100 Heroes & Villains Nominees" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de novembro de 2013. Consultado o 12 de agosto de 2016. 
  213. "AFI's 100 Years of Film Scores Nominees" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de xullo de 2011. Consultado o 12 de agosto de 2016. 
  214. "AFI's 10 Top 10 Nominees" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de xullo de 2011. Consultado o 19 de agosto de 2016. 
  215. Traducido do orixinal: "The secret of steel has always carried with it a mystery. You must learn its riddle, little Conan. You must learn its discipline. For no one, no one in this world can you trust. Not men, not women, not beasts. [Points to sword]] This you can trust."
  216. Grindley 2004, p. 159.
  217. Grindley 2004, pp. 151–155.
  218. Grindley 2004, pp. 155, 159.
  219. Grindley 2004, pp. 159–160.
  220. 220,0 220,1 Whitlark 1988, p. 115.
  221. Grindley 2004, p. 160.
  222. Passman 1991, p. 92.
  223. 223,0 223,1 Hoberman 2000, p. 30.
  224. Palumbo 1987, p. 212.
  225. Palumbo 1987, pp. 213–214.
  226. Aichele 2002, pp. 7–8.
  227. Aichele 2002, p. 8.
  228. Andrews 1995, p. 104.
  229. Roberts 1998, pp. 110–111.
  230. Dyer 2002, p. 265.
  231. Jovanovski 2008, p. 105.
  232. Solomon 2003, p. 33.
  233. Shaw 2007, pp. 267–269.
  234. Saunders 2009, pp. 48–49.
  235. 235,0 235,1 Saunders 2009, p. 51.
  236. 236,0 236,1 Kellner 2004, p. 73.
  237. Saunders 2009, pp. 51–52.
  238. Saunders 2009, p. 57.
  239. Saunders 2009, pp. 53–58.
  240. Ryan & Kellner 1990, p. 226.
  241. Richards 1997, pp. 23, 170.
  242. Wood 2003, p. 152.
  243. Traducido do orixinal: "Conan shows a world where there are two kinds of men—one of which has long hair and gorgeous tits."
  244. Cross 2008, p. 191.
  245. Thompson 2007, pp. 103–104.
  246. Ryan & Kellner 1990, pp. 217, 219.
  247. Passman 1991, p. 91.
  248. Cross 2008, pp. 155–156.
  249. Wood 2003, p. xxxvi.
  250. Sammon 2007, pp. 96–97.
  251. Schubart 2007, p. 224.
  252. Schubart 2007, pp. 224–225.
  253. Schubart 2007, p. 18.
  254. Rossen 2008, p. 127.
  255. Gunden 1989, p. 247.
  256. Maltin 2008, p. 97.
  257. McDonagh 2008, p. 135.
  258. Andrews 2006, p. 101.
  259. Falicov 2003, p. 26.
  260. Sammon 1984, p. 5.
  261. Sammon 2007, pp. 114, 117.
  262. Universal Studios 1983.
  263. Moleski 1985.
  264. Flynn 1996, pp. 79–80.
  265. Behar 1990.
  266. 266,0 266,1 Kendrick 2009, p. 87.
  267. Cook 1999, pp. 32–33.
  268. Pulleine 1986.
  269. Twitchell 1992, p. 248.
  270. Rossen 2008, p. 169.
  271. Thomas 1997, p. 325.
  272. Larson & Poledouris 2008.
  273. Morgan 2000, p. 55.
  274. Karlin 1994, p. 6.
  275. Rees 1992, p. 1992.
  276. Popadiuk 2009, p. 96.
  277. 277,0 277,1 Grover & Palmeri 2004.
  278. Geringer 1987, pp. 89–90.
  279. Brenner 2005, p. 3.
  280. LeDuff & Broder 2004, p. 1.
  281. Fox 2011.
  282. CNN.com (ed.). "Schwarzenegger returns to 'Conan' role, films 'Ten'". Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2013. Consultado o 26 de outubro de 2012. According to Deadline, the 65-year-old actor/politician/author will be back as Conan the Barbarian, the role that he first portrayed in the 1982 film. 
  283. Cornet, Roth (29 de xaneiro de 2014). "The Legend of Conan Producer Chris Morgan Says Arnold Schwarzenegger's Return to the Role is Going to be Their Unforgiven." IGN.com. Consultado o 11 de febreiro de 2014.
  284. Barton, Steve (13 de xuño de 2013). DreadCentral.com, ed. "Arnold Schwarzenegger Confirms Terminator Role; Talks King Conan and Twins 2 - No Really, Twins 2". Consultado o 14 de xuño de 2013. 
  285. 'Legend Of Conan' Lands Andrea Berloff To Script Arnold Schwarzenegger Epic Reprise
  286. IGN (ed.). "What's Happening With The Legend of Conan?". Consultado o 23 de febreiro de 2015. 
  287. Jennings 2014.
  288. Baxter 2015.
  289. Jennings 2015.
  290. Schaefer 2016.
  291. Fleming, Jr, Mike (28 de maio de 2015). Deadline, ed. "Robert E. Howard's Conan The Barbarian, Kull And Other Creations Acquired By Fredrik Malmberg". 
  292. Steinbeiser 2015.
  293. Dornbush 2016.
  294. Legend of Conan Writer Teases Opening Shot & ‘Worthy’ Conan Sequel, Susan Schaefer, 08/16/2016.
  295. slashfilm.com, ed. (6 de abril de 2017). "Arnold Schwarzenegger’s ‘The Legend of Conan’ May Not Happen After All". Consultado o 7 de abril de 2017. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Libros
Ensaios e publicacións
Xornais e revistas
Entrevistas
En liña

Ligazóns externas editar