Comuna del Foxo

A comuna de El Foxo é unha comunidade de vida alternativa creada en El Foxo (Barcela, Negueira de Muñiz) a finais da década de 1970 por un grupo de persoas pertencentes a diversas correntes ideolóxicas (hippismo, ecoloxismo, renovación pedagóxica, naturismo...) que tras recompoñer e modificar varias veces o proxecto entrou en fase de liquidación en 2017. Nos seus momentos álxidos chegou a contar con máis de 200 integrantes.

Primeiros anos e decadenciaEditar

No ano 1956, coa construción do encoro de Salime as aldeas de El Foxo, Vilar, Vilauxín, Cancio e Ernes quedaron illadas do resto do concello. Só era posible chegar a elas cruzando o río en barca e a veciñanza perdera o seu fogar e viuse forzada a marchar como colonos na Terra Chá (sobre todo no Arneiro e na Veiga do Pumar); especialmente ás familias con fillos, ás persoas solteiras ou aos viúvos e viúvas deixábanos illados sen opcións. Outra parte da poboación marchou a Barcelona ou Madrid. O illamento acabou facendo deste lugar, desde o punto de vista dos fundadores, un enclave ideal para a creación do proxecto de vida[1] que tiñan en mente.

Aínda que se desenvolveron diversas experiencias autoxestionarias, as contradicións internas e as dificultades da vida cotiá remataron coa comuna. Hoxe consérvase na zona un dos principais núcleos de poboación de residentes neorrurais e referente da nova ocupación do campo en Galiza e no Estado. Actualmente a poboación neorrural atravesa unha grave crise socioeconómica ao non ser capaces de desenvolver novas estruturas. Este foi o desafío de 27113 Comuna, S. Coop. Galega,[2] que se estableceu para formar en autoemprego, promocionar a creación de cooperativas e fomentar o desenvolvemento rural.[3]

Forma de vidaEditar

Diversas persoas vinculadas á Comuna foron relatando[4][5] como se organizaban a subsistencia e as relacións sociais nun xeito de vida que se postulaba contrario aos hábitos e esixencias do capitalismo. A gandaría, as prácticas de autoconsumo, os cultivos, a pesca, as pequenas vendas e a alimentación alternativa servían, nun contexto de traballo colectivo, para garantir a supervivencia. Concedíase especial importancia á solidariedade de grupo e ás actividades lúdicas; no que atingue á vertebración social, a figura dos contratos (de calquera tipo, tamén o de vida en parella) estaba ausente.

A escaseza e os conflitos persoais comezaron a producir as primeiras retesías internas, xunto con outros problemas sanitarios e intentos de establecer xerarquías. O roubo non foi unha práctica inhabitual. A Comuna empezou a ser lugar de destino para todo tipo de persoas: artesáns, músicos, executivos desenganados, marxinais... Negueira de Muñiz chegou a ter a maior taxa de mortalidade de Galiza a pesar da xuventude da súa poboación.[Cómpre referencia]

Os nenos estaban escolarizados en Negueira e comían no centro de Primaria. Todos os días, por quendas semanais, un adulto os acompañaba para cruzaren na barca ata a outra ribeira, despois camiñaban sós un treito e agardaban o transporte escolar. En El Foxo non había luz nin electricidade, pero si auga corrente. Eran frecuentes as actividades culturais e de contacto coa natureza, sobre todo no verán.

A comuna no cine e na literaturaEditar

Producíronse varios documentais[6][7] nos que aparece a Comuna de El Foxo, así coma a longametraxe Vilamor de Ignacio Vilar. A novela xuvenil de Santiago Jaureguizar, A cova das vacas mortas, (2006 Xerais) está ambientada no mesmo enclave.[8] Parte da novela de Brais Lamela Ninguén queda (Euseino? 2022) describe a comuna na actualidade.[9]

NotasEditar

  1. "«En la comuna di todo lo que pude, pero me quemé»". La Voz de Galicia (en castelán). 2012-05-02. Consultado o 2022-08-13. 
  2. "La comuna de Ernes en Negueira de Muñiz, en imágenes". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2022-08-13. 
  3. "Comuna s. coop. galega, entrevistada en BenBo". espazo.coop. 27 de maio de 2014. Consultado o 26 de outubro de 2022. 
  4. Pontevedra, Silvia R. (2010-02-07). "El amor libre de Negueira llega al cine". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-08-13. 
  5. "O Foxo". O Foxo. Consultado o 2022-08-13. 
  6. "“Misturas, otras formas de disfrutar de la vida - Documental web”. Un proyecto de criscape". Domestika (en castelán). Consultado o 13/8/2022. 
  7. ""Naviegos, os outros arraianos" (2001)". Consultado o 13/8/2022. 
  8. A cova das vacas mortas na páxina da editorial.
  9. Ninguén queda na páxina web da editorial.