Complexo Hospitalario Universitario de Vigo

hospital público en Vigo

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, coñecido polo acrónimo CHUVI é unha institución sanitaria pública creada no ano 2004 que dá atención sanitaria especializada á poboación das comarcas de Vigo, o Baixo Miño, O Condado, A Paradanta e mais Cangas e Moaña no Morrazo. Depende do Servizo Galego de Saúde e está composta por catro hospitais e dous centros de especialidades.

Complexo Hospitalario Universitario de Vigo
Hospital Álvaro Cunqueiro, o maior hospital do CHUVI.
Fundación:2004
Localización:Avenida de Clara Campoamor, 341
Beade, Vigo
Universidade afiliada:Universidade de Vigo
Camas:1241-1905[1]
sergas.es/info/chuvi

O hospital de maior nivel asistencial, o Hospital Álvaro Cunqueiro, foi inaugurado en 2015, deixando progresivamente sen funcionamento o Hospital Xeral[2].

Ademais da asistencia sanitaria, do CHUVI depende a formación sanitaria da Escola Universitaria de Enfermaría do Meixoeiro, centro adscrito á Universidade de Vigo.[3]

Historia

editar

O CHUVI foi creado polo Decreto 95/2004, de 13 de maio dese ano, que dicía na súa exposición de motivos:[4]

A crecente complexidade destas circunstancias, xunto coa segmentación da atención hospitalaria nos seus aspectos asistencial, investigador e docente en varios centros de provisión pública, aconsellan acometer un desenvolvemento organizativo que asegure unha adecuada coordinación dos recursos.
A nova organización deberá garantir o crecemento ordenado dos centros públicos, a optimización dos recursos con independencia da súa localización, a dispoñibilidade dos medios por todas as unidades e un rendemento óptimo dos hospitais do Sergas en Vigo.
Para asegurar o dito proceso é preciso crear a estrutura organizativa común que posibilite unha coordinación efectiva, aínda que tendo en conta a diversidade dos recursos humanos e físicos xa existentes.

Anteriormente a esta data xa se redactaran dous procesos previos de coordinación. O Complexo Hospitalario Xeral-Cíes agrupaba estes dous hospitais mais o psiquiátrico do Rebullón, alén dos correspondentes centros de especialidades. Doutra banda, polo Decreto 37/2001 creárase a área de servizo compartido dos centros Xeral-Cíes e Meixoeiro, que foi encargada ao Instituto Galego de Medicina Técnica (MEDTEC).

Estrutura

editar

O CHUVI está composto por:

Ata 2016 tamén integraban o CHUVI o Hospital Xeral (reconvertido en complexo administrativo xudicial) e o Hospital do Rebullón (centro psiquiátrico cuxa actividade foi asumida polo Álvaro Cunqueiro e o Nicolás Peña).

Desde 2015, a hospitalización convencional distribúese entre os hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro. O primeiro conta con 845 camas, das que 318 corresponden á área médica, 249 á área cirúrxica, 76 á área pediátrica, 57 á área obstétrica, 62 á área psiquiátrica e 82 á área de coidados críticos. No hospital do Meixoeiro existen 347 camas, das que 224 corresponden á área médica, 120 á área cirúrxica (fundamentalmente cirurxía sen ingreso) e 3 á área de coidados críticos.

Recursos

editar

Equipos de alta tecnoloxía

editar

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo conta con diversos equipos e estruturas definidas como de alta tecnoloxía, entre as que se atopan técnicas invasivas, equipos de hemodiálise ou aparellos de diagnóstico pola imaxe.

Equipos de alta tecnoloxía [Cómpre referencia]
Equipo Abreviatura Número
Tomografía computadorizada TAC 5
Resonancia magnética RM 5
Gammacámara GAM 3
  Sala de hemodinámica HEM 3
  Equipos de hemodiálise DIAL 57
Litotricia extracorpórea por ondas de choque LEOC 0
Bomba de cobalto BCO 0
Acelerador de partículas ALI 4
Tomografía por emisión de fotóns SPECT 3
Tomografía por emisión de positróns PET 1
Mamógrafos MAMOS 2
Densitómetros DO 1
Anxiografía dixital ASD 2

Xestión da información

editar

A información das historias clínicas dos doentes xestiónase de xeito informatizado nunha plataforma integrada e dixitalizada. O programa informático encargado de xestionar a información dos pacientes denomínase IANUS e úsase dende xuño de 2006.[5] A implantación e xestión da información dixitalizada no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo foi encargada á doutora Lola Zapata.[6]

O sistema IANUS permite acceder á información dos pacientes desde calquera equipo informático da área, así coma desde todos os centros dependentes do SERGAS. Ademais, este sistema permitiu da implantación da receita electrónica en Galicia.[7]

Poboación atendida

editar

O Complexo ofrece atención sanitaria pública á poboación do sur da provincia de Pontevedra. A Área Sanitaria de Vigo abrangue os concellos de Arbo, A Cañiza, Cangas, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moaña, Mos, As Neves, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui e o propio Vigo.

En 2015, o concello de Bueu solicitou adscribirse á Área Sanitaria de Vigo para seren derivados os seus doentes ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo en lugar de ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS)[8] como acontecía até ese momento.[9]

O resto da poboación da zona, aga para especialidades como tocoloxía ou pediatría, é atendida no hospital privado e concertado Povisa.

Tamén é centro de referencia, é dicir, que atende tamén a pacientes de fóra da área asignada para:

  • Toda Galicia: Cirurxía Cardíaca e Cardioloxía Intervencionista (libre elección de hospital).
  • Provincias de Pontevedra e Ourense: Oncoloxía Radioterápica e Cirurxía Torácica.
  • Provincia de Pontevedra: Neurocirurxía, Cirurxía Plástica, Cirurxía Pediátrica e Medicina Nuclear.
  • Área de Vigo: Psiquiatría e Cirurxía Vascular.

Durante o gromo de febre por virus de Zika de 2016, o CHUVI foi designado centro de referencia en Galicia para as análises do virus.[10]

  1. Ministerio de Sanidade (ed.). "Detalle de Centro / Complejo". Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2016. Consultado o 5 de abril de 2016. 
  2. «El Xeral mantendrá un tac para los pacientes no ingresados en Beade» La Voz de Galicia, 27/9/2015.
  3. uvigo.galuvigo.gal (ed.). "EU de Enfermaría (Meixoeiro) (Centro adscrito público)". Universidade de Vigo. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2016. Consultado o 5 de abril de 2016. 
  4. Diario Oficial de Galicia (ed.). "DECRETO 95/2004, do 13 de maio, polo que se crea o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.". Xunta de Galicia. Consultado o 5 de abril de 2016. 
  5. Europa Press (ed.). "El Sergas comenzará en junio la implantación de la Historia Clínica Electrónica Única en Vigo.". Consultado o 5 de abril de 2016. 
  6. Consellería de Saúde (ed.). "Nomeamento de subdirectora asistencial de cirurxías sen ingreso." (PDF). SERGAS. Consultado o 5 de abril de 2016. 
  7. Servizo Galego de Saúde (ed.). "El Proyecto de Historia Clínica y Receta Electrónica en el ámbito de atención primaria del Servicio Gallego de Salud." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de abril de 2016. Consultado o 5 de abril de 2016. 
  8. Pontevedra Viva (ed.). "Bueu non quere depender da área sanitaria do hospital de Santiago.". Consultado o 5 de abril de 2016. 
  9. Atlántico Diario (ed.). "Bueu quere depender do HAC.". Consultado o 5 de abril de 2016. 
  10. Xunta de Galicia (ed.). "O SERGAS designa ao CHUVI como centro de referencia para as análises do virus Zika." (PDF). Consultado o 5 de abril de 2016. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar