Cluster II

Cluster II é unha misión espacial da Axencia Espacial Europea formada por catro satélites independentes voando en formación arredor da terra. Os catro satélites foron lanzados por separado durante o verán de 2000[1] mediante foguetes Soiuz U Fregat. A misión Cluster orixinal foi lanzada en 1996 mediante un foguete Ariane 5 e destruída xunto o foguete durante o lanzamento a causa dun malfuncionamento do vehículo lanzador. Cluster II lanzouse como substitución dos satélites perdidos, tendo asemade problemas en inicio co posicionamento de dous dos satélites.[1][2][3]

Unidade Cluster-FM2 da misión Cluster II.

CaracterísticasEditar

Cluster II está adicada a investigar a relación entre o Sol e a contorna magnética terrestre. Os catro satélites iguais en órbita polar levan o nome de Rumba, Tango, Salsa e Samba[1] e miden os diversos fenómenos que teñen lugar na magnetosfera terrestre tanto espacial como temporalmente, en base a once instrumentos diferentes. A misión deseñouse, grazas ao uso de catro satélites movéndose en proximidade, para estudar as estruturas de plasma a pequena escala, o vento solar e a onda de choque entre este e a magnetosfera, a magnetopausa, a magnetocola e as zonas auroriais.[2][3]

Cada satélite ten forma de cilindro baixo do que saen longos mastros. O corpo cilíndrico está construído en aluminio con recubrimento de fibra de carbono, con seis tanques de propelente e paneis solares rodeando o cilindro. Os instrumentos científicos circundan esta estrutura.[2][3] A distancia entre os catro satélites pode axustarse entre 3 e 60 000 km, o que permite obter perspectivas simultáneas diferentes da magnetosfera.[1]

O período previsto de funcionamento dos satélites era de dous anos, pero en 2020 seguen funcionando e ofrecendo novos datos.[1]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Cluster cumple veinte años estudiando la magnetosfera terrestre". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2020-08-17. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "Cluster 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8" (en inglés). Consultado o 8 de marzo de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Mark Wade (2019). "Cluster 2" (en inglés). Consultado o 8 de marzi de 2019. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar