Civilización inca

A civilización inca, tamén chamada civilización incaica ou civilización quechua, foi a derradeira das grandes civilizacións precolombianas que conservou o seu Estado independente durante a conquista de América. Coa extensión do imperio, esta foi absorbendo novas expresións culturais dos pobos incorporados, e situouse nos actuais territorios de Perú, Bolivia, Ecuador, Arxentina e Colombia.

Expansión do imperio inca

Dende a cidade sagrada de Cuzco, os quechuas consolidaron un Estado que logrou sintetizar os coñecementos artísticos, científicos e tecnolóxicos dos seus devanceiros. Baseados nun concepto de expansión do Estado, o Tawantin suyu (imperio inca) recolleu aqueles coñecementos e potenciounos. Na actualidade, algúns costumes e tradicións da desaparecida civilización inca prevalecen aínda nos países que formaron parte do Imperio inca. Bolivia, Chile, Ecuador, Perú e norte da Arxentina (Jujuy e Salta).

A conquista do Tawantin suyu, realizada entre 1530 e 1540 polos casteláns, encabezados por Francisco Pizarro, puxo fin ó imperio e o nacemento do Vicerreinado do Perú. Porén, focos de resistencia dos chamados Incas de Vilcabamba mantivéronse ata 1572.

A economía inca baseouse na agricultura que desenvolveron mediante técnicas avanzadas, como os sucalcos de cultivo, coñecidos como andenes en castelán e pata-pata en quechua, para aproveitar as ladeiras dos cerros, así como sistemas de regadío herdados das culturas preincaicas. Os incas cultivaron millo, cacahuete, mandioca, pataca, feixón, algodón, tabaco e coca, entre outras. As terras eran de propiedade comunal e traballábanse de forma colectiva. Desenvolveron tamén unha gandería de camélidos suramericanos (llamas e alpacas). Polos excelentes camiños incas (Cápac Ñan) transitaban todo tipo de mercadorías: dende peixe e cunchas Spondylus ata sal e artesanías do interior.

Entre as expresións artísticas máis impresionantes da civilización inca atópanse os templos (Saqsaywaman e Quri Kancha), os pazos e os complexos estratexicamente emprazados (Machu Picchu, Ullantay Tampu e P'isaq).

Non se pode falar dun imperio monárquico socialista, pola clara diferenciación económica, política e social, o imperio inca estableceu o sistema de reciprocidade e complementariedade económica.

Organización políticaEditar

 
Detalle dunha galería de retratos dos soberanos incas que foi publicada en 1744 na obra Relación del Viaje a la América Meridional na que Jorge Juan e Antonio de Ulloa foron os seus autores.

A organización política incaica foi unha das máis avanzadas da América precolombiana. Luis E.Valcárcel dixo que o propósito do Estado inca era garantir o benestar de tódolos seus súbditos, a diferenza doutras monarquías históricas que buscaban só defender os privilexios de grupos reducidos. O imperio incaico «garantiu á totalidade dos seres humanos, baixo a súa xurisdición, o dereito á vida mediante a satisfacción plena das necesidades físicas primordiais de alimentación, vestido, vivenda, saúde e sexo». Isto acadouse organizando de maneira meticulosa os poboadores, considerados ante todo como actores do proceso da produción económica, de modo que puidesen evitar a fame e estar sempre previdos ante os embates destrutivos da natureza. Polo tanto, o estado inca tivo un alto sentido de previsión social.[1]

Organización administrativaEditar

División territorial: Suyu ou rexiónsEditar

Os cronistas afirmaron que o imperio incaico estivo dividido en catro grandes distritos coñecidos como suyu (do quechua, que significa rego): Chinchay Suyu, Anti Suyu, Qulla suyu e Kunti Suyu. O centro desta división era o propio Cuzco. Debido a isto, o imperio adoptou o nombe de Tawantin suyu, é dicir, os catro suyu, concordantes cos catro puntos cardinais. O concepto do suyu era sobre todo demarcativo, non equivalía a unha denominación política nin étnica. Os suyu dividíanse á súa vez en wamani ou grandes provincias, que adoitaban coincidir coas fronteiras dos territorios dos pobos ou etnias sometidas ó imperio. Os wamani dividíanse á súa vez en saya ou sectores, que eran dous: Hanan saya ou parte alta, e Hurin saya ou parte baixa. En cada saya vivía un número variable de ayllu ou grupos familiares.[2]

Este sistema de organización do territorio foi atribuído ó inca Pacha Kutiq Inka Yupanki, porén sábese que se trataba dunha práctica moito máis antiga.

Organización militarEditar

Os incas formaron un exército forte acorde coas necesidades do seu Estado expansionista. Dividíase en grupos de guerreiros profesionais e soldados recrutados especialmente para cada campaña, e baseaba o seu poder na cantidade de homes, a eficiente loxística, a férrea disciplina e moral de combate, e a construción de fortalezas militares. As accións bélicas gardaban un carácter relixioso.

O Estado Inca planificou tanto as conquistas de pobos veciños como a defensa do territorio propio. A súa base foi un exército ben dotado, unha rede de camiños que facilitaban o seu desprazamento e a construción de grandes fortalezas que cumprían como principal función a disuasión de posibles ataques e a súa contención, se chegaban a producirse.

Organización socialEditar

O aylluEditar

A base da organización social do Tawantin Suyu estivo no Ayllu, palabra de orixe quechua e aimará, que significa, entre outras cousas: comunidade, liñaxe, xenealoxía, casta, xénero e parentesco. Pode definirse o ayllu como o conxunto de descendentes dun antepasado común, real ou suposto que traballan a terra de maneira colectiva e cun espírito solidario.

No Imperio todo se facía por ayllu: o traballo comunal das terras (tanto as do pobo mesmo como as do Estado); as grandes obras públicas (camiños, pontes, templos); o servizo militar e outras actividades.

O xefe do ayllu ou curaca era o ancián máis recto e sabio, asesorado por un grupo de anciáns. Porén, cando o perigo amenazaba, o mando militar exercíao un sinchi, guerreiro combativo e prudente, elixido entre os máis fortes do ayllu.

EconomíaEditar

A economía inca estaba baseada na previsión e planificación de tódalas etapas do proceso produtivo. No Tawantin Suyu, nada estaba fora de control permanete e directo do Estado, que, facendo súas as experiencias tecnolóxicas e culturais desenvoltas polas culturas preincas, organizou un aparello produtivo, fundamentalmente agrícola, que deu solución ós problemas de alimentación, vestido, vivenda e seguridade social dunha poboación cada vez máis numerosa.[1]

Non hai consenso en canto ó cálculo sobre o número de poboadores que albergaba o imperio inca á chegada dos españois. John Rowe calculou seis millóns: pola súa parte, Noble David Cook (1981) elevouno a nove millóns. Outros investigadores dan cifras menores.[2]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 Valcárcel, Luis E. (1964). Historia del Perú antiguo: a través de la fuente escrita. Juan Mejía Baca. 
  2. 2,0 2,1 Kauffmann, Federico (2002). Historia y arte del Perú antiguo. PEISA / Diario La República. ISBN 9972-40-212-6. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Valcárcel, Luis E. (1964). Historia del Perú Antiguo, a través de la fuente escrita 1 (1.ª edición). Lima: Editorial Juan Mejía Baca / Editorial Universitaria.
  • Kauffmann, Federico (2002). Historia y arte del Perú antiguo (1.ª edición). Lima: PEISA / Diario La República. ISBN 9972-40-212-6.