Gatafornela

ave rapaz
(Redirección desde «Circus cyaneus»)

A gatafornela[2] (Circus cyaneus) é unha ave de rapina que cría na parte setentrional do hemisferio norte, incluíndo Canadá e parte dos Estados Unidos e o norte de Eurasia

Gatafornela

Femia adulta
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Falconiformes
Familia: Accipitridae
Xénero: 'Circus'
Especie: C. cyaneus
Nome binomial
'Circus cyaneus'
(Linnaeus, 1766)
Distribución de C. cyaneus
Distribución de C. cyaneus

Distribución de C. cyaneus
Sinonimia

Circus hudsonius

Circus cyaneus

Descrición editar

Son rapaces de ás longas, dunha envergadura de ata 105 cm, que manteñen formando un V cando voan baixo. Os machos miden uns 43 cm de lonxitude fronte ós aproximadamente 51 cm das femias. Os machos pesan entre 300 e 400 g; as femias, claramente máis pesadas, de 410 a 710 g. Os dous sexos teñen plumaxes ben diferenciadas: as femias, moi semellantes ás doutras especies da familia, son castañas por riba, coas plumas cobertoiras da cola brancas e manchas castañas na parte inferior do corpo. Os machos adultos teñen o lombo gris cinza, a cabeza e o peito son cincentos, as puntas das ás son negras. Diferéncianse doutras especies do xénero Circus pola falta da faixa alar negra. Os exemplares novos son semellantes á femia, castaños coa parte inferior raiada. Son aves barulleiras, doadas de escoitar nos arredores do niño.

Hábitat e distribución editar

Son aves en xeral de paisaxes abertas: uzais, pantanos e zonas acuáticas con áreas de canaval. Estivo espallada case por toda Europa, coa excepción de Islandia, o norte de África e o oeste de Asia, pero hoxe desapareceu de moitas zonas. En Galicia é unha especie catalogada como vulnerable[3], estimándose que había en 2006 entre 68 e 119 parellas.[4]

Taxonomía editar

Comprende dúas subespecies, só unha segundo algúns autores:

  • Circus cyaneus cyaneus: que cría en Eurasia.
  • Circus cyaneus hudsonius: norteaméricana, de exemplares con plumaxe máis escura e considerada por algúns ornitólogos unha especie separada co nome científico. C. hudsonius

Alimentación editar

Capturan as presas voando baixo coas ás formando un V e aproveitando os obstáculos do terreo para agacharse e caer sobre delas por sorpresa. O seu alimento principal son mamíferos pequenos e paxaros, aínda que capturan e comen tamén lagartos, ras e insectos. Os exemplares máis grandes poden atrapar crías de coello e perdices.

Reprodución editar

A partir dos meses de marzo ou abril comezan os seus voos de exhibición, moi vistosos. A parella voa xunta formando curvas, interrompidas por ascensos verticais do macho seguidos de caídas en picado. En ocasións un macho experimentado aparéllase con varias femias e ten que fornecer tódolos niños con alimentos.

Fan niños relativamente pequenos, construídos con herbas, follas e pauciños no chan, en zonas de vexetación mesta, preferentemente de terreos abertos. Poñen, cuns dous días de separación entre ovo e ovo, de 4 e 6 ovos con coloracións que varían do branco ó azul claro. Chocan entre 28 e 31 días, e os polos fican no niño 6 ou 7 semanas. Coma en case tódalas aves que crían no chan, as perdas de ovos e polos son moi elevadas: só chegan a voar de media 1,2 polos por niño, dos que o 60% morren no primeiro ano de vida.

Migracións editar

Na Europa occidental son aves sedentarias, mentres que os exemplares rusos e escandinavos pasan o inverno máis ó sur, no sur e centro de Europa e Turquía.

Nomes vulgares noutras linguas editar

  • Alemán: Kornweihe
  • Español: Aguilucho pálido
  • Francés: Busard Saint-Martin
  • Inglés: Hen Harrier
  • Neerlandés: Blauwe kiekendief
  • Polaco: Błotniak zbożowy
  • Portugués: Tartaranhão-azulado
  • Sueco: Blå kärrhök

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Benny Génsbol, Walther Thiede; Greifvögel - Alle europäischen Arten, Bestimmungsmerkmale, Flugbilder, Biologie, Verbreitung, Gefährdung, Bestandsentwicklung, BLV Verlag München, 1997, ISBN 3-405-14386-1

Ligazóns externas editar