Christine Darden

Enxeñeira aeroespacial afroamericana

Christine Darden (Christine Mann), nada en Monroe (Carolina do Norte) o 10 de setembro de 1942, é unha matemática, analista de datos e enxeñeira aeronáutica estadounidense que dedicou gran parte dos seus 40 anos de carreira en aerodinámica na NASA á investigación de voos supersónicos e o estoupido sónico. Ten unha mestría en matemáticas e ensinou na Universidade Estatal de Virxinia antes de comezar a traballar no Centro de Investigación de Langley en 1967. Obtivo un doutoramento en enxeñaría na Universidade George Washington en 1983 e publicou numerosos artigos no seu campo. Foi a primeira muller afroamericana no Centro de Investigación de Langley da NASA en ser promovida a «Senior Executive Service», o rango máis alto no servizo civil federal.[1]

Christine Darden
Nacemento10 de setembro de 1942 e 1942
Lugar de nacementoMonroe
NacionalidadeEstados Unidos de América
EtniaAfroamericano
Alma máterUniversidade George Washington, Virginia State University, Universidade Hampton e Simmons University
Ocupaciónenxeñeira aeroespacial e matemática
PremiosCandace Award, NCWIT Pioneer in Tech Award e Medalla de Ouro do Congreso dos Estados Unidos de América
editar datos en Wikidata ]

Darden é unha das investigadoras que aparecen no libro «Hidden Figures: The American Dream and the Untold Story of the Black Women Mathematicians Who Helped Win the Space Race (2016)», unha historia dalgunhas das mulleres afroamericanas influentes en matemáticas e enxeñeiros da NASA a mediados do século XX, por Margot Le Shetterly.[2]

Traxectoria editar

Christine Mann era filla de Desma Cheney, mestra de escola e de Noah Horace Mann, produtor de seguros. Os seus pais animárona a buscar unha educación de calidade.[3] A partir do tres anos, Darden foi levada pola súa nai á súa propia clase e ao catro anos, Darden comezou o xardín infantil. Durante a escola primaria, Darden interesouse en desarmar e reconstruír obxectos mecánicos como a súa bicicleta.[4] Darden terminou os seus últimos dous anos de escola primaria en «Allen High School», un internado en Asheville, Carolina do Norte.

Graduouse como a mellor alumna da súa clase en 1958 recibindo posteriormente unha bolsa para estudar na Universidade de Hampton, unha universidade historicamente afroamericana coñecida entón como o Instituto Hampton. Durante os seus estudos en Hampton, participou nalgunhas das primeiras protestas do Movemento polos Dereitos Civís.[2] Tamén participou en varias sentadas de estudantes xunto a outros compañeiros negros.[4] Mann graduouse en Hampton cunha licenciatura en matemáticas en 1962. Tamén obtivo unha certificación de ensino e ensinou matemáticas na escola secundaria por un breve tempo.[3]

En 1963, Mann casou con Walter L. Darden Jr., un profesor de ciencias de secundaria. En 1965 converteuse en asistente de investigación no «Virginia State College», estudando física de aerosois. En Virginia State, Darden obtivo unha mestría en 1967 e ensinou matemáticas alí.[5]

Ese mesmo ano foi contratada pola NASA como analista de datos no Centro de Investigación de Langley. Darden comezou no «grupo de computadoras», realizando cálculos como unha computadora para enxeñeiros. Ela comezou a automatizar o proceso escribindo programas de computadora.

Despois de pasar a unha investigación máis aeronáutica, en 1973, Darden foi ascendida a un posto de enxeñeira aeroespacial polo seu superior John V. Becker. [2] Os seus primeiros descubrimentos na década de 1960 e 1970 deron como resultado unha revolución no deseño aerodinámico para reducir o estoupido sonoro.[6][7] En 1983, Darden obtivo un doutoramento en enxeñaría da Universidade George Washington.

En 1989, Darden foi nomeada líder do «Sonic Boom Team», unha filial do Programa de Investigación de Alta Velocidade («HSR» polas súas siglas en inglés). No Sonic Boom Team, traballou en deseños para diminuír os efectos negativos dos estampidos sónicos, como a contaminación acústica e o esgotamento da capa de ozono. O seu equipo probou novos deseños de ás e narices para avións supersónicos. Darden deseñou un programa de computadora para simular os estampidos sonoros.[5]

O programa foi cancelado polo goberno en febreiro de 1998.[8] Un resumo de 1998 publicado por Darden describe o programa como enfocado «nas tecnoloxías necesarias para o desenvolvemento dun transporte civil de alta velocidade, amigable co medio ambiente e economicamente viable».[9] Darden escribiu máis de 50 artigos no campo xeral do deseño aeronáutico, especializándose no deseño de fluxo supersónico e flaps, así como na predición e minimización dos estrondos sonoros.

As «computadoras humanas» da NASA editar

En 1935, as primeiras mulleres matemáticas afroamericanas foron contratadas como computadoras humanas na NASA, entón coñecida como «NACA» (Comité Nacional Asesor de Aeronáutica).[10] Dado que moitos homes loitaban no estranxeiro na segunda guerra mundial, déronse máis oportunidades de emprego tanto ás mulleres brancas como ás afroamericanas. O último grupo de computadoras coñeceuse como as «Computadoras da área Oeste», en referencia á súa oficina segregada. As computadoras humanas realizaron cálculos para apoiar a investigación sobre o voo en avión e, máis tarde, os foguetes.[11] Debido a que o estado de Virxinia, onde se situou o Centro de Investigación de Langley, tivo segregación racial, seguíronse as leis de Jim Crow nas instalacións, que se atopan preto de Hampton. Isto cambiou despois da Lei de Dereitos Civís de 1964 que prohibiu a segregación.[12]

O grupo unha vez encargado de procesar as puntuacións dos datos recompilados das probas de voo, na década de 1940 gañara reputación como "computadoras humanas" que eran esenciais para o funcionamento da NASA. Durante as décadas de 1950 e 1960, moitas destas mulleres tiveron a oportunidade de desenvolverse como técnicas e enxeñeiras.[13]

Darden comezou a traballar no grupo de computadoras en 1967, despois de completar unha mestría en matemáticas na Universidade Estatal de Virginia e dar clases alí. Para entón, as computadoras utilizábanse cada vez máis para os cálculos complexos para apoiar a enxeñaría e o deseño. Darden deixou o grupo de computadoras en 1989 para ocupar un posto de enxeñeira, traballando na diminución do estoupido sónico no voo supersónico. Obtivo o seu doutoramento en 1983 (co apoio da NASA) e fíxose coñecida pola súa investigación como «unha das expertas máis destacados da NASA en voo supersónico e explosións sónicas».[13] Darden foi promovida a xerente e avanzou para converterse na primeira muller afroamericana en Langley en ser ascendida a «Senior Executive Service», o rango máis alto no servizo civil federal.

En marzo de 2007, Darden retirouse da NASA como directora da Oficina de Comunicación Estratéxica e Educación.[14]

Premios editar

En 1985, Darden recibiu o Premio ao logro técnico do Dr. AT Weathers da Asociación Técnica Nacional. Recibiu un Premio Candace da Coalición Nacional de 100 Mulleres Negras en 1987.[15] Recibiu tres Certificados de desempeño sobresaliente de «Langley Research Center»: en 1989, 1991 e 1992.[5]

O 28 de xaneiro de 2018, Darden recibiu o Premio de Cidadanía Presidencial na Universidade de Hampton en recoñecemento á súa contribución e servizo.[16]

Darden recibiu un título honorario da Universidade Estatal de Carolina do Norte o 19 de decembro de 2018.

En 2019 Darden foi galardoada coa Medalla de Ouro do Congreso dos Estados Unidos.[17]

Notas editar

  1. "Christine Darden: la ingeniera aeroespacial experta en explosiones sónicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-11-29. Consultado o 2021-04-09. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Shetterly, Margot Lee (2016). Hidden Figures: The American Dream and the Untold Story of the Black Women Mathematicians Who Helped Win the Space Race. New York, United States: HarperCollins. pp. 202. ISBN 9780062363596. 
  3. 3,0 3,1 "NASA - Standing on the Shoulders of a Computer" (en inglés). Consultado o 9 de setembro de 2016. 
  4. 4,0 4,1 Kessler, James H.; Kidd, J.S.; Kidd, Renée S.; Morin, Katherine A. (1996). Distinguished African American Scientists of the 20th Century. Phoenix, Arizona: Greenwood Publishing Group. pp. 60–63. ISBN 9780897749558. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Oakes, Elizabeth (2002). International Encyclopedia of Women Scientists. New York: Facts on File. pp. 81–82. ISBN 0-8160-4381-7. 
  6. Darden, Christine (1977). "Sonic Boom Theory: Its Status in Prediction and Minimization" 129. 
  7. Darden, Christine (1 de xaneiro de 1979). "Sonic-Boom Minimization With Nose-Bluntness Relaxation" (PDF). Consultado o 8 de setembro de 2016. 
  8. Reynolds, Randolph S. (2004). "An Overview of the Demise of NASA’s High Speed Research Program" 14 (1). Consultado o 8 de setembro de 2016. 
  9. Darden, Christine (11 de setembro de 1998). "An Overview of NASA's HSR Program: Environmental Issues and Economic Concerns" (PDF). 
  10. Garber, Todd Messer, Claire Rojstaczer, and Steve. "NACA Overview". Consultado o 17 de xullo de 2018. 
  11. ""When Computers Wore Skirts:" Katherine Johnson, Christine Darden, and the "West Computers" | American Institute of Physics". Consultado o 9 de setembro de 2016. 
  12. "Civil Rights Act of 1964 (U.S. National Park Service)" (en inglés). Consultado o 17 de xullo de 2018. 
  13. 13,0 13,1 Atkinson, Joe (24 de agosto de 2015). "From Computers to Leaders: Women at NASA Langley". NASA Langley. Consultado o 9 de setembro de 2016. 
  14. "More Than 40 Take the Buyout, Retire". 4 de abril de 2007. Arquivado dende o orixinal o 07 de decembro de 2022. Consultado o 8 de setembro de 2016. 
  15. "CANDACE AWARD RECIPIENTS 1982-1990, Page 2". Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2003. Consultado o 09 de abril de 2021. 
  16. "Hampton University to celebrate Founder's Day with founder's great-grandson, alumni". 24 de xaneiro de 2018. 
  17. "H.R.1396 - Hidden Figures Congressional Gold Medal Act". Congress.gov. Consultado o 9 de novembro de 2019. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Shetterly, Margot Lee (2017). Figuras ocultas. Madrid: Harpercollins Ibérica. ISBN 978-84-9139-034-3
  • Lorenzo-González, Mª de las Nieves; Calvo-Iglesias, Encina; Ávarez-Fernández, Inés (2022). «Ellas nos llevaron al espacio». Ciencia, Técnica y Mainstreaming Social (6): 33-42. ISSN 2530-7924. doi:10.4995/citecma.2022.16570.
  • Elas, levarónnos ao espazo. 2022 ISBN=978-84-8158-952-8

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar