Xesús Campos Álvarez

humorista gráfico e xornalista galego
(Redirección desde «Chichi Campos»)

Xesús Campos Álvarez, coñecido como Chichi Campos, nado en San Cristóbal de La Laguna (Tenerife) o 31 de decembro de 1952 e finado en Santiago de Compostela o 26 de febreiro de 1991,[1] foi un humorista gráfico e xornalista galego. Foi un dos publicistas con maior talento e vea crítica da década dos setenta e oitenta do século XX. En 2024, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración dedicoulle o Día da Ilustración.[2]

Modelo:BiografíaXesús Campos Álvarez
Biografía
Nacemento26 de decembro de 1952 Editar o valor en Wikidata
San Cristóbal de La Laguna, España Editar o valor en Wikidata
Morte26 de febreiro de 1991 Editar o valor en Wikidata (38 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióndebuxante de banda deseñada Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1125969

Traxectoria

editar
 
Bueu, 11/07/2022: presentación de Estampas dun mundo elegante por Fernando Miranda, Nico Campos e Morris.

Intelectual libertario e comprometido, amais de rexentar unha libraría, dirixir unha sala de exposicións e varios outros traballos similares, exerceu ó longo do seu breve periplo vital de debuxante, deseñador, articulista e guionista. Sempre cun humor intelixentemente ácido.

En 1972 fundou con Xosé Díaz Arias e Luís Caparrós Esperante o grupo de banda deseñada do Castro. Ó ano seguinte expuxo con eles e con Xaquín Marín e Reimundo Patiño no Círculo Mercantil de Santiago. A exposición colectiva percorreu varias vilas de Galicia ademais de Madrid e Barcelona.

Dende Xenebra, Suíza, publicou co seu grupo primixenio o único número da magazine de vangarda e crítica social A Cova das Choias (1974), considerada a primeira revista da banda deseñada galega. Ademais de participar na exposición de Arte Xoven de Galicia de 1973, na de 13 Artistas de Hoy de 1974 e na Homenaxe a Castelao de 1975, fundou con José Ramón López a galería de arte Mestre Mateo na Coruña.

Banda deseñada e activismo político

editar

Foi o gran pioneiro da banda deseñada en galego. As súas viñetas, subversivas e punxentes nas súas críticas, parodiaban o acontecer político, social e cultural da Transición española. Non escaparon á súa crítica gráfica e textual ningún dos estamentos económicos, militares e relixiosos que acapararon o poder político e social nos primeiros anos da democracia e autonomía instaurada tralo franquismo.

Militante do PCG e, posteriormente desertor do mesmo, mantívose firme na súa ideoloxía progresista e irreverente cos grupos instalados no poder na Galicia autonómica. É autor de traballos publicitarios e xornalísticos da máis diversa índole. Foi colaborador de varias publicacións e iniciativas artísticas tanto de Galicia como de fóra de Galicia. Correspondente da revista de arte barcelonesa Batik na súa mocidade, acabou ilustrando co seu particular humor, moitas veces case surrealista, libros de texto para nenos sobre o galego, contribuíndo a revistas gráficas como Valiundiez (1983-1985), e escribindo guións humorísticos para a TVG.

Coa súa pluma e a súa peculiar visión colaborou nos máis importantes xornais da prensa do momento (El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, Diario 16 de Galicia, El Progreso e La Región e nas máis radicais publicacións. Ademais de nas devanditas publicacións periódicas os seus artigos apareceron en Mundo Obrero, A Voz do Pobo, A Nosa Terra, e na revista de humor gráfico e literario Can sen dono.

Na TVG, as súas colaboracións como guionista tiñan a súa posta en escena nos seus dous colaboradores e amigos, os actores Manuel Manquiña e Antonio Durán "Morris".

Estilo

editar

Chichi destacaba polo seu atractivo persoal. Comunicador excepcional, rápido e penetrante nas súas observacións, conseguía expresalas tanto a través da conversa como dos debuxos ou columnas de periódico. Elegante tanto na súa delgadeza como na súa resposta ó drama da vida, Chichi conseguiu describir o desencanto fronte ó o borreguismo servil e o conformismo en que moitos membros da súa xeración se estaban a instalar.

Posuidor, coma Castelao, dun humor retranqueiro de segundas intencións e dotado dun enxeño nada común, Chichi era sobre todo un caricaturista do espírito. A rapidez coa que manexaba o lapis acabou proporcionándolle un estilo inconfundible tanto polo trazo groso e naif dos seus debuxos e ilustracións como pola diafanidade formal e subversiva acidez dos relatos. O estilo literario das colaboracións xornalísticas marcha en paralelo coa riqueza e sinxeleza dos seus debuxos, e nas moitas ocasións en que tentou conxugar ambos, fíxoo con singular mestría.

O humor de Chichi Campos era completamente heterodoxo. Crítico na percepción do mundo, mesmo cruel en ocasións, sempre resultaba sutilmente elegante e inconformista nas súas realizacións. O chichi publicista foi o mellor cronista dos primeiros anos da Galicia autonómica. "Contra o complexo de inferioridade", lembraba Manuel Rivas no 2001, "Chichi publicaba unha parodia de anuncio publicitario: “En Suíza existe unha clínica ultramoderna que te opera de gallego por 10.000 duros”.

A frescura do galego de "Estampas do mundo elegante" é na súa radical homoxeneidade o mellor exemplo de como unha lingua cultivada con esmero e axilidade pode ser capaz de transportar non só os ambientes e personaxes do momento senón as cativezas e ansiedades que moven os homes de tódolos tempos.

  • Estampas do mundo elegante, escolma de artigos, (A Nosa Terra, 1992). Recolla de colaboracións publicadas entre decembro de 1983 e febreiro de 1991 no semanario A Nosa Terra precedidas dun prólogo de Xosé Díaz. Os debuxos son tamén obra súa e foran publicados no mesmo xornal. Reeditados en 2022 polo seu fillo Nico Campos engadindo máis de trinta colaboracións.[3]
  1. La Voz de Galicia, 27-2-1991, p. 48.
  2. "Homenaxe Di2024: Xesús “Chichi” Campos – Día da Ilustración". Consultado o 2024-01-30. 
  3. "Estampas do mundo elegante (máis elegante ca nunca)". fundacionluisseoane.gal. Consultado o 2022-07-11. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar